Onte 1422: Bento da Cruz

Finou onte no Porto o escritor Bento da Cruz, a quen tivemos a fortuna de coñecer cando publicamos en Xerais O lobo guerrilleiro (1996) e A Loba (2000), premio de novela Eixo Atlántico. É inevitable lembrar as súas visitas a Vigo, sobre todo aquela presentación memorable na Casa Galega da Cultura coa participación de Ferrín e Moncha Fuentes, a tradutora das súas novelas ao galego. Como é inevitable emparentalo con escritores de noso, como Ferrín e Luís García Mañá, cos que compartiu o espazo literario arraiano. Considerado «o príncipe do planalto barrosão», autor de vinte e cinco libros publicados ao longo de cincuenta anos, o doutor de Peirezes sempre reivindicou o berce da súa terra do Barroso, Planalto e Gostofrío. Ademais, foi unha das persoas que máis fixo por recuperar a memoria do movemento guerrilleiro galego na Raia, tanto nos seus romances e contos coma súa obra serodia de investigación Guerrilheiros Antifranquistas en Tras-os Montes, na que recolleu algúns dos episodios claves da represión. Beizón ao Bento da Cruz por ter traballado pola arela dese espazo común da cultura arraiana.

Onte 1421: A derradeira de Resnais

Non saímos decepcionados de Aimer, boire et chanter, a derradeira película de Alain Resnais. Un film lixeiro, no que aos 91 anos homenaxea ao teatro para volver sobre os seus temas esenciais, o amor e a morte. Ademais do entretido enredo de tres parellas maiores e o seu misterioso amigo, abraia a interpretación xenial dos seis actores dunha película de rexistro teatral. A ausencia de localizacións (apenas unhas paisaxes dos dales de Yorkshire), a utilización da ilustración e de decorados de tea e cartón, coma se dun espazo escénico se tratase, imprimen á película unha arriscada fasquía visual. Xaora, o emprego dunha potente elipse narrativa é o máis destacado deste relato no que nunca chegaremos a ver na pantalla ao seu protagonista. Esta despedida de Resnais non é unha obra mestra nin sequera unha película destacada, mais será lembrada pola súa aposta pola teatralización. O teatro no cine ou o cine teatralizado é a estratexia coa que o bretón afonda nas orixes do cinema, a arte á que serviu.

Onte 1415: «Charlotte» de Foenkinos

Charlotte_gallimardGocei coa lectura de Charlotte de David Foenkinos, a biografía sobre a xove pintora xudía gaseada en Auschwitz en 1943. O grande acerto do autor está na elección dunha narración minimalista, sen descricións nin acoutacións, construída con frases que non ocupan nunca máis dunha liña, na que se insire como unha segunda voz a do narrador para expresar o seu asombro no proceso de escritura desta autobiografía de Charlotte Salomon. Foenkinos consegue un poema narrativo de 200 páxinas, unha novela do holocausto que o lector le conmovido coma se se tratase dun himno de exaltación das artes (pintura, teatro e música) que cultivou a artista durante os anos da ocupación nazi. Ademais do impacto do relatado, unha historia familiar na que se desvelan dolorosos segredos, o narrador rende ao lector coa elección acertadísima do punto de vista e o xogo de voces narradoras. Charlotte é unha novela de lectura aditiva e cativadora. Unha lectura moi recomendable para a formación de novos lectores e lectoras literarios.

Onte 1414: «Pontes co diaño» de Ignacio Castro

O filósofo compostelán Ignacio Castro recompilou en Pontes co diaño (Corsárias 2015) as súas entrevistas recentes, as que ofreceu entre a publicación de Votos de riqueza (2007) e as súas intervencións do pasado ano. O tema que enfía de forma transversal o libro é o da ruptura co moralismo do político, asumindo que o universal nace do continxente e o local da recreación que cada comunidade fai do descoñecido. No libro interesoume a reflexión sobre «o común», concepto tan reiterado na «nova política», que para Castro «vén sempre despois dunha pequena mutación que fai agromar algo novo a través da codia da historia». Xaora, a intencionalidade de Castro é poñer en cuestión o concepto do privado e reivindicar «un absoluto mortal que permita vivir con certa ironía a escena pública». Nun volume denso, que require de lectura atenta e demorada, é esencial a conversa con Marcos Lorenzo, «O que queda dos montes», a raíz da publicación da reedición de Roxe de sebes, a peza clave do proxecto filosófico de Castro. Un libro moi recomendable para repensarmos.

