Porrúa editor

O editor Paco Porrúa recibirá na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego unha homenaxe cando se fan dez anos do seu pasamento en Barcelona, onde vivía dende 1977. Tributo que faltaba para un xigante da edición literaria do século XX, fundador hai setenta anos de Minotauro, editorial referente da ciencia ficción en castelán, e asesor, despois, director literario da editorial Sudamericana durante case dúas décadas, nas que apostou por obras hoxe esenciais na literatura contemporáena, como Rayuela (1963) de Julio Cortazar ou Cien años de soledad (aparecida o 30 de maio de 1967) de Gabriel García Márquez. Afortunado e intuitivo nas súas escollas e nas obras que traduciu, entre elas Crónicas marcianas (1955) de Ray Bradbury, que asinou como Francisco Abelenda e O Señor dos Aneis (1977) de J.R.R. Tolkien, firmada por Luis Domenech, ensinou que no exercicio do seu oficio, o editor debe ser anónimo e discreto, consciente de que non é outra cousa que o seu catálogo e que cando morra non quedarán máis que os seus libros. Sabía que a primeira función do editor era a de lector, para escoller os mellores textos, logo editalos ben e conversar e acompañar sempre aos autores. Prácticas que lle permitiron legar un catálogo extraordinario, encabezado polos autores citados, aos que engadiu tantos outros nomes, como os de Alejandra Pizarnik, Onetti e Sarduy, entre os sudamericanos, e Italo Calvino, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin ou Angela Carter, entre os traducidos. Nacido en Corcubión (1922), educado na Patagonia, onde emigrou con dous anos, nunca perdeu a súa relación con Galicia, a que regresou durante dous anos da súa adolescencia, o que non lle impedía confesar «ser un galego sen saudade». Retratado o 7 de xaneiro de 1973 na serie «Figuraciós» de La Voz de Galicia, Luís Seoane recoñecía no seu amigo Paco Porrúa «a paixón polos grandes escritores aparentemente sen lectores». Rescatalo do esquecemento e reintegralo á memoria da nosa edición histórica merece todas as beizóns.

Publicado en Nós diario: 08/05/2024

Vigo gresítico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro Vigo gresítico (IEV, 2024) do arquitecto Antonio Alonso Fernández:

Cada cidade é un palimpsesto inacabado, identificable pola arquitectura e materiais das súas edificacións, que foron mudando por factores económicos, políticos e sociais. No caso de Vigo, a carón das trazas da vila amurallada e portuaria do século XVII emerxeu dende finais do XIX a cidade monumental do ensanche promovida polo pulo industrial e comercial dunhas cantas familias burguesas e construída coa pedra das canteiras de Matamá e Castrelos por canteiros formados na Escola de Artes e Oficios e deseñada por mestres de obras ou primeiros arquitectos académicos. Estudado polo profesor Xosé Ramón Iglesias Veiga e polos arquitectos Xaime Garrido e José Antonio Martín Curty, aquel Vigo granítico construído durante máis de cincuenta anos conformou unha impresionante memoria en branco e negro recollida nas postais, tamén un catálogo de estilos arquitectónicos, onde identificar o ecléctico do edificio Bonín do arquitecto Jenaro de la Fuente, o Gran Hotel de Michel Pacewicz ou o Teatro García Barbón de Antonio Palacios, pasando polo modernismo do edificio Simeón de Manuel Gómez Román, até o racionalista dos primeiros rañaceos Albo e Curbera de Francisco Castro Represas.

Vigo granítico que se iría modificando nas dúas primeiras décadas de posguerra, nas que se respectou a cantería e o granito, tanto nas edificacións públicas, como o instituto Santa Irene do arquitecto Antonio Cominges ou o cine Fraga de Luis Gutiérrez Soto, como nas vivendas que no ensanche da Gran Vía e nas Travesas ofrecían novas residencias para unha cidade que en 1959 acadaba os 150.000 habitantes. Un Vigo que, coincidindo co salto demográfico que supuxo a instalación da factoría de Citroën e a modernización das industrias portuarias e pesqueiras, case de repente, gañou algo de cor na súa paisaxe, ao tempo que desenvolveu a malla urbana da Gran Vía, entre Urzáiz e a Praza de España e entre esta e a Praza de América, e abriu por fin a avenida de circunvalación do Castro, nomeada como das Camelias. Década de 1960 do personalismo do alcalde Rafael Portanet, responsable de numerosas barbaridades, entre outras o derrube do edificio Rubira e a desaparición dos tranvías, mais tamén foron anos da modernidade do Vigo Ye-Ye, dos comercios bonitos, como Chavalín ou Curtidos Blanco, ou de bares de moda como o Teide de Colón, o Choco de Afonso XIII ou a terraza Flamingo de Príncipe.

