Onte 1358: Libraría Biblos de Betanzos

Biblos_Club_de_lectores_Betanzos

Acompañei onte a Xesús Alonso Montero na presentación que fixo na Biblos de Betanzos da súa biografía de Xosé Filgueira Valverde. Como é adoito nesta casa dos libros de Betanzos foi moi numeroso o público que seguiu a conferencia do presidente da Academia Galega, o que sempre é unha grata noticia. A libraría de Tucho Calvo e Carmela González, un desenvolvemento do seu proxecto editorial e de distribución do libro galego, Biblos Clube de Lectores, constitúe xa un referente en Galicia, tanto pola continuidade e diversidade da súa programación cultural (reunións do club de lectura, presentacións, debates, conferencias, cursos, obradoiros, exposicións…) como pola coidada escolla do seu fondo bibliográfico sobre tres alicerces: infantil, galego e libro literario en castelán. Biblos amosa a necesidade de reinventar o modelo de pequena libraría cultural, transformándoa en centro cultural e cívico da súa comunidade lectora. Parabéns e azos para continuar para Tucho e Carmela.

Onte 1355: «Teoría cuasi transcendental da velocidade»

premio_losada_13-06-2015

Non vai ser doado esquecer o que sucedeu onte no Pazo de Moldes, minutos antes que Ana Acuña e Diego Ameixeiras recibisen o Premio Losada Diéquez 2015 de creación e investigación. Avelino Muleiro, catedrático de Filosofía e director do Instituto de Estudos Carballineses, que actuou como presentador e mantedor literario, sufriu un desvanecemento xusto cando rematou o seu discurso. Durante un longuísimo cuarto de hora foi atendido por dous médicos, o doutor Cipriano Caamaño, o alcalde Boborás que copresidía o acto xunto con Francisco Fumega, o seu colega de Carballiño, ambos os dous nomeados unha hora antes, e o doutor Chema Ferreiro, concelleiro do concello organizador, que unha vez recuperado dixeron que Muleiro sufrira unha lipotimia froito da calor e do esforzo da situación.

E abofé que o discurso de Avelino sobre »Antón Losada Diéguez filósofo» fora tan sorprendente e memorable coma inusualmente longo para un acto de carácter non académico. Nun texto lido con enerxía e paixón, Muleiro afirmou que «a filosofía foi cerne do resto dos quefaceres de Losada, a raíz sobre a que alicerzou o seu pensamento galeguista». Xaora, o miolo do discurso foi a análise dun dos ensaios fulcrais do filósofo de Moldes, a Teoría cuasi transcendental da velocidade, inserida na súa concepción realista da filosofía, con afinidades co pensamento de Bergson sobre a idea de duración e coa teoría da substancia de Spinoza. Muleiro non perdeu oportunidade de cualificar Conduce rápido, a novela premiada de Ameixeiras, como metáfora da Teoría cuasi transcental da velocidade de Losada: «a velocidade está unida inexorablemente co poder físico e co económico. Hoxe como sinala  Zygmunt Bauman, a pirámide do poder está baseada tamén na velocidade.»

Tras semellante sobresalto, Diego Ameixeiras e Ana Acuña, cando finalmente recibiron cadanseu premio, expresaron con brevidade e elegancia a súa gratitude emocionada. Dificilmente, ambos os dous, coma o medio cento de persoas que acudimos ao Pazo de Moldes, esqueceremos o discurso excepcional de Avelino Muleiro sobre Losada e a velocidade.

Onte 1353: Juan Rof Codina

XG00240301Presentamos onte no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña o libro de Diego Conde Gómez sobre Juan Rof Codina, o gran reformador da gandaría galega do século XX. Froito dunha tese de doutoramento e dunha investigación de máis dunha década, esta biografía profesional contribúe a entender a memoria da profesión veterinaria en Galicia e o inicio do proceso de modernización do sector gandeiro iniciado hai un século. Coma hai dúas décadas fixera o historiador Lourenzo Fernández Prieto con Labregos con ciencia, o libro de Diego Conde desbota a vella idea do atraso do noso sector agrogandeiro, ao tempo que demostra que profesionais como Rof Codina alentaron importantes progresos e melloras técnicas neste eido. Como sinalou onte o autor, a figura de Codina foi a dun «gran divulgador dos adiantos do seu tempo», «Codina foi unha personalidade capaz de conectar co labrego galego e contaxialo para que puxera en marcha a innovación na gandaría.»

