A vida lenta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición comisariada por Aser Álvarez da Sede de Afundación:

Tras a desfeita provocada por un ano de pandemia Covid-19, reaparece moi amodiño a actividade cultural nos museos e centros culturais da cidade nosa. Entre as mostras abertas destaca polo seu formato novidoso «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», un proxecto expositivo interdisciplinar concibido e comisariado polo director e produtor cinematográfico Aser Álvarez que se pode visitar na Sede Afundación de Policarpo Sanz. Setenta fotografías procedentes dos arquivos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do fondo persoal de Carlos Valcárcel e das coleccións de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión, corenta minutos de fragmentos cinematográficos, versos de catro poetas gañadores do Premio de poesía Afundación (Ollala Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez), así como unha banda sonora composta por Moisés Quintás ofrécense á curiosidade da visitante convidándoa a reflexionar sobre a mudanza das paisaxes rurais e das formas de vida e de traballo que se produciron en Galicia entra as décadas de 1950 a 1980. Unha proposta completada con actividades en liña nas que participarán o director Oliver Laxe e a muralista e ilustradora Xoana Almar, artistas contemporáneos e de vangarda que manteñen un forte compromiso co mundo rural.

A exposición documenta a transformación do sector primario galego, que inclúe a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, ao longo de apenas catro décadas, que pasou de ocupar a máis do 80 % da poboación galega a comezos do século vinte ao 68 % en 1960 e ao 50 % en 1975; proceso que se acelerou coa chegada da Autonomía, xa que a porcentaxe reduciuse ao 35 % en 1990 e até ao 10 % co comezo do século actual. Unha transformación produtiva, identificada en tempos da ditadura como modernización agropecuaria, que acompañando ás ondas migratorias de comezos dos 50 e 70 modificou inevitablemente a vida nas aldeas, facendo desaparecer a cultura agraria tradicional e os oficios e actividades comunitarias a ela asociados. Proceso que se identifica na valiosa escolma dos fondos históricos da Mediateca do Ministerio de Agricultura, toda unha descuberta de películas e fotos tiradas entre 1934 e 1979 por profesionais do Servizo de Extensión Agraria ou por fotógrafos amadores participantes no concurso de fotografías agrícolas, forestais e pecuarias.

Transformacións recollidas nas fotos en branco e negro do fotógrafo lucense Carlos Valcárcel (Lugo 1929), que deita unha ollada íntima e máis cálida sobre a vida na aldea, retratando a familias labregas ou as crianzas e os mozos ocupando a eira, fotografando os interiores das vivendas e cociñas labregas, recuperando escenas na feira ou o traballo das lavandeiras no río Miño ou recollendo escenas agrarias onde nos anos setenta a burra, os bois, o carro e o arado romano non perderan aínda a súa funcionalidade. Ollada ampliada pola escolma da colección Lloveras e Piñeiro, dous investigadores agrónomos que de 1978 a 1986 percorreron os camiños do país para estudar os sistemas de rotación das colleitas coa intención de rexistrar a transformación rural galega que se estaba a producir nun momento decisivo de mudanza política, económica e social. Fotos xa a cor onde se documenta a aparición do tractor e dos camións de recollida do leite, vehículos que transformaron a tecnoloxía agraria, mais na que continúan presentes as escenas de mulleres segando o centeo a man en lugares tan dispares como Barro ou Negueira de Muñiz (1980) e os traballos agrícolas de autoconsumo, ampliando a súa ollada sobre as actividades do marisqueo nas Rías Baixas e na Pasaxe.