Onte 1410: Verán literario en Sanxenxo

sanxenxo_07-08-2015

Presentamos onte no concello de Sanxenxo a biografía intelectual de Xosé Filgueira Valverde preparada polo profesor Xesús Alonso Montero. Organizado pola Librería Nós de Sanxenxo dirixida polo noso admirado Xaime Corral, o acto formaba parte do ciclo «Verán literario 2015» e pretendía iniciar unha nova tradición, a de celebrar na cidade de Silgar a comezos do mes de agosto o Día das Letras Galegas. Unha programación de nove presentacións e sinaturas de libros, realizadas ao longo de cinco semanas en diversos lugares de Sanxenxo (Hotel Justo, Adega Eidos de Padriñán, casa do concello e a propia libraría), no que cun gran esforzo se mesturan novidades editoriais e autores e autoras moi diversas. Con esta magnífica oferta cultural, que se remonta a máis dunha década, como coa organización do premio Luis Cuadrado de cultura, investigación e historia sobre o concello de Sanxenxo, o libreiro Xaime Corral amosa o papel dinamizador da libraría cultural independente que dialoga coa súa comunidade lectora. Xullo e agosto son tamén meses magníficos para as actividades literarias. Unha experiencia que merece ser emulada e recoñecida.

Onte 1408: «Cómo aprendí a leer»

16525020141009084725COMO-APRENDI-A-LEERAgnès Desarthe reflexiona en Cómo aprendí a leer sobre as relacións entre lectura, tradución e escritura. Para esta escritora e tradutora francesa, a aprendizaxe da lectura é un proceso que se demora sempre ao longo de varias décadas. «A lectura é ao mesmo tempo o lugar da alteridade calmada e o da resolución nunca concluída do enigma que constitúe para cada un a súa propia historia.» Para ela a escritura é unha etapa necesaria na aprendizaxe da lectura, «un traballo de tradución no que o escritor confía á linguaxe o coidado de transmitirlle ao lector unha impresión que, de partida, non está feita de palabras». Entre a autobiografía e o ensaio, Desarthe ofrece un libro testemuñal da súa experiencia (sempre difícil) de lectora inacabada, en permanente formación, Xaora, entende que non hai non lectoras, senón persoas que aínda non atoparon o libro que lles permita acceder ao xardín da lectura literaria.

Onte 1407: Martes na Feira do Libro da Coruña

unnamed-1

Pechamos onte a nosa participación na Feira do libro da Coruña coa asinatura de Mercedes Leobalde dos seus Funambulistas, coa presentación da novela de Xabier Paz A galera de Xelmírez e co recital de Manuel Rivas dos poemas do seu novo libro A boca da terra. Un serán literario no que a carpa quedou pequena.

bragado_paz_varela_04-08-2015

Begoña Varela, libreira e promotora de varios clubs de lectura na Coruña, presentou A galera de Xelmírez de Xabier Paz que comezou definindo como «novela de viaxes, histórica, de busca, moi filosófica e didáctica». Destacou a importancia do misterio e da intriga na viaxe que tres carpinteiros de ribeira fan de Pisa a Compostela para construír unha galera encargada por Xelmírez, ao tempo que na da presenza feminina, no papel de dúa smulleres que farán mudar a un dos protagonistas. Sinalou Varela a fidelidade coa que na novela se describe a Galicia da Idade Media, as feiras, as comidas e todo o que rodea a vida dos peregrinos. «A novela é un camiño de busca da identidade, coma Xabier xa fixera nas dúas novelas anteriores, tanto Renacer como As vidas de Nito». Rematou Begoña Varela insistindo no carácter didáctico dunha novela que recomendou moi vivamente.

