Onte 1399: Máis «Galician Wave»

0d422469a7bfe49699e19d8d898530d7_MJonathan Dunne persiste na súa teima de traducir e publicar en inglés dende a editorial Small Stations algúns dos mellores títulos da narrativa xuvenil en galego. Un proxecto singularmente difícil xa que na oferta editorial en inglés a porcentaxe de obras traducidas doutras linguas é moi baixa, xeralmente por baixo do 10 %, razón pola que o catálogo da literatura galega en inglés, a pesar do esforzo deste grande valedor da nosa cultura, aínda é máis reducido do que el quixera. Por ventura, onte anunciamos a aparición en inglés de Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, Ámote Leo A. Destino Xalundes de Rosa Aneiros e Dragal II. A metamorfose do dragón de Elena Gallego Abad. A colección «Galician Wave» é xa a mellor  tarxeta de presentación da nosa narrativa xuvenil no mundo, o xénero hoxe máis demandado polas editoras internacionais. Grazas a Jonathan polo seu esforzo e compromiso e parabéns a Rosa, Elena e Agustín por esta oportunidae de visibilidade dos seus textos..

Onte 1398: Andrés Do Barro e a saudade

ANDRES DO BARRO SAUDADEO relato biográfico é un dos xéneros que como lector máis me interesan. Hai días presentabamos a biografía de Faustino Rey Romero na que Ricardo Losada indagaba no franciscanismo para entender unha figura desconcertante do galeguismo antifranquista. Idéntico espírito esclarecedor atopei nas páxinas da excelente biografía que Fernando Fernández Rego acaba de publicar sobre Andrés Do Barro, unha das figuras da cultura galega das últimas catro décadas que non foi aínda recoñecida tanto como mereceu a súa proeza. Seguindo o fío da saudade (un sentimento que o autor non identifica coa morriña ou coa melancolía), mais concibida como «canle das emocións e da inspiración creadora», Rego reconstrúe o relato vital do músico que utilizando a nosa lingua mellor soubo chegar ao gran público con pezas como «O tren» ou «Corpiño xeitoso». Unha biografía máis interpretativa ca haxiográfica, centrada máis sobre a análise da importante obra musical ca sobre os detalles da vida privada do ferrolán.

Entre as moitas curiosidades que se se poden descubrir na biografía foron de singular interese para min os dedicados aos manuscritos inéditos, tanto os textos de media ducia de cancións inéditas como a dun conto infantil de 27 páxinas, Demonito, que en 1988 dedicou a súa filla Andrea. Coma tamén o tiveron os capítulos finais dedicados á posta en valor da súa obra, a partir do proxecto «Manifesto Dobarrista» (2007). Recoméndoa.

Onte 1396: «A Cacería» de Amadeo López Cobas, premio cidade centenaria

amadeo_lopez_cobasParticipamos onte no concello de Ribeira no acto de entrega da V edición do concurso de novela curta «cidade centenaria» do que resultou gañador a obra A cacería de Amadeo López Cobas. Consolídase así este certame de noveliña galega, do que xa resultaron gañadores Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña e David Pobra. A Cacería é unha novela de aventuras, localizada nun tempo e espazo míticos, onde un pobo loita pola súa supervivencia, da man dun guerreiro que vemos evolucionar de neno a heroe. Unha proposta de narración épica, no que respectando as convencións do xénero de fantasía heroica, proponse unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe. O premio supón a reaparición en Galicia do noiés, afincado hoxe en Vigo, Amadeo López Cobas, que debutara na narrativa galega en 2002 con Contos de viaxe e que seis anos despois publicara As pantasmas sodes do que non hai. A Cacería será publicada por Xerais o vindeira ano.

Onte 1395: Na Feira de Rianxo

Rianxo_23-07-2015

Viaxei onte a Rianxo para acompañar a Ledicia Costas e ás autoras de Historia da literatura infantil e xuvenil galega na presentación organizada pola asociación Cultural Barbantia na feira do libro de Rianxo. Foi o escritor Carlos Mosteiro que coordinou unha mesa heteroxénea na que comezamos pola presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta e Un animal chamado néboa, os dous libros máis recentes de Ledicia Costas, tan diferentes nas temáticas e públicos, mais unidos ambos os dous polo talento da narradora viguesa de crear beleza por medio da linguaxe. Despois foron Blanca Ana Roig Rechou, e as rianxeiras Eulalia Agrelo e Marta Neira, as que presentaron a súa obra, un traballo académico de obrigada referencia que sistematiza e clasifica a panorámica da nosa literatura infantil e xuvenil nas últimas catro décadas, ao tempo que contribúe a superar moitos dos prexuízos sobre este subxénero literario. A feira continúa hoxe coa presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto e mañán da magnífica biografía de Ricardo Losada protagonizada por Faustino Rey Romero.

