Pequena historia de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás publicacións sobre Vigo dirixidas á infancia ou ao seu emprego con finalidades didácticas:

Dentro da ampla bibliografía dispoñible sobre Vigo e a súa historia son escasos os títulos dirixidos á infancia ou concibidos para súa utilización con propósitos didácticos. Unha eiva que xa hai catro décadas tratou de atenuar o Departamento de Educación do concello de Vigo coa publicación da colección Materiais Pedagóxicos para Investiga-lo Medio, coordinada por Rafael Ojea, na que se publicou aquela primeira Guía de recursos didácticos de Vigo para a escola (1986), gromo dun dos primeiros programas de utilización didáctica da cidade artellados no estado. Un esforzo editorial do concello de Vigo que tivo continuidade na colección Datos da Concellería de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente iniciada con Vigo nalgúns dos seus topónimos (1990) de Gerardo Sacau Rodríguez e na que ao longo da década se publicaron unha decena de títulos.

Un catálogo didáctico sobre a historia de Vigo ao que o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) fixo importantes achegas na súa colección de Materiais Didácticos iniciada con A cultura castrexa. Vigo hai 2000 anos (1994), ao que seguiron, A Prehistoria. As raíces de Vigo (1995), Vigo Romano (1997) e Vigo Medieval (2000), obras de Hidalgo Cuñarro en colaboración con José Manuel Rodríguez Sobral e na cuarta de Rafael Sánchez Bargiela. Serie á que complementou o Atlas Básico de Vigo e a súa área (IEV, en coedición con Xerais, 1999), concibido como material didáctico de consulta que pretendía ofrecer unha panorámica do Vigo metropolitano en tres tempos: a memoria do pasado histórico, as encrucilladas do presente inestable (entón na fronteira da mudanza de século) e as expectativas de desenvolvemento futuro. Intencionalidade compartida por Vigo na historia (A Nosa Terra, 1998), unha excelente síntese da historia viguesa en 64 páxinas preparada por Basilio Cegarra, apoiada en documentación visual moi coidada e rigorosa, que dende a súa publicación foi o primeiro referente nas bibliotecas escolares viguesas para traballar a historia da cidade metropolitana.

Panorama da divulgación histórica viguesa na que merecen un espazo principal os dous volumes da Historia Ilustrada de Vigo que Faro de Vigo publicou en 1996 en 72 fascículos de dezaseis páxinas. Un logro editorial no que se mesturaban os textos históricos e a ampla documentación gráfica rescatada por un equipo de redactores do decano (José Ángel Otero Ricart, Rogelio Garrido, Fernando Franco, Eduardo Rolland, Luis Piñero, Javier Mosquera, J.A. Xesteira, Juan Carlos Recondo, Francisco J. Gil e Chema García) coas seis páxinas de cómic debuxadas e coloreadas por Bofill (na súa maior parte) e Javier Aguilera sobre os guións de Patricia Álvarez Hernández. Unha obra que merece unha reedición actualizada, ou canto menos a súa dixitalización, para facilitar o acceso dos escolares. Como tamén foi valiosa Un día dentro de las murallas (La Voz de Galicia, 1996), obra de Carlos Núñez, ilustrada na súa maior parte por Evaristo Pereira, na que destacaba a vontade divulgadora na presentación de textos e ilustracións.

No contexto de semellantes antecedentes, apareceu con espírito anovador Pequena Historia de Vigo (Embora 2022) froito da colaboración creativa do escritor Pedro Feijoo e do ilustrador Xosé Tomás. Un álbum que sintetiza os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo» franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Temas que non esquecen a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista. Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, patatillas ou manises. Unha obra que combina con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a persoas novas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela. Un traballo referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guión de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables e homenaxes emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Un libro importante para a bibliografía viguesa que recomendo vivamente e non pode faltar nas nosas bibliotecas escolares nin nos andeis das persoas curiosas pola historia de Vigo.

