Onte 2057: As miñas vinte de «Vinte»

Publicouse onte en Vinte a extraordinaria reportaxe de María Yáñez e Berta Dávila sobre as listas das vinte mellores obras da literatura galega de ficción publicadas no que vai de século XXI. Fun unha das corenta persoas convidadas a participar nunha escolla que asumín como obriga de editor xubilado e privilexio de lector apaixonado.

Xaora, diante da dificultade de escoller con rigor e coñecemento abondos entre centos de títulos, asumín os criterios de facelo só entre títulos de narrativa, elixir só unha obra por ano e non repetir autoría ningunha, xa que isto permitiría que miña lista fose máis objetiva e representativa da excelencia e heteroxeneidade da ficción galega actual. Sei que que con estes meus criterios quedan fóra obras narrativas moi valiosas (houbo anos de grandes colleitas, coma o do pasado 2019), así como coñezo o valor literario da nosa produción poética e teatral, que descartei na miña escolla.

Velaí a lista que enviei ás editoras, profesionais que merecen todas as miñas beizóns por unha reportaxe de referencia para o noso sector da edición:

«Vigo necesita máis voces que luces», entrevista en «Nós diario»

Moi agradecido a Mario Regueira pola entrevista que me fixo para Nós Diario. Beizóns!.

Onte 2052: «Carrusel» de Berta Dávila

Deixoume abraiado Carrusel de Berta Dávila, o primeiro libro que lin no que vai de ano. Este premio García Barros 2019 de novela é unha auténtica peza de ourivaría, tanto pola fluidez e beleza hipnótica dun relato de autoficción como pola afouteza da escritora compostelá para abordar con naturalidade temas tan complexos como a doenza mental, a convivencia coa dor, o oficio da escritura como peneira da realidade, a maternidade ou a perda de persoas moi queridas. Berta Dávila emociona con retratos familiares impresionantes como os da avoa Úrsula e do tío Carlos ou con páxinas memorialísticas onde o íntimo se verte no crisol de ouro do literario. Un libro que cando o rematas convida a ser iniciado. Máis non se pode pedir. Velaí a experiencia lectora deste carrusel, a vida implacable que nunca se detén, o xogo do círculo e a súa imposibilidade de mirar atrás. Recomendo esta novela memorable. Beizóns, admirada Berta!

Onte 2051: Brétemas 15 anos

Tal día como o de onte de hai quince anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.101 anotacións das que 138 corresponden o último ano, unha cifra moi baixa, semellante a do pasado, que expresa tanto a persistencia da miña fatiga dixital como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.

Xaora, neste ano teño moito que agradecer que o blog recibise o Premio da Gala do Libro Galego a traxectoria dun proxecto literario na rede, así como que Xerais incluíse no catálogo da colección Crónica Vigo, puro milagre, o libro onde escolmei setenta e cinco dos textos de Campo de Granada, a maior parte non presentes no arquivo do blog. Senllas razóns para continuar a publicación do blog, no que nas vindeiras semanas introducirei mudanzas na páxina principal para axeitala a tipoloxía de textos que publico con maior frecuencia. En todo caso, expreso a miña gratitude ás lectoras pacientes e xenerosas destas brétemas de esperanza, a maior parte delas por medio de Twitter e Fb, que continúan formando parte das miñas preocupacións diarias.

Onte 2008: Fervenzas Literarias 2018

Coñecimos onte os resultados dos mellores libros do 2018 de Fervenzas literarias, a primeira revista dixital literaria e galego. Ábrese así, como ven sucedendo de forma ininterrumpida dende 2007, a xeira de recoñecementos literarios a obra editada no ano anterior, que continuará até a primavera, consolidando unha tradición que moito nos aprace. Unha colleita anual, tanto de libros editados nos diversos xéneros e modalidades como de recoñecemento ás diversas instancias de mediación do noso sistema editorial, creada a partir das votacións de máis de medio millar de persoas, que convirte aos «Fervenzas» en referentes de popularidade, ao tempo que abre unha tendencia de influencia (inevitable) nas escollas posteriores.

Como editor que fun de Xerais non podo estar máis satisfeito e orgulloso pola colleita excepcional de Xerais en 2018, que obtén 7  dos «mellores libros do ano» (de 11 posibles), ademais de moitos outros finalistas, ademais da distinción como «a mellor editorial», o resultado máis destacado na historia destes premios, expresión tamén da excelencia e do rigor do traballo do cadro de profesionais que dirixe Fran Alonso. Como tamén é sempre para min unha honra que «Culturgal» fose considerado «o mellor acontecido de 2018», como sucedeu xa noutras ocasións anteriores, outra proba máis da consolidación desta feira das industrias culturais coa que continúo, como no caso de Xerais, tan afectivamente unido.

Esta colleita dos Fervenzas amosa que 2018, por ventura, foi o ano das escritoras, que ocupan boa parte das posicións máis destacadas, na maioría das modalidades, sendo moi significativo o premio acadado polo colectivo A Sega como «mellor espazo na rede». Xaora estes Fervenzas tamén expresan a diversificación do sector editorial galego no que se consolidan proxectos xeralistas como os de Urco e proxectos de edición especializada como Apiario, Hugin e Munin ou Chan da pólvora.

