Escolma de fotopoemas

Hai catro décadas a aparición de Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, dentro da colección Ventobranco de Xerais, supuxo unha innovación para a edición galega de poesía, daquela revolucionada polos libros de Rompente. Fose pola temática cinéfila, 38 poemas escritos a partir de filmes clásicos, fose pola reprodución de cadanseu fotograma icónico e a impresión en tinta lila ou fose polo deseño rechamante da cuberta que achegaba á cultura nosa a imaxe inesquecible de Charlot e a vida de can (1918). En 1990, tamén en Xerais, aparece Tigres coma Cabalos, onde 24 poemas de Xela Arias contaban con cadansúa fotografía de Xulio Gil, inaugurando o que entendemos como fotopoemas presentados en formato de libro álbum. Diálogo creativo que ensaiaron Miro Villar e o fotógrafo Manuel Álvarez en Gameleiros, mar de rostros (Xerais 2002), 27 retratos de mariñeiros de baixura da Guarda con cadansúa arte tradicional. Experiencia que o fotógrafo da Guarda residente en Xenebra repetiría, primeiro, con Manuel Rivas en Sementeira. Porträts (2019), 42 retratos e outros tantos haikus e aforismos protagonizados polos membros da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, e despois, coa romanesa Helga Cabiddu en Sexades mar (Chan da Pólvora 2022), no que retrata unha nova liñaxe de traballadores do mar.

Ferramenta creativa que exploran con orixinalidade e potencia Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz en Lugo Philadelphia. Peles roxas no corazón de Babilonia (Xerais 2023), como crónica fotopoética da viaxe norteamericana que compartiron para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Versos lóstrego da memoria, escritos a ritmo de rock and roll, que camiñan da man de fotos de pintadas nas paredes de Lugo ou de imaxes iluminadas polo entusiasmo dunha cuadrilla de mulleres nas rúas de Harlem.

Escolma de fotopoemas que recomendo xa que amosan as posibilidades creativas deste atractivo tipo de edición multimodal, hoxe, por ventura, en pleno esplendor no actual catálogo do libro galego.

Publicado en Nós diario 31/05/2023

Manuel de Castro, Handicap

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a biografía de Manuel de Castro Handicap preparada por Adrián Iglesias:

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección «O noso deporte» da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos «rapaces ben (coñecidos como “sportman”) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva» e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que «o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar». Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en Faro de Vigo entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de Faro de Vigo, como as súas «Notas deportivas», durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como Letras y Deportes (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; Machada (1914), revista humorística; Vida deportiva (1916); Sprint (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con Sport, ligado con El Pueblo Gallego; Horizonte (1932) e Hoja de los lunes (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, Imán (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista Nós, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

Insuficiente

Despois dun partido no que mereceu os tres puntos, o Celta debe agardar outra xornada máis para confirmar a permanencia na primeira das tempadas do centenario. Con todo, foi un punto de ouro, logrado grazas a unha estricada prodixiosa de Iván Villar no derradeiro minuto dos seis de tempo engadido, respondendo a un xute de Joel Roca que se coaba coma un lóstrego. Un empate moi traballado diante do perigoso Girona de Míchel no que os de Carvalhal recuperaron os niveis de compromiso e concentración, o que resultou decisivo para rematar coa abafante xeira de inicios de partido co marcador en contra, orixe das últimas e continuadas derrotas e do baixón anímico dun cadro que semellaba perdidiño. Por ventura, foi a bancada de Balaídos (máis de 14.000 persoas), a que acudiu, como é adoito, ao rescate sostendo ao Celta durante cen emocionantes minutos nos que nalgúns momentos o ritmo dos latexos dos seareiros e seareiras ameazou a saúde dos seus corazóns. Un apoio incondicional nun partido decisivo que unha vez rematado volveu poñer en evidencia a profunda desconexión existente entre unha boa parte do celtismo e a propiedade, apupada de forma estrondosa a saída do estadio, onde apenas tres horas antes fora acollido o equipo con todos os agarimos.

