A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.

Onte 1997: Lembranza de Xabier DoCampo en Lume

Viaxamos onte á Coruña para participar na homenaxe a Xabier DoCampo organizada pola Libraría Lume. Durante case dúas horas, ao mediodía, á mesma hora na que se celebraba a tertulia á que acudiu Xabier durante dúas décadas, máis de medio cento de amigos e amigas recordamos unha figura humana irrepetible, que non pode ser esquecida, e unha obra literaria que con certeza merece ser recuperada na súa totalidade para o lectorado do futuro e máis estudada polas nosas institucións académicas.

As marabillosas e emotivas intervencións da tradutora e crítica María Xesús Fernández e do ilustrador Xosé Cobas, irmaos e cómplices profesionais e creativos, trazaron a figura humana dun comunicador oral extraordinario, que posuía un sentido do humor capaz que quitarlle dramatismo ás situacións máis problemáticas. Como tamén foron emocionantes as lectura que fixemos de textos do Xabier como a do fragmento testamentario que nos deixou «E serei unha cerdeira (panfleto)», con motivo do Premios Xerais de 2013, ou do divertido «Numerosísimos», o relato que dedicara a Pancho Fontela, na voz de Fina Mosquera, a terceira integrante daquel grupo Negamates dos anos oitenta. Grande Xabier!

Paga a pena como documento este vídeo que publicou Manuel Rodríguez en Twitter.

Xouba City e Percalinópolis

Dedico o artigo semanal no Faro de Vigo a propoñer, a raíz da publicación da novela de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Macallás, a irmandade entre as cidade sde Vigo e A Coruña:

Foi Urbano Lugrís, o pintor surrealista nacido na Coruña, que procurou porto en Vigo nos derradeiros anos da súa vida, quen bautizou a cidade onde naceu como Percalinópolis e na que morrería como Xouba City. Xaora, no ronsel trazaso por aquel Ulyses Fingal, o noso pintor-océano das grandes mans e trazo milimétrico, creador de toda unha icononografía mariña, o narrador e músico Xurxo Souto acaba de publicar A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), unha novela poderosa na que tirando das redes que lanzara hai xa dúas décadas en «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999) ofrece a historia de superación de Mercedes, a patroa de pesca do «Macallás», o arrastreiro que sae do porto das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés, con destino a Rockall, unha rocha perdida no medio da nada , entre o mar de Escocia e Islandia.

Para Xurxo Souto, como probablemente para Urbano Lugrís, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, unha cidade maragota ou mariña, cuxa denominación muda conforme sexa o punto da rosa dos ventos dende o que nos acheguemos á costa: Xouba City ou Penameá, Percalinópolis ou as Arneiras (onde atraca o «Macallás» na novela de Souto), ou os portos de Vigo e A Coruña, o Berbés ou o Muro, dous puntos de atraque dunha mesma recalada. E como nunha cidade única, nas páxinas da novela de Souto trázanse os camiños polos que ir das Travesas a Monelos, de Teis a Labañou ou dende a porta da Palloza á Cidade Alta ao pé do Campo de Granada.

A mesma cidade que para Xurxo, como probablemente para o noso pintor do infinito e da ensoñación oceánica, ten como capital do mar a Bouzas (onde Souto presentou no Liceo a pasada fin de semana a novela), porque alí foi onde se crearon as parellas do bacallau, alí continúan os estaleiros cun pulo anovado, alí naceu o sindicalismo do mar da CNT, sendo tamén onde o xigante recheo do porto de Vigo fixo desaparecer o que se cre mellor ostreiro da ría.

Algúns pensarán que defender a idea de que Vigo e A Coruña son a mesma cidade é causa de catro tolos que viven no mundo surrealista de Urbano Lugrís, mais aínda cando arrastran décadas de enfrontamentos e descoñecementos, alentados por localismos promovidos polas súas elites, ou pola incomunicación á que a prezo de ouro (trinta e dous euros, ida e volta) someten á cidadanía a concesionaria da autoestrada do Atlántico.

Mais para os que ao longo da nosa vida tivemos a fortuna de vivir nalgún momento nas dúas cidades é doado identificar que as persoas que viven no Calvario, en Coia ou en Teis son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos ou Labañou, familias obreiras, xentes humildes procedentes todas das aldeas de Lugo ou de Ourense, que nas décadas dos sesenta aos oitenta foron buscar traballo na beiramar. Como hoxe sabemos que os traballadores que loitan por non perder o seu posto en Alcoa afrontan idéntico reto ao que hai catro décadas asumiron en Vigo aqueloutros defendendo a supervivencia de Ascón, Barreras ou da propia Citroën.