O arquitecto Antonio Alonso Fernández propón un paseo pola arquitectura viguesa dos anos sesenta nun libro de publicación recente, Vigo gresítico (Instituto de Estudios Vigueses, 2024), caracterizada polo emprego do gresite, un material modesto de revestimento, pensado para baños e piscinas, mais que serviu daquela para achegar unha imaxe moderna e de cor a fachadas de edificacións nas que se mantiña en menor medida a cantería. Un material utilizado en Vigo por vez primeira na fachada do edificio Aurora Polar de Urzaiz, proxectado polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, que repetiría no instituto feminino de Travesas. Gresite que dialogaba co granito no edificio da rúa Progreso 1, proxectado por Fernando Araújo. Material presente tamén nas fachadas do Liceo Marítimo de Bouzas, no Colexio Irmáns Maristas, no Colexio das Xesuitinas, proxectado por Antonio Cominges, na Piscina do Náutico, proxectada polo estudio de Francisco Castro Represas e Pedro Alonso Pérez, no edificio de obras sociais dos pais Xesuítas, proxectado por Tomás Pérez-Lorente, no pavillón dos deportes de Travesas, proxectado por Antón Román, entre outros. Mapa amplísimo do Vigo gresítico que se estendeu por vivendas de nova construción do Centro, Peniche, Pizarro, Travesas, Bouzas, Alcabre, Calvario e Lavadores, nas que se buscaba un resultado moderno e colorista, ao tempo que pretendía abaratar o proceso de construción utilizando materiais prefabricados cuxa colocación requiría unha man de obra menos especializada.

Pasados os sesenta, a cidade abrirá un atoleirado «desarrollismo» arquitectónico, que levará á práctica desaparición do gresite e da cantería, substituídos por plaquetas cerámicas de gres ou ladrillo. Se o Vigo granítico deu paso ao gresítico, este fíxoo ao Vigo plaquético, unha das formas que adoptou o feísmo arquitectónico da década de 1970. Pasada a moda do gresite, algunhas destas fachadas, que trouxeron cor e modernidade á paisaxe urbana, foron substituídas por outros materiais, mesmo sen deixar rastro do orixinal, e outras parecen ter os días contados por carecer de axeitada conservación. Con todo, a maioría das fachadas do Vigo gresítico consérvanse en bo estado, como outra marca icónica da historia viguesa. Parabéns a Antonio Alonso Fernández, autor de tan completo mapa do Vigo gresítico, recollido nun excelente e moi recomendable libro.

Galaicofobia

Tras O libro negro da lingua galega (Xerais 2021), o extraordinario traballo de investigación e divulgación de Carlos Callón sobre o galegofobia, o desprezo do galego como lingua e os episodios de represión lingüística, aparece agora Galaicofobia (Galaxia 2024), un moi valioso ensaio de Alexandre Peres Vigo sobre o odio ou desprezo por todo o vinculado con Galicia, o que ven ser pola súa xente, pola súa lingua e pola súa cultura. Dúas fobias documentadas na literatura española dende finais do século XV, lendas negras de desprezo, insultos e inxustizas antigaleguistas con séculos de historia. «Gallegueces» («antes puto que gallego», «Galicia rabo de Castilla», «monstros galicianos», «coz gallega», galego «roñoso» e «mozo de cuerda», «pobo atrasado e arcaico», «gallego el último»…) denunciadas e combatidas especialmente na primeira metade do século XX polo pensamento nacionalista galego como expresión da supremacía da metrópole madrileña, con toques xenófobos e inequivocamente racistas, mais que a pesar diso chegaron as pantallas do cinema e da televisión dos noventa e aos nosos días filtrándose por memes que actualizan os tópicos e estereotipos negativos de sempre (xente atrasada, introvertida e pechada á que lle falta criterio e decisión), como tamén os desa imaxinaria «Galicia profunda» que unha xuíza andaluza nun auto de 2021 localizaba nunha parroquia do concello de Muros. No remate de tan recomendable ensaio, Alexandre Peres Vigo conclúe que «tras 600 anos de galaicofobia resulta pouco probábel a súa desaparición a curto prazo», aínda que sexa « cada vez menos tolerábel e a sociedade galega, canto máis coñece a súa lingua, cultura e historia, maior respecto exixe». Con todo, sendo a cerna da galaicofobia a submisión e o desequilibrio de poder que marcaron as relacións entre Galicia e España, a superación do fenómeno pasa polo apoderamento político e económico de Galicia, outrosí pola vontade de ser do pobo galego reivindicando os seus dereitos e a súa dignidade.

