Artigos

Onte 1447: Plan de fomento do libro

sybillineDo debate cos partidos políticos organizado pola Federación de Gremios de Editores sobre a súa proposta de poñer en marcha un plan de fomento do libro e da lectura recollo apenas as posicións do partido do goberno sobre as bibliotecas e as librarías. Non me sorprende que o Partido Popular continúe teimando, como ven facendo dende 2012, en suprimir a partida dos orzamentos do estado destinada a compra de novos fondos para bibliotecas públicas, deixando toda a responsabilidade deste caso ás comunidades autónomas e administracións locais. Sen dotación, as bibliotecas públicas non poderán transformarse no corazón da actividade lectora e de acceso á información nos diversos soportes de cada comunidade local. Porén, semella que o partido de Rajoy está máis preocupado polo futuro das librarías, asfixidas pola perda dun terzo da súa facturación dende 2008, para as que promete poñer en marcha un selo de calidade que identifique aquelas que realicen un papel dinamizador no seu entorno local.

Medidas de apoio ás bibliotecas e ás librarías necesarias, mais moi insuficientes para que o sector do libro no seu conxunto poida facer fronte aos efectos do seu proceso de hibridación disrutiva. Levo tempo defendendo que só un plan transversal de fomento da lectura, desenvolvido no sistema educativo regrado e na rede de educación non formal, financiado por todos os poderes públicos e apoiado por diversas iniciativas privadas, permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública, utilizada polos partidos políticos e polos medios de comunicación. Sen o compromiso por unha revolución lectora, temo que medidas illadas como as comentadas queden en auga de castañas.

Onte 1255: Un plan para o libro

Deuse a coñecer onte o Observatorio da libraría 2014, a panorámica que as Confederacións de Libreiros (CEGAL) elaboran sobre a situación das librarías independentes. O descenso das vendas nun 18 % nos últimos tres anos e a diminución do número de librarías constituen apenas dous síntomas da crise profunda dun sector que sabemos vai moito máis alá dos efectos provocados pola devaluación interna e pola baixa das vendas do comercio minorista. A crise da libraría cultural é hoxe a do conxunto do sector do libro provocada tanto pola hibridación da edición como pola perda de valor (e prestixio social) do libro en particular e da cultura en xeral. As librarías independentes precisan un plan de medidas urxentes, que debería formar parte dun plan estratéxico para o conxunto do sector do libro. Un plan para o libro asumido polos diversos gremios da edición, da libraría e da distribución, mais tamén polos diversos poderes públicos, que non poden eludir a súa responsibilidade sobre a cultura. Sen esta estratexia compartida que facilite a incorporación da lectura na axenda pública, temo que o futuro do sector do libro, xa a curto prazo, sexa máis que incerto.