Onte 1480: Astérix e Wikileaks

36Cubiertas.inddPuxemos onte nas librarías O papiro do César, o máis recente álbum de Astérix, o segundo dos escritos por Jean-Yves Ferri e debuxados por Didier Conrad. Os novos autores, que recibiron o encargo de Uderzo e da filla de Gosciny de continuar a serie, nesta entrega dan unha importante volta de torca procurando atopar no tempo actual a cerna desta aventura. O mundo da comunicación é o tema central do álbum, no que se parodia o caso Wikileaks mediante o personaxe de Dobrepolémix, inspirado en Julian Assenge. O malvado editor Bonus Promocionus, que censurará un capítulo da Guerra das Galias, o papel das pombas mensaxeiras, a presenza dun esquío que chía e chia, homenaxeando a Twitter ou o nome de Antivirus para un centurión son outras referencias á comunicación. Haberá que agardar polo ditame da crítica. mais todo indica que nesta súa segunda vida a serie ten un futuro moi prometedor.

Onte 1479: Cifras en vermello

xunta-doblaFaro de Vigo e Praza publicaron onte dúas clarificadoras informacións sobre os pagamentos que a Xunta de Galicia deberá facer nos vindeiros vinte e cinco anos ao sector privado pola construción e financiamento de varias autovías (Costa da Morte, Brión, Celanova, Salnés…) e do Hospital Álvaro Cunqueiro. En total unha cifra de 3.054 millóns de euros, dos que 1.340 corresponden ao Hospital de Vigo, unha cantidade que triplica ao custe estimado polo goberno de Touriño para un centro de maiores dimensións e prestacións. Se a esas cantidades engadimos que a débeda pública galega coas entidades de crédito será a finais deste ano de 10.339 millóns de euros, a maior da historia, comprenderemos a precaria situación das finanzas galegas. Non fai falta ser un Krugman para entender que con estas cifras en vermello os futuros gobernos galegos estarán moi condicionados pola herdanza das lexislaturas de Feijoo.

A Galicia urbana

Dedico o artigo da semana a publicación do libro A Galicia urbana, coordinado por Rubén Lois e Daniel Pino, que considero esencial para a comprensión da realidade territorial actual do noso país.

XG00235901Galicia é un país hexemonicamente urbano. Hoxe máis de dous millóns de persoas, o 70 % da poboación galega, residen no eixe urbano continuo que se estende de Ferrolterra á fronteira portuguesa, agrupándose en cinco das setes cidades galegas primeiras, espazos urbanos onde viven case o 60 % dos habitantes de Galicia. Polarización que se produce tamén no eido económico xa que neste mesmo espazo urbano atlántico se concentra o 75 % da riqueza do país, boa parte das empresas de maior facturación e emprego, así como as entidades públicas que prestan os servizos públicos sanitarios, educativos e administrativos.

Un proceso imparable de concentración demográfica e económica, que supuxo un grande impacto sobre a nosa paisaxe, xa que provocou á artificialización do territorio galego. A urbanización das últimas catro décadas supuxo a construción de milleiros de edificacións, en moitos casos sen planificación ningunha, e de numerosas infraestruturas (autoestradas, estradas, polígonos, paseos marítimos, avenidas ou rúas), que supuxeron, despois, a instalación dos servizos de saneamento, electrificación e gasificación. Sen esquecer, que este proceso urbanizador orixinou mudanzas profundas dos xeitos de vida da poboación galega, que foi adoptando os patróns e as convencións do estilo de vida urbano como o traballo asalariado, o incremento da mobilidade, a segmentación de roles, a competitividade, a secularización, o individualismo ou a posibilidade de mudanza social, tan característicos das sociedades urbanas do resto de Europa.

Esta revolución silenciosa no territorio desmonta a visión tradicional de Galicia como un país de campesiños empobrecidos cunha economía de subsistencia ou simbiótica, no caso daqueles que nos arrabaldes das cidades coma Vigo ou Ferrol se foron incorporando ao incipiente proceso industrializador dos anos sesenta e setenta. Unha revolución urbana que obriga a reformular as interpretacións que se fixeron dende o pensamento galeguista sobre o territorio e a identidade, como as do atraso do profesor Xosé Manuel Beiras ou a da contraposición entre o carácter cosmopolita do urbano e o auténtico galego do rural e vilego defendidas por Risco ou Otero Pedrayo.