Tres fondos documentais diferentes, concibidos con intencionalidades distintas, o do Ministerio institucional, o de Valcárcel artístico e o Lloveras e Piñeiro investigador, mais capaces de complementarse para ofrecer unha ollada de gran angular sobre as transformacións das paisaxes e culturas agrarias galegas. Unha ollada fotográfica e cinematográfica que co apoio dos textos poéticos e da banda sonora creada por Moisés Quintás, capaz de recrear con fidelidade o latexar da terra, o chiar dos carros e o ouvear dos lobos, é capaz de crear no espazo expositivo unha certa atmosfera de vida lenta, un imaxinario alternativo onde aínda semella posible a conciliación comunitaria coa natureza. «A vida lenta» propón unha reflexión sobre o pasado e sobre o futuro da vida nas aldeas, poñendo en cuestión o imaxinario creado sobre o que chamamos «rural» e sobre a nosa propia relación cos ciclos naturais. En definitiva, na contorna de incerteza creada pola pandemia, Aser Álvarez propón a experiencia de reconciliarnos emocionalmente cunha parte do noso territorio e facer un pouco de memoria sobre o noso pasado colectivo. Mostra moi recomendable e esperanzadora.

Confeitaría Ramos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á memoria da confeitaría Ramos e outras dozarías clásicas viguesas:

A confeitaría Ramos, despois de case un século no baixo de Pi y Margall 18, pechou as portas para trasladarse aos locais da pastelaría La Camelia na rúa Enrique Lorenzo 2. Un inesperado agasallo para o padal da veciñanza de Teis, que poderá gozar na proximidade das larpeiradas de Ramos, máis tamén outra perda para o meu barrio, a carón do paseo de Afonso e do que noutrora foron os da Falperra e o Barrio do Cura, o comezo da vella estrada de Baiona. A dozaría, como lle chamabamos, o establecemento dos Barreiro, unha estirpe de pasteleiros artesáns, xunto ás igrexas evanxelista e católica, era a derradeira referencia que quedaba dun territorio da desolación urbana, con numerosos edificios abandonados e a maioría dos locais comerciais pechados, estraño para os que alí nacemos e vivimos no último medio século. O edificio da dozaría será derrubado, como o foron xa practicamente todos os do barrio, para construír apartamentos, e apenas nos quedará o rastro que os recendos da dozaría deixaron na memoria da nosa infancia.

Ramos é polo seu repertorio de doces e salgados unha das confeitarías viguesas máis clásicas, ofrecendo algunhas delicias artesanais continuadoras dunha tradición pasteleira de toda a vida. Os seus croissants cun toque de crema son para min os mellores da cidade. As súas empanadillas e empanadas, sobre todo as de bacallau, elaboradas a medio punto mesturando masas, son extraordinarias. Os seus «plumcakes» de froitas confeitadas, deliciosos, á altura dos que ofrece a confeitaría Solla da rúa Uruguai, onde, por certo, prepara esoutra marabilla da crema en forma de lingua queimada. Como inesquecibles son os sabores das medias noites e bolos de leite de Ramos, os bocados dos días de festa da miña infancia. E os seus canapés, o seu finísimo cabelo de anxo de cabaciña, as súas pastas de té e a súa pastelaría variada… Mais se por algo destacou Ramos sempre foi polo seu roscón de Niza, unha singular recreación do artesán engadindo ao pan durmido unha crema de elaboración secreta, presentada a maior parte das veces como trenza, ensaiada con bastante fortuna por outras pastelarías vigueses modernas. Como tamén é coñecida polas súas larpeiradas de tempada, sexan os seus turróns de xema e chocolate, figuriñas de mazapán e polvoróns, as súas enormes orellas de frade ou ósos de santo.