Comezou a súa intervención Xabier Paz confesando que estar nos xardíns de Méndez Núñez revolvíalle inevitablemente a sentimentalidade dos seus anos de infancia e mocidade coruñesa. Explicou a xénese dunha novela que quixo facer «máis contida e sintética». Cando estaba coa raíña Urraca e Xelmírez din na Historia Compostelana coa referencia ao carpinteiro Fuxón, orixinal de Pisa, construtor de naves, e din por imaxinar que lle pasaría viaxando dende Pisa a Compostela». «Sei que o libro pode ser un pouco desconcertante, xa que utiliza un escenario histórico para facer unha reflexión sobre a identidade, quen somos cando se nos arrinca do noso medio natural.» «Con respecto ás dúas novelas anteriores, creo que é máis literaria, máis novela, hai máis tensión narrativa para averiguar que lles levou a estes personaxes a emprender este camiño.»

Continuou Xabier Paz sinalando a importancia da sensualidade e do corpo nesta novela, como tamén sucedía nas anteriores. «Sei que hai continuidade nos temas de fondo. Escribo sobre o que me importa.» Ocupouse despois o autor d’ As galeras de Xelmírez de explicar a importancia que na historia naval de Galicia supuxo o cambio do tipo construción que se reflite na novela. «Até entón as naves construíanse con táboas superpostas con clavos de cobre, o que conlevaba importantes limitacións de tamaño. Os pisanos conseguiron facer unha construción a tope, ou mediterránea, con táboas xuntas e calafateadas. Permitíalles construír naves máis grandes, nas que podían navegar até cen persoas. Esta nova tecnoloxía naval utilizouse en Iria. Interesoume considerar Galicia como un lugar de tecnoloxía punta, a pesar de que hai poucas referencias á tecnoloxía na nosa historia. Non podemos esquecer que unha das cousas boas do noso pasado foi a comunicación coa Europa por medio dos nosos portos. A Coruña aparecía nos mapas dos beatos como Faro, era unha referencia física, como Compostela era unha referencia cultural atraínte.»

unnamed

Manuel Rivas definiu A boca da terra como «un libro que quere mostrarse». «Aínda hai moita terra que se esconde, invisible, oculta, como sinala Luis de Camõens. Todos temos unha zona secreta. Preténdese descubrila, sentila, compartila, non esmagala. A poesía ten unha condición de inmadurez, como a primeira lingua comeza co tatexo, que permite este descubirmento sen dominar, sen esmagar.» «A poesía é excéntrica, non quere estar no centro, móvese arredor coma a velairiña sobre a lámpada.» «Esta libro de poemas é un lugar de descuberta, mais tamén de agocho», sinalou Rivas antes de comezar o seu recital, seguido con impresionante silencio e emoción.

Agradecemos a Xurxo Lobato as fotos do recital de Manuel Rivas e a Pablo Sánchez Mato as que publicamos nas crónicas dos tres días de feira.

Onte 1406: Luns na Feira do Libro da Coruña

Intensa foi a nosa segunda xornada na Feira do Libro da Coruña. Antonio Tizón asinou exemplares da súa primeira novela, A antesala luminosa. Na carpa literaria presentamos sen apenas acougo e con moito público A Galicia Encantada. O páis das mil e unha fantasías de Antonio Reigosa, Un animal chamado néboa de Ledicia Costas e Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual de Xesús Alonso Montero.