 

Ferreiro nacionalista galego

Luís Gonçales Blasco «Foz», unha das dez persoas participantes no acto fundacional da UPG o 25 de xullo de 1964, ofrece en Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais 2023) o retrato do comportamento político do autor de Celanova no que salienta a súa participación no movemento nacionalista e antifascista galego. Turrando de memoria e de documentación detallada esclarecedora, «Foz» relata a militancia de Ferreiro dende os dezasete anos nas Mocedades Galeguistas  (1932), a súa participación na creación da UPG e algunhas das súas achegas ao partido como a organización en trepias, células de tres membros nas que unha contactaba cunha cuarta, ou o nome de Terra e Tempo para o órgano de propaganda. Como reconstrúe os anos de amargura en Venezuela, aclara o proceso da súa expulsión da UPG (1974) e contextualiza na Reforma Política a súa incorporación ao PSG de Xosé Manuel Beiras e a participación na Candidatura Democrática Galega ao Senado (1977) pola provincia de Ourense e a creación da Irmandade Galega de Madrid (1978), como a posterior militancia anecdótica na agrupación viguesa do PSOE nos seus derradeiros meses coa intención (inxenua) de galeguizalo. Secasí a cerna da obra atopámola na reivindicación da figura de Celso Emilio Ferreiro como poeta nacional galego, tras a campaña sectaria e calumniosa de desprestixio que sufriu tras o seu pasamento (1979) e unha década despois, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, ao fío da que algúns críticos e poetas amigos negaron o seu nacionalismo e o cualificaron de poeta bilingüe. «Foz», como xa anunciara en traballos anteriores sobre esta polémica, ofrece un relato alternativo e veraz, alicerzado sobre a propia obra do poeta, que constitúe a xusta e necesaria reparación da dignidade de quen foi patriota galego. Recomendo esta valente biografía política tan esclarecedora sobre a figura de Ferreiro.

Publicado en Nós Galicia 05/04/2023

35 % LIX

Ás portas da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) cómpre salientar que a LIX é o primeiro piar da edición en galego, xa que en 2021 supuxo o 35 % da facturación do sector (5,8 millóns de euros), o 36 % dos títulos publicados en galego polas editoras da AGE (278) e o 33 % do catálogo dispoñible en galego nas librarías (5.466 títulos). Cifras que amosan un crecemento sostido e continuidade da súa dependencia da rede de distribución escolar. Consolidación á que non foi allea a diversificación e excelencia dun catálogo que ofrece tanto álbums e libros ilustrados de xéneros, temáticas e formatos diversos, como lecturas de ficción nas clásicas coleccións graduadas das editoras xeralistas (Merlín, Sopa de libros, Árbore, Meiga Moira, Oqueleo, Fóra de Xogo, Costa Oeste…), recomendadas nos centros escolares e apoiadas pola presenza de autores e autoras ou espectáculos de mediación. Oferta alentada dende hai anos por editoras con vontade de especializarse en LIX, como Kalandraka e OQO, fenómeno emulado nos últimos pola aparición de novas editoras ou selos con semellante vontade, como Bulubú, Triqueta verde, Patas de peixe, Cuarto de inverno, Aira editorial ou Verdemar, entre outras. Anovación que detectamos tamén no catálogo de autorías e de obras premiadas nos concursos para textos inéditos, como na ampliación do interese da maior parte das editoras polo libro de non ficción e polo cómic e banda deseñada. Xaora, a chave do sector infantil e xuvenil galego continúan estando na súa capacidade para ofrecer lecturas valiosas e atractivas en galego que contribúan dende as primeiras idades á formación dun lectorado que en contadas ocasións a emprega de forma habitual. Con todo, o futuro da nosa LIX pasa por unha atención preferente ao lectorado neofalante como á formación do lectorado literario adolescente, tarefas nas que editoras, autorías e instancias mediadoras (bibliotecarias e profesorado) deben compartir unha estratexia entusiasta.