Teñen razón Lugrís e Souto, Vigo e A Coruña constitúen en esencia unha cidade única, Vilamaior das mil ribeiras. Dous polos dunha mesma cidade atlántica que precisan superar as barreiras da incomunicación terrestre á que a someten ese negocio perfecto da AP-9 e un infrautilizado eixo ferroviario atlántico que renunciou polo momento ao horario nocturno. Vigo e A Coruña, tras a desaparición das entidades financeiras propias, sofren idénticas dificultades que poñen en perigo proxectos culturais emblemáticos como os o MACUF ou o Marco… Vigo e A Coruña son os dous polos exportadores e Galicia, o que constitúe unha oportunidade extraordinaria, mais tamén un risco pola súa dependencia extrema das empresas tractoras…

A Coruña e Vigo están obrigadas a enfrontar retos semellantes: a rexeneración dos seus cascos antigos, evitando a súa terciarización como «comedores» urbanos; a apertura das súas fachadas ao mar, derrubando a fronteira imposta polas súas autoridades portuarias; a conservación e a hibridación dixital dos seus tecidos industriais, como a súa participación nos mercados das cidades atlánticas do Norte; a modernización das súas infraestruturas de comunicación, dende a intermodalidade das súas estacións terrestres e a transformación do eixo atlántico ferroviario como un tren galego de cercanías, até a competitividade dos seus portos e aeroportos, capaces de ofrecer alternativas aos do Porto ou Rotterdam…

Os concellos de Vigo e da Coruña deberían irmandarse decontado e asumir que a aposta máis rendible para as súas cidadanías é a de colaborar no mesmo proxecto estratéxico, deixando a competencia emotiva para o territorio futbolístico, onde manda o «fair play» e a aposta polo valor de candasúa canteira. É difícil, mais non é quimera ningunha. Lean a Xurxo Souto.

Onte 1994: Premios da Crítica de Galicia 2018

Entregamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2018. Pareceume unha excelente colleita, probablemente expresión da grande diversidade actual da nosa creación cultural como dos  esforzos de incorporación á tradición destes premios da cultura vinculada coas ciencias e coa tecnoloxía. Aí temos o premio de Investigación outorgado a José Luis Mascareñas, un científico internacional no ámbito da Qúica e Biomedicina, que formou arredor do Ciqus da USC un importante grupo de traballo. Eis o de Cultura Gastronómica outorgado á Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, un proxecto transversal para o noso medio rural onde cristalizan aspectos veterinarios, medioambientais e culinarios nunha simbiose esperanzadora.

Como tamén amosou esta edición o recoñecemento de xustiza para dúas mulleres extraordinarias, Ana Romaní e Mercedes Peón, como para as organizadoras da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas, cuxas traxectorias por comprometidas coa cultura feminista e por rigorosas no seu desenvolvemento exemplar no ámbito do xornalismo cultural, da anovación da música de raíz e da promoción do teatro, respectivamente, merecen todas as beizóns.

Como tamén as merece o labor dunha década do arquitecto Javier Alonso de la Peña dirixindo o Plan Director da Catedral de Santiago, un dos proxectos máis relevantes para o patrimonio galego. Como entendo que merecen ser recoñecida A nena do abrigo de astracán, a gran novela da memoria do noso mestre Xabier P. DoCampo e Matria a película do cineasta vigués Álvaro Gago.

E parabéns a Bieito Ledo e Antón Pulido, xenerosos que levan teimando desta angueira dende hai corenta e un anos coa intención de construír o país dende os diversos ámbitos da creación e das industrias culturais. Beizóns.

Onte 1993: «Michigan / Acaso Michigan» crónica de 18 días en coma

Entre a amplísima e diversa oferta de Xerais para este outono, que non podo máis que recomendar vivamente, sei que vai impactar Michigan / Acaso Michigan, un libro abraiante de Antón Reixa no que, tras o seu accidente de tráfico do 27 de outubro de 2016, cando viaxaba de Galicia a Madrid, recolle a crónica de 18 días en coma, 10 meses de melancolía paralímpica e unha vida posthumana. Unha obra literaria hibridada, entre o poético e o narrativo, escrita cando se lle interrumpiu a indución ao coma, na que entre a memoria da consciencia inconsciente Reixa só lembraba que volvía dunha viaxe dende Michigan. Un libro de coidada edición estendida, preparada polo editor Ramón Dominguez, presentado o pasado sábado na Fundación Didac de Compostela, que forma parte dunha grande instalación coral, comisariada por Xosé Luís García Canido, que reúne vídeo  de Antón Segade, video mapping  de Juanma Lodo,  banda sonora Anxo Graña e escultura de Francisco Leiro. Un dos proxectos artísticos máis singulares no que ten participado Xerais.

Onte 1992: Rosa Aneiros, Premio Agustín 2018

Viaxamos onte a Vilalba para participar no xurado da IIª edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre a ducia das obras presentadas, as tres persoas do xurado, a escritora María Reimóndez, a tradutora Isabel Soto e eu mesmo, escollemos como gañadora por unanimidade a presentada baixo o título provisional «Unha manta rillada» e o lema Khoedi, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Rosa Aneiros e ter como título definitivo Tres bichicomas, dúas illas e unha serea. Unha novela infantil, que dialoga con varios dos textos e dos personaxes creados por Agustín, sobre todo n´ As flores radiactivas, n´A praia da esperanza ou n’ O segredo da Illa Negra, reclamando a empatía e o protagonismo do activismo interxeracional, de crianzas e persoas maiores, na solución de  problemas sociais como a recente crise das persoas refuxiadas e emigrantes.