En todo caso, todas as persoas e entidades premiadas, como todas as finalistas, merecen os nosos parabéns, xa que todas elas están construíndo espazos de excelencia para unha edición en galega que, outro ano máis continúa á intemperie, sostida apenas polo esforzo das profesionais do sector do libro e da lectura e polo apoio dos seus públicos. A fantasía do libro galego continúa. Beizóns!

Hipertextos 011/2019: «O bosque dos cromosomas» de Olga Novo

A serie de artigos da sección «O bosque dos cromosomas» que publica Olga Novo no Luzes dixital é o máis fermoso que se pode ler cada mes na rede en galego. Pezas como «A medida do amor» ou «A vitoria do amor» son marabillosas e emocionantes alfaias da memoria de lectura hipnótica. Olga Novo escribe cada quince días os capítulos dun libro extraordinario sobre a nosa orixe e sobre como se forxa a nosa identidade complexa. Textos literarios de moitos quilates. Recomendo cen por cen. Unha fortuna para Luzes e para o seu lectorado (que sabemos cada vez máis numeroso e fidelizado). Beizóns, Olga!

Onte 2004: «Un día» de Son Trío, premio Celso Emilio Ferreiro


Coincidindo co 107 aniversario do nacemento do poeta Celso Emilio Ferreiro, a Fundación CEF anunciou o ditame da segunda edición do Premio CEF a poemas musicados. Resultou gañador o tema «Un día», poema do libro Viaxe ao País dos Ananos, do grupo vigués Son Trío formado por Katerina Linke (compositora e metalófono), Su Garrido Pombo (cantante) e Susanna Blanco (cello). Péchase así felizmente un dos certames bienais máis singulares da cultura galega onde a poesía de Celso Emilio mergúllase coas diversas expresións e estilos musicais.

O tema gañador entusiasmoume case tanto como o vídeo de presentación localizado no Vigo Vello, con especial querenza polo rezume a salitre e pedramol do Paseo de Afonso. Parabéns a Katerina, Su e Susanna por tan excelente traballo que merece ser compartido.

Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.

«Don’t Look Back in Anger» ao xeito The Killers

Despedimos o 2018, un ano para nós ben difícil e de mudanzas decisivas, sen estragar a cadea do blog e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, o dos irmáns pelexados de Manchester. E coma fixeramos xa o pasado ano, facémolo cunha versión, a acústica que The Killers fixo en agosto de 2012 de «Don’ t Look Back in Anger». A versión é emotiva, como corresponde a un ano coma o que vivimos. Grande Brandon Flowers!

Os meus votos para que en 2019 a estrela dos afectos continúe iluminando os nosos soños e traballos.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Onte 1998: O éxito de Culturgal

Órgullame o éxito rotundo do Culturgal 2018, unha feira que, despois de once edicións,  é o escaparate principal das novidades da produción cultural galega. Un éxito colectivo ao que non son alleas nin a teimosa continuidade da feira en Pontevedra  durante a primeira fin de semana de decembro nin o modelo de organizar un evento mancomunado entre os diversos sectores das industrias culturais contando co financiamento privado dos organizadores, dos públicos e das administracións públicas (de distinta cor política). Unha auténtica cuadratura do círculo trazada coa habelencia e o rigor de  Xosé Aldea e do seu equipo de profesionais (case corenta persoas) capaces de artellar unha programación cada vez máis variada e sorprendente, ao tempo de ofrecer unha maior calidade nos servizos de organización e comunicación para os expositores e os públicos á altura dos estándares europeos máis esixentes. Culturgal é cada ano a inxección de autoestima e entusiasmo necesarios para os sectores da industria cultural galega, como a da edición, a da música, a das escénicas ou da xestión cultural, que continúan contra vento e marea producindo, comunicando e ampliando o perímetro dos seus públicos.

Ben sei que os responsables de Culturgal non poden acomodarse e teñen que darlle outra volta a algún enfoque da programación, como dar entrada a algunha outra expresión das industriais culturais actuais (estou pensando na produción dixital en todas as súas expresións creativas), como xa se fixera hai unhas cantas edicións coas Artes Plásticas, hoxe consolidadas como outro dos referentes da feira. Mais iso sei que é peccata minuta para un equipo de profesionais da xestión cultural que demostran que en Galicia tamén é posible desenvolver proxectos culturais de excelencia, inclusivos, participativos, plurais, estratéxicos, á altura dos retos dun tempo de hibridación e incerteza. Eis reside o éxito de Culturgal que enxerga as datas do 29 e 30 de novembro e do 1 de decembro de 2019 para convocarnos a unha nova xeira. Beizóns a Aldea, grande facedor desta trabe de ouro, e ao todo seu cadro, persoas as que tanto quero. Parabéns a Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, por termar tan responsablemente (nun ano difícil) do proxecto común, dunha fantasía compartida por todos os sectores da nosa industria cultural.