Publicado en Nós diario: 29/03/2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Bubble

No «Contafíos» de Nós diario saúdo a publicación de Deus salve as raíñas, a terceira entrega da seire «A señorita Bubble» de Ledicia Costas e Andrés Meixide:

Celebrei o comezo de entroido lendo Deus salve as raíñas (Xerais 2023), a terceira entrega da serie «A señorita Bubble» escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Andrés Mexide. Unha lectura gozosa dun texto engaiolante e complexo, con vontade inequívoca de clásico infantil, que amosa o talento desbordado da que é hoxe a nosa cabezaleira internacional do xénero. Un novo episodio protagonizado pola xenial inventora e mecánica, que manexa como ningunha outra a tecnoloxía do vapor, chamada desta volta pola raíña Isabel II coa intención de poder recuperar a súa peza máis valiosa desaparecida nun palacio de Buckingham infestado de ratas de cores. Unha historia tinguida de tópicos da cultura british, que permite a Ledicia despregar os recursos ficcionais do subxénero steampunk, que iniciara coa primeira entrega da serie A señorita Bubble (2017) e na que afondara na extraordinaria A balada dos unicornios (2018), mesturando como a ela mellor lle presta os ingredientes da fantasía, a ciencia e o humor retranqueiro. Unha fórmula maxistral lediciana aviada con referencias intertextuais a clásicos xuvenís como Verne (velaí a viaxe de regreso en cepelín, que permite a Meixide reunir aos personaxes) e, sobre todo, Roald Dahl, a quen homenaxea creando un río de queixo Cheddar fundido inundando as principais rúas londinienses, un atrevemento hipercalórico que o galés sometido hoxe aos rigores do politicamente correcto  moito aplaudiría. Despois da publicación de novelas importantes como Golpes de Luz (2021) e A lebre mecánica (2022), o seu terceiro Lazarillo, no que alerta sobre a silenciosa adicción xuvenil ás apostas, Costas amosa a versatilidade do seu potente catálogo ficcional para todos os públicos, capaz de crear mundos de ficción autónomos e singulares en permanente construción, como os das súas tres series: Bubble, Escarlatina ou os Minimortos, e facelo sen perder en cada entrega nin a excelencia nin a capacidade para sorprender nin o devezo de remoer a lectura.

A festa equivocada

No «Contafíos» desta semana en Nós diario recomendo A festa equivocada (Rodolfo e Priscila 2022) de Fran P. Lorenzo:

Unha das miñas lecturas favoritas recentes foi A festa equivocada (Rodolfo e Priscila, 2022), o libro no que Fran P. Lorenzo escolma os artigos que publicou no extinto xornal Galicia hoxe baixo o epígrafe «Vai de blog». Prosas en primeira persoa, nas que emerxe a voz íntima e familiar dun rapaz vigués sen aldea, nalgunha medida tamén debedoras das novas narrativas electrónicas, na década que se xestaron as utilidades das redes sociais. Setenta textos que hoxe lemos como unha brillante crónica do ocaso do absolutismo democrático e caciquil do fraguismo tardío, como da esperanza secuestrada ao goberno bipartito e á vontade colectiva de Nunca Máis, como do posterior inicio do borrado do disco duro dunha nación emprendida polo tecnócrata dos Peares e o seu cadro de eficientes liquidadores. Un exercicio destemido de xornalismo crítico e insurxente, unha ollada luminosa, elegante, urbana, dandi e queer, en palabras da prologuista María Yáñez, interrompida de forma abrupta pola autoridade eclesiástica compostelá que obrigou a rematar esta festa literaria, un reduto de liberdade na contraportada dos xoves daquel xornal en galego que desaparecería en xuño de 2011, sen deixar sequera o seu rastro na rede. Emporiso, os catrocentos textos de Fran P. Lorenzo desapareceron de internet, o que obrigou ao editor Carlos Meixide a un esforzado rescate, a partir dos exemplares conservados na Biblioteca de Galicia no Gaiás. Feito que fai d’ A festa equivocada obra aínda máis valiosa, grazas ao traballo paciente do editor que procura un contido único para ser conservado en formato libro, asumindo que as súas tarefas, ademais da fabricación, comercialización e comunicación, radican na escolla e no tratamento do propio texto. Edición excelente de Rodolfo e Priscila, unha das editoras independentes que está anovando o catálogo do libro galego, merecedora dos nosos parabéns.