Mención á parte merece a interpretación que Ramos leva facendo da receita da torta Llanderas, probablemente a torta máis netamente viguesa, o símbolo máis larpeiro da cidade, creada polo artesán pasteleiro Ignacio Arrondo nos anos 50, como unha variante da torta polonesa imperial rusa, bautizada polo reposteiro co apelido dun seu amigo, para evitar así un adxectivo daquela comercialmente perigoso. Ramos mantivo sempre fidelidade á valiosísima receita orixinal de Arrondo, elaborada con améndoa, ovo e manteigas, ornamentada con labras de améndoa e barquillos de chocolate. Un segredo que Álvaro Barreiro, o actual artesán de Ramos, herdou do seu pai, que aprendera no obradoiro da confeitaría Arrondo da rúa Policarpo Sanz, onde ingresara como aprendiz aos trece anos, antes de traballar na confeitaría Pereiro de Urzaiz, fronte ao muro da Estación. Obradoiros vigueses desaparecidos, como Las Colonias de Príncipe, Marbella de Colón, que rexía outro dos irmáns Arrondo, ou a confeitaría Roma das Travesas, da que sempre lembrarei o recendo que se coaba polo seu fachinelo do Camiño dos Anxos.

Conservo na memoria o sorriso do vello Barreiro, o mestre artesán de Ramos dende 1975, explicando ao cliente curioso coma min o proceso de elaboración das súas delicias de Nadal das que me declaraba seareiro e que el presentaba cada inicio de decembro. Como lembro no despacho de Ramos as vitrinas ateigadas de encargos e os balóns de cristal repletos de tofes e caramelos de menta e outros sabores. E non esquezo, sobre todo, aquela columna de cristaliños, chantada no medio e medio do local, na que coma no espello de La Belga de Marqués de Valadares, procurabamos nos devolvese durante uns segundos a noso cara distorsionada. Columna que tamén existía na confeitaría El Buen Gusto de Elduayen, por ventura aínda aberta, onde a avoa Filo, despois de moito insistirlle, un día nos mercara un dos seus follados de merengue  e algunha daquelas cristinas de crema grandes, lembranza que agroma de forma recorrente cada vez que paso diante do escaparate.

Somos apenas o que lembramos, «escribe o que lembras e dirás a verdade», lembra Luis Landero en «El huerto de Emerson» (Tusquets 2021), unha das lecturas recentes que máis me valeron. Lembrar Ramos, como aqueloutras confeitarías viguesas da nosa infancia, cando contamos hoxe cunha excelente oferta de obradoiros modernos, constitúe unha forma de descubrimento e de autoestima da propia cidade.

Xela Arias escritora cubista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Xela Arias, escritora homenaxeada o 17 de maio, coicidindo co 59 aniversario do seu nacemento:

O 4 de marzo celébrase o 59 aniversario do nacemento de Xela Arias, na Granxa Barreiros, na parroquia de Ortoá, Sarria, onde seu pai era mestre. Primoxénita de Amparo Castaño López e Valentín Arias López, foi inscrita como María de los Ángeles, aínda que xa moi cativa déuselle en dicirlle Xela, nome que cando tiña 32 anos, tras reclamación xudicial, recoñeceulle o xulgado de 1ª Instancia de Sarria.

Desde o berce tivo o galego como lingua primeira, «agora teño o idioma inclinado nas entrañas» («Tigres coma Cabalos» 1990), que utilizou nos seus oficios de escritora, editora, tradutora e profesora, en todos os seus actos públicos e no seu ámbito privado. Unha lingua urdida no pouso dos afectos, «se che falamos con tino, a modo, recompós termos e frases» («Darío a diario» 1996), «íspeme o idioma e sábemo suando en sida» («Intempériome» 2003), escribiu, mais tamén no compromiso teimoso da súa defensa, «galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes» («Denuncia do equilibrio» 1986), convencida de que «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» («Festa da Palabra Silenciada» 2001) coma comunidade.

Galego adquirido en Ortoá nos seus tres primeiros anos, nunha casa chea de libros até o teito, mais tamén nas visitas á das avoas Ilduara e Amparo, como da relación coa tía Irene coa que foi ás vacas ou coa tía Amparo da que aprendeu remedios máxicos, como relata en «Non te amola!», proxecto de memorias de infancia iniciado en 1991, que dende entón permaneceu inédito, nunha autora que fixo da autoesixencia, a procura da innovación e a reflexión sobre os seus textos, características dunha obra literaria tan breve como intensa.

