Onte 1449: Carmen Balcells

balcells_2Todos os medios choran o pasamento de Carmen Balcells, a axente literaria que dende os anos setenta modernizou a edición literaria en España. Mais alá da súa relación maternal cos seus autores e autoras, unha nómina extraordinaria que vai moito máis alá do chamado »boom latinoamericano», Balcells deixa como grande herdanza o seu modelo de segmentación dos dereitos de autoría que rematou cos contratos vitalicios en todos os territorios, aquela práctica paternalista coa que os editores ataban sine die a autores e obras.

Esta segmentación da contratación permitiu a profesionalización dos autores e autoras máis destacados e, a pesar do proceso de concentración editorial qeu se deu na fin de século, maior competencia no ámbito literario. Balcells liberou aos autores da escravitude, dixo Montalbán, «para construírlles a condición de escritores libres no mercado libre». Ademais, a superaxente catalá asumiu que a exixencia literaria e o rigor na edición non eran incompatibles co éxito comercial que procuraba para a xente da súa casa. Un modelo de traballo de intermediación que constituiu un aliciente para que os editores, que querían exercer como tales, se puxesen a ler e a dialogar cos autores. No seu pasamento, aconsello reler este retrato que lle fixo Manuel Vázquez Montalbán en 2000 con motivo da concesión da medalla de ouro das Belas Artes. Beizón, dona Carme!

Onte 1448: O galego Gómez Noya

gomez_noyaJavier Gómez Noya proclamouse onte en Chicago campión do mundo de triatlón, converténdose cos seus cinco campionatos no mellor deportista de todos os tempos nesta durísima disciplina. Como era previsible, a maioría das informacións publicadas en medios madrileños, dende ABC ao Público, baseadas na nota de EFE, salientaron o carácter «español» do deportista, substituíndo a súa condición de «galego» pola de ter «nacido hace 32 años en Basilea (Suíza), pero instalado desde bebé en Ferrol (Coruña)». Un revirado eufemismo que non pode ocultar que Xavier é fillo de emigrantes galegos na Suíza.

Por ventura, La Voz de Galicia non agocha a condición de galego do noso heroe, mentres que Faro de Vigo salienta o seu carácter de «ferrolano, pero pontevedrés de adopción», xa que na cidade do Lérez é onde adestra. En todo caso, estas referencias dalgúns medios foráneos, coa excepción decorosa do diario Marca, expresan os estereotipos prexuizosos existentes sobre a condición de «galego«, asociada decote a noticias negativas, mais que sen embargo é agochada cando a nosa xente protagoniza éxitos deportivos ou culturais. Todo un paradoxo que merecería un estudo detallado. No entanto, ningunha das informacións cuestiona a proeza do pentacampión, un dos mellores deportistas da historia, tan orgulloso do seu país e da súa lingua. Parabéns, moitos, Xabi!!!

Onte 1392: «Que libro debes ler este verán?»

disquecolRecomendo completar o test «Que libro debes ler este verán?» preparado polas amigas de Disquecool. Por ventura, na literatura galega actual hai oferta diversa e suficiente para axeitar cada personalidade ao libro que mellor lle conveña. Tras completar o test, saíume Se o vello Simbad volvese as illas de Álvaro Cunqueiro, o que moito me compraceu, aínda que tamén (imaxino) me axeitaría algún dos títulos que levo publicado, xa que na proba tanto hai novidades recentes como títulos clásicos. Abeizoo a iniciativa de Cris, coma tantas outras de visibilización para o libro galego que ven realizando nesta magnífica e tan recomendable revista de tendencias sobre literatura, música e tendencias de vida na nosa lingua.

Onte 1334: O retrato de Oubiña

borja oubi–a.cameselleLamentei que Borja Oubiña non recibise onte en Balaídos a gran homenaxe que merece como o xogador máis valioso do Celta neste século XX. Unha lenda do celtismo contemporáneo á altura de Manolo, Mostovoi ou Gudelj. Sei que a ollada melancólica do capitán, recollida no retrato que Guillermo Cameselle lle fixo cando apenas tiña dezasete anos, despois da súa primeira lesión de xeonllo, iluminouse onte un pouco durante os longos aplausos de gratitude do celtismo. O esforzo para superar contra vento e marea as dificultades, sobre todo despois da lesión de Anfield, o espírito de construtor de soños capaz de artellar o funcionamento do colectivo, a intensidade para perseguir as angueiras propias e alleas foron valores deste admirable deportista galego. As súas últimas declaracións, confesando que colgaba as botas «sen ser o xogador que pensaba ía ser», retratan esa melancolía esperanzada gravada por Cameselle cando comezaba a despuntar nas lameiras da Madroa. Poucas veces un retrato e unhas palabras representaron mellor a alma deste inesquecible e discreto futbolista celeste. Grazas capitán!