O entroido dos Tarteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a facer memoria sobre a celebración do entroido en Vigo:

Debemos á pluma lizgaira de Xosé María Álvarez Blázquez a crónica da celebración do Entroido de Vigo de 1877, catro días nos que a Sociedade Carnavalesca botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Unha memoria recollida nas páxinas d’ A cidade e os días (Monterrey, 1960; Xerais, 2008), a máis antiga das referencias entroideiras viguesas, festexos comezados ás once da mañá do domingo co desfile dunha grandiosa comparsa, que saíu do Campo de Granada pola rúa do Pracer, seguiu por Príncipe e o Ramal até a de Vitoria, na Alameda onde agardaba no seu catafalco o Deus Momo, «olimpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado dos membros da súa corte e dun escuadrón dacabalo, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela». Desfile da comparsa, conta don Xosé María, no que non faltaban os demos mitolóxicos bufos, en cadanseu carro,  nin a banda de música de traxes indios, comitiva que se repetiría no serán do martes. Festa rematada o mércores de cinza co enterro do Momo ás seis en punto da tarde, previo sermón na Alameda, no que se deron a coñecer os relevantes dotes que en vida adornaron ao defunto, despois de cantarse o derradeiro «Addio a Momo» e de botar unhas luces de bengala, coa elevación dun globo onde se podía ler: «Adeus amigos, saúde e deica o ano que ven».

Hai cen anos, unha crónica de sociedade publicada o martes 13 de febreiro na portada de Galicia. Diario de Vigo relataba a agonía da festa de Momo, na que foi moi escaso o consumo de confeti e serpentinas, para o cronista a mellor medida do nivel de entusiasmo do entroido, que o atribuía á carestía do papel e lamentaba a decadencia do «Antruejo», comezado sen pena nin gloria, sendo «contadas o número de máscaras bandalleiras que tiveron a afouteza de exhibirse á luz». Relato que finalizaba agoirando que as festas continuarían sendo tan sosas como comezaron, a pesar de que o mércores de cinza estaba prevista a chegada dende Pontevedra da comparsa «A danza das espadas» dos Enxebres da Terra. Así é todo, o decepcionado cronista deixaba unha cativa fenda ao entusiasmo cando salientaba que apenas foron dúas as comparsas, entre elas «La Estudiantina Naval» de Moaña, as que no serán do domingo percorreron as rúas viguesas cantando o seu afinado repertorio nos círculos, como La Tertulia no Hotel Moderno, e El Casino no teatro Tamberlick, onde se celebraron, iso si, «brillantísimos bailes» nos que participaron os membros da aristocracia viguesa.

Probablemente, o cronista social do Galicia, cando salienta «a plena decadencia» do entroido de rúa e das súas máscaras se está referindo á saída dos escabicheiros ou merdeiros, a máscara tradicional da ribeira do Berbés, figura baldroeira viguesa desaparecida ao longo da década de 1920, documentada nos estudos de Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo, mais por ventura felizmente rescatada do esquecemento desde 2006 pola Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello. Como tamén o cronista do Galicia documenta a vixencia da tradición satírica das comparsas musicais de carallada, recuperada en Vigo, tras os rigores da ditadura, por Os Tarteiras, a comparsa decana e celme do entroido vigués contemporáneo. Constituída de forma case espontánea nunha noite de troula nas escaleiras do vello cárcere no entroido de 1979 por un grupo de mozos e mozas, entre os que estaban comprometidas argalleiras da causa comunitaria como Antón Bouzas, Loli, Inés e Marga, ás que despois se sumaron Xosé Pais e Fátima, entre outras, os Tarteiras asumiron a tradición satírica e humorística do entroido como festa transgresora na que participa todo o mundo, a última mascarada do ciclo da invernía. Foron tamén os Tarteiras os que organizaron en 1980 os primeiros concursos de coplas, nos que convidaron a participar a comparsas do Morrazo como Os Incansables de Cangas, a Santa Sede ou O Percal de Aldán, como foron os primeiros que recuperaron a tradición viguesa do velorio e da queima da figura de Momo rebautizada como Meco.