Onte 1350: «Unha parábola verniana»

miguel_vazquez_e_chiqui

Recomendo moi vivamente a lectura do discurso que Miguel Vázquez Freire pronunciou nos Premios Xerais 2015. Seguindo o fío da obra de Jules Verne, dende o famoso capítulo VIII da segunda parte de Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar, localizado na ría de Vigo, Miguel analizou varias aporías relacionadas coa literatura infantil e xuvenil, facendo nalgúns casos referencias á escrita na nosa lingua. Particular interese tivo a súa análise da relación entre mito e logos, deténdose sobre o exceso de «sentimentalización» presente na tradición literaria galega, na liña do salientado pola profesora Helena Miguélez. Tamén luminosa foi a explicación da falsidade da aporía existente entre a «literatura infantil» e a dirixida a persoas adultas, citando a autoras como Ana María Matute ou Sophia de Mello Bryner Andersen finadas recentemente. Xaora, o máis espectacular foi a súa defensa do «poder sempre vivo da palabra» como esencia da literatura co que de forma teatral finalizou o seu discurso axudado por Chiqui, o actor de Berrobamban: «son só palabras, son só palabras…» Excelente, Miguel!!!

Onte 1347: Agustín premiado polos clubs de lectura

premio_clubs_de_lectura_2015

Foi un acto moi emocionante o de onte cando recollín en nome de Agustín Fernández Paz o premio que os clubs de lectura lle outorgaron como o autor máis lido nas bibliotecas escolares galegas. Nun longúisimo aplauso sentín o afecto e o recoñecemento intenso que varios centos de profesores e profesoras implicados nesa revolución lectora silenciosa, por ventura en marcha nas escolas e institutos galegos, expresaron á figura do mestre Agustín. Sei que este premio é dos máis valiosos que pode recibir un autor como Agustín que desenvolveu toda a súa obra coa intención de contribuír á formación do lectorado literario en lingua galega e a consolidar as comunidades de lectores e lectoras arredor das bibliotecas e comictecas escolares, fose de aula ou de centro. O das bibliotecas escolares en Galicia é un traballo compartido fecundo, probablemente a experiencia de innovación didáctica máis relevante introducida no sistema educativo público. As nosas beizóns para a Consellaría de Educación, para as profesionais responsables da Asesoría de BE e para todo o profesorado comprometido nos seus proxectos.

Onte 1343: Ángeles Alvariño

Grazas a unha entrevista que en Ser Galicia fixeron o pasado domingo a Alberto González Garcés souben da biografía da oceanografa galega Ángeles Alvariño González, a quen onte a Academia das Ciencias dedicou o Día da Ciencia en Galicia. Formada nos anos da fame na Complutense, no ano 1951 foi destinada como bióloga mariña-oceanógrafa ao Laboratorio Oceanógráfico de Vigo, continuando as súas investigacións en Plymouth sobre o zooplancto e o ictoplancto, temas dos que chegou a ser unha autoridade mundial. Máis tarde instalaríase como investigadora nos Estados Unidos, onde xa xubilada fixo o seu famoso traballo sobre a Expedición Malaspina, a primeira expedición científica oceánica, un século antes que a do navío británico Challenger. Primeira oceanógrafa galega, primeira muller que se embarcou nos barcos de investigación británicos, descubridora de 22 especies mariñas, a científica ferrolá é a primeira muller á que se lle dedica esta efeméride concibida para abrir espazos de visibilidade e divulgación para a ciencia.

Onte 1342: Laiovento e Murado pedróns

Edicions-Laiovento-Miguel-Murado-Pedron_EDIIMA20150531_0245_4

A editorial Laiovento e o escritor Miguel Anxo Murado recibiron onte na Casa de Rosalía os pedróns de ouro e de honra. Dous xustos recoñecementos para persoas que levan servindo coas palabras a causa de Galicia e da súa lingua. O Pedrón de ouro para Laiovento supón parabenizar un proxecto editorial nacionalista que nos últimos vinte e cinco anos publicou un catálogo de 400 títulos en galego, con especial énfase nos eidos do ensaio literario, o pensamento contemporáneo e a edición académica sobre temas galegos. Laiovento é unha peza indispensable para entender o proxecto colectivo da edición galega durante o período autonómico e a construción nacional de Galicia dende o sectores da edición e da cultura. O Pedrón de honra outorgado a Miguel Anxo Murado abeizoa a un escritor galego cosmopolita, referente da xeración de narradores da fin de século e autor dalgunhas das mellores páxinas publicadas en galego durante as tres últimas décadas. As miñas beizóns para Afonso Ribas, fundador e editor actual de Laiovento, e para Miguel Anxo Murado por tan merecidos pedróns.