O resultado do partido fixo evidente a severidade coa que Mateo Lahoz e o equipo VAR tratan aos menos poderosos coma o Celta, ordenando a repetición do lanzamento do penalti que nunha primeira instancia parou de forma extraordinaria o gardameta celeste, nunha noite memorable para el. O árbitro internacional con sona de dialogante, na súa derradeira actuación en Balaídos, aduciu que Unai Núñez pisou a área, apenas uns poucos centímetros dificilmente inapreciables, no momento do lanzamento de Stuani, desfacendo así o nobelo de entusiasmo da bancada provocado pola resposta do porteiro de Aldán. Un «penaltiño» nacido dun caneo comido por Javi Galán no recanto da área, nun deses erros non forzados aos que nos ten afeitos o lateral esquerdo celeste. Un agasallo que no minuto 59 desortellaba unha actuación excelente do estremeño, de cuxa biqueira naceu o gol celeste no 41’, tras unha presión e roubo, o que lle permitiu centrar sobre Carles Pérez, outra vez o mellor dos nosos, que coa axuda de Oriol Romeu bateu a meta de Gazzaniga. A cara e a cruz de Galán, un deses contrastes que fan do Celta, despois do parón de seleccións, un equipo inxenuo e fráxil capaz de estragar nun instante o talento e o compromiso compartido por case todos os seus membros.

Un partido no que o Celta volveu a activar a súa capacidade competitiva, no que tanto a ausencia de Beltrán como a do tocado Aspas (até os quince derradeiros minutos), xunto a novidosa incorporación na banda esquerda do canteirán Miguel Rodríguez, non foron óbice para amosar unha recuperación notable do xogo, tanto ofensivo como defensivo en ambas as dúas áreas. O profesor Carvalhal, curado en derrotas anteriores, na primeira media hora fixo fincapé en protexer a súa porta deixando o balón aos cataláns e intentando roubalo en duelos individuais, que nalgúns casos gañaron os celestes, sobre todo Galán e Tapia, facilitando entón as transicións en velocidade conducidas por Carles Pérez ou por Gabri Veiga, moito máis activo, comprometido e acertado que en xornadas anteriores. Estratexia que, a piques do remate da primeira sesión, deu os seus froitos co gol de Carles e que se intensificaría na segunda, tras o incidente do penalti repetido, cando Larsen nunha gran xogada puido asegurar a permanencia encarando o porteiro visitante. Oportunidade da que gozarían nos mellores minutos de xogo celeste, entre o 75 e 85, Cervi e Pérez, coincidindo coa entrada de Aspas, que nun exercicio de afouteza intentou acender a súa lámpada máxica. Míchel non se intimidou e cos cambios o Girona volveu apertar, mais entón atopou para a nosa fortuna as luvas de Villar, que salvaron o punto.

O Celta segue no lío e co piloto vermello de perigo aceso. Mais a recuperación do xogo, e sobre todo a indubidable activación anímica amosada diante do Girona, aventuran que ben na viaxe a Cádiz ou no peche co Barça con apenas outro punto pode asegurarse a permanencia. Será entón, con acougo e altura de miras, cando se poidan buscar responsabilidades dunha xestión da tempada a todas luces insuficiente e da necesaria renovación do modelo deportivo de Campos avalado por Chaves e Mouriño.

Publicado en Faro de Vigo 25-05-2023

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián. Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio…) e ao tempo plurilingües. Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas. Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras…) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Publicado en Nós diario 24/05/2023

Tortillas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as mellores tortillas viguesas:

Nas tirapuxas de rivalidade entre viguesas e coruñesas, finalizada a visita ás salas de trofeos e revisión de insignias da súa galeguidade, aparece o debate gastronómico sobre as mellores delicias de cada unha. Acontece decote que os do sur presenten como particularidade a excelencia das humildes empanadillas e os do norte o das súas tortillas de patacas ao xeito de Betanzos ou Cacheiras, que contan cunha tradición centenaria forxada na guerra de Cuba. E a verdade que sendo rigorosos pratos tan modestos e cotiáns como empanadillas e tortillas son especialidades da Galicia enteira, nun país de comedores de patacas, como acuñou Manuel Rivas, e de empanadas, canto menos dende o século XIII, como quedou documentado na cantiga 57 das de Afonso X O Sabio ou nos Vinte e catro galegos rústicos (1746) do padre Sarmiento. Como tamén posuímos a experiencia de tomar excelentes empanadillas na Coruña e saborosas tortillas en Vigo, amosando que máis alá de rivalidades deportivas e económicas, necesarias na cohesión comunitaria, no esencial viguesas e coruñesas compartimos idéntico celme.

