Alfonso ou o compromiso do entusiasmo

Alfonso Álvarez Cáccamo escribiu no libro d’ Os aforismos do riso futurista (Xerais 2016) que «o destino é un cabalo desbocado». Sabía que por moito que galopemos no seu lombo, xamais lograremos domesticalo, o que non impediu que a súa vida enteira fose un modelo de compromiso coas causas do entusiasmo e coa construción dunha amplísima comunidade de afectos. Foi Alfonso o escritor galego da súa xeración que mellor soubo empregar o humor e a creación de mundos imaxinarios como estratexia narrativa. Ferramentas coas que construíu un coidado e excelente catálogo narrativo, con novelas tan logradas como As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais 1990), premio Xerais; O bosque de Levas (Galaxia 2008), trasladada ao cine (2006) ou Os Gotten (Xerais 2014), retrato dunha familia viguesa, culta e emprendedora, onde todos os seus membros posúen a xenerosidade e o grato sentido do humor como marcas da historia común de varias xeracións. Catálogo que ampliou ao relato, con títulos como Catapulta (Xerais 1995) ou Contos mamíferos (Cumio 1998), onde combinou  o exercicio da creatividade verbal co deseño audaz de personaxes esmedrellantes e festivos.

Enxeñoso, alegre, entrañable, Alfonso contaxiaba alí onde estivese empatía, fose na comunidade do Colexio de Panxón do Instituto Social da Mariña, onde exerceu como mestre durante máis de tres décadas, fose nas actividade dos Instituto de Estudos Miñoráns co que colaborou ou nas múltiples causas da nación e da esquerda nas que foi activista. Aprendeu o oficio de edición na oficina da editorial Castrelos, a carón do seu pai, o inesquecible Xosé María Álvarez Blázquez, do que foi o seu primeiro biógrafo (Ir Indo 1994) e de quen se ocupou con rigor documental extraordinario da súa Fotobiografía (Xerais 2008) e de quen traduciu para o galego dúas das súas novelas. Nas páxinas d’ A Nosa Terra e do Faro de Vigo publicou varios centos de artigos, seguindo a actualidade da súa «cidade da oliveira e do orballo», comprometido coa defensa da lingua galega e do seu patrimonio. Exerceu a crítica literaria, deixando algunhas pezas memorables como aquela na que en febreiro de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio e defendía con afouteza e gume afiado a poeta Xela Arias. Foi Alfonso tamén poeta, autor dun libro referencial, Sebes contra o vento (Espiral Maior 2009), e responsable do blog Pensamentos de Olafson Mokk (2012), prodixio de creación literaria e plástica, onde desenvolveu unha sorprendente obra gráfica, sen esquecer o seu interese pola escultura, como creador de pezas a partir das crebas da costa de Oia que tanto apreciaba. Hoxe choramos a súa perda con saudade. Con todos os abrazos para súa familia e comunidades de afectos que teceu.

Publicado en Faro de Vigo: 06/03/2024

Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial «se lle volve a un o corazón de pedra», «alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo». Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación. Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custes editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): «no oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar» entusiasmo.

Publicado en Nós diario: 28/02/2024

Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.

Merdeiros da Ribeira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:

Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.

Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe  clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.

Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.

A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.