Unha novela tan emocionante como literariamente fermosa que consolida o premio de narrativa infantil e xuvenil galega máis querido polo movemento agustinista. Aventuro que este de Aneiros será pola súa gran calidade un dos libros infantís máis referenciados e con máis lectorado destes vindeiros anos.

Onte 1991: «Mamá, quero ser Ziggy Stardust» de Iria Misa

Viaxamos onte a Baiona para acompañar a Iria Misa na presentación da súa terceira novela, Mamá, quero ser Ziggy Stardust, xunto a Alba Barreiro, ilustradora do libro. O pub Bidendum quedou pequeno para acoller a máis dun cento de persoas que seguiron a conversa da autora e da ilustradora con Cristina Palacios, presidenta da Arelas (Asociación de familias de menores Trans*), sobre o que é a primeira novela infantil en galego que aborda esta realidade, narrada por Thomas, o inseparable amigo imaxinario de Aine. Un serán no que estivo presente a figura e a música de David Bowie na antoloxía de temas interpretados polo dúo formado por Starman e China Girl. Unha tarde na que moito se gabou a rebeldía da figura de Bowie, e os seus diversos heterónimos artísticos, unha figura icónica que quixo mudar o mundo por medio da música, mais sen esquecer a todas aquelas persoas que, a pesar das dificultades e das violencias explícitas ou agochadas, son como eles queren ser.

Onte 1990: «Máis que ver», con Pepe Barro en Compostela

Acompañei onte a Pepe Barro na presentación en Couceiro de Compostela de Máis que ver, o libro onde recolleu cen historias do deseño en Galicia. Pepe Barro aproveitou para presentar catro desas historias máis compostelás, as referidas ao paso do rolo ao códice, presente no Pórtico da Gloria, un proceso de hibridación semellante ao que hoxe vivimos; a aparición da cuncha como icona do camiño; a orixe do logotipo do concello creado nos oitenta por Permui e unha emocionante homenaxe ao deseñador Ventura Cores e aos seus primeiros traballos nos anos setenta. Catro historias que exemplificaron o carácter memorialístico dun libro imprescindible para entender a achega que supuxeron os traballos de Pepe Barro á cultura galega contemporánea. Un libro que ten moito de arca e de océano, de catálogo de traballos propios e alleos disposto para ler e reler, para aprender a ver, consciente o autor de que na cultura «o como é o que conta». Parabéns, mestre!

Onte 1989: Premios Xerais 2018

Resultou moi brillante e emotiva a cerimonia do serán de onte no Museo do Mar de Alcabre na que se entregaron os Premios Xerais 2018. Tras unha ducia de edicións na illa de San Simón, tras trinta e cindo edicións, Xerais inicia para os seus premios literarios unha nova etapa noutro espazo arquitectónico e paisaxístico emblemático da ría de Vigo e faino cun formato de acto literario novidoso e innovador, protagonizado polas obras xa editadas, que recibiron como aliciente todos os asistentes.

Marabilloume o ritmo da cerimonia e o deseño gráfico dos espazos, rotundo, claro, protagonizado pola emotividade do noso pantone vermello diante do que foi a loxa onde se celebraban as poxas do Berbés. Gustei moito das palabras de firmeza e esperanza coas que Fran Alonso abriu o acto, moi consciente de que o éxito da edición radica en concebila como unha tarefa realizada por pequenos grupos cohesionados en diálogo permanente coa creación literaria e co coñecemento do seu tempo. Como gustei das tres conversas coa gañadora e os dous gañadores da xornalista Teresa Cuíñas, modelo de rigor e amenidade, unha veterana compañeira de viaxe da editorial dende hai dúas décadas que moito admiramos.

Como extraordinarias foron tamén as palabras de gratitude de Carlos Negro en defensa da poesía na cultura actual, de Héctor Cajaraville (para quen non teño palabras para agradecerlle o seu agarimo comigo) reclamando o protagonismo do lectorado máis novo, e da Emma Pedreira que leu un poema soberbio, marabilloso, que deixou tremendo aos asistentes. Como inesquecibles foron as intervencións nas pantallas de tres youtubeiras que presentaron cada un dos premios, o Xerais, Besta do seu sangue, o Merlín, Kusuma, e o Jules Verne, Aplicación instantánea; unha iniciativa de comunicación literaria moi xeitosa que abre vieiros na rede para o protagonismo da lingua galega.

Por se todo isto non abondase, o cadro da editorial entregoume de forma completamente inesperada, unha das estatuíñas dos premios, un agasallo para min absolutamente extraordinario co que nunca soñara, que xa preside a biblioteca onde gardo todo o fondo da editorial. O mellor recoñecemento posible para toda a miña vida de editor en lingua galega, que nunca saberei agradecer como merecen estas sete persoas que mo outorgaron por min tan queridas.

