Outonía

Dedico o artigo da semana en «Faro de Vigo» a celebración do día de San Martiño, cos seus magostos e trompos ao camiño:

Son estes días de Outonía. Arrefría e chegaron as chuvias. A castañeira ofrece os seus cornetes de bullós na Praza da Farola, esa que o concello debía fixar no seu rueiro como Praza de Galicia. Pasaron os días de defuntos coas súas cabazas de luz e o desfile dos seres do Trasmundo que cada ano abren o tempo de Samaín no que na nosa cultura tradicional celebramos a mudanza de estación e rendemos culto ao froito do castiñeiro, a chamada árbore do pan, a máis representativa da nosa paisaxe agraria, xunto, claro está, a enciñas e carballos. Outonía na que acentuamos a nosa condición de sermos un pobo de comedores de castañas, froito que en Galicia se consome dende a Idade Media como testemuña un verso da cantiga 386 de Afonso X o Sabio: «que sol non lles minguou deles que valvéss’ ũa castanna». Humildes castañas que foron durante moito tempo pan dos pobres, alimento principal durante os meses de invernía, fenómeno, ao que non foi allea a expansión da cultura dos mosteiros, que supuxo a plantación de viñas e castiñeiros nos seus arredores.

Outonía na que arredor da data máxica do 11 de novembro, día de san Martiño, santo de moita querenza en máis de duascentas parroquias do país, os peóns saen o camiño, como testemuña un refrán recollido polo vigués Miguel Rubinos Conde en Candeán: «Este ano fixemos caso do proverbio “no San Martiño trompos ao camiño” e aproveitamos o magosto para pór a buxaina a danzar». Unha data na que cada ano Brinquedia, a Rede Galega de Xogo Tradicional, dedica ao «Día do Peón», ou do trompo, trompa, peonza, perinola, buxaina, entre outros nomes, todos moi fermosos, utilizados para chamar a ese brinquedo que xira e baila sobre a punta e a caperucha no chan, ou na man, impulsado polo despregue dun cordel. Un xogo popular, que segundo Arturo Romaní, chegou a Galicia dende Oriente, a comezos do século XVIII, que ten no refraneiro popular un calendario moi preciso de xogo xa que «polo san Martiño, 11 de novembro, peóns ao camiño; polo santo André, 30 de novembro, trompos outra vez; polo santo Amaro, 15 de xaneiro, peóns ao tellado; polo santo Antón, 17 de xaneiro, peóns ao caixón; pola santa Olalla, 12 de febreiro, peóns á borralla e por Pascua, trompos ás áscuas». Tradición de recuperación de xogos populares e cooperativos que algúns centros educativos fan coincidir nestes días de Outonía coa celebración dos Magostos, ofrecendo así un modelo alternativo ao xogo dixital solitario ou á ditadura do fútbol (case sempre exclusivamente masculino) nos patios escolares.

Outonía que é tempo, tamén, das primeiras matanzas («A cada porco lle chega o seu san martiño», lembra o refraneiro), dos primeiros caldos de gloria (citados por Rosalía en «Cantares Gallegos»), dos primeiros cocidos alegres (como cualificaba Picadillo ao cocido de noso), que se alongarán na invernía até o Entroido, tempo de excesos e das larpeiradas de tixola. Pratos da mesa da outonía nos que, por ventura, a humilde castaña recupera o seu protagonismo, sexa como saboroso caldo de castañas (nada que ver coa «augas de castañas», expresión popular para designar ao café malo ou pouco cargado) ou como puré ou acompañamento das carnes de caza e, sobre todo, do lombo do porco, un dos pratos estrelas da outonía. Protagonismo da castaña que nas sobremesas convértese en delicias de biscoitos e tortas, en cremas, e bombóns, flans, galletas, merenga, pudin, mousse ou diversos pasteis na que é ingrediente principal. Castaña convertida en produto de «delicattessen» dende hai sesenta anos polo ourensán José Posada Torres creador desa marabilla larpeira que é o marrón glacé, o produto estrela dun catálogo amplísimo de transformación industrial da castaña galega, presente en tendas de máis de vinte países.

Outonía que como os peóns no camiño convida a percorrer o país, seguindo o ronsel das fumaredas coa intención de sentir o arrecedendo da outonada, da queima de leña das bidueiras e da resistencia das casas aínda abertas, unha fragrancia hoxe case desaparecida dos contornas urbanas e periurbanas, vivificadora dunha memoria na que intuímos a que gozaron noutrora os nosos maiores nas parroquias do Val do Fragoso. Outonía que, tras a vendima, é tempo de privilexio para gozar durante apenas un días das nosas mellores paisaxes vitivinícolas do ano, preparándonos para os rigores (non só climatolóxicos), que con certeza, traerá a invernía. Recomendo apoiar dende os fogares os magostos escolares (beizón a tanto claustros que contra vento e marea manteñen aceso o lume que alampea). Chamo a participar nos magostos veciñais e populares, como o organizado no serán do venres na praza de Eugenio Fadrique pola Asociación Sociocultural As da Industria, como un espazo para a convivencia e a festa. Probar a castañada e sacar os trompos ao camiño, a Outonía.