Onte 1339: San Clemente 20

San_Clemente_28-05-2015

Asistimos onte ao acto de entrega da vixésima edición dos San Clemente, un dos premios de novela publicada máis singulares e aprezados dos outorgados no país. O feito de ser ditaminados por lectores e lectoras de 2º de Bacharelato de cinco centros públicos galegos, e polo tanto formados como lectorado literario, e o de contar con tres modalidades (galega, española e traducida), permite un diálogo entre os lectores e lectoras e os autores (moitos máis ca autoras) do noso tempo.

No acto de onte, no que foron premiados Carlos Reigosa, Juan Gabriel Vásquez e Jöel Dicker, unha das rapazas integrantes do xurado confesou que «os mozos consuminos hoxe máis ficción ca nunca» e reivindicou a lectura por riba dos xéneros e soportes. Resumiu así o que foi o espirito dun serán de exaltación do valor da lectura e da arte literaria. Gañadores e membros do xurado reclamaron «a literatura como parte central da experiencia«, en afortunada expresión do autor de Las reputaciones, e defenderon «a lectura como unha forma de estar no mundo e comezar a comprendelo.» Como tamén insistiron «no valor da lectura de ficción na saúde das nosas democracias, tanto por permitir máis tolerancia como por facilitar a comprensión do outro.» Reigosa, o autor d’ A vitoria do perdedor, reiterou a importancia de «recuperar na ficción a memoria de onde vimos, xa que é imposible entender a nosa realidade se non temos unha idea central do noso pasado.» Mentres que o xove novelista suízo, autor da aclamadísima La verdad sobre el caso Harry Quebert, convidou aos estudantes que ateigaban o salón a «insistir unha e outra vez nos seus soños», quizais por que «a novela é sempre un camiño intenso polas vidas alleas e a literatura unha arte para que a xente se sinta máis real por medio das palabras», como sinalou Vásquez, glosando ao seu xeito aquela frase célebra de Faulkner «o pasado non está morto, nin sequera é pasado.»

En apenas dúas semanas a impresionante nómina de gañadores do San Clemente incrementarase co ditame das obras publicadas en 2014, Xaora, na vindeira edición, como sinalou Ubaldo Rueda, director do Instituto Rosalía de Castro e alma mater dos premios, se incorporarán ao xurado centros de secundaaria de Bretaña, Portugal, Alemaña e Reino Unido. Estes San Clemente, que dialogan co Goncourt des Lycéens, son unha feliz aposta pola lectura literaria e os soños imposibles. Merecen as nosas beizóns e apoio.

Onte 1329: «O estranxeiro», poema inédito de Celso Emilio

O-Estranxeiro

Luís Ferreiro, o director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, publicou esta fin de semana un poema inédito do seu pai. Trátase do títulado «O estranxeiro», enviado dende Caracas no mes de febreiro de 1973 aos rapaces do Colexio Rosalía de Castro de Vigo, que dirixía a súa amiga Antía Cal. Composición de intención didáctica, Celso Emilio ofrécelles aos escolares vigueses unha viaxe polas vilas e cidades do país, así como dos símbolos da nación («patria»), a lingua e a literatura («unha cantiga de amigo / un cális con sete estrela»). Gustoume o alustre final do poema: «Onde está, que non a atopo, / esa patria tan ben feita?«. Non sería raro que o «O estranxeiro« fose decontado musicado, coma o foron moitas pezas do poeta de Celanova. A nosa gratitude a Luís pola descuberta. Celso Emilio manantío e fervenza.

Onte 1328: Kruckenberg

María-do-Carme-KruckenbergEste 17 de maio quedará na nosa memoria pola tristeza do pasamento de María do Carme Kruckenberg, a poeta viguesa que fixo da súa vida un exercicio continuo de rebeldía. É inevitable lembrar a súa enerxía entusiasta e a súa solemnidade cando recitaba, mostra da súa elegancia humana e dunha vocación literaria que nunca abandonou. Pioneira nunha sociedade literaria moi masculina e machista, como lles suceceu as súas compañeiras, as irmás Pura e Dora Vázquez, Luz Pozo Garza, María Mariño, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, tivo que loitar arreo para manter a súa independencia e agardar a un recoñecemento serodio da súa obra literaria que chegou a finais da década de 1980, despois de ser vicepresidenta da AELG. Emigrante e viaxeira, como sinalou Mercedes Queixas a súa biógrafa, Chuchi. «respirou polo mar de Vigo», «fixo de Vigo o seu lugar no mundo», porto seguro tras as difíciles travesías. Esta noite sentindo a fragrancia da maruxía da ría lembrámola con saudades e silencioso respecto.

Grazas a Pilar Ponte por publicar onte documento tan valioso como é esta peza audiovisual de dez minutos sobre a presentación en Vigo, o 5 de abril de 2011, de Vivir unha aventura irrepetíbel, a biografía de Mª do Carme Kruckenberg de Mercedes Queixas.