Non hai dúbida que o novo formato de entrega dos Premios Xerais, coa presentación de tres excelentes edicións, marca outro fito innovador no noso sistema literario. No entanto, foi a estrela dos afectos ao solpor, entre as xanelas do Museo deseñado por Aldo Rossi, o que todos onte máis agradecemos. Parabéns, moitos, meus compañeiros e compañeiras! Beizón!

Ledicia Costas: «O que precisa a rapazada son lentes violeta»

Recollo para arquivo o texto da conversa que mantiven con Ledicia Costas, publicada na revista Luzes 60.

Foto: @Felipe Carnotto

Conversamos coa escritora Ledicia Costas na praia de Alcabre , no que foron as instalacións do antigo matadoiro transformado no actual Museo do Mar de Galicia, que garda o artefacto submariño co que Antonio Sanjurjo Badía «Habilidades» navegou a ría de Vigo. Con Agustín Fernñandez Paz, o anime, o universo vitoriano e gótico ou o feminismo como referentes, a ex-avogada que pasou a ser galegofalante xa no instituto tese convertido nunha das autoras máis prolíficas e premiadas da literatura galega actual.

Moi satisfeita pola tradución ao italiano que Mondadori publicou de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, un fito para a internacionalización do seu catálogo e para a súa profesionalización como escritora, confesa que leva traballando todo o verán nun thriller psicolóxico para persoas adultas, unha novela que concibe como un reto literario e estilístico.

No pregón da feira do libro de Vigo de 2017 lembraches que tiveras a fortuna de nacer nunha familia na que conviviches co real e co imaxinario dende cativa. En que medida esas circunstancias familiares influíron na túa actual condición de escritora? Influíron absolutamente. Estou convencida de que son escritora por dúas razóns. Unha, pola miña devoción polas palabras e por toda esa literatura que consumín sendo unha nena e unha preadolescente, cando era unha auténtica devoradora de libros. Outra, polo lugar onde me criei e polo tipo de persoas que me rodeaban, que se ben non semellaban ter un interese cultural específico, si eran moi singulares e provocaban que o propio lugar, a Brea Muiñeira, que xa ten un nome especial, no Vigo popular do extrarradio ofrecese moitos alicientes literarios. Cando dixen que o meu avó, o pai da miña nai, era inventor non esaxerei, aínda que facía inventos que non servían para nada, pero el consideraba que era un auténtico xenio. Inventou unha cousa terrible, unha trampa para fritir gatos, coa intención de que os felinos non lle pisasen o coche. Inventou unha especie de vídeocamara, que non funcionaba, pero como el era un técnico de radio e televisión, como así figuraba nunha tarxeta, tiña no seu cuarto dous televisores, un enriba doutro e vía xa daquela as dúas canles simultaneamente. Crieime rodeada de artefactos.

Que lembranza tes da túa avoa, a quen dedicaches Xardín de inverno (2012), o teu libro de poemas? A miña avoa era tamén unha muller bastante especial. Nada que ver co avó inventor, xa que esta era a nai do meu pai. Estaba moi vencellada co mundo do mar, como toda a familia paterna. O seu home, o meu outro avó, foi o primeiro patrón de vela e motor que houbo en Galicia. Era unha tipa moi especial. A única muller que coñecín cos ollos grises, tiña unha galaxia dentro dos ollos. Os meus avós foron xente que me influíu profundamente.

Eos teus pais como influíron na túa formación como lectora? No meu caso o virus da lectura naceu na propia casa. Eu son a primeira persoa da miña familia que foi á universidade. Mais na miña casa sempre houbo libros. Dende moi pequena lembro ao meu pai lendo as noveliñas do oeste. E logo a miña nai que me levou da man á literatura. Mercábame libros e formamos unha biblioteca modesta, pero con títulos moi interesantes. O meu modelo foi ela. Seguín os seus pasos.

Por medio da lectura deches o salto ao emprego do galego? Cales foron as túas lecturas galegas primeiras? Recordo o primeiro título da colección Fóra de Xogo, A sombra cazadora de Suso de Toro e Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, que para min supuxo un antes e un despois. Até ese momento non recibira recomendacións de lecturas en galego, na biblioteca só escollía libros en castelán. No instituto de Beade foi onde coñecín a literatura galega, unha descuberta que contribuíu a que me convertese en galegofalante e que alí escribise en galego a miña primeira novela.

Como foi esa escrita? Fixera tres ensaios con anterioridade. O primeiro, de oitavo a primeiro de BUB escribira unha primeira novela, despois un segundo e con quince anos un terceiro que presentei ao Premio Merlín e co quedei finalista, o que recordo con moito entusiasmo. Logo xa cando cursaba segundo ou terceiro de BUP escribín Unha estrela no vento, que sería publicado por Xerais, anos máis tarde (2000), estando xa en segundo de carreira. Escribir libros provocábame entón sensacións que non me provocaba ningunha outra actividade.