Despois dun paso de tres cursos polo Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo o parvulario e o primeiro da Primaria, centro dirixido entón por Ricardo Carvalho Calero, inesperada serendipia, en setembro de 1969 a familia trasládase a Vigo por ser destinado o pai como mestre na Escola Nacional Graduada de Sárdoma, en Moledo, centro onde completará o ensino primario, despois, Educación Xeral Básica (1969-1976), e onde comezará a escribir os seus primeiros contos. Dende os sete anos, Xela Arias instálase na cultura urbana, como confesou en varias entrevistas: «eduqueime xogando nun solar e logo de ir á escola nunha arrabalde de Vigo, seguín estudando no instituto do Calvario, fixen vida de barrio».

Tras abandonar os estudos de COU, pola pulsión de independencia e afouteza que caracterizou a súa vida, con apenas dezanove anos (1980) empeza a traballar, polo seu bo manexo do galego falado e escrito, como oficinista no primeiro equipo de Edicións Xerais de Galicia, que entón iniciaba a súa andaina editorial. Será a década dos oitenta fecunda para ela como editora, actividade na que se ocupou axiña de tarefas relacionadas coa revisión e corrección dos textos nun momento decisivo de fixación da norma ortográfica aprobada en 1983. Como tamén o será como tradutora literaria, responsable dun catálogo moi diverso de case cincuenta obras, nas que procurou unha lingua con xenio popular, completa e capaz, iniciado co «Cabalum» (1983) de Carlos Oroza e «O gato gaiado» (1986) de Jorge Amado.

E tamén fecunda como poeta, actividade iniciada no bulir incansable daquel «Vigo aínda durmido», como acuñou nun poema publicado no número 3 do fanzine «Katarsis» (1984), o chamado «Vigo da movida». Tempo de entusiasmos perigosos, naquel Vigo marcante do desemprego e da droga, no que Xela se implicou como artenauta e activista literaria, participando en recitais e publicacións diversas («Neboeira», «Tintimán», «Ith»..) nas que vinculaba os seus poemas coas artes plásticas, velaí a súa colaboración co pintor Xosé Guillermo, ou coa música do grupo Desertores, para os que prepararía as letras do elepé «El desertor» (1991).

Implicación xeracional que a levou a participar de forma moi activa na sección de Creación de «Faro de Vigo», onde debutou en xuño de 1983 cunha páxina memorable na que incluíu catro poemas rompedores, recibidos con entusiasmo polo poeta Carlos Oroza («celebro estar en el acontecimiento de tu poesía»), mais tamén na interesantísima sección «Mulleres», coordinada por Pilar Comesaña, ou naquel fascinante «Pharo The Bego» (1984-1986), suplemento bimensual do decano onde os seus poemas compartiron páxina cos de Manuel Rivas.

Poeta viguesa sen xeración, escritora cubista, que coas súas insólitas colocacións pronominais humanizaba os verbos e coa súa provocadora  creación léxica retorcía os nomes, confesou que de poder escoller a súa reencarnación sería en Lou Reed en feminino. A homenaxe que recibe este ano das letras é unha oportunidade única para descubrir e valorar como merece a obra de quen «perder pé aínda é a ambición preciosa» (1989) e «vencerse non é cousa de se tratar» (2003).

Onte 2126: Xela Arias tradutora, catálogo actualizado

Tiven onte a fortuna de participar como moderador da mesa redonda Letra a letra con Xela Arias. Colaboración e tradución, organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Hora e media intensa da primeira homenaxe á #XelaAriasTradutora na que participaron tres tradutoras que colaboraron con ela hai trinta anos, Lidia Iglesias Izquierdo, co-autora da versión galega d’ As bruxas de Roald Dhal, e Débora Ramonde e Rafael Ferradáns, co-autores da versión galega de Dublineses de James Joyce. Un achegamento, que tamén constituíu unha primeira homenaxe da propia facultade, da que Xela Arias foi alumna de Filoloxía Hispánica en 1991, a unha tradutora dun catálogo de 35 títulos traducidos ao galego, pioneiro e moi significativo, no que se inclúen títulos de poesía, novela, relato, literatura infantil e xuvenil e cómic anosados dende linguas como o castelán e portugués, inglés, francés e italiano.

Un catálogo autoral iniciado e rematado polos poetas Carlos Oroza e Charles Baudelaire, no que figuran autores e autoras como Angela Carter, Alice Vieira, Gloria Pampillo, Gianni Rodari, Juan Farias, Jorge Amado ou Camilo Castelo Branco; ou obras como O Quixote, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula. Un traballo de tradución premiado pola Sociedade da Lingua Portuguesa, polo Ramón Cabanillas e polo Plácido Castro postumamente. Un traballo autodidacta como tradutora literaria que Xela Arias iniciou cando en Galicia non existían os actuais estudos de tradución e interpretación, coa precariedade que iso supoñía, por riba nun momento de fixación da norma ortográfica e de inicio da modernización e profesionalización do sector editorial galego.

Un esforzo de Xela Arias por incorporar ao catálogo do libro galego títulos intrnacionais de prestixio, que como sinalou cando lle foi concedido o premio da Sciedade da Língua Portuguesa, poñían en valor á propia lingua e operaban como acicate da creación na lingua propia. Xaora, abonda lembrar as cifras desta fantasía: en 1991 editáronse en galego 597 títulos dos que 125 foron traducións, case o 21 %, cifras que en 2008 e 2009 chegaron a multiplicarse por catro, e hoxe despois da crise apenas constitúen o dobre, mesmo a pesar de contar con dous selos especializados en tradución. Xela Arias foi unha participante moi destacada neste proxecto na súa dupla condición de editora de Xerais e tradutora. Labor para o que contou coa colaboración doutras tradutoras pioneiras, como Lidia Iglesias, Débora Ramonde, Rafael Ferradáns ou María Xesús Lameiro.

Pódese acceder ao catálogo en pdf que preparamos con motivo desta intervención de obra traducida por Xela Arias, tanto como tradutora literaria para o galego e tradutora técnica para o castelán. Repárese que sendo un documento aberto inclúe algunhas traducións que até agora non aparecían nas bibliografías de Xela Arias.

A miña gratitude ás profesoras Ana Luna e María Reimóndez e ao profesor Alberto Álvarez Lugrís, argalleiros desta primeira homenaxe a #XelaArias2021

Conservar Alfageme

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a reclamar a conservación integral do complexo industrial de Alfageme de Bouzas:

Dentro do patrimonio industrial vigués, se a Panificadora (1924) no Vigo vello é a nosa catedral laica que impón o seu perfil sobre o anfiteatro da ría, o conxunto fabril de Alfageme (1931) de Bouzas é o noso principal monumento da beiramar. Dúas edificacións senlleiras, chaves da identidade viguesa, mostras do diálogo do fabril co urbano. Dous complexos industriais deseñados polo arquitecto Manuel Gómez Román cando acentuaba a súa intención rexionalista no emprego do granito e aproveitaba as solucións construtivas máis actuais, entón ligadas á utilización do ferro, nunha década de entusiasmo de entre guerras, tamén decisiva para a industrialización do Vigo moderno. Dúas instalacións baleiras e abandonadas, a Panificadora dende o seu peche hai corenta anos, xa moi deteriorada pola desidia e pola pegada inevitable do paso do tempo; a de Alfageme, liquidada hai apenas unha década, en moito mellor estado, mais que coa perspectiva esperanzadora de celebrar o seu próximo centenario agardan ambas as dúas a súa rehabilitación integral e novos usos.