Certo é que despois o entroido en Vigo se municipalizou cos gobernos de Manuel Soto, o que inevitablemente lle fixo perder o seu carácter máis satírico e retranqueiro na escolla da figura do Meco, ao tempo que se importou o modelo do carnaval carioca de lentellolas e coreografías, o que por ventura non impediu que os integrantes dos Tarteiras continuasen saíndo por libre, interpretando as súas coplas críticas cos gobernos e os poderosos, e participando de forma espontánea no enterro do mércores de cinza. Como é outra marabilla a saída cada ano dos Merdeiros polo Vigo vello, como a recuperación desta máscara viguesa entre a mocidade e cativada e xa nun número significativo de centros educativos da cidade. Benvido o entroido vigués transgresor de Merdeiros e Tarteiras!

José Gil, pioneiro do cine

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de José Gil, fotógrafo e precursor do cinema en Galicia:

Entre as publicacións recentes da bibliografía viguesa destaca Nos días encantados de agosto (Galaxia 2022), unha biografía de José Gil preparada por Manolo González. Un libro referencial para desvelar o ronsel esquecido do precursor do cinema galego, tamén un dos protagonistas da actividade fotográfica, comercial e cultural de Vigo durante as primeiras décadas do século XX. Unha concienciuda obra de investigación biográfica, tamén un tributo a unha figura que amaba o cine por riba de todas as cousas, aquel vello barbudo que filmaba en solitario polas rúas viguesas, a quen consideraban un pouco tolo. Unha aproximación detallada a unha filmografía de 150 películas, producidas entre 1910 e a Guerra Civil, das que conservamos só sete, pezas do proxecto de «cinematografía rexional galega» que levou a Gil a filmar fábricas, industrias, escenas labregas, escolas, paisaxes, vodas, festas e romarías, entre outras moitas temáticas. Un retrato entrañable dun fotógrafo artesán, do que se conservan apenas catrocentas fotografías, unha pequena parte dos milleiros que tirou nos seus estudios de fotografía artística en Ourense, Lugo e Vigo ou na súa calidade de fotógrafo ambulante e pioneiro do reporteirismo gráfico en Galicia.

Nacido en 1870 en Rubiós, no concello das Neves, terra de músicos e viño tinto xeneroso, José Gil iniciouse como fotógrafo artístico no balneario de Mondariz, onde coñeceu a técnica pictorialista dos retratistas que facían alí a temporada estival e descubriu a modernidade a través do visor dunha cámara. Naquel microcosmos cosmopolita, adquirirá ademais o seu interese pola publicidade que moito lle servirá, despois do casamento con Trinidad Sarabia, nacida nunha familia de fotógrafos de Castro Caldelas, para establecer en Ourense en 1896 o seu primeiro estudio, Fotografía Artística, que en 1905 trasladaría a rúa Carral 14 de Vigo, atraído polo carácter emerxente e cargado de futuro da cidade. Comezo dun actividade que en poucos anos o convertería no rei da fotografía viguesa, instalado dende 1908 na rúa do Príncipe 49, na galería que chamou Gran Fotografía, ademais de reporteiro gráfico de referencia de Vida Gallega (1909), a primeira revista gráfica galega moderna. Unha actividade que o levará a fotografar a actividade social e industrial viguesa e a abrazar a idea do progreso e do valor da tecnoloxía, que anos despois o faría asumir a representación oficial dos automóbiles Ford e despois dos Texan e Traffic en Galicia.