Hoxe Galicia é unha realidade urbana debido á concentración demográfica, da actividade económica e da artificialización do territorio arredor dun eixe litoral formado pola áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña (onde viven máis dun millón longo de persoas, máis dun terzo da poboación galega), interconectado con tres cidades medias, Pontevedra, Santiago e Ferrol, que articulan ao seu arredor unha tupida rede de asentamentos rururbanos. A este corredor occidental hai que engadir os espazos urbanos da Galicia oriental das cidades de Ourense e Lugo, onde viven un terzo dos habitantes de cada unhas das súas provincias, e por unha serie de vilas, que funcionan como centros de cabeceira comarcais, como Verín, O Carballiño, Monforte, Sarria, Vilalba, Mondoñedo, A Estrada, Lalín, Arzúa ou as do corredor da Mariña lucense, Viveiro, Foz e Ribadeo. Pequenas cidades que funcionan como illas sobre un océano rural que marcou gran parte da historia e da identidade do país, mais que agora moi transformado, en declive, deixou de ser para moitos galegos o referente de orixe, albergando unha poboación minguada e en claro retroceso.

Esta mudanza histórica é estudada dende un enfoque multidisciplinar e desmitificador no libro “A Galicia urbana” (Xerais 2015), un groso volume de 760 páxinas, coordinado polo xeógrafo Rubén Lois e o sociólogo Daniel Pino. Corenta especialistas, dende diversos saberes e disciplinas, como a Xeografía, Demografía, Historia, Economía, Socioloxía, Arquitectura, Urbanismo, Dereito e Medio Ambiente realizan unha radiografía da organización territorial da Galicia actual e propoñen unha serie de medidas para pensar e gobernar esta Galicia urbana das vindeiras décadas.

Propostas moi acaídas xa que está realidade da hexemonía urbana aínda non foi recoñecida en Galicia no eido institucional, administrativo e político. A constitución de áreas metropolitanas, como as de Vigo e A Coruña, é unha prioridade indiscutible, que debe dar paso á creación dunha nova organización de Galicia como país urbano, superadora da provincial e municipal actuais. O noso país precisa debuxar un novo mapa municipal, comarcal e metropolitano coherente con esta realidade urbana, onde a escala supralocal e subrexional adquiran un maior protagonismo. Como propoñen Rubén Lois e Daniel Pino, se os espazos mudaron polo efecto da urbanización, “agora cómpre axustar estes cambios ás escalas territoriais e de goberno”. Acometer a reforma territorial é un reto da Galicia do século XXI.

Onte 1478: Tres novelas curativas

As diversas entrevistas con Manuel Seixas publicadas estes días con motivo das presentacións de Interferencias amosan o valor curativo da literatura tanto para os escritores como para os lectores. Tras o combate durísimo e doloroso na longa noite de pedra da doenza psicolóxica, Seixas volveu a vida digna cunha novela na que, como sinala Montse Dopico, abrollan os temas do maltrato e do amor como procura, presentes nas súas novelas anteriores, publicadas hai máis de quince anos. Idéntico valor ten Muros de aire de An Alfaya, novela potente e moi valiosa, na que se explora a cuestión do suicidio como vía de fuxida que procuran persoas que sofren a dor da vida e a doenza mental. Outrosí sucede con A antesala luminosa, a novela de Antonio Tizón protagonizada por un personaxe que padece o trastorno bipolar, que racha prexuízos e cuxas presentacións convertéronse nos últimos meses en auténticos foros sobre esta doenza crónica. Tres novelas curativas, necesarias, literariamente arrriscadas nas súas estruturas, comprometidas coa ficción como indagación da condición humana e dos espazos agochados da dor na sociedade.

Onte 1477: Evitar o fracaso

desuniónNon lle deamos moitas reviravoltas, polo que limos estes días o 20 de decembro non haberá candidatura unitaria galega nin despois grupo parlamentario soberano que nos represente. Só un milagre da providencia laica in extremis, que espero se produza nas próximas horas, podería evitar esta decepción, esta desilusión tan fonda e dolorosa. Un fracaso colectivo en toda regra, do que dunha ou doutra maneira todos, dende a cidadanía até as organizacións políticas e sociais, seríamos responsables.

As persoas independentes que acreditamos neste soño durante os tres últimos meses fracasamos propoñendo un imposible. Fomos unhas inxenuas que non entendimos que despois do éxito das Mareas nas municipais de maio as direccións de AGE e Podemos asumiron un compromiso de comparencia conxunta para as seguintes convocatorias, Xerais e Galegas. Non entendimos que as cúpulas desas organizacións cando falaban retoricamente de «unidade popular» non querían outros acordos ca non fosen os acadados entre elas. Explícase así que as alcaldías de Santiago e A Coruña non participasen na manifestación do 25 de xullo a prol da unidade ou que os membros destas forzas políticas fosen tan pouco entusiastas neste esforzo colectivo.