Publicado en Nós diario: 01/05/2024

Masa verde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a política de arborado do concello de Vigo:

Un dos mellores artigos sobre as árbores en Vigo é «Morte na Rúa da Paz», unha das marabillas que baixo o epígrafe de «Conversas co vento» publicaba Chano Piñeiro, hai máis de trinta anos, nas páxinas de Faro de Vigo. Precedido dunha oración estremecedora («Hoxe o sangue tiña forma de serrín esparexido pola rúa da Paz, aquí en Vigo»), o director de Sempre Xonxa (1989) expresaba a súa indignación pola talla dunhas vellas árbores na rúa próxima a súa botica de Torrecedeira. Como era adoito na súa tribuna, Chano mantiña unha conversa, neste caso coas árbores caídas, preguntando sobre as razóns polas que foron cortadas e lamentando que o «Concelleiro das Árbores», pense que ás árbores hai que metelas nunha «reserva», xunto a outras «plantas raquíticas e árbores escuchimizadas», esquecendo que «os seres humanos podemos, sabemos e debemos convivir con elas». Conclúe decepcionado Piñeiro o seu blues, mesmo a pesar de que «o noso idioma é un dos poucos que tivo a suficiente sensibilidade para recoñecer a feminidade das árbores», asumindo que ninguén vai devolver todo o que achegaron marcando durante cincuenta anos de vida «a chegada da primavera ou facendo do outono unha alfombra» ou, simplemente, «animándonos a brillar con elas».

Dende que Chano publicou aquela conversa coas árbores caídas, seres vivos reducidos a serraduras e madeira polo motoserra, foron en Vigo frecuentes as cortas abusivas das árbores urbanas autorizadas polos diversos responsables de Parques e Xardíns. Tallas que nestas semanas afectaron a todas as castiñeiras de indias do treito da rúa Manuel Olivié comprendido entre o Castro e a Praza de España, o que provocou a desaparición dun precioso arco vexetal, que achegaba tanta sombra e frescura aos que baixo elas camiñabamos. Corta sen paliativos, anunciada polo concello «por motivos de seguridade», que modificará durante décadas a paisaxe no acceso peonil ao Castro, parque xa centenario onde nos últimos anos se realizaron tamén tallas importantes arredor da muralla. Como xustificada tamén por idénticos motivos, anúnciase a talla de acacias negras na ribada de Falperra, un espazo verde entre as rúas Camelias, Cachamuíña e Romil, así como nos taludes de Subida á Costa e Arquitecto Palacios, onde medraron grandes árbores.

Medidas que, como as podas radicais do arborado urbano, provocaron a alarma dos colectivos ecoloxistas e veciñais que denuncian a redución da masa verde da cidade, xa que estas árbores de gran porte son substituídas por outras de pequeno tamaño, cando non por arbustos ou arbores en macetas, o que provoca unha diminución da sombra e elimina a absorción de CO2 que realizan. Unha polémica moi acaída no marco da posta en marcha das estratexias de sostibilidade do concello, incluídas na axenda urbana 2030, á que tampouco é allea a consensuada Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, aprobada o pasado 27 febreiro polo Parlamento Europeo, que obriga a cada concello a garantir que non se produza unha perda de cuberta arbórea urbana. Controversia que a actual concellaría de Parques e Xardíns resolve apenas cun comunicado de prensa onde puntualiza que o goberno local desde 2007 plantou máis de 30.000 árbores, xustifica as tallas aducindo causas de seguridade cidadá, para rematar acusando aos colectivos denunciantes «que non están defendendo o medio ambiente, están facendo política pura e dura, están na política antivigo». Decepcionante achega do goberno municipal para un debate político que, como o da posta en marcha das áreas de baixas emisións, prevista  para 2025, forma parte da cerna da política urbana no contexto actual da emerxencia climática.