A profesora e culinaria Matilde Felpeto Lagoa, autora do referencial receitario Cociña galega tradicional (Xerais 2017), considera que, ademais de ser redonda, a variedade é unha das características da tortilla de patacas, un prato que precisa apenas de tres ingredientes: boas patacas, ovos de galiñas de curral en liberdade e bo aceite de oliva. Para Carmen Parada, autora do alboral Recetas de Cociña Galega (Galaxia 1982), son tres os principios para facer unha boa tortilla: o corte da pataca, o callado dos ovos e a frescura dos ingredientes. Mentres para Ángel Muro, autor de El Practicón. Tratado completo de cocina (1892), que morreu en Bouzas (1897), onde veraneaba, o segredo da boa tortilla reside no xeito de facela ao lume, aconsellando abanear a tixola coa man esquerda, imprimíndolle un movemento circular para que así calle, e permita despois xirar sobre a base, pero en sentido contrario, un «contramovemento» que indica o instante preciso para virala, momento decisivo para o que aconsella utilizar unha viradeira, utensilio de barro fabricado na olaría galega, que tamén pode ser de madeira, louza ou lata. Carmen Parada aconsella vixiar o fritido das patacas para que non se deouren de máis, retirándoas do lume cando se notan renxentes. Matilde Felpeto propón acompañar a tortilla dunha ensalada de leituga, tomate e cebola ou de pementos de Padrón fritos, o que fai unha comida deliciosa. Parada aconsella comer a tortilla moi quente, mais Muro cre que fría é máis saborosa, mentres que Emilia Pardo Bazán, que cita a tortilla en La cociña española antigua (1913) cre que debe quedar redonda e dura e «só é presentable en almorzos de moita confianza».

E, entón, cal é a mellor tortilla viguesa? Pregunta que non admite resposta doada, mesmo despois de probar e gozar das tortillas dos bares e restaurantes con maior sona na especialidade. Tortillas viguesas que, en liñas xerais, non son tan cremosas como as da Casilla de Betanzos ou a Penela coruñesa, mais posúen altísimo nivel, saborosas e refinadas, tanto pola súa sinxeleza na preparación como polo punto exacto de frixido da pataca e do callado do ovo, concibido para ser gozadas quentiñas decontado. Fórmula secreta que bordan no bar San Amaro, da rúa Rogelio Abalde, onde dende hai case cinco décadas a familia de José Campos e Carmen Ferreira, hoxe xubilados, levan preparando a mellor tortilla viguesa. Como non a desmerecen tanto a preparada na cafetaría Cosmos, da Praza da Princesa, probablemente a mellor tapa desta especialidade na cidade, como no bar Brillante, da rúa Barcelona, á altura do Regueiro, onde Miro ofrece dende hai tres décadas unha completa carta de tortillas, dende a clásica a outras híbridas, con chourizo, pemento, xamón ou mesmo estrugas. Como outra tortilla clásica, dende hai máis de catro décadas, é a da taberna O Porco, da rúa Real.

Mapa no que non poden faltar a localización do bar Carballo, na rúa Manuel Núñez, e d’ A tapa do barril, da rúa López Mora, onde preparan tortillas singulares polo seu punto zumarento, ideais para tomar en bocadillo. Como tamén teñen creto as do restaurante O Faro, fronte a Santiago de Vigo, ou varias das servidas na rúa Rosalía de Castro, en La aldeana, en La casa de Reme, tanto a preparada con cebola, como con chourizo ou grelos, ou na taparía Las Tablas, que ofrece unha excelente versión da tortilla ao xeito de Betanzos. Sen esquecer nesta viaxe, unha das miñas preferidas, a da taparía La chabola, do paseo Marítimo de Panxón, onde Silvana prepara a mellor tortilla do Val Miñor. Con todo, as mellores tortillas viguesas son as caseiras, as que preparamos nas cociñas ao gusto noso. En cuestión de tortillas non está nada escrito.