bragado_reigosa_docampo_03-08-2015

Foi Xabier DoCampo, como prologuista tamén da obra, quen se ocupou de presentar A Galicia Encantada, «un libro que é posible porque alguén como Antonio Reigosa quedou captado polo valor das palabras, facendo posible o espazo de Galicia Encantada na web, Reigosa é un auténtico sabio da tradición oral». Nunha intervención memorable pola súa claridade e síntese, Xabier explicou a orixe da narración. «A narración oral nace cando o ser humano, xa posuidor da palabra, comeza a expresar as súas emocións. A narración saíu como elemento de comunicación e vai evoluíndo como elemento de transmisión, cando naceu o nosotouros, o grupo. A narración toma o papel de consolidar o grupo por medio dunha cultura que hai que transmitir. Aquí é cando xa entramos nós. Esa cultura transmitíase no relato. Mais non se contaba coa función per se de entreter. Sempre se contaban as mesmas historias por parte dun narrador que capataba a palabra dos que non estaban ou a voz da natureza ou a do propio ser humano. Así se formaba o mundo dos contos, a sabedoría. O narrador era o que sabía e que tiña a autoridade, a de ter vivido, para contar. Moitas veces o propio grupo escollía o narrador por que ese grupo o dotaba da autoridade de narrar, de traer ao presente o pasado.» Rematou a súa intervención DoCampo apelando a que hoxe non se pode renunciar ás historias, «renunciar aos contos é renunciar á sabedoría, non existe nada na sabedoría humana que non estea nos contos».

Antonio Reigosa comezou as súas palabras agradecendo o discurso de Docampo e a necesidade de reflexionar sobre o feito de contar. A seguir referiuse ao libro, editado para celebrar o décimo aniversario do espazo colaborativo web (galiciaencantada.com), e a intención de que fose representativo dos autores e autoras dos textos, da procedencia xeográfica de cada unha das achegas como da organización interna do espazo, dividido en 28 seccións e categorías. Relacionou despois os contidos da obra, salientando a novidade que supoñía a introdución dun apartado poético. Rematou Reigosa contando algunhas das lendas urbanas presentes no libro.

bragado_costas_viveiro_03-08-2015

O historiador Prudencio Viveiro conversou con Ledicia Costas sobre Un animal chamado néboa, un libro de relatos localizados na Segunda Guerra Mundial, media ducia de historias nas que se somete a condición humana a situacións límite. Viveiro cualificou o libro de «novidoso, duro, impactante». Referiuse despois as relacións entre a historia e a literatura, «até a Grecia clásica a historia era un xénero literario, mais a historia viuse sacudida polo economicismo, fuxiu do relato, da narración». «Esta é unha das razóns polas que aprezo moito libros como este de Ledicia Costas que recuperan o relato». Viveiro gabou o libro, «contén historias duras que aconteceron a personaxes reais, historias ben contadas», «mais neste libro non se fala de Galicia nin aparece ningún galego, o importante é que se fai no noso idioma, comeza a contarse a historia mundial en galego, até agora non coñezo outro libro que o fixera, isto é moi importante».

«O característico de todos os relatos é que levan ao límite ás persoas, situacións que lles fan reaccionar dunha ou doutra maneira», comentou Prudencio. A autora recoñeceu que na escrita do libro tamén estivera nunha situación límite, mesmo polo feito de que «foi máis duro o que deixei de escribir que aquilo que aparece nos textos». Viveiro e Costas conversaron sobre cada unha das pezas, deténdose nas iniciais que relatan o asedio nazi de Leningrado, na da tortura e a que da título o libro, sobre as mulleres prostituídas nos campos de concentración.

bragado_alonso_montero_03-08-2015

Pechou o serán literario Xesús Alonso Montero coa presentación da súa biografía intelectual de Xosé Filgueira Valverde. O presidente da Academia Galega na súa conferencia salientou o carácter de Filgueira como o último polígrafo galego e a súa erudición histórica e literaria (moi precoz) como a súa condición máis valiosa. Rematou referíndose a polémica sobre a homenaxe a Filgueira lembrando que Alexandre Bóveda o consideraba como un obreiro da causa galega.