Onte 1994: Premios da Crítica de Galicia 2018

Entregamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2018. Pareceume unha excelente colleita, probablemente expresión da grande diversidade actual da nosa creación cultural como dos  esforzos de incorporación á tradición destes premios da cultura vinculada coas ciencias e coa tecnoloxía. Aí temos o premio de Investigación outorgado a José Luis Mascareñas, un científico internacional no ámbito da Qúica e Biomedicina, que formou arredor do Ciqus da USC un importante grupo de traballo. Eis o de Cultura Gastronómica outorgado á Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, un proxecto transversal para o noso medio rural onde cristalizan aspectos veterinarios, medioambientais e culinarios nunha simbiose esperanzadora.

Como tamén amosou esta edición o recoñecemento de xustiza para dúas mulleres extraordinarias, Ana Romaní e Mercedes Peón, como para as organizadoras da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas, cuxas traxectorias por comprometidas coa cultura feminista e por rigorosas no seu desenvolvemento exemplar no ámbito do xornalismo cultural, da anovación da música de raíz e da promoción do teatro, respectivamente, merecen todas as beizóns.

Como tamén as merece o labor dunha década do arquitecto Javier Alonso de la Peña dirixindo o Plan Director da Catedral de Santiago, un dos proxectos máis relevantes para o patrimonio galego. Como entendo que merecen ser recoñecida A nena do abrigo de astracán, a gran novela da memoria do noso mestre Xabier P. DoCampo e Matria a película do cineasta vigués Álvaro Gago.

E parabéns a Bieito Ledo e Antón Pulido, xenerosos que levan teimando desta angueira dende hai corenta e un anos coa intención de construír o país dende os diversos ámbitos da creación e das industrias culturais. Beizóns.

Onte 1946: Fervenzas Literarias 2017

Coa súa puntualidade característica o anuncio dos premios Fervenzas Literarias abriu onte a rolda de galardóns anuais á obra editada en lingua galega e ao recoñecemento do activismo no sector editorial e da lectura en lingua galega. Uns premios outorgados dende 2007 por esta pioneira revista dixital literaria en galego, á que non é allea a teimosía e o rigor do bibliotecario Nacho Alonso, que se foron consolidando tanto como referentes da popularidade na rede (nesta edición superáronse o medio millar de votacións) como pola súa influencia para marcar tendencias de escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo como editores de Xerais quedamos ben satisfeitos polo feito de que catro das nosas obras fosen consideradas como “mellor libro do ano” nas modalidades de narrativa, A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo; na de teatro, Suite Artabria de Manuel Lourenzo; na de libro infantil e mellor capa de LIX, A señorita Bubble de Ledicia Costas e Andrés Meixide; e na de mellor capa de adultos, Luns de Eli Ríos, sobre fotografía de Paula Gómez del Valle. Como tamén é unha satisfacción que Víctor Rivas fose escollido como “mellor ilustrador do ano”, ao que sabemos non foi alleo o seu traballo man con man con Ledicia Costas nas obras do proxecto Escarlatina. Como tamén nos orgulla o feito de que as obras de Xerais fosen elixidas nos postos relevantes de case todas as modalidades, o que constitúe un estímulo para os autores e autoras como para  cadro de profesionais da editorial. Xaora, tampouco pode negar que constitúe para min unha ledicia o feito de que outro ano máis Culturgal fose “o mellor acontecido en 2017”, o que supón un recoñemento para o labor discreto dos que nos responsabilizamos da asociación Culturgal e, sobre todo, do equipo de profesionais dirixido por Xosé Aldea.

Todas as persoas premiadas e todas as finalistas destas Fervenzas Literarias 2017 merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega para ampliar a diversidade e a calidade do espazo da edición e da literatura galega. Como sinalabamos o pasado ano, esta nova colleita de Fervenzas expresa “a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos”. A pesar de que continuamos á intemperiem seguimos vivos e con azos anovados.

Onte 1942: Brétemas 13 anos

Hai trece anos inicie a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.832 anotacións das que apenas 210 corresponden ao último ano. Por moi diversas razóns persoais e profesionais, entre as que non foi allea unha certa fatiga dixital, este foi o período de máis baixa actividade do blog, sobre todo da serie “Onte”, outrora diaria, da que se publicaron 137 anotacións, boa parte crónicas das presentacións nas que participei ou con opinións sobre algunhas das películas que considerei interesante compartir. Sendo así, Brétemas convertiuse en arquivo da miña identidade dixital e dos artigos semanais que continúo publicando nas seccións de Faro de Vigo e, dende comezos do mes de decembro, no ilusionante proxecto de opinión de Luzes.gal. No entanto, Brétemas continúa e boa parte destas anotacións son replicadas no meu taboleiro de Facebook e no perfil de Twitter. Neste aniversario únome ás voces que na actual contorna da fatiga dixital, expresión da inflacción e banalidade hipertextual que soportamos, especialmente no referido á política, reivindican os blogs como portos seguros que facilitan unha lectura máis acougada e reflexiva na rede, tanto pola continuidade que achega a posibilidade de acceder ao seu arquivo como pola identidade temática de moitos deles. Hoxe abonda orgullarnos de continuar contando con lectoras incondicionais que comparten, comenta ou chían estes hipertextos no soporte dixital da súa preferencia. Beizóns para todas elas. Seguimos.