Don Paco

Posuía a capacidade de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como sempre dicía. Practicábaa naquel tempo de entusiasmo, cando sendo secretario das Mocedades Galeguistas mobilizaba aos universitarios coa súa oratoria propia dun guieiro de pensamento federalista, netamente progresista, coma foi o seu compromiso político. Teceu proxectos imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras de La Noche, até a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial dos que foi cerebro creador e corazón impulsor. Un home rede que en catro anos puxo en valor a Real Academia Galega, até a súa chegada, doente e anestesiada. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno, que desvelase a literatura galega e desenvolvese unha industria do libro de seu. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu traballo como ensaísta e divulgador en milleiros de artigos. Un home lente que entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas en galego. Metódico, organizado, cerebral, incansable, disciplinado, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Despois de cinco décadas, continuou de forma altruísta a fronte da Biblioteca Penzol, converténdoa nun centro de documentación e investigación modélico; publicando nos xornais, conferenciando, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre un novo tempo en crise. Partidario da policromía da vida, explorou as paisaxes e os manxares enxebres, socio e seareiro do Celta soubo do sabor do mel e da fel. Encabezou como tal o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Obrigados, Don Paco.

Publicado en Nós diario 17/05/2023

Os alicerces de Galaxia: Del Riego e a cuestión editorial

Un tema galego cada semana

Instalado en Vigo, onde exercía como profesor dos colexios Mezquita e Labor e colaboraba na edición da revista Industrias Pesqueras dirixida por Valentín Paz Andrade, e tras ser detido e xulgado en Consello de Guerra en 1947, coincidindo coa falta de resposta dos gobernos aliados en relación ao réxime de Franco, Francisco Fernández del Riego, xunto aos compañeiros das Mocedades Galeguistas, Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, comezou a explorar as posibilidades da vía cultural como xeito de intervención política. Iniciou daquela a súa participación nas emisións en galego da BBC (1947), a publicación de artigos en Seara Nova, a instancias de Manuel Rodrigues Lapa e, sobre todo, as colaboracións no xornal La Noche (1947-1948) baixo o epígrafe «Un tema gallego cada semana», asinadas cos heterónimos Salvador Lorenzana e Santiago Amaral, nas que segundo Antón Mascato «vai dar unha volta de tensión apertando á censura con temas galeguizantes».

Artigos que levaron a José Goñi, director de La Noche, a encargarlle a Del Riego a coordinación, xunto a Xaime Isla, do Suplemento do Sábado de temática cultural, que aparecería a partir do 15 de outubro de 1949 e no que durante catro meses publicarían as figuras galeguistas, unhas veces asinando co seu nome, coas iniciais ou con heterónimos. Un exercicio de afouteza que o 14 de xaneiro de 1950, o sábado seguinte ao pasamento de Castelao en Buenos Aires, dedicou un monográfico a súa figura. Pouco despois, o 28 de xaneiro, publicaríase o derradeiro, pechando unha experiencia que até entón burlara a censura do réxime.

Actividades culturais que, sinala Mario Regueira, serviron para establecer ou recuperar contacto entre sensibilidades culturais afíns e preparar o proxecto de creación da futura Galaxia, unha nova editorial galega con características ideolóxicas, superadora de iniciativas voluntaristas, como a da colección Benito Soto, ou apostas pola bibliofilia, como as das Ediciones Monterrey (1948) ou a de Bibliófilos Gallegos, as dúas nacidas en 1948.