A publicación do libro «Alfageme. Historia e memoria» (Instituto de Estudios Vigueses, 2020), na que se inclúen os textos expertos de Xoán Carmona, Mariña López e Xosé Ramón Iglesias, pon de relevo o papel sobranceiro da familia Alfageme na historia do sector conserveiro vigués ao longo dun século, así como a importancia da supervivencia dunhas edificacións de valor monumental e artístico incuestionable, que para o profesor Carmona representan «un elemento da identidade e memoria viguesa» e «un orgullo e o emblema dunha cidade industrial». Chegada a Vigo dende Candás (Asturias), onde tiña un negocio de conservas e sidra, a familia de Bernardo Alfageme instalou a súa primeira fábrica de conservas nunha nave alugada no Areal (1913), a carón doutras conserveiras como Curbera, Portanet e Antonio Alonso. Actividade que mudarían a Bouzas, no barrio de San Gregorio, no espazo que ocupara o campo de fútbol do Fortuna, a carón dos estaleiros de Coia, primeiro para instalar un serradoiro e un negocio de comercialización de madeiras de importación (1927), despois unha moderna factoría de conserva, instalada para Carmona nun «edificio de autor», encargado a un arquitecto de prestixio, inaugurada en 1931 e ampliada en 1939.

Conformada pola fábrica, un amplo xardín sobre a rúa Tomas Alonso e unha vivenda familiar, para Xosé Ramón Iglesias «o arquitecto logra definir unha edificación equilibrada e sobria, na que conviven a atención ás necesidades funcionais da produción industrial e a necesidade de ser icona de marca» como pretendía a familia Alfageme. O resultado do proxecto de Gómez Román foi unha edificación sen excesos ornamentais, na que se emprega de forma maioritaria o granito manipulado por expertos canteiros, situada entre a tradición e a modernidade, na que o factor estético non restou peso á procura da racionalidade nun edificio fabril considerado como modélico durante décadas. Carácter iconográfico que a arquitectura rexionalista imprimía nas edificacións da industria da conserva procurado tamén por Jenaro de la Fuente Álvarez co seu proxecto (1929) para a factoría Albo instalada entón na proximidade do campo de fútbol de Coia, hoxe entre as rúas Jacinto Benavente e Paz, se ben o énfase decorativo historicista sería moito maior ca en Alfageme. Edificación fabril a de Albo, aínda hoxe en funcionamento, mais para a que se anuncia o traslado ao Porto Seco de Salvaterra, o que abre un interrogante sobre o seu uso e conservación futura.

Agardando a concreción do proxecto de usos de Zona Franca para a Panificadora, o futuro da fábrica dos gatiños de Conservas Miau constitúe todo un enigma. Como sinala Carmona «Alfageme representa un grande espazo construído e interiormente case diáfano, céntrico e a cabalo entre Bouzas e Coia», barrios aínda moi necesitados de dotacións sociocomunitarias públicas, que alí poderían ter acubillo. Como no marco dos programas de reconstrución e da Axenda Local 2030, Alfageme podería ser sede dunha renovada actividade industrial vinculada coa pesca, a conserva e a construción naval. Con todo, como tamén sinala Carmona hoxe «é preciso elaborar un programa de conservación preventivo destinado a manter a integridade do ben», para o que é necesaria a colaboración da administración local e autonómica. En todo caso, agardemos que o novo PXOM, tal como asegurou a alcaldía, incorpore a protección integral do complexo construído e non só das súas fachadas, como desgraciadamente pasou co espantallo edificado na Metalúrxica. Todo o espazo industrial de Alfageme debe ser conservado e rehabilitado, o que permitiría preservar a memoria e o significado da actividade conserveira para o Vigo contemporáneo.