Na túa biografía literaria, despois desta epifanía, hai unha longa década de formación, que coincide coa túa carreira universitaria e co teu inicio de traballo como avogada. Agardaches até 2012 para volver a publicar. Foi unha década un pouco frustrante porque estaba estudando unha carreira que non me gustaba, Dereito Económico e Empresarial. Ademais traballaba dixitalizando o arquivo Pacheco, unha faceta oculta a de escanista que configurou tamén a miña maneira de ver o mundo. Daquela non me sentía con forzas de escribir, pero lía de maneira compulsiva, quizais para paliar esa carencia, o que me daba a carreira non era o que eu necesitaba a nivel intelectual.

Coa publicación d’ O corazón de Xúpiter (2012) abriches un período de cinco anos esplendorosos no que publicaches unha ducia de libros, a maior parte deles de literatura infantil e xuvenil. Entón presentábaste como «avogada a tempo parcial, poeta a tempo completo». Foi unha metáfora que non se entendeu. Dedicaba todo o meu tempo a ser avogada, pola mañá no xulgado e pola tarde no despacho. Interiormente considerábame poeta a tempo completo.

E agora? Agora son escritora a tempo completo. Estou dedicada en corpo e alma á narrativa. Recoñezo que me custou moito traballo asumir que eu era escritora. Publicado O corazón de Xúpiter dicía para min «teño un par de libriños, pero escritora aínda non son».

Cando te recoñeciches como tal? Cando decidín dedicar toda a miña vida á literatura, cando dixen «vou deixar o despacho, vou dedicarme por enteiro á literatura, iso é o que quero facer».

Seguiches sendo unha traballadora autónoma…, pero mudei de epígrafe na Facenda. Dende entón non teño dúbida de que son escritora.

E escritora en lingua galega, outra decisión arriscada? Fun consciente de que este é un risco que dá gusto asumir. É unha cuestión ideolóxica, non me sentiría cómoda escribindo en español. Defendo que dende o galego se pode chegar plenamente a calquera sistema literario do mundo.

Esa decisión adscríbete a un grupo xeracional co que compartes afectos e referentes literarios. Hai un grupo de autores e autoras de lix que compartimos referentes. Series como Dragon Ball ou todo o anime xaponés que nos inflúe a autores como Jacobo Fernández Serrano, Antonio Manuel Fraga ou a min mesma. Compartimos fielmente o imaxinario do cine de Hayao Miyazaki e o de moitas lecturas como as de Astrid Lindgren ou Christine Nöstingler.

E, probablemente, compartides tamén esa vocación agustinista de que a lectura é capaz de transformar ás persoas. Si. Pode parecer unha idea romántica, pero si que confío nesa idea de que a literatura pode mudar ás persoas e en consecuencia contribuír a mudar o mundo. É un dos meus motores principais para abordar o traballo como escritora. Todos limos a Agustín Fernández Paz e o temos de forma inconsciente como referente moral, ideolóxico. O lado humano de Agustín marcoume profundamente. E non só a min. Iso é algo que falamos moitas veces en privado. Afortunadamente iso se reflicte nas nosas obras. Creo que para desempeñar calquera profesión no mundo, para ser un bo profesional, primeiro tes que ser unha boa persoa. Se non é así, algo hai no medio que fai augas. Por fortuna hai moitas persoas que nos une esta idea.

Compartides tamén unha idea da literatura infantil e xuvenil como un xénero non subordinado, un xénero autónomo e con valor de seu. Para min iso está fora de toda dúbida. Sei que hai resistencias. Hai persoas dentro da crítica galega que a min non me consideran, nunca fixeron crítica de ningún dos meus libros. Danse situacións tan curiosas como unha reportaxe que saíu nun xornal galego sobre literatura e gastronomía onde non se mencionaba Escarlatina. Sen ánimo de pecar de egocéntrica, estou practicamente segura  de que é algo feito de forma consciente, que reflicte a non consideración da literatura infantil e xuvenil como unha literatura de categoría.

Iso sucede só no sistema literario galego? Sucede tamén no sistema literario español. De feito nos últimos anos conseguín amizar con varias persoas que escriben literatura infantil e xuvenil en español e teñan a mesma percepción, considérannos autores e autoras de segunda categoría.

O empoderamento das mulleres é un dos eixos da túa obra, presente nas mulleres rebeldes das túas novelas, desde aquela Reina d’ Unha estrela vento (2010), pasando por Isla d’ O corazón de Xúpiter (2012), Escarlatina (2014), Nube de Recinto gris (2014), Extravaganzza Pérez (2016), as mulleres planta (2016), a señorita Bubble (2017),  até Ágata Mcleod, protagonista d’ A balada dos unicornios (2018). Obedece a un proxecto intencionado, creo que hai que reivindicar o papel e a presenza das mulleres no cine, na literatura, nos museos e en todos os eidos da vida social. Como necesitamos tamén máis protagonistas femininas na literatura. Isto obedece tamén a un proxecto persoal no que o empoderamento das mulleres na miña obra discorre de xeito paralelo a miña propia vivencia como muller. Quixen que as miñas protagonistas foran mulleres rebeldes, afoutas, autónomas, libres, con capacidade para rebelarse no mundo no que viven, que non están conformes, que non teñen maior dificultade en dicir «isto non me gusta», «quero ir por estoutro lado». Sobre todo cuestionarse o mundo, que é algo fundamental para nós, cuestionarse a sociedade onde vivimos. Por iso as miñas protagonistas tamén o fan.