As angueiras e ilusións de numerosas persoas de procedencias políticas e ideolóxicas ben distintas, que promovemos o Banquete de Conxo 2.0 e a Iniciativa pola Unión, reclamando unha candidatura unitaria galega sen exclusións quedaron en auga de castañas. Xaora, o proceso de converxencia entre as plataformas cidadás, IPU e ECPMG, como a convocatoria do foro de partidos, foron finalmente vítimas do choque de dúas estratexias do seitarismo florentino, esa doenza crónica que dende hai catro décadas padecen a esquerda e o nacionalismo galego. Tras a ruptura, o sucedido foi apenas teatralización e xestión comunicativa pre-electoral da imposibilidade dun acordo unitario.

U-la orixe de tan decisivo fracaso? Faltou máis xente que exixise a unidade e condicionase aos partidos. Faltou intelixencia colectiva para enxergar o futuro dun país en declive, case ao borde do abismo. Faltou xenerosidade por parte de liderados emblemáticos para asumir no proceso un papel facilitador. Faltou transparencia nos (escasos) contactos institucionais entre os partidos. Faltou afouteza no BNG para acudir ao foro da Marea Galega e denunciar alí as exclusións inxustificable doutras forzas. Mesmo faltou humildade, agarimo e o emprego de sintagmas de afecto e simpatía, actitudes, comportamentos e palabras tan necesarios en xentes que procuran acordos sinceros.

De confirmarse, este fracaso sería outra oportunidade perdida para a reconstrución do proxecto de Galicia como suxeito político. Mais se quedase algunha mínima posibilidade de reconducir o proceso de diálogo, por cativa que fose, habería que apostar por intentala. Se non fose posible, agardo que polo menos unha nova xeración da cidadanía galega, máis cedo ca tarde, substitúa ás persoas e ás organizacións que de forma tan desintelixente impediron un acordo posible e necesario para que todos os partidos nacionalistas e non nacionalistas comparecesen nunha única lista galega. Insisto, non renunciemos á esperanza.

5000

bretemas_1000Estas brétemas acadan con esta anotación o seu número 5.000, unha cifra redonda na que paga a pena deterse despois de case once anos blogueando con continuidade en galego. Cando cheguei a anotación 1.000 fixen unha anotación sobre os temas, as razóns, as textualidades e as prácticas nas que acreditaba daquela, hai nove anos. Reléndoas, volvo subscribilas, mesmo a pesar de que coa chegada das redes informativas e sociais os blogs perderon público e participantes, xa que a conversa e as comunidades de lectores e lectoras mudou a esoutros espazos.

Ao longo desta década os blogs en galego mudaron. Moitos daquela comunidade do blogomillo desapareceron, sobre todo aqueles que utilizaban a escrita en primeira persoa, xenuína do seu carácter de bitácora, impregnada de vontade de estilo e experimentación hipertextual. Mais outros pioneiros como O Capítulo Cero do meu admirado Manuel Gago continúan coa súa teima entusiasta, investigando espazos hipertextuais e sorprendendo cada día, demostrando que a escrita blog está máis viva ca nunca. Outros especializaron o seu contido nalgún eido da nosa creación cultural, fose o da crítica literaria, o do cinema, o da gastronomía ou o das tecnoloxías dixitais. E, por ventura, naceron moitos outros, sobre todo de iniciativas colectivas e educativas, fosen con carácter didáctico, político ou de intervención social. Con todo, a pesar de semellante diversidade e competencia de Facebook, Twitter e outras redes máis especializadas, os blogs continúan conformando a cerna da identidde dixital dos seus autores e autoras, tanto polo extraordinario valor do seu arquivo (unha utilidade da que carecen as anotacións e debates en FB, tan efémeras), como pola posibilidade de etiquetar e clasificar o contido, contribuíndo a enriquecer a rede semántica en galego.

Ao longo destas 5.000 anotacións fomos introducindo algúnhas innovacións tematicas, como a atención específica ao cinema, que dialogan cada semana coas crónicas futboleiras, os artigos políticos e as novidades e crónicas de presentacións e actos literarios. En todas elas aposto pola brevidade e pola precisión hipertextual das anotacións, que procuro non excedan as 150 palabras, acompañadas dunha imaxe ou vídeo significativo.

Máis dunha vez valorei abandonar a escrita do blog, xa que eran moitas e poderosas as razóns para facelo, dende a falta de tempo para esta escritura diaria como pola melancolía provocada pola crítica situación de conformismo político e cultural que sufrimos en Galicia. Porén, sempre atopei razóns e folgos para continuar un treito máis e facelo coa humildade e a teimosía do primeiro día. Brétemas pretende informar e opinar, sen dogmatismos nin sectarismos (comportamentos que aborrezo), coa intención de construír coñecemento e aprendizaxe dunha forma compartida e en lingua galega. Grazas, moitas, ás persoas que se achegan cada día a este espazo que pretende incitar a albiscar no neboeiro. Seguimos.

