Día do libro, David Pintor
/en Cultura, Efemérides, Ilustración, Imaxes, Libro, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemasGrazas a David Pintor pola súa achega, un agasallo que nos fixo aos editores galegos. 
Día do Libro
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Cultura, Efemérides, Goberno Feijoo, Lectura, Libro, Política, Recurso_didáctico/por bretemasDedico o artigo de Faro de Vigo desta semana a celebración do 23 de abril, Día do libro e dos dereitos de autor.
Mañá, 23 de abril, celébrase en máis dun cento de países o “Día do libro e dos dereitos de autor”, unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro “animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural”. Promovida internacionalmente polo sector editorial español, que xa a viña celebrando dende 1930, coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega (unha chiscadela da historia) e coa festa cívica catalá do Sant Jordi, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, do fomento da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase “Ler para vivir” (#lerparavivir) nas redes sociais e nos actos organizados en Bangkok, cidade tailandesa declarada capital mundial do libro 2013.
Para a Unesco, é innegable o poder de convocatoria que ten o libro en todo o mundo “para transmitir a cultura dos pobos e os soños dun futuro mellor”. Baixo as súa diversidade de fasquías e formatos ao longo da historia, o libro é unha das creacións máis egrexas que fixo a humanidade, a soá que cada cultura modula en cadansúa lingua. O libro é unha creación xenial da humanidade concibida para xerar a lectura, unha actividade cognitiva individual, enmarcada nun contexto social, que Alberto Manguel considera nos define como especie, capaz de transformar a cada unha das persoas e capaz de axudar a mudar o mundo ofrecéndolle coherencia e sentido. Razóns polas que o acceso de toda a cidadanía en igualdade de condicións á riqueza dos libros, expresada na súa diversidade lingüística e cultural, constitúe un obxectivo para a comunidade internacional e unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos de cada un dos estados. Esa bibliodiversidade é un patrimonio común de toda a humanidade a preservar que, como sinala o manifesto da Unesco, “fai do libro moito máis ca un obxecto puramente material, a máis fermosa invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo”.
Esta efeméride non pode ser allea ás profundas transformacións que está vivindo o libro. Un tránsito entre o paradigma da edición impresa, fixado hai apenas cinco séculos pola imprenta gutemberiana, cara ao paradigma da edición dixital, desenvolvido polas utilidades hipertextuais e a disrupción que supuxo internet para facilitar o acceso á información e ao coñecemento. Un tránsito que provoca a coexistencia do libro nos formatos impresos e dixitais (libros impresos e libros dixitais) nunha hibridación enriquecedora e moi estimulante para o lectorado e para os profesionais da edición. Mais tamén, un proceso de mudanza non exento de problemas, sobre todo os que atinxen aos perigos da uniformización cultural que pode supoñer o control da distribución dos contidos dixitais en mans dunhas poucas empresas (estadounidenses) e as dificultades para crear unha nova cadea de valor sostible para a edición dixital compatible cos dereitos de autores e editores.
Neste 23 de abril, instalados ademais en plena crise deflaccionaria, con efectos moi virulentos sobre a redución das vendas do sector do libro, non podemos esquecer que a industria editorial achega un valor importante na xeración de emprego, na produtividade e na innovación. En termos económicos, con 23.000 millóns de euros de facturación, o sector do libro constitúe hoxe a primeira industria cultural en Europa, por diante da música, do cine e das artes escéncias. Outrosí sucede en España, onde a industria e o comercio do libro, ademais da súa indubidable contribución ao pluralismo cultural e lingüístico, é tamén a primeira industria cultural (2.772 millóns de euros de facturación), mais tamén a que menos achegas públicas recibe.
Con motivo deste día do libro, os editores galegos fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo, a realización dun plan de fomento de lectura son algunha das medidas que os editores galegos reclamamos aos poderes públicos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006. Feliz día do libro!
Onte 587: O «Tastarabás» de Cortizas, a recuperación do noso patrimonio lúdico
/en Autores, Educación, Etnografía, Galerías de fotos, Literatura infantil e xuvenil, Novidades, Onte, Presentacións, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemasMoi emocionante foi a presentación de Tastarabás, a grande enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas celebrada no serán de onte no IES Canido, centro onde traballa e barrio ferrolán onde naceu o autor. A intervención de Paco Veiga, membro da Asociación Galega do Xogo Popular e tradicional, tamén un dos catro prologuistas da obra, que expresou a representación de moi diversos colectivos do movemento asociativo a prol da recuperación do patrimonio lúdico galego, encadrou Tastarabás coma unha obra colectiva que forma parte dunha tradición: “un traballo de todos, iniciado pola Xeración Nós, dende o volume Terra de Melide, continuado nos anos oitenta polo libro de Arturo Romaní e outros compendios de xogos tradicionais e, a partir dos noventa, pola súa posta en valor por asociacións e colectivos diversos de todo o país”.
Para Veiga “Tastarabás era a peza que faltaba na recuperación do noso patrimonio lúdico”. Salientou, despois, que “esta presentación era un fito na historia de Galicia, xa que aquí está un cacho da nosa historia, que parte do máis íntimo”. “Tastarabás é un saco vivo onde teremos a nosa disposición para sempre unha obra universal, xa que en todas partes se xoga a case todo, aínda en cada lugar o xogo se adapta as súas necesidades”. Para Veiga outro dos grandes méritos do autor foi “a súa preocupación por sistematizar os xoguetes, como tamén a de proporcionar á inxente bibliografía e documentos que consultou, como as referencias literarias de cada peza, o que constitúe un paso fundamental na investigación e recuperación do noso patrimonio lúdico”. “Tastarabás é un libro para todos os públicos, para toda a familia, para os nenos e nenas, para os vellos, para todos”, rematou Veiga.
Comezou Cortizas expresando a súa gratitude e emoción por presentar o libro no seu barrio e no seu centro de traballo. Encadrou Tastarabás como unha ferramenta educativa, “neste libro están todas as competencias básicas que se pretenden desenvolver na escola”, e lembrou que o xoguete é unha cultura que forma parte do currículum. Lamentou que na última década se producise o declive da transmisión lúdica na infancia, un proceso acelerado pola televisión e internet, razón pola que reclamou que “o futuro do xogo tradicional e os seus valores se producise na súa recuperación escolar”.
Coincidindo coa presentación, no IES Canido instalouse unha magnífica mostra dalgúns dos xoguetes tradicionais elaborados polo autor no proceso de escrita deste Tastarabás. Outra sorpresa foron as galletas tastarabás (moi larpeiras) que apareceron sobre a mesa á hora dos petiscos. Foi un serán ferrolán que deu moito xogo. Beizóns a Cortizas por semellante proeza froito de dez anos de traballo!
Onte 586: “Do estigma á estima”
/en Ensaio, Lingua, Novidades, Onte, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemas
Enviamos ás librarías Do estigma á estima, un importante ensaio de Valentina Formoso, no que se realizan propostas para un novo discurso lingüístico. Partindo dunha investigación cualitativa sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Educación Secundaria, Formoso ofrece unha reflexión conducente a formular alternativas destinadas a frear o que semella imparable tendencia desgaleguizadora. É unha beizón poder editar obras sobre a lingua que asuman este enfoque proactivo fomentador de representacións positivas para a lingua. Formoso arrisca e propón novas estratexias de planificación lingüística para actuar no ensino, mais tamén para mudar as representacións negativas e reforzar as positivas, xa que para ela a clave do futuro da lingua reside en “atender de xeito urxente ao imaxinario social sobre a lingua galega, en especial ao que posúen os galegofalantes”. O futuro da lingua galega non está fixado, como pretende facernos crer as posicións negacionistas. O futuro do galego depende de nós, das persoas galegofalantes que decidamos conservar a lingua propia e traballemos para mudar as actitudes negativas e prexuízos sobre ela instalados no imaxinario galego. Como salienta a autora nas páxinas finais “no camiño da normalización do galego chegamos a un treito que se presenta duro, mais non debemos parar”.
Serra do Galiñeiro
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Eventos, Medio_Ambiente, Política, Recurso_didáctico/por bretemas
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo as ameazas que sofre a Serra do Galiñeiro, unha das alfaias da natureza na nosa área metropolitana, ameaza pola instalación dun parque eólico e polas catas dunha prospeción mineira coa intención de «determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras».
A coroa vexetal da área metropolitana viguesa, xunto á marabilla da ría, son as dúas principais alfaias da natureza ao noso coidado. Un patrimonio natural trazado pola cordal da Serra do Galiñeiro que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui. Os outeiros do monte Alba, o miradoiro do Cepudo e o pelouro do monte Galiñeiro (711 metros) constitúen referentes na paisaxe dos vales do Fragoso, A Louriña, o Val Miñor, o Baixo Miño e do propio Morrazo, ademais da orixe de regueiros e regos que manteñen afluentes dos ríos Zamáns, Vilaza, Chenlo, Miñor e Louro. Coa única excepción do Monte Aloia (629 metros) no concello de Tui, declarado parque natural en 1978, o resto da Serra do Galiñeiro, a pesar dos seus valores naturais, culturais, etnográficos, económicos e sociais carece de calquera figura de protección. Unha anomalía incompatible coas directivas europeas de protección dos espazos naturais, como denuncia o movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, formado por catorce colectivos veciñais, deportivos, ecoloxistas e culturais, que reclaman a súa inclusión na rede galega de espazos protexidos.
O patrimonio natural da Serra do Galiñeiro está en perigo, a mercede dos cada día maiores intereses económicos que puxeron os seus ollos na riqueza que atesoura este espazo natural e cultural. A plantación masiva de eucaliptos, piñeiros e acacias reduce a biodiversidade dun espazo onde nas turbeiras e breixeiras húmidas se localizan endemismos florais como carrasco da turbeira e outras plantas en vías de extinción. Como agresivas co hábitat son a proliferación de canteiras, algunhas ilegais, outras abandonadas sen ser restauradas, e os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo, agochados na impunidade do monte. Outrosí sucede coa apertura incontrolada de pistas e a súa ampliación con terra e entullo, e mesmo o seu asfaltado, co seu impacto brutal sobre as drenaxes dos mananciais, presas, levadas e muíños de auga, coa única intención de ser utilizadas por todoterreos, motos de cross e quads, vehículos moi agresivos para un espazo que lle é propio a endemismos como a saramaganta, á ra patilonga e ao cabalo do monte (raza autóctona declarada en perigo de extinción), un dos últimos cabalos salvaxes que quedan en Europa. Ameaza para os cabalos en liberdade, como para as aves que alí nidifican ou utilizan a serra como paso migratorio, que se incrementaría co proxecto intrusivo de instalación dun parque eólico que modificaría de forma irreversible esta paisaxe.
O patrimonio xeolóxico e cultural da Serra do Galiñeiro tamén está ameazado. A monumentalidade paisaxística das formacións de gneis de riebeckitanos, eses grandes pelouros do cume do Galiñeiro desafíados polos escaladores de todo Galicia, desaparecería de instalarse o aberrante parque eólico. Tamén estarían en perigo cavidades de valores xeolóxicos singulares, mais tamén orixe e morada dun amplo patrimonio de tradición oral, como a Cova da Becha (orixe dun culto relixioso non cristiano, ao que Ferrín dedicou artigos memorables) en Vincios e A Lapa da Moura en Morgadáns, covas estudadas polo Club Espeleolóxico Maúxo. Como quedarían afectadas as pegadas da presenza humana en xacementos de petróglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, en mámoas como as de Chan das Moutas ou na fortaleza altomedieval do Galiñeiro. Un patrimonio arqueolóxico e etnográfico que ben merecía ser protexido sendo declarado Ben de Interese Cultural.