Personaxes teus como Escarlatina ou Extravaganzza son moi marcantes para as túas lectoras. Cales foron para ti mulleres importantes como escritora? Non teño dúbida que foron Marga Rodríguez Marcuño, Manuela Pena e por suposto María Xosé Queizán e todo o entorno da revista Festa da palabra da silenciada. Persoas que foron e seguen sendo a día de hoxe fundamentais na esfera do feminismo. E moito lles teño que agradecer.

Tres mulleres que aínda non recibiron todo o recoñecemento por parte da sociedade galega que merecen. Por suposto. Manuela Pena é unha crítica literaria extraordinaria, magnífica, unha muller moi discreta. Marga Marcuño é a tradutora galega d’ O segundo sexo e da obra de Agota Kristoff. Como é significativa a  homenaxe feminista a María Xosé Queizán, que lle fixemos unha chea de mulleres. Outra vez a sororidade como elemento fundamental que fixo posible que chegase unha homenaxe tan necesaria como esa.

Un proceso de empoderamento que se está convertendo nun proceso de cambio real? O oito de marzo foi visible. Comparto a opinión unánime de que aquilo non foi froito da casualidade, senón consecuencia do traballo das mulleres que durante tantos anos abandeiran o feminismo. Foi un punto de inflexión co lazo da sororidade que nos une a todas nós, estou convencida de que á volta de vinte ou vinte e cinco anos a sociedade na que imos vivir non vai ser a mesma, por fortuna, na que vivimos a día de hoxe.

Na literatura galega, até agora, foi eminentemente masculina, cando non abertamente misóxina? Foi así, pero iso está cambiando. Con todo, sei que hai persoas, mesmo do eido da crítica ás que lles custa aceptar que as mulleres teñen un papel decisivo na literatura galega actual. Non se entendería sen o que representamos as mulleres escritoras, sería unha visión parcial do sistema literario. Moitas persoas da crítica en Galicia deberían facer algo de autocrítica neste sentido e darlle unha volta aos seus prexuízos.

Iniciativas  recentes como a revista Criaturas ou a plataforma crítica A Sega están ofrecendo unha ollada feminista e ispen eses prexuízos. É necesario poñer esta perspectiva machista en cuestión porque fai moito dano, un dano brutal tanto para as mulleres escritoras como para o conxunto do sistema literario, xa que están dando unha visión deturpada do seu funcionamento e do papel das mulleres na literatura e na sociedade.

Outro dos teus temas que frecuentas é o da morte, o que pode parecer aínda máis relevante en obras dirixidas ao público infantil onde ate agora foi un tema tabú. Con respecto ao tema de romper tabús para min foi algo importante. Ninguén nos prepara para a dor que provocan as rupturas sentimentais, a dor do desamor, nin para a dor que produce a morte. A dor da perda en ambos os dous casos. Esa cuestión é importante tratala na literatura. Iso era o que tiña na cabeza cando escribín Escarlatina, dende a irreverencia, dende o humor macabro que xa traballara Castelao de maneira brillante, un autor que descubrín cando estaba no instituto e me marcou. Como doutros autores que traballan o mundo do macabro como Bram Stoker, Drácula sempre foi un dos meus libros de cabeceira, que lin xa non lembro cantas veces.

No humor asumes modulacións, xa que tamén empregas esoutro máis refinado, irónico presente n’ A señorita Bubble ou n’ As peripecias de Extravaganzza, tan ao xeito de Roald Dahl. Dahl é outro dos meus autores e síntome super cómoda nese rexistro. Creo que a rapazada o percibe e aí é onde mellor consigo conectar con ela, a través do humor. É o rexistro que nos une, a Ledicia autora co lectorado. A través do humor podo falar de calquera cousa, até da morte. O humor é un vehículo creativo que me pode levar a abordar calquera tipo de tema.

O traballo cos ilustradores, como Víctor Rivas, Andrés Meixide ou Óscar Vilán sempre foi moi valioso para ti? Valiosísimo. Foi coma se eles me activasen algo na cabeza. Polo feito de ver apenas un bosquexo xa me abre ese lado creativo, dispárame a imaxinación. O traballo con eles, uns tipos hipercreativos, facilita multiplicar o valor dos textos.