Fóra do emprego tan desafortunado dunha etiqueta excluínte para referirse a veciñanza que expresa a súa opinión con datos e razóns, o concelleiro vigués das Árbores, roubándolle a Chano Piñeiro o sintagma, como a contrata municipal que se ocupa do mantemento e coidado dos parques e xardíns, deben asumir que nesta cuestión do arborado urbano hai outra abordaxe posible que vai máis alá da talla e podas radicais ou da plantación de macetas. Por ventura, o núcleo urbano continúa protexido por unha extraordinaria e tupida coroa vexetal, un patrimonio ao coidado das entidades veciñais viguesas do periurbano. Como extraordinaria é a masa verde conservada nos parques de Castrelos, do Castro, da Guía, da Bouza, e do máis recente de Navia, da propia Alameda da praza de Compostela (máis que centenaria), que proporciona sombra (un dereito da veciñanza), elimina carbono e dá acubillo as aves e outra fauna. Nunha cidade que ten unha oliveira como insignia, dende hai cinco séculos, o coidado das árbores urbanas e do resto do seu patrimonio forestal debería constituír un punto de encontro da veciñanza e do goberno municipal.

O descoñecido Carolo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do descoñecido Carolo, primeiro heroe da Reconquista:

Da fértil representación da Reconquista, celebrada a pasada fin de semana, foi o lance máis emocionante (como ven sucedendo todos os anos) o da morte de Carolo, o heroico protagonista do derrubamento a machadazos da porta da Gamboa, das mans de quen tomou Cachamuíña a macheta para proseguir tan temeraria apertura. Un acontecemento presente en todos os relatos da proeza viguesa do serán do 27 de marzo de 1809, mais tamén un nome (Carolo) que polo que sabemos pertence máis a lenda que a historia local, xa que non aparece recollido como tal en documento ningún. Paradoxo ao que xa se refería en 1978 Xosé María Álvarez Blázquez no prólogo de Reseña de la Reconquista de Vigo, o libro monumental de Félix Estrada Catoyra, destacado médico militar, que agardou case setenta anos para ser publicado polo Banco Industrial de Bilbao, despois de que o texto fose premiado en 1909 en Compostela, coincidindo coa celebración do centenario da Reconquista.

No relato daquelas horas decisivas, Catoyra detalla o proceso e as cláusulas de capitulación da praza e forte de Vigo, asinada ás seis da tarde entre Chalot, comandante das tropas francesas, e doutra parte, por Crawford, comandante da fragata inglesa Venus, e polo coronel Morillo. Mais non esquece relatar a impaciencia coa que o Abade de Valadares e o seu exército popular agardaba fóra das murallas; espera rota ás oito e media da tarde cando comezaron a asaltar as portas da muralla, a pesar de contar cuns poucos fusís e carecer de canóns. Chegada esta hora, Catoyra salienta o heroico comportamento de todos os asaltantes e, mais en concreto, que «houbo episodios admirables, como o dun ancián mariñeiro do Berbés que comezou a destruír a machadazos a porta da Gamboa e caeu morto cribado a balazos polo inimigo, heroe anónimo cuxo nome sentimos non ter podido atopar en ningún dos documentos que manexamos mais cuxo feito é citado por todos os historiadores».

Continúa Catoyra o seu épico relato, que segue o do informe militar de Pablo Morillo, sinalando que o ataque foi dirixido polo afouto capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña» «quen ao ver morto ao mariñeiro tomou das súas mans a machada e coa forza hercúlea que o caracteriza fixo saltar as estelas da porta, mais cando esta cedía xa para dar paso aos seus soldados recibiu catro balazos que o fixeron caer en terra». Remata precisando que o tiroteo nas murallas cesou ás dez da noite, hora na que se presentaron dous oficiais franceses coa ratificación da capitulación, que se levou a cabo o día seguinte, 28 de marzo, cando a partir das dez da mañá diante das tropas do Abade de Valadares, Tenreiro e Almeida desfilaron os franceses desarmados en número de 46 oficiais e 1.213 sarxentos, cabos e soldados, antes de ser embarcados en lanchas que os transportaron ás fragatas inglesas fondeadas diante da Laxe.