Onte 1392: «Que libro debes ler este verán?»

disquecolRecomendo completar o test «Que libro debes ler este verán?» preparado polas amigas de Disquecool. Por ventura, na literatura galega actual hai oferta diversa e suficiente para axeitar cada personalidade ao libro que mellor lle conveña. Tras completar o test, saíume Se o vello Simbad volvese as illas de Álvaro Cunqueiro, o que moito me compraceu, aínda que tamén (imaxino) me axeitaría algún dos títulos que levo publicado, xa que na proba tanto hai novidades recentes como títulos clásicos. Abeizoo a iniciativa de Cris, coma tantas outras de visibilización para o libro galego que ven realizando nesta magnífica e tan recomendable revista de tendencias sobre literatura, música e tendencias de vida na nosa lingua.

Onte 1390: A nación galega

a_nacion_galega_25-07-2015Mudei onte o avatar de Twitter para colocar o magnífico deseño que Pepe Barro preparou para a convocatoria do 25 de xullo. Como xa fixera co deseño da camiseta da seleccción galega de fútbol, Barro deconstrúe a bandeira para expresar o esforzo de construción colectiva, un sol azul entre o que enxergamos un horizonte esperanzoso. Un deseño que coincide coa exposición do deseñador de Pontedeume na Galería Vilaseco da Coruña baixo o título «Doce miradas», onde expón algúns dos seus cadernos íntimos de artista. O cartel de Barro para este 25 protagonizado polo común é outra excelente achega do seu proxecto de catro décadas de dotar á nación galega dunha imaxe visual contemporánea. Parabéns e gratitude para Pepe Barro.

Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero

Presentamos onte na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».

XG00200401Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»

Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica qque encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poéticoe familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»

Onte 1387: «A boca da terra» de Manuel Rivas

XG00139201Mandamos onte a fabricar A boca da terra, o novo poemario de Manuel Rivas. Un libro de 56 poemas de natureza insurxente, organizado en tres seccións: «A terra que se esconde», «A báscula de Ohio« e «Oracións funebres». En palabras de Manuel Rivas trátase de «páxinas onde a natureza fala, murmura, berra ou xura con ironía no eco das campás. Tamén se agocha nas ruínas e aluca, sentinela, o pasar dos camiños. Lembra e soña: corren por estes eidos cabalos de cores insubmisas, a liña do horizonte está á espreita dun temporal de bolboretas. Esa natureza insurxente abrangue as persoas humanas e non humanas, e mesmo as máquinas: a báscula de Ohio que pesa cousas e emocións, o rancor dos tractores nas granxas abandonadas… E abrangue a linguaxe, as palabras que, como velairiñas arredor da lámpada, loitan contra a extinción, desvelan un misterio e crean outro, como corpos que se agochan en almas» A boca da terra será presentado nun recital na Feira do Libro da Coruña, o 4 de agosto, ás 20.45.

Onte 1385: Rúa Cunqueiro

Varios medios recabaron onte a miña opinión sobre a posibilidade que manexa o concello de Madrid de retirar do rueiro, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, o nome de Álvaro Cunqueiro. Non son orixinal expresando a miña decepción xa que se bautizaron co nome de don Álvaro unha rúa madrileña noi foi porque no ano 1937 publicase en El Pueblo Gallego artigos como «De la necesidad del Caudillo» ou poemas como «Elegía verdadera a los muertos de la revolución«, ao servizo da causa franquista, senón pola súa condición de escritor e fabulador memorable. Cunqueiro tiña no seu ADN a escritura, «non había realidade, fose cal for, que non suscitase nel unha construción literaria». Escritor, esencialmente, en lingua galega, cun talento moi por riba de xéneros, xa que foi narrador, poeta, autor dramático, xornalista e tradutor. Sería máis que lamentable que o equipo de goberno de Manuel Carmena non entendese a dimensión de escritor total de Álvaro Cunqueiro.

«Rúa Cunqueiro en Madrid» (artigo en Faro de Vigo).

Onte 1381: Presentacións na feira

Pechamos onte a participación de Xerais na Feira do Libro de Vigo coas presentacións dos libros de Silvestre Gómez Xurxo, De cristal, e Xabier Paz, A galera de Xelmírez.

Vigo_09-07-2015

A lectura dun texto do crítico Ramón Nicolás, que non puido participar, iniciou a presentación do libro de relatos de Silvestre Gómez Xurxo, que contou ademais coa participación de Pablo e Magoia, mestres gaiteiros do grupo Treixadura, que ao remate do acto estrearon a «Muiñeira da moa», en homenaxe ao autor. Nas súas palabras Silvestre explicou que a fraxilidade e vulnerabilidade humanas eran o centro dun libro, pouco convencional na literatura xuvenil actual.» «Creo que a vulnerabilidade é unha lei universal, todo o que existe desaparece. Eu teño esa visión. Tanto as persoas coma os animais son fráxiles e vulnerables.» «Percibimos a nosa existencia de forma máis primitiva grazas á amígdala, o centro das nosas atencións, que fai que reaccionemos sen pensar diante dos perigos, coma fan o resto dos animais. Ás veces temos medo de máis e prodúcese o “secuestro amigdalar”, e non sabemos reaccionar, quedamos bloqueados, sexa polo sentimento de culpa como polo propio medo.» Continuou Silvestre explicando que «por fortuna contamos cos lóbulos frontais que nos permiten planificar, aprender, facernos fortes fronte o abuso, grazas a eles temos posibilidades de ser máis resilientes, de aumentar as nosas defensas». Rematou Silvestre Gómez Xurso parafraseando un título memorable dunha novela de Kenzaburo Oe: Dinos como sobrevivir á fraxilidade.

A-galera_de_Xelmirez_Vigo_09-07-2015

A profesora da Universidade de Vigo Camino Noia ocupouse da presentación d’ A galera de Xelmírez. Comezou o seu discurso sinalando que na novela de Xabier Paz «as dúas versións da viaxe dos protagonistas, Fuxón Bonincontro e Stephano Bognoli, que camiñan de Pisa a Iria para construír unha galera para o arcebispo Xelmírez, ocupan un tempo narrativo distinto; Stephano conta cando regresa da viaxe e Fuxón apenas unhas horas antes da súa morte, explicando algúns detalles que sirven tamén para interpretar os comportamentos das persoas». «Fuxón coñece o mundo da sexualidade e das drogas que o leva a despreocuparse da misión que o leva a Compostela. En todo caso, a deles é unha viaxe con consecuencias tráxicas para ambos os dous. O relato da construción da galera é episódico. O actante é a viaxe polos camiños de Compostela, o que centra toda a historia. A viaxe é unha vía de autocoñecemento e autodestrución.»

Camino Noia salientou despois que «como nas novelas anteriores, Xabier Paz quere amosar o devir dos seres humanos que sometidos a condicións adversas sofren transformacións. Xabier é un autor máis preocupado pola introspección ca polo argumento, presenta máis caracteres ca acontecementos, non pretende arrastrar aos lectores a saber que pasa, senón o que serve para afondar na reflexión sobre cada un dos personaxes.» «A gran pregunta da novela é: “quen somos fóra do noso medio familiar e profesional?”, “como imos reaccionar?”»

«A galera de Xelmírez non é unha novela histórica, se entendemos por tal a que desenvolve episodios da Historia. Aínda que de fala de feitos reais, o espazo e o tempo é real, polo que se pode falar de “novela de aproximación histórica”. Descríbense moi ben as incipientes vilas do século XII, a vida das feiras, dos titiriteiros. Como tamén parece histórico o personaxe de Fuxón.» «Outro valor da novela é a descrición das paisaxes, que coinciden coas do Camiño francés de Santiago. As plantas, as partes dos barcos, o estado do mar son descritas con minuciosidade, como corresponde o gusto do autor como biólogo.» Rematou Camiño Noia resumindo que «este é un relato de experiencia, unha novela de viaxe moi ben escrita e de coidado espírito narrativo.»

Pola súa banda, Xabier Paz confesou que «este libro naceu como un empeño de síntese, un libro que pode entenderse de xeografías e identidades.». «Abordo o concepto de identidade como o da formación da conciencia, como somos e que cousas son as que nos ameazan, mais tamén a identidade dende o colectivo.» Explicou despois a xénese do libro. «naceu nun momento no que estaba ocupado con Xelmírez e a raíña Urraca, dúas figuras que entendo foron desenfocadas na nosa historiografía. Lendo na Historia Compostelana atopei a noticia da construción dunha galera por un tal Fuxón. E ocorréuseme desenvolver o que pensaría aquel mozo pisano.»

A seguir falou Xabier da importancia dos portos galegos no século XII e no traspaso da tecnoloxía naval daquela época na que se substituíu o sistema de construción das embarcacións. «Hai no libro unha vontade de poñer en contacto a cultura do país coa europea da época, a través do Camiño de Santiago.» Por último, explicou que pretendeu que o título da novela fose descritivo, «a galera simboliza o compromiso social, a responsabilidade profesional, a obriga que tensiona e xustifica a viaxe e o comportamento dos dous personaxes principais.» «Quixen facer un libro ameno e sintético», rematou.