Cando sopra o vento

Coincide a celebración deste 30 de xaneiro, Día escolar da non violencia e a paz, coa publicación de Cando sopra o vento (Retranca editora 2024) de Raymond Briggs, unha obra clásica da historia do cómic. Anosada ao galego por Alejandro Tobar, tras excelente e complexo traballo de tradución, e coidada con esmero polo editor Kiko Dasilva, esta novela gráfica aparecida en 1982, non perdeu ápice de interese e emoción. Tras o aspecto dunha peripecia de dous velliños que xa sufriran os bombardeos da segunda guerra mundial, asustados agora por un ataque nuclear soviético, está a historia lancinante de todas as persoas que alleas as que ditan as guerras padecen os seus horrores. Por desgraza, un argumento que anticipou as penalidades de accidentes nucleares que pouco despois se desencadearon en Chernobyl (1986) e máis tarde de Fukushima (2011). Cómic que, ademais, deu pé en 1986 ao filme homónimo de Jimmy Murakami, con excepcional BSO na que participaron Roger Waters e David Bowie, por certo, emitido pola TVG en 1990, o que hoxe semella incrible. Novela e filme utilizados como recurso didáctico nas celebracións de cada 30 de xaneiro, organizadas polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, creado polo inesquecible Xesús R. Jares, seguindo a proposta do inspector de mallorquín Llorenç Vidal, creador desta xornada educativa en 1964, hai cincuenta anos coa intención de conmemorar nas escolas o aniversario do pasamento de Gandhi, asasinado o 30 de xaneiro de 1948. Celebración que hai catro décadas estaba moi mediatizada pola loita a prol do desarme antinuclear nun mundo bipolar, amedrentado pola posibilidade do emprego dos mísiles nucleares. Un mundo en guerra que hoxe persiste no xenocidio palestino e na guerra de Ucraína, mais tamén nas guerras ocultas en África e nos milleiros de persoas refuxiadas que se enfrontan en varios continentes aos valados do unilateralismo xenófobo. Tempo no que educar nos valores da cultura da paz continúa sendo imprescindible.

Publicado en Nós diario: 31/01/2024

IES de Navia: nome honorífico ou topónimo

Dedico o artigo da semana  en Faro de Vigo ao debate sobre o nome do futuro IES de Navia:

Ás portas do inicio da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, a Consellaría de Educación anunciou o convenio co concello de Vigo para a cesión dun soar de 12.576 metros cadrados en Navia onde se construirá un instituto de ensino secundario para 700 alumnos e alumnas (dúas liñas de ESO e Bacharelato), adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Sen dúbida, transcorridas dúas lexislaturas de reclamacións veciñais e municipais deste centro educativo de San Paio de Navia, onde tras vinte anos da posta en marcha do Plan de Actuación Urbanístico xa viven máis de dez mil persoas (a parroquia viguesa na que máis medra a poboación nova), onde están en marcha novas actuacións residenciais, novas humanizacións municipais na rúa As Teixugueiras e unha conexión que favoreza a mobilidade peonil co barrio de Coia, o acordo entre as dúas administracións, a autonómica e a local, merece ser moi celebrado, tanto polo atractivo do proxecto arquitectónico educativo, creando espazos interiores máis flexibles arredor dun ágora nunha edificación sostible e integrada na paisaxe urbana, como polo caso pouco frecuente que supón no Vigo actual de colaboración entre administracións.

Sen embargo, non comparto a iniciativa da Consellaría de Educación de denominar ao centro co nome honorífico de Domingo Villar, autor de novelas tan memorables como Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), ben sei que coa intención de honrar a súa memoria entre as novas xeracións de lectores e lectoras, xa que entendo que como regra xeral, como recomenda a Unesco e como quedou fixado en 1989 na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capítulo VII, artigo 12), deben utilizarse os nomes de lugar (topónimos ou microtopónimos) nas incorporacións ao rueiro ou á denominación dos novos centros ou servizos públicos. O nome do novo centro educativo debe ser, probablemente,  IES de Navia ou mesmo o da parcela da parroquia de San Paio de Navia onde se vai construír. Un nome honorífico, por relevante que sexa, como o deste caso, non debería ocultar un nome de lugar (microtopónimo), transmitido por xeracións, unha creación lingüística colectiva que forma parte do patrimonio compartido. Un criterio de conservación toponímica (ás veces milenaria), insisto, que nada ten que ver cos méritos literarios e humanos da persoa cuxo nome honorífico foi escollido, cuxa memoria pode ser honrada con placas, monumentos, premios e outras iniciativas.