Relato moi semellante ao da representación actual, que difire pouco do publicado en 1810 por José Fernández Neira en Proezas de Galicia, a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, como por Manuel Pardo de Andrade (1814), outro xornalista pioneiro, que rebaixa a tres os balazos recibidos por Cachamuíña, e engade «a quen lle mataron o machadeiro». Como ten grande valor documental a proclama titulada «Habitantes de Galicia»,  asinada o 9 de abril de 1809 polo vicealmirante inglés G. Berkley, conservada no Museo de Castrelos, a primeira referencia impresa do acontecemento da Reconquista, na que se remarca que «as mellores tropas [referíndose ás de Napoleón] poden ser vencidas e aniquiladas polos esforzos unánimes dun pobo determinado a ser libre [Vigo]». Anos máis tarde a figura deste mariñeiro do Berbés sería citada por José de Santiago na súa Historia de Vigo (1896) e polo cronista Avelino Rodríguez Elías, que chegou a identificalo con José Ovelleiro, o que parece dubidoso, xa que como afirma Eduardo Rolland no seu libro de referencia, Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), este nome non aparece documentado nos libros de defunción.

En todo caso, a pesar de que non hai rastro de papel do alcumado «Carolo», ese mariñeiro de nome descoñecido é o maior e primeiro heroe do Vigo popular, encarnando, como sinala Rolland, «ao pobo común, esforzado e traballador». Unha figura, como a de Cachamuíña ou a dos abades das alarmas do Fragoso, necesarias para fixar o relato da Reconquista como o mito fundacional da cidade da oliveira, recoñecida como leal e valorosa en 1810, que adquire, por fin, o ano seguinte certa autonomía política, tras a abolición dos señoríos da mitra compostelá e a súa declaración como porto franco para as embarcacións inglesas. Tres consecuencias políticas moi relevantes para a historia, representadas no mito dos machadazos de Carolo, dunha cidade que dende entón nunca perdeu a súa ansia cívica.

Polavila Docampo

O editor Antonio Ventura incitou a Xabier P. DoCampo a que escribise un libro sobre o valor da lectura dirixido a persoas mediadoras. Tirando dese fío, Xabier, namorado do xénero epistolar como recurso creativo e de intervención política, escribiu unha das súas obras senlleiras, Catro cartas (Anaya, 2000; Xerais, 2020), na que reflexiona sobre a literatura como emoción compartida e os libros como un espazo de encontro. Dirixidas á amada, ao fillo, á mai e a Tusitala (R.L.S.), cun quinta peza, fóra de catálogo, a quen lese as anteriores, DoCampo reflexiona con lucidez e beleza sobre a lectura (tamén a escritura) como un traxe que lle senta ben a alma e fai a vida máis fermosa. Lectura e escritura, nas súas palabras, que desempeñan a función «de nos axudaren a nos coñecer e recoñecer», «dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, se substancian no outro, por medio da entrega, da xenerosidade e do amor».

O vindeiro venres, 5 de abril, cando se fan 78 anos do nacemento do chairego, celebraremos no Fórum Metropolitano da Coruña a primeira edición do serán Polavila Docampo, unha iniciativa con vontade anual e itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario. Precedido de actividades nas bibliotecas escolares e coincidindo co ciclo de cine «Xabier P. DoCampo na memoria», abrirá o serán na biblioteca infantil unha sesión de contos, continuará coa lectura pública das Catro cartas por voces amigas, que darán paso á Gala Polavila Docampo, na que asistiremos a cerimonia máxica da narración da man de membros da Xeración Lamote, poetas, contadoras e cantoras, que participan todas de forma altruísta. Un serán para celebrar a Xabier, mais tamén para non esquecer, como el recordaba, a responsabilidade que como doadores de palabras adquirimos cada vez que alguén nos conta unha historia ou a ofrece para o gozo da súa lectura en alta voz. Beizón, mestre, por tan valiosa herdanza!