Como nova e grave ameaza supón para o futuro da Serra do Galiñeiro a solicitude da multinacional sudafricana Umbono Capital de realizar catas de prospección mineira nunha zona de monte entre os concellos de Mos e O Porriño coa intención de “determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras”. Un eufemismo que non pode ocultar que procuran alí a existencia de itrio, escandio e outros minerais utilizados para a fabricación das baterías dos móbiles e automóbiles híbridos ou de pantalla de raios X.
Mais e sobre todo, o que está en perigo na Serra do Galiñeiro é un modelo de desenvolvemento sostible, tanto das actividades agrarias (especialmente o pastoreo de gando ceibe, a agricultura ecolóxica e aproveitamento forestal) como das deportivas (escalada, ciclismo de montaña, equitación, carreiras de montaña e orientación), culturais (celebración dos curros de Vincios e Morgadáns) e de turismo e lecer (senderismo, visita aos parques arqueolóxicos, colleita de cogomelos, etc.).
Esta alfaia do noso patrimonio natural e paisaxístico precisa do agarimo e compromiso de todos. Así o exixirán o vindeiro domingo 21 de abril os participantes na IV Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que saírá as 10:30 horas do Parque Forestal de Zamáns.
Onte 583: Co arquivo de Guillermo Cameselle
/en Artes Visuais, Galerías de fotos, Historia, Imaxes, Medios, Memoria, Onte, Recurso_didáctico, Vigo, Xerais, Xornalismo/por bretemasTiven a fortuna de dedicar moitas horas do sábado ao estudo do arquivo do fotógrafo Guillermo Cameselle, xa que é a nosa intención publicar a comezos do vindeiro outono, coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, un primeiro libro antolóxico da súa obra. Coa axuda imprescindible dos seus fillos (Guillermo, Rosa e Fernando) intentamos escolmar unha mostra representativa das máis de 30.000 fotografías do seu arquivo, que percorren a historia da area metropolitana de Vigo durante un cuarto de século, de 1980 a 2005. Cameselle foi fotoxornalista de Faro de Vigo durante este período, o que lle permitiu construír día a día unha crónica impresionante dun período decisivo no que a cidade revolcada sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente o seu perfil urbano. Cameselle foi moito máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, esforzándose en ofrecer nas páxinas do Faro un traballo de composición limpo e rotundo en cada peza, no que deitaba unha ollada profundamente conmovedora, non exenta de humor e ironía. Aventuro que o libro vai ser outra arca para a memoria nosa. Para abrir boca, ofrezo unha pequena escolma de pezas que é probable aparezan no libro.
Onte 582: «Unha vez», poema de Celso Emilio musicado por Enrique X. Macías
/en Autores, Memoria, Música, Onte, Poesía, Recurso_didáctico/por bretemas
Recibín na caixa de correos un envío de Luís Ferreiro que me deixou abraiado: a composición «Poema de Requiem» que Enrique X. Macías realizou, entre o nadal de 1977 e o mes de xaneiro de 1978, sobre o poema «Unha vez» de Celso Emilio Ferreiro. Polo que puiden comprobar na primeira ollada, Macías envioulle a partitura a Celso, con quen mantiña relación de «admiración e amizade», e dende entón quedou nos arquivos do poeta. A peza para voz de soprano, banda magnética, dous magnetofóns, dous percusionistas e piano nunca se chegou a interpretar e (até o que eu sei) nunca foi incluída no catálogo do músico autodidacta vigués, moi atento sempre a mantelo vivo e actualizado. Emocionoume ver nas páxinas da partitura a caligrafía característica de Enrique, un dos creadores máis decisivos da miña xeración. Agradezo moito a Luís Ferreiro semellante galano que nos permite lembrar con saudades a un amigo inesquecible.
Aquí pode baixarse en pdf a partitura da man do seu compositor.
Onte 572: Menela
/en Educación, Efemérides, Iniciativas, Onte, Recurso_didáctico, Sociedade, Vigo/por bretemas
Celebrouse onte o Día Internacional do Libro Infantil, mais tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Unha efeméride destinada a contribuír á defensa da dignidade, dos dereitos e da mellora da calidade de vida daquelas persoas incluídas no que se denomina «Trastorno do Espectro do Autismo» (TEA), unha doenza que se estima no mundo afecta a 35 millóns de persoas, a 1 de cada 150 escolares. Superar os prexuízos e falsas crenzas existentes sobre as persoas con discapacidade ou con trastornos do espectro autista é un requisito imprescindible para conseguir a súa participación social e unha sociedade en real igualdade. Un labor inclusivo que dende 1989 leva realizando en Vigo e a súa comarca Menela, a institución educativa e asistencial, hoxe unha fundación, da que leva termando de forma incansable e xenerosa o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas. Dende a creación do seu centro de formación e recursos da rúa Laxe, proxecto pioneiro na recuperación urbana do Casco Vello de Vigo, até a empresa Castro Navas de Priegue, na que traballan persoas maiores con TEA, hoxe sesenta profesionais de Menela atenden a 149 persoas nos seus diferentes proxectos. A inclusión educativa e laboral de persoas con TEA, asi como a atención temperá a nenos que padecen este trastorno constitúen os seus principais obxectivos. Unha actividade da iniciativa privada que sofre as penalidades dos recortes dos poderes públicos, capeando o mellor que pode semellante temporal. Como sinala Cipriano Jiménez Casas no artigo que publica hoxe en Faro de Vigo: «o mundo do autismo non esta feito de silencio nin de illamento; precisa concienciar e participar». O traballo da Fundación Menela merece o noso maior recoñecemento e apoio.
Onte 568: «Noite e brétema» de Alain Resnais
/en Cine, Dereitos_humanos, Educación_para_a_Paz, Historia, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemasEsta película documental (32 minutos) do bretón Alain Resnais sobre a deportación e exterminio nos campos nazi é proxectada decote nas clases de Troisième (curso equivalente a 4º de ESO) dos collèges franceses para ilustrar o tema da Segunda Guerra Mundial e o nazismo.
Realizada en 1955, en plena guerra fría, a partir de material de arquivo, esta alfaia do primeiro Resnais (filmada catro anos antes da súa primeira longametraxe, Hiroshima mon amour), constituíu dende entón un muro contra o esquecemento e un alerta dos riscos da banalización do racismo e de calquera forma de totalitarismo. O monólogo poético de Jean Cayrol, supervivente de Mauthausen, locutado por Michel Bouquet, achégalle ao filme grande dramatismo, desvelando (dende o propio título) o veo de silencio que sobre estas atrocidades foron tecendo as autoridades alemás.
As imaxes son brutais, inesquecibles, mostra da faciana máis nefasta da condición humana. As secuencias finais, nas que se citan os famosos «nove millóns de mortos» (unha cifra estimada hoxe entre os cinco e os seis millóns de vítimas do exterminio), apelan á responsabilidade colectiva, non só da sociedade alemá, tamén do conxunto da humanidade con respecto ás atrocidades nazis. «Quen é responsable?» é a pregunta que fai Resnais nesta peza memorable. «A guerra adormece cun ollo sempre aberto. Quen de nós vixía desde ese estraño outeiro para advertir da chegada de novos verdugos?» é outra pregunta fulcral coa que remata este chamamento á cidadanía a construír a memoria e a manterse á espreita fronte calquera forma de totalitarismo. Noite e brétema non perdeu interese. Constitúe un excelente recurso didáctico e de formación cidadá.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
O Vigo de Otero Pedrayo6 de Xaneiro de 2026 - 9:54 a.m.
Aguinaldo4 de Xaneiro de 2026 - 3:06 p.m.
Contafíos31 de Decembro de 2025 - 5:53 a.m.
Vigo en tres paisaxes30 de Decembro de 2025 - 7:02 a.m.
Primeiro Conto de Nadal24 de Decembro de 2025 - 6:57 a.m.





