Paixón polas máquinas dun soñador que a finais de 1909 mercou unha cámara Gaumont de madeira con obxectivo fixo e golpe de manivela (hoxe unha das pezas que mellor nos explican como cidade), coa que filmou as súas primeiras imaxes, o 3 de xullo de 1910, da excursión viguesa a Santiago, e vinte días despois da visita dos periodistas ingleses a Vigo e Pontevedra. Actividade que prendeu naquel verán con outras catorce filmacións localizadas en Vigo na súa maior parte, como a da colocación da primeira pedra do monumento a Curros Enríquez na Alameda. Novidosa cámara a de Gil que probablemente motivou a mítica fotografía de Manuel Murguía acompañado de membros da Real Academia Galega, o 27 de novembro de 1910, na súa galería de Príncipe, momento excepcional para a cultura galega decote remisa a valorar a cultura audiovisual. Inicio dun actividade cinematográfica que Gil levou alén mar por medio do cinema de correspondencia, financiado polas sociedades galegas de América, consolidada xa cando filmou Miss Ledya (1916), a primeira ficción do cinema galego, e cando no mesmo ano produciu a Revista Cinematográfica Galicia, o primeiro noticiario de Galicia.

Foi a produtora Galicia Cinegráfica o proxecto empresarial de José Gil entre 1921 e 1935, un período non exento de dificultades no que viviu en Ponteareas durante tres anos (1924-1927), onde abriu o Cine Royalty, e no que regresou a Vigo para establecer en Teis a súa empresa de filmación de «noticiarios de industrias, vodas, dramas e belezas de Galicia». Daquela etapa consérvase o filme publicitario de 34 minutos sobre La Artística (1927), valiosa mostra do traballo documental realizado en solitario. Cualificado por Manolo González como «intrépido explorador e soñador que se achegou á realidade a través do encadramento fotográfico», esta biografía de excelente alento narrativo reclama poñer a este pioneiro iconauta como referente da cultura cinematográfica en Galicia. En Vigo podemos recordalo no cemiterio de Pereiró, no monumento funerario de Asorey, en homenaxe as súas tres fillas, e dende 2007 na rúa que leva o seu nome preto da praza da Miñoca. Con todo non estaría de máis que se colocase unha placa que o lembrase na rúa Elduayen, na casa dos irmáns Sarabia onde faleceu o primeiro de xaneiro de 1937.

Onte 2156: «Pequena historia de Vigo»

Gustoume o resultado da colaboración creativa entre o escritor Pedro Feijoo e o ilustrador e creador de banda deseñada Xosé Tomás en Pequena historia de Vigo (Edicións Embora 2022). Un álbum que sintetiza en dúas ducias de dobres páxinas os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo« franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Tópicos que non esquecena a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista.

Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, manises ou patatillas, utilizados na nosa fala popular. Feijoo e Tomás combinan con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a escolares (non só de Primaria) e persoas curiosas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela.

Un traballo excelente, referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guion de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico (e polo tanto preciso) de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables (como ese perfil da tan maltratada Porta do Sol) e homenaxes intertextuais emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Parabéns por tan magnífica edición a ambos os dous coautores como á editora de publicación cen por cen viguesa.

Celso Emilio, fillo adoptivo de Vigo

No primeiro artigo do ano en Faro de Vigo propoño que Celso Emilio Ferreiro sexa declarado fillo adoptivo de Vigo e se recupere o premio internacional CEF de poesía:

Unha das novas culturais viguesas recentes é o rescate dos poemas prohibidos de Celso Emilio Ferreiro (CEF) promovido polo Colexio de Procuradores de Vigo presidido por José Antonio Fandiño. Dez textos escritos en castelán, que formaban parte da primeira edición de Antipoemas (El Álamo, 1972), mais que foron censurados e retirados do libro, sendo editados de forma artesanal por Xosé Xesto en Venezuela como unha separata non venal. Un compendio de poemas prohibidos que amosaba ao Celso Emilio político e antifranquista, tamén o máis esperanzado, dos seus últimos anos no doloroso desterro venezolano. Velaí poemas como «Juan vive muy bien en Caracas», «Hay que definirse» ou «Lo que el tiempo espera», no que confesa a esperanza que cheguen «ventos propicios» e «horas feridas», días no que será posible «derrubar a pirámide de chumbo» grazas ao riso da xente, sen dúbida, referíndose á fin da ditadura franquista.