Onte 1325: Baixa de «El País»

Ultima_de_manuel_rivasDémonos de baixa como suscritores de El País. Tras o peche das dúas páxinas de Galicia e o cese das «Últimas» dos sábados de Manuel Rivas xa non hai razón ningunha para continuar apoiando o xornal de Cebrián. Unha decepción! Durante décadas nas páxinas de El País seguimos o fío do tempo contemporáneo e de moitos dos seus debates políticos, sociais e culturais. Os oito anos da edición de Galicia, dirixida por Xosé Hermida, foron un exercicio de xornalismo honesto, liberdade de expresión e información veraz. As páxinas dos venres de «Luzes» foron un fito da nosa información cultural. Como algunhas informacións políticas e económicas funcionaron coma esa pedriña tan molesta na zoca do poder. A de El País de Galicia foi outra ilusión malograda, outra batalla perdida pola cidadanía galega, á que libraron con afouteza os profesionais que reinventaron a fantasía do xornal independente cada día. O noso recoñecemento e solidariedade para eles.

Onte 1312: O pregón de Manuel Portas na feira de Compostela

1610923_1084552874891876_7659248014458748685_n-1

Magoa que Manuel Portas non puidese pronunciar onte o pregón que preparou para a inauguración da Feira do libro de Compostela. Unha peza literaria magnífica na que defendeu o libro («o libro sermpre será o libro»), a lingua, a creación literaria, as librarías e esixiu o compromiso das administracións co mundo do libro e das industrias culturais («que en Galicia supoñen o 2 % do PIB e 23.000 empregos»). Particularmente fermosas foron a súa metáfora da defensa da lingua representada na palabra donicela («agardo que neste país se siga acariñando o lombo da donicela coa dozura desta palabra e que nos seus libros os escritores, as escritoras, sigan a mentala así»), como as súas referencias ao Santiago literario («onde está a esencia cultural e a memoria histórica da galeguidade e do galeguismo»). Un gran texto este pregón de Portas, que onte tiven a fachenda de ler no seu nome por mor do pasamento de Concepción Barreira. As miñas beizóns para Manolo Portas en días tan dificiles para el e para a comunidade educativa do instituto Xelmírez I.

O texto do pregón pode lerse ou descargarse aquí.

Onte 1306: Ameixeiras e Acuña, premios Losada Diéguez

XG00187801XG00198501Tras a reunión anual da Fundación Celso Emilio Ferreiro, coñecín que o premio Losada Diéguez 2015 correspondera na modalidade de creación a Diego Ameixeiras por Conduce rápido e na de investigación a Ana Acuña por Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Premios que recoñecen a calidade de textos publicados por Xerais por membros da Xeración da esperanza, Diego Ameixeiras volve ser premiado por unha das súas novelas do xénero negro, ao que tanto ten contribuído a renovar na nosa lingua durante a última década. Mentres Ana Acuña ve recoñecida a súa investigación sobre os «madrigalegos terraferidos» e o seu rigor na elaboración dun traballo clave para entender a cultura galega na segunda metade do século XX. Beizóns a Diego e Ana, claro que si!

Onte 1233: «Escarlatina» na lista de honra do IBBY

ledicia_costasRecibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. Aledámonos do éxito de Ledicia Costas, unha das narradoras máis destacadas e máis versátiles da Xeración da Esperanza, que na primavera publicara en Xerais Narrativa Un animal chamado Néboa. Ogallá teña azos e medios para viaxar en agosto de 2016 a Auckland, nas antípodas, para recoller o diploma do IBBY. Beizóns!!!

Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama

CEIBE_2013Foi onte Seso Durán quen me abriu os ollos sobre o extraordinario traballo audiovisual que se ven realizando no CEIP A Lama. Abonda con visitar o web da biblioteca escolar, «O recanto do Leo», ou a súa páxina en Vímeo para quedar abraiado e engaiolado polas pezas producidas polo alumnado e profesorado deste centro público situado ao pé da Serra do Suído. Se Ranilda, unha curta de animación en Stop Motion, é impresionante, A escaleira deixounos coa boca aberta. Outro tanto sucedeu coas pezas que forman parte do Proxecto de Documental Integrados, «Ríos e praias en boas mans» ou «Sementa ideas, recolle futuro», nos que todo o centro traballa as competencias básicas contando coa biblioteca escolar como centro de recursos ao servizo do currículo. Un traballo recoñecido con diversos e importantes premios que demostra a potencialidade transformadora da innovación didáctica cando está inserida nun proxecto comunitario. Emocionante saber desta experiencia de escola galega, fachendosa do emprego da lingua de noso, arraizada na terra e na utilización das ferramentas comunicativas do noso tempo. Xaora, enxergando esperanza. A comunidade educativa do CEIP A Lama merece a nosa beizón e gratitude.

No 2015 seguiremos no camiño

Acredito na posibilidade de crear tradicións modernas. Acompañar cada serán de San Silvestre cun temazo de Oasis é unha das miñas angueiras. Este ano escollín «Stop Crying Your Heart Out» (2002) xa que entendo apela a continuidade no noso camiño. Benvida a xoldra efémera do aninovo! Cos meus votos de esperanza para 2015.