 

Onte 1405: Domingo na Feira do Libro da Coruña

Excelente e animadísima primeira xornada da nosa participación na Feira do Libro da CoruñaElena Gallego Abad asinou exemplares da súas novelas. Mark Wiersma e Miguel Mosqueira presentaron en concerto o seu libro disco Sira e o robot. Adventures on Titan no IIIº Festival de música infantil. Mentres que na carpa literaria presentamos en sesión continúa Galicia: un pobo con futuro? de Manuel Blanco Desar, Agosto de memoria e morte de Xoaquín Fernández Leiceaga e Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo.

bragado_beramendi_desar_02-08-15

Justo Beramendi, presidente do Museo do Pobo Galego presentou Galicia: un pobo con futuro?, a obra cooordinada por Manuel Blanco Desar que aborda o devalo demográfico do país. Explicou Beramendi que o Museo do Pobo Galego (MPG) sempre quixo ter unha posición activa no que atinxe a súa actividade expositiva como con respecto aos problemas que Galicia tivese como pobo. Para intervir sobre eles ideou os foros. «No primeiro abordáronse os problemas relacionados co territorio, paisaxe e identidade, no segundo os da emigración, no terceiro os do turismo e agora no cuarto os da demografía, esa incapacidade para repoñer os recursos humanos do país. En todos estes foros o MPG pretendeu recoller as achegas da sociedade civil sobre o problema abordado coa maior diversidade e pluralismo.» «A edición deste libro coeditado con Xerais é que a xente cobre conciencia que existe un problema demográfico en Galicia», rematou.

Manuel Blanco Desar confesou que coa edición deste libro «intentamos facer algo que outras institucións deberan ter feito antes, xa que xa hai vinte e cinco anos que existe este problema». «Sen pobo galego non existe Galicia. Quizais non toda a sociedade galega sexa consciente disto. Se facemos unha mímese con Irlanda é moi grande a diferencia sobre esa cuestión. Os irlandeses tiveron claro que deberían manter o seu vigor vital. En Galicia non existen eses azos». Desar convidou a pensar como pode ser Galicia dentro de vinte ou trinta anos con apenas dous millóns de habitantes, «desmoronaríase todo, dende a lingua ao funcionamento das cidades». «Temos que ser conscientes, tamén, que ninguén nos vai resolver este problema dende fóra». «Este libro pretende ser orballo, coma é o país noso, capaz de ir desgastando a pedra. Sabemos que este será o gran tema do país nos vindeiros anos. Temos un feito diferencial negativo. Precisamos un modelo de crecemento demográfico propio, máis intensivo. Sabemos que é un problema común español, porén, o aparello do estado non o ve como tal. Isto é moi grave, xa que as políticas fiscais e laborais, as máis relacionadas coas demográficas, non están en mans das Comunidades Autónomas. Hai que facer un esforzo para que chegue a axenda pública de España.»

bragado_leiceaga_prieto_02-02-15

Lourenzo Fernández Prieto foi o presentador de Agosto de memoria e morte, a novela coa que debuta na narrativa galega o economista Xoaquín Fernández Leicega. Lourenzo comezou confesando de que lle asombrar o manuscrito, «lese moi ben, é unha novela moi ben acabada, moi traballada». Metido xa en fariña, o presentador lembrou que o franquismo foi capaz de inocularnos a súa memoria, «Leiceaga nesta novela pelexa con iso». «Agosto de memoria e morte é unha novela de xénero, unha novela negra que, como O paporroibo de Nesbo ou as novelas de Mankell, falan  en forma de memoria persoal e familiar dun pasado incómodo que non sempre coincide coa historia«. «Leiceaga atrévese entrando neste terreo literario. Amplía o campo literario, xa que non vexo que exista alguén con este enfoque. En todo caso, enlaza coa forma de ver o pasado da súa xeración. Atopo coincidencias con novelas como Corazón helado de Almudena Grandes e Home sen nome de Suso de Toro».