«Wonderwall» ao xeito Cooltrane

Despedimos o 2017 un chisco desacougados, mais non queremos estragar a cadea do blog e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, os rapaces pelexados de Manchester. E como sabemos que para conservar a tradición precisa de mudanzas, escollín esta versión jazz de «Wonderwall» na voz da cantora arxentina Karen Souza, incluída no disco Cool Jazz Blends (2014) de The Cooltrane Quartet, no que fan versións de éxitos pop dos noventa.

A mítica canción de Noel ten moitas outras versións marabillosas, como estoutra que moito me gusta de Ed Sheeran, como mesmo outras jazz, tinguidas todas elas dunha doce melancolía na que identificamos as dificultades de percorrer camiños, que se tornan confusos, seguindo luces cegadoras, que aparentemente nos guían.

Os meus votos para que en 2018 contemos todos e todas co noso «wonderwall».

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Onte 1895: Dez anos de Couceiro na praza de Cervantes

A familia do libreiro Xesús Couceiro merece todos os parabéns por esta primeira década celebrada onte da súa instalación na praza de Cervantes número 6, no corazón da cidade compostelá. Un período que a partir de 2009 no entorno do proceso de hibridación editorial e de crise económica tornouse moi difícil, na que os Couceiro levaron o libro ao espazo público convertendo o seu modélico edificio en referente indiscutible para o libro galego, tanto de novidade como de bibliófilo. Ao longo desta década foron máis dun cento as presentacións nas que participamos, algunhas inesquecibles como a de Todo é silencio de Manuel Rivasa primeira que fixemos na praza, ou aqueloutra de Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, coa intervención espontánea dende o público de Xosé Manuel Beiras. Como foron múltiples os actos cívicos que alí se celebraron da Mesa pola Normalización, Prolingua, AELG e outras entidades e asociacións.

Unha tarefa iniciada por Suso Couceiro en 1969, cando abriu a súa primeira libraría compostelá na rúa de San Pedro, continuada no baixo de Xeneral Pardiñas e dende 2007 na casa da praza de Cervantes, que xestionan os seus fillos Pablo e María. Parabéns ao fundador e ao cadro libreiro actual poro seu teimoso compromiso co libro galego e coa cultura da libraría como espazo cultural e civico.

Onte 1840: Palmira in memoriam

PalmiraSoubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993),traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.

Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista.  Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.

Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1805: Brétemas 12 anos

Bretemas_03_01_2005Hai doce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.622 anotacións das que 532 corresponen ao último ano. Unha ducia de anos nas que compartín este dietario persoal e profesional sobre “artes, letras, política e fútbol” con lectores e lectoras moi xenerosas e pacientes. “O poema de hoxe” foi a novidade principal deste 2016, o ano Manuel María, que me permitiu compartir ao longo de máis de douscentos días unha antoloxía emocional da poesía galega do meu interese. Unha experiencia que pretendo repetir neste 2017 coa sección “Aforismo do día”, onde escolmarei con idéntica intención textos dun xénero literario híbrido pouco difundido na nosa lingua.

Foi o último, tamén un ano no que se intensificou aínda máis a conversa (e tamén o ruído e o rexoubeo) en Facebook, ao tempo que para min apareceu o fenómeno Instagram, onde se atopan posibilidades novas que superan algunhas das limitacións de Twitter. En todo caso, redes todas as tres, que non xubilan aínda aos blogs como soportes de publicación hipertextual e como arquivo dixital segmentado e de acceso doado e xerarquizado. No entanto, tras o intento infrutuoso do último ano de reactivar ou reinventar o blogomillo (se por tal entendemos a rede que tecen os blogs publicados en galego), reitero a miña dispoñibilidade por participar en novas iniciativas de fomento do blogueo en galego. Por último, a miña gratitude, outro ano máis, ás persoas que len, critican, comentan, chían ou comparten algúns dos contidos destas Brétemas no soporte eou na rede da súa preferencia. Beizón!

Acharemos un día máis brillante

Foi este 2016 un ano difícil, no que choramos aos nosos admirados Agustín e Fermín, dous mestres na vida e na causa galega. Xaora, non perdemos os bos costumes e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis. Escollín este ano un clásico dos de Manchester, «Some Might Say», o primeiro sinxelo de (What’s the Story) Morning Glory, o seu segundo elepé (1995). Unha canción escrita por Noel Gallagher, propia dos que como Agus e Fermín, e tantas outras amizadess, acreditamos no optimismo da vontade para guiar as nosas vidas:

Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.
Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.

Algúns deben dicir
Algúns deben dicir

Some might say
Some might say

Os meus votos para que todos e todas achemos un 2017 máis brillante e esperanzoso.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!