Onte 2125: «Dicionario irreal para un país imposible» de Xavier Seoane

Había tempo que tiña interese por comentar o Dicionario irreal para un país imposible (Xerais 2020) de Xavier Seoane, o libro galego máis orixinal e atractivo dos impresos o pasado ano. Unha obra inserida na cultura dicionarista de Xerais, a editora galega que leva ofrecido o catálogo máis amplio e continuo deste tipo de obras. Un dicionario das silveiras, como o define o seu autor, emparentado con outras obras alfabéticas literarias das que tan orgulloso quedara o equipo de edición noso: dende o Elucidario (Xerais 1999) de Gonzalo Navaza da colección Ferros, dirixida por Cid Cabido, pasando polo Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Cuba, Miranda e Reigosa, obra fulcral na literatura galega de tradición oral revisada e reimpresa nas dúas últimas décadas en varias ocasións, até o Abecedario das mantenzas (Xerais 2012), que o noso admirado doutor Fausto Galdo non chegou a ver publicado.

Só un sabio de espírito renacentista e paciencia xenerosa como Xavier Seoane puido ter asumido completar durante dúas décadas o que hoxe xa é un monumento cultural galego. Contando coa súa condición de lector letraferido e o pouso da súa enorme erudición humanista, Seoane apenas botou man dos milleiros de lecturas da temática e do carácter máis diverso, peneiradas coas ferramentas da retranca e da súa fluidez compositiva, para definir varios centos de nomes comúns e propios, así como algúns títulos e frases feitas. Escolla orientada sempre orientada a acadr un achegamento analítico e poético a ese país imposible que chamamos Galicia.

Con semellantes intencións, para tecer o urdime de cada entrada deste glosario literario utilizou textos informativos, contos, poemas, reflexións, receitas, reseñas de libros e discos, referencias intertextuais, entre outros materiais, tanto propios como alleos. E o resultado que acada Seoane é unha auténtica delicattesen literaria, onde ningunha expresión da cultura galega resulta allea ou superflua. Case catrocentas páxinas apaixonantes onde campan a imaxinación, o humor, o espírito crítico e a reflexión máis desprexuizada e atrevida.

O dicionario de Seoane pode lerse como mellor lle preste ao lectorado, en calquera sentido e de calquera xeito. Con todo, confeso que algunhas entradas resultáronme memorables, coas que non parei de subliñar ou de rir a cachón: acento, Amancio, buguina, carácter, chuvia, emigración, identidade, Mendiño, palleiro, queixo (“epifanía casual elaborada con leite…”), retranca, ríos, saudade (na segunda acepción), xeito… Aínda que mención á parte merecen algunhas alfaias que o lectorado vai atopando como a tradución desas sete páxinas poéticas memorables tituladas “Os galegos, pioneiros audaces do amplo mundo”, compostas ao xeito de Walt Whitman.

Non podo rematar este comentario sen mencionar o extraordinario traballo de ilustración de Ramón Trigo, un dos grandes pintores e ilustradores actuais, que nunha ducia de pezas ofrece unha iconografía do país imposible retratado por Seoane. Un traballo plástico que por si mesmo merece unha exposición e unha difusión de seu. Como tamén é de excelencia o coidado da edición do editor Ramón Domínguez e do cadro da editora, tanto polo deseño de interiores, a escolla tipográfica, o tratamento do texto como dos materiais e acabamentos. Unha edición agarimada pola editora para ofrecer un dicionario de espírito clásico (e polo tanto perdurable), para un libro que entra así nesa reducida categoría das «obras mellor editadas». Libro para as que aman os libros, que non debe faltar en biblioteca ningunha, incluída as escolares. A miña gratitude a Seoane pola inmerecida dedicatoria. Beizón.

Nogueira, escultor de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á recuperar a memoria do escultor Camilo Nogueira Martínez:

Sempre que me preguntan cal é o meu lugar favorito para facerme un retrato respondo que a carón da parella de anxelotes termando do escudo de Vigo de Camilo Nogueira da beirarrúa voada do Paseo de Afonso. Aínda que tamén podería escoller algún outro espazo de arrecendo a salitre portuaria, sei que fotografarse alí non é unha mala idea, tanto pola beleza desbordada da paisaxe da ría enxergando o horizonte atlántico de Cíes, ao pé do bulir da abella da ribeira do Berbés, como tamén pola austeridade románica das pezas labradas polas mans do escultor de Lavadores e suavizadas devagariño polos ventos de cada nova galerna.