Un caso que tivo o seu precedente en 2004 cando o concello acordou que o nome da rúa que acolleu aos primeiros veciños do PAU de Navia fose As Teixugueiras, o que supuxo un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. Un acordo unánime adoptado pola Corporación a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica coa intención de conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios. Un acordo que incorporou ao rueiro noso nomes como As Teixugueiras, Lamelas, Pozo Cabalo, Pedra Seixa, As Ufas, Barreiros ou Limpiños. Microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescataron e que os novos naviegos locen orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que non debería abandonarse e mesmo contribuiría a incorporar ao rueiro outros topónimos vigueses ocultos como os do Campo de Granada  ou a Devesa do Couto, por citar exemplos recentes.

Idéntico comentario facemos para o anuncio que hai meses fixo a alcaldía para chamar a futura Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nas Travesas, nas proximidades do camiño do Chouzo, co nome honorífico de Domingo Villar. O que expresa a urxencia de artellar un modelo de recoñecemento a pé de rúa para a figura do creador do inspector Leo Caldas, como doutros autores e autoras participantes no completísimo Mapa literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Xosé Neira Vilas (que oculta o topónimo popular tan vigués de   «Calvario»). Modelo que podería ter como alicerce a convocatoria anual dun festival e premio internacionais de novela negra Domingo Villar, convocado por Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Como sería doado sinalizar o Itinerario Caldas na propia rúa con cadansúa placa ou códigos QR que ampliasen a información literaria. Hai posibilidades abondas de honrar a memoria de Villar ou Neira Vilas ou calquera figura política ou social que o mereza, sen agochar para sempre os topónimos e microtopónimos, construción colectiva de moitos séculos.

Libro híbrido

Convidado por Galix participei nas xornadas sobre a Lix e os novos soportes de lectura. Unha oportunidade para reflexionar sobre o estado do proceso de tránsito da comunicación textual, no que dende hai tres décadas conviven o modelo analóxico e o dixital, así como sobre os conceptos de libro e de lectura. Superadas as profecías milenaristas que agoiraban a desaparición do libro en papel, definido (dende a invención de Gutenberg) polas características do seu soporte (un número determinado de follas impresas e encadernadas), as novas tipificacións salientan que o libro híbrido é unha orde de palabras e textos escritos ou hipertextuais creados para a súa lectura. Decodificación, que fai da lectura o eixo central do novo paradigma da hibridación da comunicación. Lectura sobre papel ou sobre as pantallas dos formatos máis diversos –que non debe ser identificada como un hábito de lecer de minorías seducidas polo goce das obras literarias impresas–, na medida que é unha competencia cidadá interxeracional, imprescindible para comprender e participar nun mundo saturado de textos impresos ou electrónicos, boa parte lixo ou de procedencia dubidosa. Lectura, concibida como ferramenta crítica, vinculada no caso galego, aos procesos de alfabetización informacional (Alfin) e normalización lingüística, cuxo fomento entre todos os segmentos sociais e de idade debería transformarse na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. Novos significados para o libro e a lectura híbrido que mudan o papel das escritoras e editoras, centradas agora sobre a creación, produción, distribución e promoción de contidos culturais ou informativos escritos ou multimodais, como das bibliotecas, o servizo público especializado no acceso da cidadanía á lectura, no caso escolar, a primeira aula de cada centro educativo. Como neste novo tecido lector mudan as mediacións, presenciais e virtuais, sexan da crítica, da libraría ou das redes sociais.

Publicado en Nós diario: 24/01/2024

A lix, o libro en papel e o libro dixital

Queda no arquivo o texto da presentación que preparei sobre «A lix, o libro en papel e o libro dixital» nas xornadas de GÁLIX. Desfacendo a RAIA XII arredor do tema «A lix fronte aos novos formatos de lectura».

A presentación pode baixarse en pdf aquí.