Continuou Lourenzo sinalando que «na novela hai dúas memorias, a que nos anos do tardofranquismo había do 36 e a que hoxe temos dos anos setenta. Leicega fala do Santiago dos 70 e da Noia do 36. Afronta o problema da memoria no ámbito da vila, onde todo era xa sabido, mesmo o que nunca se dicía». «A novela de Xocas afronta a cuestión dos verdugos, como chegaron a selo e as razóns para elo. Aquí abórdase a realidade da matanza do 36, o que Preston chamou o “holocausto español”. En definitiva, na novela de Leiceaga están os porqués e como nos están afectando a nós, corenta e mesmo oitenta anos despois». «Na novela preséntanse as consecuencias económicas e sociais daquela trama, dos que mataron no 36 que se fixeron os vencedores durante corenta anos. Novas elites unidas polo sangue derramado». Rematou Lourenzo Fernández Prieto reocmendando a lectura dunha novela «onde o final é o mellor».

Xoaquín Fernández Leicega comezou agradecendo a Lola Arxóns, Xerardo Agrafoxo e Lourenzo Fernández Prieto a súa axuda no proceso de creación da novela. Ocupouse despois de debullar o que entendía foran as referencias intelectuais da obra. En primeiro lugar, Agosto do 36, a novela de Xosé Fernández Ferreiro, e outras obras de Bieito Iglesias, Juan Benet e Xosé Manuel Sarille. «Débolle tamén o título a Faulkner por Luz de agosto, polo seu procedemento en espiral para introducir vinganzas en familia de xeración a xeración. Como tamén por unha frase que me parece esencial para definir a miña novela: “E a memoria sabe isto: 20 anos despois sabe aínda”». «O título tamén é debedor de Agosto de Rubem Fonseca, un modelo de novela de intriga con reconstrución histórica, da que aprendín que se pode facer literatura de xénero.»

O autor sinalou despois que o tempo da novela vai da República ao final do Franquismo. «Como se transita da esperanza universal que suscitou a República ao odio e a carnicería da Guerra Civil? Na novela prodúcese unha decantación de clase nos personaxes, apoiando unha ruptura co réxime democrático daquel momento». «Na parte referida ao ano 1974, preséntase un tempo de normalización e corrupción, de autoritarismo e da existencia de novos espazos de liberdade que se foron conquistando». Rematou Leiceaga expresando a súa convicción de que nunha novela destas características «é necesario que as pezas encaixen para evitar que aprezan disfuncións que lle quiten valor ao que se está lendo». «Autores como Sciascia, Vázquez Montalbán, Paco Ignacio Taibo ou Leonardo Padura representan o que quixen facer. En todo caso, as novelas policiais e as series son os grandes produtos da cultura do noso tempo, quizais debido a que o investigador policial busca a verdade, é o heroe do noso tempo».

bragado_frnap_lorenzo_02-02-15

Pechou o serán de presentacións a conversa que mantiven con Fran P. Lorenzo, coincidindo coa aparición da segunda edición de Cabalos e lobos.

Onte 1404: «Distintas formas de mirar el agua» de Julio Llamazares

distintas_formas_de_mirar_el_aguaDezaseis persoas dunha familia xúntanse á beira do encoro de Pomar, no que hai cincuenta anos quedou asolagada a súa casa, para esparexer as cinzas do avó. Cada unha delas, dende a avoa, os fillos e as noras, até a neta máis nova, relata con emoción e respecto a súa experiencia. Cada unha dá conta desas distintas formas de mirar a auga nas que entre o vivido e o lembrado flúe a memoria dunha familia campesiña expulsada de forma violenta dos seus eidos e transplantada a unha chaira no medio da planicie. Outra trama de Julio Llamazares sobre a agonía do mundo campesiño e o desarraigo dos seus habitantes, outra peza sobre a memoria familiar como celme da nosa estirpe e pertenza. A pesar de que a utilización dos monólogos sucesivos no relato pode chegar a ser abusiva, a verdade que deita cada unha das voces como a sutileza dos seus puntos de vista fan desta novela coral unha peza de acumulación conmovedora e intensa. Difícil esquecer a beleza dalgunhas destas páxinas onde as lembranzas transfórmanse en memoria e as perdas fanse líquidas, presentes como pingas de esperanza,