A estatua de Curros na Alameda

Hoxe Ferrín faise eco en Faro do manifesto asinado por centos de persoas que solicitamos ao concello de Vigo que estatua de Curros Enríquez, que se atopa oculta no Castro, nun xardinciño clandestino ao pé do Castelo, fronte ao miradoiro dos Galeóns de Rande, volva a súa ubicación orixinal nos xardíns da Alameda. Esta sería a imprescindible homenaxe ao poeta no ano do centenario do seu pasamento. Hai sete anos nun artigo no Faro xa propuxera esta medida e contara o devir da estatua, traslada ao Castro durante a ditadura, sendo alcalde Portanet. O busto ao noso poeta (obra de Coullat Valera) fora inaugurado en agosto de 1911 e promovido por subscrición popular pola Sociedade La Oliva a instancias de Manuel Olivié. Reproduzo o texto do manifesto:

“Este ano cúmprese o primeiro centario do falecemento de Curros Enriquez, o noso poeta civil por excelencia. Poucos anos despois do seu pasamento, acaecido en 1908, a sociedade “La Oliva”, e mediante aportacións populares, en 1910 púxose a primeira pedra da estatua dedicada a Curros Enríquez. En 1911 foi descuberto e inaugurado aquel monumento na praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda. Un mozo, Manuel Gómez Román, que naquel tempo presidíu a sociedade promotora da iniciativa, participou na homenaxe ao bardo, de quen Xosé María Álvarez Blázquez, escribíu: “Foi un home consciente das inquedanzas da súa época e puxo os seus versos sobre a chaga social do seu tempo, coma un ferro de candentes rebeldías”.
Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións na que pasou pola cidade, en 1877, escribíu aquí, de volta a súa terra, logo dunha delongada ausencia: “Si mi desventura es tal,/de tu sol bajo el imperio,/¡oh Vigo!, préstame leal/una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio”. Máis adiante, en 1904, Curros comentoulle a un grupo de amigos o desexo de vir vivir a Vigo. “O proxecto non pasou dunha lírica arela”, comentou Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Aquelas expresións de afecto a Vigo foron correspondidas por esta cidade tantas veces xenerosa. Non só coa estatua dedicada a Curros, senón con outras homenaxes ao poeta e apoios a súa familia. Primeiro, a súa irmá Sofía e a un fillo desta, residentes en Vigo algún tempo e necesitados de socorro económico; logo, á viúva do gran bardo galego, a quen o Concello chegou a concederlle unha pensión.
Co gallo do centenario do seu pasamento, e en vésperas do centenario daquela homenaxe a Curros, a actual corporación podería e debería rememorar tal data devolvendo a estatua ao seu lugar de oríxe, a Praza de Compostela, onde permaneceu ata que nos anos sesenta foi trasladada ao Castro, lugar no que permanece. Sería unha mostra de renovado afecto a quen manifestou por Vigo tanto amor. Sen dúbida, o alcalde da cidade fará patente a súa sensibilidade ordenando a iniciación do expediente de traslado e a programación dun acto de homenaxe, que os asinantes solicitamos.”

Etiquetas:

Cen anos do Náutico

No artigo da semana celebro a publicación do libro O Real Club Náutico. Cen anos de historia de Vigo de José Gómez Alén. Ademais do libro hai un interesante documental que o acompaña.

Etiquetas:

Historias de Vigo

No artigo da semana fago un repaso polas obras claves da historiografía viguesa anterior a 1960, propoñendo a edición da Historia de la ciudad de Vigo de Avelino Rodríguez Elías, que permanece aínda inédita, a pesar de que o seu manuscrito está “custodiado” polo concello de Vigo dende hai anos.

Etiquetas:

Do deus Momo aos merdeiros

Con motivo do domingo de Entroido, no artigo da semana lembro cómo se desenvolvía en 1877 o Carnaval en Vigo. Daquela era o deus Momo e a suá corte de damas e demos os quen protagonizaba un desfile que se celebraba dende o Campo de Granada ata a Alameda (onde este ano, felizmente, volveu a entroidada da man da Concellaría de Festas).

Etiquetas:

"Merdeiros" de Vigo

Esta noticia de Máis Alá éncheme de ledicia. A volta dos “Merdeiros” a máscara tradicional do Berbés é unha das miñas vellas teimas. Hai sete anos, publiquei o primeiro artigo no Faro sobre esta máscara viguesa dos “merdeiros” ou “escabicheiros” do noso barrio de pescadores, figuras que satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller o escabiche, os refugallos do peixe no peirao do Berbés, co que estercaban as súas leiras. Unha máscara desaparecida a partir de 1936, que pretendía ridiculizar de forma festiva, e algunhas veces provocadora, aos campesiños nun ambiente netamente mariñeiro.
Tivemos noticia dela pola noticia aparecida no libro de Federico Cocho que recollía a descrición realizada por Vicente Risco e debuxada nos traballos etnográficos publicados polo entrañable Xoaquín Lourenzo. A miña proposta foi axiña recollida polo Plan Comunitario de Teis que intentaron reiventar o humilde disfrace de merdeiro: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. Máscara de confección ben sinxela que, se seguísemos a descrición de Risco e Lorenzo, debería enriquecerse na parte posterior do chaleco cunha aplicación de tea que, semellante a dos cigarróns ou a dos peliqueiros, representase símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Tampouco habería que esquecer o pucho de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano ganduxada no alto.
A imaxinación que se lle queira botar e as novas tecnoloxías da costura e dos tecidos poden levar a insólitas variacións na fasquía desta máscara de entroido, xenuinamente viguesa, que protexía as súas partes co peluxe dunha vasoira ou cunha ristra de cebolas, pendurada dun cordel atado á cintura sobre unha faixa azul, verde ou encarnada. Sen esquecer que non lle pode faltar unha vara ou un farol, que poden ser substituídos polo mango dunha vella vasoira ou por unha verza, xa que gostaban de vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Hai dous anos volvimos no Faro sobre a cuestión dando noticia de que a recuperación do disfrace dos merdeiros de Vigo parecía un feito consolidado grazas á iniciativa da Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello (Real 32) e ao traballo de investigación e divulgación de Gerardo González: tivemos oportunidade de coñecer a cinco merdeiros trouleando polas rúas do Vigo vello. Este ano 2008, como se pode comprobar na foto, os mozos mozas da Revolta volverán saír este domingo e martes de Entroido. Beizóns, para estes novos escabicheiros!
Estes días daremos outras notas sobre a historia do entroido tradicional vigués.

Etiquetas:

Triste Museo do Mar

Onte á mañán, aproveitando un día precioso, achegámonos ao Museo do Mar de Alcabre para visitar a súa exposición permanente. Xa tiveramos a oportunidade, algúns meses antes da inauguración, de coñecer algúns destes contidos que centran, definitivamente, o museo arredor do mundo da pesca, como o de Concarneau e Douarnenez. A primeira sorpresa nosa foron tanto o escaso número de visitantes como as importantes carencias de servizos que ofrece a instalación reinaugurada no pasado Nadal. O museo, inexplicablemente, non ofrece unha exposición inaugural que contribúa ao “efecto chamada”, non ofrece material gráfico de apoio aos visitantes (bótase en falta, sequera, un planiño para seguir un itinerario complexo e denso, especialmente nos módulos do soto), non abriu os servizos de restauración (tan importantes hoxe nos museos dirixidos ao público familiar) e, sobre todo, non conta cunha campaña de promoción que o visibilice e anime a súa visita. Con todas estas carencias o museo amósase triste, sen lucir a súa enorme potencialidade, tanto arquitectónica como dos seus propios contidos (a pesar da humildade do seu acuario). Ben sería que se solucionasen, canto antes, estas eivas, para evitar que este museo (no que temos postas tantas esperanzas) caia na mediocridade da Casa das Palabras. Estou convencido que é tan posible como necesario reorientar esta deriva. A Consellaría de Cultura, responsable agora do museo, debe tomar urxentemente cartas neste asunto.

Etiquetas:

Metro para o Gran Vigo

No artigo da semana propoño que se estude a viabilidade dun Metro para o Gran Vigo, inserido nun novo modelo de mobilidade metropolitana baseado no transporte colectivo intermodal. Hai experiencias abondas na península que demostran que isto non é nin unha quimera nin unha fantasía.

Etiquetas:

O ano de don Xosé María

No artigo da semana abordo por segunda vez a figura de don Xosé María Álvarez Blázquez, nesta volta na súa relación con Vigo, cidade da que foi Cronista Oficial e á que dedicou dous dos seus máis importantes libros, La ciudad y los días e Vigo y su historia. Nas próximas semanas pretendo rematar a serie cun traballo sobre XAMB editor. Sei que a figura de don Xosé María ocupará unha importante atención nestas bretemas ao longo deste ano. Non é casual que o primeiro libro que nos chegou do prelo foi, o pasado venres, a Poesía galega completa en edición de Xavier Rodríguez Baixeras; na próxima chegara a nova edición de Roseira do teu mencer (que incluímos na colección Xerais Merlín e diriximos ao escolares de Primaria) ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico e un estudo literario sobre o poemario preparado por Darío Xohán Cabana, autor tamén dunha importante biografía que sobre o editor e escritor tudense publicaremos a finais de xaneiro.

"Vigo por Magar III"

Hoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.

Etiquetas:

O Vigo de 1800

Javier Mosquera, o xornalista que mellor coñece a historia viguesa, publica hoxe en Faro unha reportaxe moi interesante para coñecer o Vigo de hai douscentos anos. De viliña mariñeira e amurada a volcán de dinamismos. Merece arquivarse no blog. De interese didáctico.

A imaxe é unha reconstrucción realizada por Carlos Núñez.

Etiquetas: