Menos velocidade

No artigo da semana critico a celebración na ría de Vigo do Festival Aéreo e dunha proba do campionato do mundo de Powerboat P1. Creo que son espectáculos de velocidade incompatibles cunha cidade que actualmente lidera a Rede Cidades polo Clima.

Vigo 1929, 1960, 2006



Grazas aos amigos de Vigoblog coñecín estes tres vídeos do Vigo da memoria, 1929, aproximandamente cando naceron moitos dos nosos pais e 1960, cando nacemos nós. O de 2006, alén da simpática montaxe fotográfica que serve para facer algunhas comparacións, ten o engado da canción de Siniestro. Debemos agradecerllos a Carlos que os subiu ao tube.
As dúas pezas da memoria están unidas polo seu interese polo perfil da beiramar que semella para as dúas constituír o elemento identitario da cidade. No de 1929 pode identificarse a Porta do Sol, Príncipe (á altura do cárcere), os tranvías circulando por Policarpo Sanz, a praia mariñeira e porto pesqueiro do Berbés, o Campo de Granada e o castelo de San Sebastián, a fasquía da cidade dende o mar e a travesía en vapor a Cangas. No de 1960, impresiona o comezo co percorrido pola beiramar toda (un Vigo aínda aberto ao mar), o paseo de Afonso e a súa oliveira, a farola de Jenaro de la Fuente en Colón, o edificio do Tinglado General de Empaque no Berbés, Guixar, as escaleiras do Pirulí, o bulevar da Gran Vía, a recén aberta rúa Coruña cos edificios de sindicatos da praza da Indusria, o Instituto Santa Irene en Travesas, os estaleiros de Barreras, a sede do Naútico e os seus peiraos, os polbeiros do Berbés e o unha proba do concurso hípico no Campo da Florida.

Vigo: Mercado da Laxe

O meu amigo Celso López Pazos envía unha nova foto do arquivo Pacheco. Reproduzo o seu pé de foto:

A esquerda da foto, ao fondo, vese a casa dos Irmans Suarez (1920), obra de José Franco Montes), onde no baixo estivo a cafeteria Sol y Mar e a casa de cambios Etchevarria. Ao seu carón, a casa de Rodrigo Sanchez Padín, obra de Pacewicz (1901) demolida a mediados dos sesenta e que hoxe é a casa construída por Bar Boo. O mercado da Laxe foi deseñado e planificado por Benito Gómez Roman e inagurado en 1905. Posiblemente a foto de Pacheco, pero publicada por PPKO, sexa de mediados dos anos vinte. A dereita xurde a insinuante silueta do edificio da Mala Real Inglesa (Durán) construído en 1912 por Jenaro de la Fuente y Dominguez. Entre a casa dos Suárez e o Mercado, está o Hotel Continental, tamén obra de Jenaro de la Fuente, o mellor de Vigo, ata que en 1904 entrou a funcionar El Moderno, obra de Pacewicz para o primeiro Conde de Torrecedeira (Manuel Barcena y Franco). O lugar do Maercado ocúpao, desde 1967/68 , o Hotel Bahia.

Premer na imaxe para vela grande.

Vigo: A Gran Vía (1942)

Hoxe recibín por correo estas dúas fotos, pertencentes ao Arquivo Pacheco, do comezo da Gran Vía viguesa (1942). A de arriba corresponde ao inicio da construción do edificio da libraría “La Rápida” (hoxe a zapataría “Curva”), un dos primeiros rañaceos vigueses co estrutura de formigón. A de abaixo corresponde á mazá onde se construíu o Hotel Lisboa (hoxe Zenith Vigo) e o molote do Ambulatorio da rúa Cuba. Os chalets, de fasquía arquitectónica rexionalista, deben ser de Manuel Gómez Román. Cada vez que me asome á ventá saberei que diante da miña casa estaba a cidade xardín.

Nota: premendo sobre as fotos poden verse a un bo tamaño.

Festas laicas

No artigo da semana felicito á concellaría de Cultura de Vigo polo seu programa de Festas verán 2008, ao tempo que aproveito para reflexionar sobre o carácter laico que deben ter este tipo de eventos e dos comportamentos das autoridades e funcionarios civís.

O fracaso da área metropolitana

No artigo da semana abordo o que entendo son as razóns do fracaso do proxecto da área metropolitana de Vigo. Creo que o cerne reside na incapacidade das forzas parlamentarias de acadar un acordo sobre a organización administrativa e política do territorio, para min, a grande revolución que precisa o país.

O problema de Vigo

Recomendo esta atinada reflexión que realiza Pablo Eifonso sobre o problema de Vigo. O caso Urbán, como a opereta do Plan Xeral, a custosa montaxe publicitaria da Universiada, o funcionamento bipolar do goberno municipal, a absurda politica de mobilidade, o fracaso do planeamento metropolitano e tantas outras decepcións sinalan que o Vigo deste novo século non arrinca. A cidade, a pesar do seu pulo industrial, amodiño parece quedar anestesiada pola síndrome da mosca azul que afecta aos políticos e forzas vivas locais (en afortunada metáfora do Frei Betto), aparcando calquera proxecto de modernización e transformación con participación cidadán. Non nos enganemos, sobre a cidade nosa non caíu ningún mal fario; o noso non é un problema de mala sorte conxénita que nos impida avanzar como están facendo outras cidades do noso entorno coas que competimos. Como moi ben sinala Eifonso, esta cidade precisa dunha nova cultura urbana, superadora da enfermidade dun rancio localismo de tres pesetas. Unha cultura que –engadiría eu, inserida na nosa memoria de abella atlántica da ribeira– fose asumida polos políticos locais e apupada polo protagonismo da cidadanía e do planeamento estratéxico. Recuperar aqueles azos do municipalismo galego de comezos dos noventa penso que sería unha oportunidade para evitar caer na desolación. Coa crise do Celta, abóndanos.

A proeza de Barreras

Esta mañá abrindo o Faro quedei pampo coa nova proeza de Barreras. Este buque de prospeccións sísmicas, o primeiro de proa invertida (ou en forma de torpedo) construído en España, é unha mostra da formidable capacidade técnica do primeiro asteleiro privado galego. O actual proxecto empresarial de Barreras, baseado na competitividade proporcionada pola innovación tecnolóxica, aposta pola confianza nas propias posibilidades: “canto máis difícil sexa o proxecto, mellor, maior valor engadido”, afirma Francisco González Viñas, presidente da compañía. Este modelo empresarial semella que cunde, xa que outros asteleiros da ría comezan a emular a estratexia. Así, o sector naval vigués ten carteira completa de pedidos ata 2013, un feito incrible para un sector industrial que, non o esquezamos, sufriu a comezos dos anos oitenta unha durísima reconversión. Mañá, Barreras botará outro buque, neste caso un ferry ultrarrápido de Balearia para cubrir a liña Denia-Ibiza-Palma. Outra marabilla. Os éxitos de Barreras amosan as posibilidades de poñer en valor os nosos sectores produtivos. E unha última reflexión: se somos dos poucos países do mundo que sabe e pode facer embarcacións de todo tipo, que agarda o goberno Zapatero para desbloquear Navantia Fene?

Editorial Cíes e Marcial Lafuente Estefanía


No suplemento “Estela” (do dominical de Faro de Vigo), J. A. Otero Ricart publica unha interesantísima reportaxe sobre a Editorial Cíes, fundada en Vigo en 1941 por Eugenio Barrientos, o daquela propietario da libraría Tetilla, e destinada a edición de publicacións populares. Barrientos comezou publicando novelas policiais, mais consolidou a súa actividade (durante máis dunha década) coas novelas de vaqueiros de Marcial L. Estefanía, un escritor republicano que se asentou daquela nas Travesas (do que actualmente se prepara un documental). Na reportaxe, da man de Federico, o fillo de Estefanía (actual propietario de Cíes), relátase aquela interesante peripecia editorial da que tiñamos noticia polos traballos de Francisco Fernández del Riego. Para a recuperación da memoria da edición en Galicia, conviría seguir afondando no traballo desenvolvido por Barrientos que, ademais, das populares novelas de vaqueiros publicaba textos de literatura xuvenil de rancio sabor franquista (dos que temos só noticias dalgún título da súa colección “Amenus”). Seguiremos procurando noticias de Cíes.

Clicando sobre as imaxes pode lerse a reportaxe.