Publicado en Nós diario: 03/04/2024

Hiperpoética

Carmen Villar Alonso publica nos seus perfís de Twitter (@CarmedeMilmanda) e Instagram (@rosmoninha) un proxecto fotopoético escolmado no libro Os mil e un días (Xerais 2023), un dos formatos editoriais anovadores da nosa efervescente poética actual. Seguida por milleiros de lectoras e aproveitando as utilidades hipertextuais destas redes, como a multimodalidade que permite mesturar texto e imaxe (verso e fotografía ou debuxo propios), Carmiña constrúe un dietario poético aberto e inacabado, rotundo e fermoso, íntimo e memorioso, escritura e ollada que desbordan as ansias do ser humano e os límites do literario e do visual. Un proxecto poético, que a autora con raíces entre os ríos da Mesopotamia galega sitúa entre Rosalía de Castro e Kurt Cobain e cuxas intencións fixou nunha entrada inicial memorable (10/04/2017) pegada no seu perfil de X: «O meu avó non sabía / de Supermans / ou Spidermans. / Pero coñecía o vimbio: flexible e forte / coma o mellor superheroe.» Empregando unha lingua clara e unha escolla léxica depurada, que dialoga con imaxes de paisaxes, Carmiña aborda a reflexión sobre o tempo e a finitude dos amenceres vividos, os abismos e os medos, o amor e a morte, a familia e os afectos, como o valor da escritura e das linguas (ademais de en galego, hai poemas en francés, alemán e inglés) na construción dun futuro esperanzoso. Proposta editorial novidosa, que coincide coa proeza editorial da vixésima primeira edición de Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais 2006, 2024) na que o editor Fran Alonso actualiza coas utilidades hipertextuais (por medio de códigos QR) esta escolma referencial concibida para achegar a poesía á mocidade. Antoloxía hiperpoética, utiliza a utilidade da multimodalidade de verso e música, como Alonso xa fixera en Poetic@, poemario web multimedia e interactivo, no que os poemas poden ser lidos, escoitados (nalgúns casos vistos) recitados ou cantados. Benvidas estas propostas  hiperpoéticas galegas de edición estendida e hibridada.

Publicado en Nós diario: 27/03/2024

Viguesas distinguidas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás Viguesas distinguidas:

Entréganse hoxe as distincións «Vigueses e viguesas distinguidos» coas que o Concello de Vigo, segundo establece no seu Regulamento de honras e distincións, recoñece «a persoa ou grupo de persoas que sobresaíron ao longo da súa vida polas virtudes humanas ou polo seu quefacer profesional; vigueses famosos, populares e mesmo, nalgúns casos, persoas que polo seu traballo calado ou polo seu persoal rexeitamento de todo protagonismo non son coñecidos pola maioría». Recoñecementos que xunto coa Medalla de Ouro da Cidade se veñen outorgando o día da Reconquista, dende o 28 de marzo de 1987.

Foron as primeiras Viguesas distinguidas Carmen Roel Rilo, fundadora de El Mosquito, e Milagros Molares Lago, promotora dos Campionatos de Fútbol Praias. Foron os primeiros Vigueses distinguidos Manuel de Castro, vendedor de prensa que voceaba polas rúas do centro os xornais do día; Ángel Llanos González, fotógrafo de prensa, terceira xeración dunha familia de gráficos que deixou 135.000 pezas tiradas en Vigo e comarca; o Hotel Bahía, inaugurado en 1971; Nicolás Peña Martínez, médico urólogo, humanista, director durante moitos anos do Hospital Municipal (instalacións que hoxe levan o seu nome); e José Villamil Pérez, médico psiquiatra de longa traxectoria. Séndolle outorgada a Medalla da Cidade a Fernando Alonso Amat, funcionario de Facenda, delegado da Zona Franca, presidente do Club Naútico, comprometido coa causa democrática e da igualdade.

Estes recoñecementos municipais actuais tiveron varios precedentes. O primeiro nos premios «Uve de Vigo» outorgados o 9 de febreiro de 1974 nunha cea no Hotel Bahía, organizada pola emisora La Voz de Vigo (EFE 31), integrada na Rede de Emisoras do Movemento, que recibiron os empresarios José Fernández López (Pescanova) e Alejandro Barreras, o presidente do Círculo Mercantil e Industrial Camilo Veiga, a Cámara de Comercio e a ETEA, centro de formación da Armada. Como outro antecedente foi a homenaxe que en 1985 recibiu con motivo da súa xubilación Víctor Homen de Almeida, durante catro décadas vice-cónsul de Portugal en Vigo, e grande celtista e amante da cidade, a quen o cronista Lalo Vázquez Gil considera de feito o «primeiro vigués distinguido, cando non existía ese nome». Como precedente máis achegado foron os «Premios Reconquista» outorgados en 1986 pola Xunta de Goberno, a proposta do alcalde, que coincidindo coa entrega da Medalla da Cidade ao empresario e escritor Valentín Paz Andrade, recoñeceron o labor destacado nos eidos económico, social, cultural ou deportivo da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, da emisora educativa Radio Ecca, do atleta Alejandro Gómez Cabral e do grupo punk Siniestro Total.