A problemática editorial

Nese contexto aparecen tres importantes artigos de Del Riego en La Noche, asinados por Salvador Lorenzana: «La cuestión editorial y el cultivo del idioma» (30 de abril de 1947), «Sobre la cuestión de nuestro idioma» (17 de maio de 1948, xusto quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas) e «Hacia la difusión de nuestros libros» (30 de xaneiro de 1948). Tres textos de espírito programático, reveladores das intencións de Del Riego e do seu grupo de crear unha editorial profesional e promover un cultivo escrito dun idioma do que non pode negarse a súa vixencia popular, proxecto que a partir de 1950 concretarían na fundación da editorial Galaxia.

Así no artigo de abril de 1947, tras referirse á aparición de Áncora, a primeira editora catalá «totalmente allea á política», cuxo primeiro título é Viatge a Catalunya de Josep Pla, Del Riego considera que esta é unha noticia estimuladora para nós, xa que «se impón a necesidade da fundación dunha Editorial de libros galegos na nosa terra». Unha Editorial galega, que representaría «un gran paso restaurador da nosa cultura», e da que traza as súas tres liñas programáticas principais. Primeira, a reedición de obras básicas na historia da literatura galega, como os cancioneiros medievais ou as obras completas de Pondal, o que supón a configuración dun canon. Segunda, a publicación de textos inéditos de poesía, novela e investigación, o que supón a formación dun público. E terza, a tradución ao galego de obras universais, «o que suporía que o noso idioma gañaría quilates en difusión, categorización e dignidade literaria».

Programa editorial que Del Riego perfila máis no artigo de xaneiro de 1948, no que parabeniza de forma elegante ao tempo que crítica de forma cordial as intencións da recén creada Editorial de Bibliófilos Gallegos, sobre todo, a da colección Biblioteca de Galicia, na que os promotores (Sánchez Cantón e Filgueira Valverde) anuncian a reedición de obras antigas e a publicación de orixinais de autores contemporáneos. Del Riego volve reclamar a publicación do corpus da memoria literaria galega, tanto a da tradición medieval como a do século XIX, «que achegan unha visión harmoniosa da alma galega», ademais de citar os títulos dos libros de poemas rosalianos e pondalianos, aconsellando aos novos editores que «non malogren os seus esforzos en estériles camiños de arqueoloxía literaria». Como volve teimar da tarefa «importantísima para o futuro de Galicia» da publicación de obras de autores actuais, como a de fomentar traducións ao noso idioma de clásicos e modernos, sen esquecer a necesidade de contar con estímulos para as letras, «como premios anuais que inciten as distintas manifestacións da cultura de Galicia: a novela, a poesía e o teatro..»

A cuestión do idioma

Artigos que comparten a reflexión sobre a cuestión do idioma, abordada o 17 de maio de 1948, prodixiosa serendipia, quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas do que sería promotor. Del Riego non dubida en afirmar que «non hai cultura galega superior sen lingua que a sosteña», como tampouco en que a pesar de que dos dous millóns que a falan moi poucos a lean e a escriban, «conta con inmensas posibilidades de vivificación». Unha causa que bautiza como «rehabilitación idiomática», na que cómpre vivificar tanto as infinitas voces, fortes e expresivas, que xacen case esquecidas nas zonas campesiñas, como traballar para «a aparición dun Dante que lle proporciones dimensión universal». Rehabilitación que nos obriga «a ir laborando sen pausa, con intelixencia, para habilitar outra vez ao idioma como instrumento dunha misión cultural transcendente».  Prefigura así Del Riego unha perspectiva política posibilista da cuestión idiomática que defendería ao longo da vida enteira.

A necesidade dunha Revista

No artigo de La Noche do 30 xaneiro de 1948, Del Riego prefigura con extraordinaria valentía a necesidade de contar cunha Revista ao servizo da rehabilitación idiomática e a recuperación cultural. Afirma polo dereito a necesidade da unidade para abordalas: «Pensamos que é a hora de asociar todos os esforzos hoxe disociados, e os camiños da nosa cultura son o mellor xeito de intensificar a xuntanza cordial de todos os que comulgan na súa fe». «Para o logro deste ideal –escribe– imponse a necesidade de editar unha Revista consagrada á exaltación e difusión dos nosos valores intelectuais. Unha revista capaz de continuar o labor iniciado hai anos pola publicación Nós [mención máis que encomiable meses despois de pasar polo cárcere]. Claro que presidida por un criterio máis amplo, máis moderno e menos arqueolóxico. Unha revista onde haxa densidade, sensibilidade exarcerbada fronte á época. Unha publicación que poida formar parte da vida das xeracións futuras, que teña un valor de forza expansiva no tempo».

Publicado en Faro de Vigo, suplemento Faro das Letras, 17/05/2023

Itinerarios vigueses de don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos itinerarios vigueses de Del Riego:

No libro de conversas con Perfecto Conde (Xerais 2018), Francisco Fernández del Riego conta a súa chegada a Vigo en 1939, cadrando co ingreso no cárcere, e posterior desterro a Estremadura, de Valentín Paz Andrade que o convidara a colaborar no seu despacho de avogacía. Días de fame nos que o mozo laurentino se hospedou nun cuarto da rúa Príncipe e facía unha comida ao día, en compaña do pintor Carlos Maside, en tascas como La Mundial da rúa Velázquez Moreno ou a América da rúa Eduardo Iglesias, na que se conformaban apenas cun guiso e tres anacos de pan entremediados de vermes cocidos. Días de medo, como o daquelas tres mañás consecutivas nas que cando contestou ao teléfono do escritorio unha voz espetoulle: «¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?»; ameaza que apenas o levou a deixar de coller o teléfono e, como tantas outras veces faría, tirar para adiante.

Primeiros meses, alongados a case sete décadas nos que fixo de Vigo a súa cidade amada, nos que obtería os primeiros ingresos escribindo para unha publicación de reloxería, despois outra de farmacia, e para Imán, unha revista de deportes e cine editada pola imprenta Roel. Traballos que despois compartiría coas traducións do francés para a revista Industrias pesqueras, algunha colaboración para la Hoja del lunes de Vigo e, sobre todo, co seu labor como profesor de filosofía e literatura, inicialmente no Colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor de Romil, e máis tarde na Academia Sigma que montou cun socio na praza da Constitución para preparar a reválida universitaria. Lembranzas duns anos, relatados de forma máis precisa no seu libro memorialístico esencial, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro 1990), no que se debullan os faladoiros das tres da tarde do Café Derby da praza de Urzáiz, onde comezou de feito a reconstrución do galeguismo, citas que os luns se celebraban no Café Savoi e os sábados no Café Suevia de Policarpo Sanz, mais que logo seguirían no Café Alberti da rúa Uruguai, na Taberna da Alameda ou nos locais do Náutico, entón no Hotel Moderno con entrada pola rúa Carral.

Recén casado coa valdeorresa Evelina Herbello e instalados nun piso da rúa Pi e Margall, os roteiros vigueses de don Paco consistían os domingos en camiñadas políticas polo Castro co empresario Enrique Peinador e o arquitecto Manuel Gómez Román. Noutras ocasións collía o tranvía até a estación de Muíños, ao pé da praia de Samil, na foz do Lagares, onde os vellos galeguistas, «que se autonomeaban –conta don Paco– “Os fillos do sol”, montaran unha especie de palafito». Xuntanzas anteriores ás da casa clandestina que alugaría del Riego en Coruxo en 1943, onde se celebrou a asemblea reconstituínte do Partido Galeguista. Tranvía que don Paco utilizaba para ir a Balaídos de charuto, onde era o socio nº 828, ocupando na tempada 51/52 a localidade 6 da décima fila de Cuberta, bancada onde gozou do mel e da fel daquel Celta de Primeira onde aínda xogaban Yayo e o temible Sansón.

Itinerarios vigueses de Don Paco que dende entón xirarían arredor dos seus domicilios en Doutor Cadaval e finalmente na Praza de Compostela, dende os que camiñaba até a rúa Reconquista 1, onde tiña a sede a editorial Galaxia e a revista Grial, das que foi cerebro e corazón, arquitecto e albanel, ou até o prelo de Artes Gráficas Galicia do Calvario do que foi xerente. Camiños que a partir de 1963 dirixía á Biblioteca Penzol, o primeiro centro de documentación sobre a cultura galega no mundo, instalada, inicialmente no edificio da Casa Bárcena de Policarpo Sanz, trasladada despois á casa do concello da praza Princesa, recuperada polo concello de Vigo a comezos da década de 1990 (no goberno de socialistas e nacionalistas), como Casa Galega da Cultura.  Durante máis de tres décadas del Riego montou alí a súa ponte de mando como disciplinado capitán do partido galego da esperanza e onde, roubándolle as palabras ao Ferrín, chantou «a trabe invisíbel que o [sostivo] todo».

Non se entenderían estes itinerarios vigueses de don Paco sen as súas colaboracións en Faro de Vigo, estudadas por Ceferino de Blas, iniciadas cun artigo o 5 de outubro de 1949, asinado como S.L., iniciais do seu heterónimo Salvador Lorenzana, que utilizaría por vez primeira no decano o 25 de xullo de 1950, e co que asinaría boa parte das súas colaboracións, sobre todo dende o verán de 1961 até 1979, habituais na páxina de Letras, e entre 1980 e 1983 no «Suplemento Cultural», que dirixía Cunqueiro e do que se responsabilizará tras o pasamento do mindoniense. Como tampouco podemos esquecer o seu papel como «home de acordo» da negociación colectiva de Citroën ou as súas pegadas durante tres décadas nos areais de Lourido e Gaifar do concello de Nigrán, do que é o primeiro fillo adoptivo. Longa memoria ao Vigo de don Paco.

No medio da lea

Desaparecido o efecto Carvalhal, que funcionou de marabilla durante seis semanas nas que obtivo 17 dos 39 puntos actuais, diante dun Valencia de Baraja moi necesitado, o Celta recuperou onte o triste estado inane do resto desta primeira tempada do centenario. Outro partido caótico, iniciado de forma lamentable, como xa sucedera co Vilarreal e co Xetafe, no que os celestes co taboleiro en contra desde moi cedo non foron capaces de xogar a nada fronte a un rival que se xogaba todo. Un espectáculo desacougante para unha bancada cada vez máis inevitablemente desconectada das baixas vibracións positivas emitidas polo equipo como afastada da cada vez máis explícita estratexia especulativa desenvolvida pola dirección deportiva de Luis Campos e pola propiedade do club. Unha situación hoxe xa grave, que pode chegar a ser dramática, se non puntúa nos dous partidos da vindeira semana fronte a Athletic e Girona, que obriga a asumir, tanto ao adestrador como aos responsables do club, que o Celta está no medio da lea do descenso e que os pilotos vermellos de perigo están accesos de forma ininterrompida.

O que vivimos en Balaídos 14.527 persoas, unha das mellores entradas da tempada, foi para os celtistas máis que preocupante. Hoxe por hoxe o Celta semella un equipo que non é capaz de gañar a ninguén. Desfeito fisicamente, tras o parón de seleccións perdeu aquela exitosa e ilusionante flexibilidade táctica que imprimía o profesor Carlos Carvalhal dende a banda. O que vimos onte, outra xornada máis, foi o estado alarmante de moi baixa forma das dúas figuras da casa, Aspas e Gabri, probablemente no nivel máis fraco das súas carreiras, tan insuficiente como o da gran maioría das fichaxes foráneas, desvalorizadas e alleas ao que expresa a camiseta celeste. Apenas outra evidencia do fracaso rotundo da estratexia de Campos e Mouriño de transformar ao Celta nunha franquía, un equipo ponte onde ninguén aspira a botar raíces, nin sequera as mellores promesas da canteira, como ben saben Denís Suárez ou Gabri Veiga ou Miguel Rodríguez. Un camiño case cego para o futuro da maioría delas, como vimos onte no once inicial, no que o adestrador preferiu apostar por xogadores fóra de posición fóra de forma a promesas do filial comprometidas.

Unha aposta que onte lle saíu furada ao bracarense, cando Franco Cervi, reconvertido a toda presa en lateral esquerdo, erra aos sete minutos de forma basta, condicionando o devir de todo o partido. Como saíu furada a súa preferencia por colocar no eixo da defensa a Renato Tapia, cando puido dar entrada a Carlos Domínguez, un central nato e formado, descolocando en máis dunha ocasión a Unai Núñez, como no lamentable erro que no minuto 87 permitiu o remate de Alberto Mari, por certo, unha promesa che pola que apostou Baraja, que valeu tres puntos que son ouro para o seu equipo. Fracaso da aliñación celeste, á que tampouco foi allea a pésima planificación deportiva dun cadro que apostou por tres laterais dereitos e só un esquerdo, sen contar coa posibilidade da súa ausencia por lesión ou sanción, como sucedeu onte con Galán.

O relato do partido foi semellante ao de fracasos anteriores: gol temperán por erro de concentración, dificultades para facer fronte ao bloque baixo do visitante e imprecisións continuas na saída do balón. Só a velocidade e a facilidade para o caneo de Carles Pérez romperon o debuxo previsible celeste, a pesar de que contase con escasa complicidade de asociación de Gabri, Aspas e Luca de la Torre, o que obrigou ao extremo catalán a ensaiar o xute en varias finalizacións, certo é con máis intención que perigo. Con todo, tras o intervalo, cando o Valencia, nos seus mellores minutos, tivo tres oportunidades claras, o inesperado gol de Seferovic de excelente cabezada a saque de recanto de Beltrán, abriu para o Celta unha xanela. Durante uns minutos, co taboleiro igualado e Aspas no banco por dor nas costas, o Celta foi polo partido. Mesmo o sempre irregular Óscar Rodríguez lanzou ao pao un saque de falta. Mais foi un espellismo, os de Carvalhal nin sequera foron capaces de defender un empate, tamén valioso, e faltando apenas tres minutos permitiron que os laranxas anotasen o segundo. E así quedou o Celta no medio dunha perigosa lea da que nunca se pode asegurar de como se sae. A verdade é que os celtistas sabemos que o noso equipo fainos gozar tanto do mel como sufrir da fel. Así quedamos onte.

Publicado en Faro de Vigo 15/05/2023

Multitudes

Multitudes (Xerais 2023) de María Reimóndez, continuidade directa de Cobiza (Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero 2021), é unha das obras literarias máis valiosas das publicadas no que vai de ano. Novela de ficción científica localizada nun futuro distópico, tras o cataclismo perturbador da chamada Gran Desconexión, relata a travesía que emprenden as mulleres e os seres completos creados de materia vexetal no afán de rexenerar un mundo no que aínda priman a discriminación e o abuso. Novela polifónica de coidadosa estrutura fragmentaria, onde se alternan capas e substratos, como voces (humanas e non humanas), rexistros, tempos (non liñais) e localizacións, deita unha inequívoca ollada feminista que rompe cos binarismos e reclama o protagonismo liberador da disidencia onde nacen as resistencias das multitudes rebeldes organizadas. Narración cativadora pola policromía de personaxes, algúns memorables como Luchiña, a última galega, caracterizada pola propia lingua ou por nomes connotados na historia das mulleres, a narradora pretende que sexa a súa aparencia humana e existencia arbórea a que provoque na lectora un alleamento e ao mesmo tempo unha proximidade coas plantas como seres que senten, con memoria e capacidade olfactiva e visual. Puntos de conexión, interseccións nas que se materializan fendas de esperanza dun relato que queda aberto para unha probable terceira entrega. Engaiolante novela política consolida a María Reimóndez como unha das escritoras referenciais da literatura galega actual, inserida nunha tradición de autoras internacionais como Ursula K. Le Guin ou Margaret Atwood, que con temáticas transversais e de grande importancia social axudan a mirar o mundo cunha ollada máis crítica. Autora dunha obra na que aborda xéneros e rexistros diversos, creou unha comunidade de lectoras, ampliada con cada novo título, o que lle permitiu ser recoñecida polos estudos da crítica académica, mesmo da universitaria internacional.

Publicado en Nós diario: 10/05/2023