 Outra liña temática que ves intensificando nas obras máis recentes está vinculada á cultura steampunk coa reivindicación da cultura tecnolóxica, do valor da ciencia, sobre todo para as mulleres, mesmo chegando a mesturar ciencia e fantasía como no teu libro máis recente A balada dos unicornios (2018). Esa mestura é moi atractiva, explosiva para min, unha bomba a nivel creativo. Ese enfrontamento entre corvos e unicornios é ao final unha metáfora dunha loita encarnizada entre o ben e o mal. Neste libro a fantasía está moi presente no deseño das máquinas. A pesar de non ter formación científica, a min encántame os coches, encántame conducir, como me gustan todo tipo de vehículos, o que me levou neste caso a crear un aeronáutico. Atráeme moito o steampunk, a combinación das máquinas coa estética vitoriana, nun escenario como o Londres de Jack o Destripador.

Que é o gótico? Un universo escuro, un universo macabro, un universo vitoriano, pero que ten un punto fascinante. Ese punto que fai que nos atraia tanto o descoñecido, esa barreira que te poñen diante e non podes resistir tentar superala. O gótico é do que non se pode falar, o prohibido que atrae. O gótico e o macabro teñen ese punto prohibido que resulta tan atractivo para o ser humano.

A cultura do steampunk tamén facilita a recuperación da memoria como fixeches en Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2017), a túa particular homenaxe a cidade de Vigo. Síntome moi cómoda cando aproveito os datos históricos da documentación, ese espazos, esas gretas, esas fisuras que deixa a historia, para comezar a coser a ficción literaria. Gústame moitísimo facelo e gocei moito escribindo as mulleres planta con ese Vigo de finais do dezanove e comezos do vinte. Tamén sucedeu cando escribín Un animal chamado Néboa, coa reconstrución na ficción literaria dalgúns episodios da segunda guerra mundial.

Tamén reivindicas a natureza como unha forma alternativa fronte ao mundo tecnolóxico. É fundamental que eu me criase no extrarradio de Vigo, sempre vivín rodeada do monte. Por iso doulle tanta importancia ás raíces, á terra, ao medio ambiente. N’ As peripecias de Extravaganzza Pérez (2018) fíxeno de forma deliberada xa que este é un libro de defensa da ecoloxía, dos animais e do medio ambiente. Creo que na infancia se desenvolven un xeito de ver a vida e de entender o mundo, no meu caso dende a natureza.

No caso de Extravaganzza, un libro con vontade de clásico infantil, deseñaches unha protagonista que nace cunhas lentes postas. Que lentes precisan os nenos e as nenas para descubrir e entender o  mundo actual? Lentes violetas, claramente violetas, son eles e elas o futuro, as que determinarán o que será o mundo. Como non entendo outra forma de entender o mundo que non sexa dende a perspectiva da igualdade e do feminismo, o que precisan son lentes violetas, son fundamentais.

Outro dos motivos recorrente da túa obra é a aceptación da diversidade que enfías co da igualdade e do empoderamento. Es tamén optimista sobre este proceso de recoñecemento das persoas diferentes? Son dous procesos que están indo da man, creo que se están dando pasos para lograr unha sociedade diversa. Podemos falar do recoñecemento do espectro autista, da síndrome de Asperger ou das persoas trans e da diversidade sexual. É o único xeito de que cheguemos a unha sociedade máis xusta, igualitaria e que atende á diversidade. En Recinto gris (2014) tiña todo iso na cabeza, pero recoñezo que é unha obra moi experimental na que tratei de empatar a cuestión da diversidade cunha metáfora do holocausto nazi nun contexto fantástico.

A literatura como unha motivación para a acción, para facer cousas? A min gústame pensar que si, que a literatura pode mudar algo no interior das persoas e por extensión esas persoas poden mudar o mundo. A literatura pode contribuír a mudar o mundo no que vivimos. Con esa idea escribo.

Iso é compartido polo lectorado? Absolutamente. Seino polo contacto que teño nos clubes de lectura, onde se crean uns climas que facilitan as confidencias, que non se provocarían noutros contextos. Establécese un proceso de comunicación moi íntima na que entendes que a literatura fala dos seres humanos e por iso cada persoa que le pode entender a historia dunha maneira e inserila na súa propia vivencia. Iso é algo marabilloso.

 Agustín Fernandez Paz repetiu moitas veces que «a literatura facíase cos fíos da vida» e Xabier DoCampo emendouno na presentación d’ A nena do abrigo de astracán (2017) nunha intervención testamentaria inesquecible dicindo que «a literatura é capaz de esfiañar a vida». Ti onde te colocas entre as afirmacións dos dous grandes mestres nosos? Creo que os dous levan razón. Se me poño no punto de vista de creadora, claro que escribo cos fíos da vida, moitísimas das miñas experiencias persoais, das miñas vivencias están nos meus libros, non sei escribir sen facelo dende min mesma ou das persoas que me rodean, das que son observadora. Mais como tamén son lectora sei que a literatura esfiaña a vida, claro que si, axuda a entendela. Sei que a construción social que impera na realidade manca. Sei que algúns libros como Recinto gris ou O corazón de Xúpiter, a pesar de que teñen puntos de luz, mancan, teñen que mancar porque a vida é esgazadora. A literatura ten que esgazar para que algo quede na persoa que está lendo. A literatura por riba de todo ten que espertar emocións, boas e outras que non o son tanto, que representan a totalidade do ser humano. A literatura ten que remoer cousas, ten que provocar emocións de todo tipo. Cada libro pide un final, eu non escribo finais á carta, nese sentido son bastante instintiva. Fago o que me demanda a historia nese momento.

Nos últimos cursos tiveses unha experiencia moi intensa de contacto cos lectores e lectoras nos centros escolares. É certo que nas aulas se está producindo unha revolución lectora silenciosa? Así é, grazas ao traballo teimoso das bibliotecas escolares e das mestras implicadas na lectura en galego. Cousa diferente é o dominio da competencia lingüística en galego por parte dos nenos e das nenas. A Administración debe ter conciencia que na última década se produciu un dramático retroceso no emprego da lingua galega por parte dos escolares. Percibo que hai veces que en centros de Vigo ou da Coruña a rapazada cústalle moitísimo construír unha frase en galego de forma correcta. Iso é algo dramático. Algo estamos facendo mal. A Administración educativa é unha das grandes responsables. Mais tamén o son as familias, se non lle transmitimos a lingua aos nosos fillos e as nosas fillas, a lingua pérdese. Así como percibo un gran entusiasmo con todo o relacionado coa lectura, que os rapaces e rapazas conectan perfectamente coa ficción literaria escrita en galego, pero logo falan e escriben deses libros en castelán. Len en galego pero teñen unha enorme dificultade para falar e escribir nunha lingua que para eles é estranxeira.

Ti es xogadora de petanca. Que beneficios ofrece este deporte tan francés? É un xogo de estratexia moi familiar. No meu caso xogamos toda a familia, é un momento de lecer que gozamos todos xuntos. Temos un equipo, o Club de Petanca Cabral do que son delegada feminina. Eu son unha persoa moi competitiva, compito, sobre todo, comigo mesma. Na petanca podo facelo con outras persoas,  cando estou competindo é dos poucos momentos no que podo desconectar do universo literario.

Ese carácter competitivo lévache a asumir cada libro como un novo reto literario? A min o tema do reto é algo que me activa moito. Hai que experimentar, o cerebro necesita buscar novas fórmulas, e non sei se iso ten que ver coa petanca ou non, que é un xogo moi divertido, que engancha coma a literatura, algo que teñen en común ambas as dúas disciplinas.

Tras obter o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Escarlatina, a cociñeira defunta (2014) participaches en moitos encontros fóra de Galicia, como ven a nosa literatura dende alí? O que vou dicir é durísimo. Practicamente non nos coñecen. Continuamos sendo invisibles. Coñecen a Agustín Fernández Paz, a Xabier DoCampo, a Manuel Rivas, a Suso de Toro e para de contar.

E cal cres que é a razón? O problema é que se non somos traducidos ao español, que é a lingua que impera, somos absolutos descoñecidos. Ser traducido ao español é requisito para ser recoñecido. Con todo ultimamente hai algunha iniciativa interesante, como por exemplo a de El templo de las mil puertas, unha revista dixital especializada en crítica de literatura infantil e xuvenil, que outorga os «Templis», un premios bastante valorados, que acaba de sacar unha sección para os libros non traducidos ao español.

Boa parte das túas obras están traducidas ás linguas oficiais españolas, algunha ao coreano e inglés e acabas de recibir a versión italiana, publicada por Mondadori, de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Como encaras este proceso de tradución do teu catálogo? Estou moi interesada no proceso de internacionalización e de chegar dende o galego a outras linguas. Sei que hai aínda algún obstáculo que superar, como atopar persoas que traduzan directamente dende o galego, sen pasar pola ponte do español, como fixo Jonathan Dunne con Un animal chamado Néboa, que traduciu para o inglés.

E o papel da intermediación das axencias para conseguir as traducións? É practicamente a única vía para a acceder ao mundo das traducións, o que implica renuncias económicas. As axencias están xogando un papel decisivo, pero as máis importantes non len en galego. Iso ten que ver co empoderamento que precisa a literatura galega e coa profesionalización da nosa literatura.

É posible esa profesionalización dende a lingua galega? É moi complicada pero para min é unha realidade, vai xa para cinco anos que levo vivindo en exclusiva da literatura. Creo no modelo da profesionalización. A día de hoxe non sabería entender o meu oficio doutro xeito. Non sería capaz de simultanear a escrita con outra profesión, iso mermaría as miñas capacidades a todos os niveis. Creo que si é posible, estoumo demostrando a min mesma.

En que traballas este verán, se podes confesalo? Algo podo confesar. Estou traballando de forma simultánea en dous proxectos. Unha novela para persoa adultas, un thriller psicolóxico ambientado nun lugar que é Vigo, aínda que non se diga explicitamente no texto, unha novela que está sendo un reto a nivel estilístico e tamén a nivel literario. E logo practicamente xa rematei unha novela infantil onde o macabro ten un peso decisivo. Despois do verán continuarei coa novela de adultos que compartirei coa escrita da segunda parte d’ A señorita Bubble.