Tras cincuenta anos da entrega daquelas uves pioneiras, case trescentas persoas, empresas, centros educativos, clubs deportivos, asociacións culturais e entidades diversas foron recoñecidas como «Viguesas distinguidas», referentes cidadáns e cívicos polas súas achegas diversas á construción da cidade de Vigo como espazo de convivencia e desenvolvemento urbano. Recoñecemento honorífico, que todas elas reflicten con orgullo no seu currículo máis íntimo, tanto as que aquí naceron como as que (a maioría) decidiron aquí construír os seus proxectos vitais e profesionais, unha adscrición de pertenza que conforma o inequívoco espírito republicano dunha cidade emprendedora, aberta, solidaria e sempre xenerosa no esforzo colectivo. Nomeamentos realizados polo concello de Vigo, tradicionalmente de forma unánime, coas achegas dos diversos grupos municipais e ao fío dos avances e conquistas de dereitos, o que salienta o carácter inclusivo e transversal dunhas distincións que afagan tanto a quen as recibe como a quen as outorga.

Con este espírito de constituír referentes recibirán hoxe o seu nomeamento como Distinguidas as comunidades educativas do Colexio Público Lope de Vega, o Instituto da Guía e o Colexio Quiñones do Calvario, como os participantes no proxecto «Sons das flores» do Colexio Público Vicente Risco. Como por constituír referentes deportivos son Distinguidos os clubs de baloncesto Seis de Nadal de Coia, o Celta de Atletismo e o centenario Club Deportivo Coia de Fútbol. Como por ser referentes comunitarias e musicais son Distinguidas as corais polifónicas do Centro Cultural de Valadares e da Sociedade Atlántida de Matamá, o falecido folclorista Emilio Sotelino e a Asociación de Viúvas Demócratas. Como por ser referente humana, cultural e social é Distinguida a escritora e activista viguesa María Reimóndez, que escribiu libros preciosos de temática viguesa, como Unha xigante ira colectiva (Elvira 2019) ou Furia (Xerais 2023), cerna do actual Vigo literario. Parabéns a tan merecidas Viguesas distinguidas!

«Se queres…»

Pasado o día do Cómic (17 de marzo) e ás portas dos días internacionais da Poesía (21) e do Teatro (27), celebramos hoxe o día da Narración Oral, data mundial nacida en Suecia (1991) coa que, coincidindo co equinoccio de primavera, as narradoras orais festexan contando contos a súa profesión, arte e oficio. Organizada en Galicia polos festivais Atlántica e Sete Falares e polo Colectivo Narración Oral Galega, ao longo desta xornada de festa da oralidade desenvolveranse unha chea de funcións en todo o país en bibliotecas, teatros, colexios, centros culturais, residencias de maiores, hospitais ou cárceres coa intención de poñer de relevo o valor inmortal de contar un conto. Un día no que, como salienta Paula Carballeira, redactora do moi fermoso manifesto «Se queres…», estamos convocados todos a regalar boas historias e contalas de xeito que «pareza murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo e cambialo». Un día para contar a vida coa nosa voz, tamén coa ollada e xestos nosos, mais tamén coa disposición e a empatía de escoitar, abraiarse e sorprenderse cos nobelos dos relatos doutros afáns e pareceres, para celebrar esoutro tesouro da nosa lingua e continuar construíndo memoria e identidade. Lémbrao Michèle Petit no seu ensaio máis recente, Os libros e a beleza (Kalandraka 2024), en excelente tradución de Isabel Soto: «O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo animais poéticos, posto que os seres humanos levamos máis de 40.000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura». Iso celebramos hogano, o prodixio de contarmos e escoitarmos para dominar a estrañeza da vida e da morte, para procurar a verdade que aniña na cerna do relato. Sabíao o noso amigo Xabier DoCampo: «o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia». Velaí o que festexamos, o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, o amor polo desexo de contar historias.

Publicado en Nós diario: 20/03/2024

Príncipe con nomes de muller

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a iniciativa de instlar bancos con nomes de muller:

Segundo conta o historiador Juan Miguel González-Alemparte Fernández no libro Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (Instituto de Estudios Vigueses 2021), un grupo de veciños do comezo da estrada de Castela, trazada a cordel en 1834 atravesando o barrio do Salgueiral, treito primeiro da estrada Vigo-Villacastín (Segovia) entre a Porta do Sol e o lugar do «Ramalillo», solicitaron en 1861 ao concello que se chamase «rúa do Príncipe». Era xa entón un  dos vieiros principais da cidade do que Nicolás Taboada Leal di na súa coñecida historia de Vigo (1840) que no seu tempo xa «se achaba decruado e achandado na súa maior parte». Viario que dúas décadas despois sería o primeiro en pavimentarse fóra das murallas, xusto cando en 1861 se redactou a súa acta de entrega ao concello (coa excepción da fortaleza do Castro) e o comezo das obras da súa demolición. Proposta de inclusión no rueiro vigués dun príncipe que non era outro que Afonso de Borbón, o futuro Afonso XII, fillo primoxénito e herdeiro da raíña Sabela II, nacido o 28 de novembro de 1857. Aprobado pola corporación o 21 de marzo de 1861, o nome sería conservado dende entón agás nos anos da IIª República, cando foi mudado polo de Capitán Galán.

