A memoria da lingua

A memoria da lingua from as candongas do quirombo on Vimeo.

Recomendamos moi vivamente este documental (39 minutos) no que son entrevistadas vinte persoas que achegan a súa memoria histórica da lingua galega. Beizóns ás Candongas do Quirombo.

Virxilio Viéitez no Marco


https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2010/10/25_Virxilio-Vieitez1.jpg

Cando se cumpren dous anos da morte de Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, acaba de inaugurarse un completísima exposición retrospectiva no Marco (case trescentas pezas) que desvela boa parte da súa obra que permanecía inédita. A exposición, coproducida polo Marco e pola Fundación Telefónica e comisariada pola italiana Enrica Viganó, vai máis alá do Viéitez que coñeciamos pola exposición e polo libro que hai doce anos publicaran Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón para O Centro de Estudos Fotográficos. Desta volta preséntase o que podedmos denominar «Virxilio total», con atención especial ao retrato dos documentos de identidade sobre fondo branco (de grande interese documental e etnográfico), así como o inicio da súa utilización da cor, que coincide cun momento de profundo cambio social (e político). Como sinala Enrica Viganò cada un destes retratos de Virxilio crávansenos na memoria pola súa elegancia formal, xa que cada unha das súas fotografías é «intensa, nítida e potente». Unha exposición que paga a pena visitar devagariño. Hai tempo para gozala, xa que estará aberta até o 24 de abril. Agardamos a poder coñecer o catálogo, chamado a se converter nun clásico da arte contemporánea galega.

Aquí pode descargarse en pdf unha guía de 32 das fotografias da exposición.

1 de 200

No artigo da semana de Faro de Vigo presento a iniciativa de Implicadas no Desenvolvemento e reflexiono arredor do Pacto Galego contra a Pobreza, asinado polos tres grupos parlamentarios coa Coordinadora Galega de ONG polo desenvolvemento.

«A memoria da lingua», trailer

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/sTvqD0kN4XI" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Avance do documental A memoria da lingua realizado polas Candogas do Quirombo. Semella que será moi interesante. Como tamén é imoi recomendable esta anotación de Carta xeométrica, «A lección de dona Pepita», sobre o vídeo de «Vivir cada día» recuperado polo blog Friol.

«Todo é silencio» de Manuel Rivas, o segundo capítulo

Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con certeza. Boa lectura deste adianto.

A páxina en pdf de Faro de Vigo pode baixarse aquí.

Matilda vai á biblioteca

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/bOplIzj6dOM" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Memorable inicio de Matilda, a película baseada na novela do meu admirado Roald Dahl. Matilda vai á biblioteca e inicia o seu interese polos libros. Uns minutos contundentes sobre a paixón pola lectura.

BlogDay 2010

Seguindo a tradición de cada 31 de agosto recomendo cinco novos blogs que descubrín ao longo deste ano:

  1. Carta xeométrica: unha referencia diaria de rigor no combate cívico a prol da lingua galega.
  2. Planeta dos Equipos de Normalización Lingüística: un agregador dos cada día máis numerosos blogs dos Equipos de Normalización Lingüística. Unha ferramenta imprescindible na loita cívia da lingua, un recurso didáctico utilísimo.
  3. ebouqin, un espazo en francés sobre o libro electrónico que achega un contrapunto interesante á visión anglosaxona.
  4. Caustic Cover Critic, un referente para o noso traballo portadístico e de comunicación editorial.
  5. Bibliobsession, un bibliobog fermoso dun xove bibliotecario francés.

As miñas tardes con Margueritte

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/tupzxVT1ItQ" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

A pesar de que cada vez que vexo unha película de Gerard Depardieu saio do cine coa sensación de que xa a vira (seguramente polo afán do mangallón de defender os valores da república, á hora de escoller os seus guións), animeime a ir ver  As miñas tardes con Margueritte, unha desas películas con afán claramente educativo (útiles como recurso didáctico e civico), que cada ano entran de forma milagreira nas nosas carteleiras. Esta narración da historia de amizade (amor) que prende entre un mozote aldeán (Depardieu) e unha vella científica (Casadesus) serve para expresar o valor dos libros e da lectura como transformadores da vida dos seus lectores. Esta e unha película que aborda en toda regra o valor dos libros e da lectura para a vida: a lectura como chave para comprender a propia identidade e o mundo que nos rodea (a viaxe interior o mundo das tebras familiares que emprende o protagonista); a lectura como porta para acceder ao descoñecido; e, sobre todo, a lectura compartida (e en alta voz) como xeito de expresar tamén os afectos e compartir unha vida que pague a pena. A abordaxe das relacións do protagonista coas vellas, tanto a súa amiga lectora que vai quedando cega, como coa súa coraxuda nai, perdida de por vida nos seus labirintos, son outros temas a salientar. A pesar dese indubidable interese temático (unha rareza no cine espectáculo actual), a narración é moi fráxil, a trama tan dóce e previsible, os flashback tan pesadiños e innecesarios, os dous protagonistas tan boíños e sen arestas ningunhas, e o final tan feliciño e tópico (bocatas vexetais incluídos) que só a presenza do enorme Depardieu e da entrañable Giséle Casadesus evita o desastre máis absoluto. A película adapta a novela homónima de Marie-Sabine Roger, que con seguridade debe posuír a febra ficcional,  a intensidade e profundidade narrativa que lle falta a este relato cinematográfico.

A Importancia da lectura

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/OO0hbom8tHc" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Moi recomendable esta conversa entre Joaquín Rodríguez e Sergio Vila San Juan sobre a importancia da lectura. Coincido con eles plenamente. Lectura e cidadanía, velaí a clave.

Vía Trafegando ronseis.