Un singular rescate poético realizado polo colexio vigués de procuradores que dende 2020, cando o nomeou colexiado de honra, comprometeuse de forma modélica coa causa da memoria do poeta de Celanova, ao tempo que contribuíu a recuperar para o arquivo da Fundación CEF medio cento de documentos que desvelan a súa actividade como profesional da procura, instalado en Vigo dende 1950 nun despacho da rúa Gil, no que se centra en denuncias de contrabando no Mercado da Pedra, e na que mantén tamén unha oficina de seguros. Unha actuación na procura, coincidente co período vigués, de 1950 a 1966, anos decisivos para a súa escrita poética, nos que publicou en Vigo O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955), impreso clandestinamente no prelo de Gráficas Numen de Luis Noia e Longa noite de pedra (colección Salnés, 1962). Anos tamén nos que dirixe un obradoiro de fotogravado, colabora con Ramón González Alegre na dirección da revista Alba e publica nas páxinas de Faro de Vigo medio cento de artigos, entre eles os da sección «La jaula de los pájaros raros», na que ofreceu algunha das súas mellores prosas viguesas.

Entre estes textos de Faro de Vigo hai dous de gabanza que merecen ser salientados: «Glosa de Vigo», un longo traballo publicado no folleto especial que Faro publicou con motivo do seu centenario, e «Vigo, puro milagro», premiado no concurso literario do Centro de Fillos de Vigo en 1954. Dúas pezas merecentes de formar parte do libro de ouro de Vigo, unha cidade para Celso dun ímpeto case volcánico «que descansa no lombo dos peixes e gabeou Castro arriba para contemplarse orgullosa e ver o mar». Unha cidade «á que lle falta intimidade porque lle sobra adolescencia, é dicir, timidez», conformando «un milagre do mar, agromada coma unha flor na súa beira». «Vigo, cidade clara e rotunda coma un teorema, pecha no seu encanto, na súa gracia e donaire, unha teoría de milagres idénticos aos que laten ao ritmo da pandeirada», –escribe o poeta, rendido diante do pulo das glándulas que impulsaron o crecemento febril e incansable dunha cidade, que representa a «fusión urbana do mariñeiro e do campesiño nunha síntese perfecta de cidade galega moderna», onde todos os galegos son capaces de reencontrarse doadamente e «ninguén precisa violentar o seu íntimo ser para incorporarse á vida viguesa».

Dende aquel triste serán do 31 de agosto de 1979, no que faleceu no piso da avenida de Castrelos que compartía con Moraima, Vigo aínda non homenaxeou como merece poeta que tanto a amou. Certo é que o alcalde Manuel Soto participou nas primeiras homenaxes e que a corporación que presidiu dedicoulle en 1982 unha rúa e paseo na proximidade do Castro co seu nome, onde chantou un busto do poeta. Como tamén o é que a alcaldesa Corina Porro descubriu  en 2004 unha placa no edificio da rúa Urzaiz onde viviu a familia Ferreiro Loredo. Como ademais é salientable que no ano 2000 o concello de Vigo, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo e concelleiro de Cultura Carlos Príncipe, convocou en colaboración coa Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que cunha dotación de cinco millóns de pesetas (30.000 euros) distinguiu a traxectoria dun poeta. Primeira e única convocatoria dun certame literario internacional do que resultou gañador Eugenio de Andrade, o grande poeta portugués.

Un compromiso aínda cativo con Celso Emilio que cando celebramos esta noite de Reis o 111 aniversario do seu nacemento debería ser incrementado. E para iso nada mellor que o concello recuperase a convocatoria do premio internacional de poesía co seu nome, o que tamén colocaría a Vigo na axenda literaria mundial, e a corporación acordase por unanimidade declarar a Celso Emilio Ferreiro como fillo adoptivo a título póstumo, o que contaría cun amplo apoio das entidades profesionais, veciñais e culturais viguesas.