Rúa do Príncipe que a partir de 1870 adquire o carácter de icona do desenvolvemento comercial e urbano de Vigo, reproducida en numerosas cartas postais, polas que nos facemos idea do seu pulo. Alí establecéronse as oficinas do Cable Inglés (1873), o primeiro café que se abriu en Vigo, o Suízo (1875), no que se falaba inglés e alemán, varios colexios, as primeiras oficinas da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo (1880), o Cárcere e Pazo de Xustiza (1881), a primeira oficina telefónica (1889), a sede do Círculo Industrial e Mercantil (1927), ademais de imprentas, librarías, almacéns, tendas de vestiario, ultramarinos e outros establecementos dun amplo tecido comercial moderno e elegante, nunha cidade que comezaba a multiplicarse. Unha rúa na que se estableceron as consultas médicas e as oficinas comerciais dalgúns consignatarios, que co seu esplendor nas primeiras décadas do século XX converteuse na rúa do paseo, no primeiro espazo para ver e ser visto camiñando dende a Porta do Sol a praza do farol de Urzaiz, mesmo a pesar do seu moito tráfico xa que por alí circulaban carros de bois, coches de cabalos e a motor e mesmo o tranvía durante uns anos, até quedar como a primeira rúa peonil.

Carácter de rúa principal que Príncipe nunca perdeu, a pesar de que nas cinco últimas décadas mudou a súa pel comercial, da que hoxe se conserva só a xoiaría de Ramón Fernández e a Academia de Remedios Vivas, substituída por establecementos de cadeas, a semellanza de calquera outra rúa comercial europea. Xaora, cada xeración conserva na súa memoria os nomes desaparecidos da súa rúa do Príncipe, relación iniciada no meu caso pola mercería La Favorita, calzados Chavalín, Kadete, a mercería Amalia, a Papelería Comercial, a Papelería Española, a libraría Barrientos, os almacéns Alfredo Romero, a dozaría as Colonias, os bolsos de Barros, as galerías da Norma, Karina, Esmar, o salón de fotografía de Pacheco, a farmacia de Carrascal, o obradoiro dos prateiros Hernández, o Sport, a xoguetaría Moya, a xoiaría Arosa, a zapataría Layton, a camisaría La Industrial, a Ideal, Fotoclub, Foto Mecánicos, as galerías Olmedo, os almacéns El Príncipe, Carbajo, a cafetaría Flamingo, entre outros que sei cada lectora completará.

Ademais de conservar o seu carácter comercial, ao que se engadiu o Marco (2002) e a sede do Celta de Vigo (2018), Príncipe é hoxe un espazo público e cívico multiusos, onde se celebran as festas de Nadal e frecuentes concentracións, exposicións ou intervencións de rúa. Velaí neste mes de marzo a inauguración dunha acción magnífica: a homenaxe a dezaseis mulleres destacadas das que se amosa a súa biografía nunha placa colocada en cada un dos bancos instalados ao longo de toda a rúa. Unha iniciativa para renomear con nomes de muller este espazo urbano de privilexio, contribuíndo a desvelar as súas biografías e a construír o relato compartido das mulleres na cidade. Escritoras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Begoña Caamaño, Xela Arias, Xohana Torres e María Xosé Queizán. Pintoras como Mercedes Ruibal e Berta Cáccamo. Pedagogas como Ernestina Otero, Sofía Novoa e Antía Cal. Actrices como Dorotea Bárcena. Deportistas como María Antonina Sanjurjo Aranaz e Susana Rodríguez Gacio. Sindicalistas como Carmen Segurana e María Araújo. En Príncipe están a partir de agora os seus nomes e a memoria das súas vidas, está a súa xenealoxía, os seus afáns, os seus soños e compromisos. Parabéns a Carmela Silva, responsable da área de Igualdade e Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, por tan valiosa intervención na memoria da cidade nosa.