Onte 1476: Orellana, «O Poeta»

VILLARREAL - CELTAOutra vitoria memorable do Celta que acada o coliderado, agardando o sábado a recibir en Balaídos ao Madrid. Xaora, este xa é o mellor inicio da liga en primeira división que lembramos. Incrible. Gozar e non pechar os ollos ao consultar a táboa clasificatoria. Outra vitoria na que foi decisivo o xenial Fabián Orellana. «O Poeta» marcou un golazo na primeira parte, cando aseñoraban os amarelos, e cando o partido remataba en empate enviou unha metáfora sobre a cruceta da porta rival que aproveitou Nolito para levar a Vigo os tres puntos. Dous momentos poéticos, decisivos, de Orellana que esta tempada asumiu a dirección do departamento artístico do Celta, onde traballan os seus socios Aspas e Nolito, que decote son os que levan os parabéns da bancada. O internacional chileno está decidido a apostar sempre pola figura máis fermosa, o verso máis inesquecible para o seareiro. Incrible. Gozar e non pechar os ollos con este xogo da serpe do cadro de Berizzo, que tanto lembra a aquel Celta europeo de fin de século.

Onte 1475: O Taxi de Panahi

Taxi_Teher_n-777627015-largeAsombra que unha película tan modesta como Taxi. Teherán de Jafar Panahi poida ter un resultado tan fascinante. Ao premiado director iraní, a quen o seu goberno nega a saída do país e a posibilidade de facer películas, abóndalle unha cámara colocada dentro dun taxi para filmar un falso documental no que representa parte da vida cotián dunha cidade luminosa e amordazada. O taxi conducido polo propio director transfórmase en espazo público onde diversas persoas falan sen ataduras. Taxi é unha película minimalista nos medios, construída sobre un guión livián, onde é difícil distinguir entre o ficticio e o real. Xaora, é moi poderosa na súa intencionalidade política, xa que se denuncia de forma sutil a represión do réxime, a falta de liberdade de expresión, a censura, a pena de morte ou a situación das mulleres. Panahi demostra que o imprescindible para facer unha película é contar cunha cámara e con talento e enxeño para filmala. A el sóbralle.

Onte 1474: Rabudo

A noticia do pasamento do xornalista vigués Nacho Mirás Fole é desas que deixa a un magoado. Durante varios anos loitou coma un campión contra o cancro dando unha lección excepcional de afouteza e talento literario en cada unha das anotacións do seu blog e do seu perfil de Twitter nas que relatou a súa dura experiencia. Admireino pola súa «La Cara B», a magnífica sección de entrevistas que publicou na última de La Voz de Galicia. Lembrareino, tamén, como un dos blogueiros galegos pioneiros da colleita de 2005, cando comezamos a explorar as posibilidades da escrita deste soporte dixital, Daquela no blog expresaba a súa predilección polo mundo da Vespa e das caravanas, relataba a súa experiencia xornalística ou gaiteira e mesmo chegou a montar aquel concurso «Hai roupa tendida», unha das primeiras iniciativas de interacción coa comunidade de lectores e lectoras. Xaora, deste fillo do Vigo popular quedará a marabilla da súa escrita última, textos nos que a pesar da presenza da dor agromaba a retranca e as metáforas coa precisión da alquitara que rezuma o bagazo. Rabudo será recordado co respecto que merecen os grandes.

Onte 1473: «Alice in a World of Wonderlands»

IMG_5444-1alice-2expoNo mes de xaneiro anunciabamos a celebración de diversas iniciativas con motivo do sequiscentenario da publicación de Alicia no país das marabillas de Lewis Carrol polo editor Macmillan. Agora celebramos a noticia da presenza da máis recente das edicións galegas, a ilustrada por Federico Fernández para a colección Xabaril de Ouro, na exposición aberta no The Grolier Club de Nova York até o 21 de novembro. Como tamén da participación de Teresa Barro na edición dos tres volumes (un milleiro de páxinas) do libro homónino da mostra, Alice in a World of Wonderlands, onde se recollen ensaios sobre a experiencia das tradutoras deste clásico. A presenza galega nesta celebración internacional merece ser destacada tanto polo seu carácter normalizador coma por realizarse sen contar co apoio da ningunha institución. Xaora, todos os parabéns para a incansable Teresa Barro, a tradutora galega, a quen debemos esta páxina de ouro da nosa lingua.