Analfabetos na historia da nosa propia cidade, mais aínda en todo o que se refire á súa memoria republicana e antifranquista, silenciada e oculta por anos de esquecemento, pasarían moitos anos até que xa de mozo identificase que os anxelotes da balaustrada de Jenaro de la Fuente do Paseo eran dúas das moitas pezas espalladas por Vigo daquel escultor galeguista do que me falaba con tanta admiración e respecto o meu avó Suso Beleiro, ebanista e tallista coma el, formados ambos os dous antes da guerra, como tantos outros vigueses, nas aulas e obradoiros da Escola de Artes e Oficios.

Camilo Nogueira Martínez (1904) pertenceu, como o seu amigo Laxeiro, á xeración de artistas que recibiron a bolsa da Deputación de Pontevedra (1931-1933) para ampliar os seus estudos de escultura na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Membro activo do Partido Galeguista e participante das tertulias culturais e políticas do café Derby, Nogueira colaborou con Antonio Palacios preparando un escudo para o teatro García Barbón e esculpiu o Monumento aos Mártires de Sobredo, inaugurado en Guillarei en 1932 con motivo do décimo aniversario do asasinato de tres veciños por defender a outro contra o pago dos foros, que en 1936 sería dinamitado pola intrasixencia dos sublevados.

Unha obra impregnada do espírito expresionista, emparentada coas de Asorey e Bonome, de renovación da arte galega que Nogueira expresaba por medio de fortes golpes de xubia que deixaba a vista en tallas sobre temas que reflectían escenas de emigración e do mundo do traballo. Fuxido tras o 18 de xullo e pasado un período de ostracismo, Nogueira recuperou a súa actividade artística coas súas exposicións na sala Velázquez e no local de Foto Club (1946) da rúa do Príncipe, onde o alcalde Suárez Llanos mercaría para o museo de Castrelos con motivo do seu décimo aniversario dúas das súas pezas de madeira máis logradas, «Mundo» e «Natureza», desenvolta esta última a partir dun trozo de acacia, que o propio Nogueira consideraba a súa mellor obra.

Mais será a partir de 1950, cando o de Riomao, xa profesor de escultura da Escola de Artes e Oficios (1946-1977), desenvolva durante tres décadas unha obra granítica que deixou pegadas nos edificios, parques, xardíns e alamedas viguesas. Unha obra que ben merece un itinerario propio dende as primeiras pezas da Alameda, correspondentes a comezos desta década protagonizadas como en «Alborada», «Nenos sobre tartaruga» e «Nenos baixo paraugas» por picariños e animais, ás que engade outras catro, «O forxador», «O mariñeiro», «Ansiedade» e «Fartura», inauguradas polo alcalde Portanet o 27 de marzo de 1966. Paseo na procura da obra pétrea de Nogueira que debe continuar polo Castro, onde están outra media ducia das súas pezas, «Peixeira» ou «Xirafa», entre outras, concibidas para a reforma deste parque urbano, na que salienta polo seu valor como icona da cidade o grupo escultórico instalado no interior do castelo «Mariñeiros portando o escudo de Vigo» (1969).

Itinerario urbano que  se estende na procura doutras pezas relixiosas, o busto de «Xoán XXIII» en Torrecedeira, o «Xoán Bosco» (1966) da Ronda, a «Maternidade» de Bouzas, a «Virxe do Carme» (1961) da Etea, como outras cívicas, entre elas, o «Monumento do emigrante» (1971) de Travesas, a súa derradeira obra pública en Vigo. As esculturas de Nogueira enfeitan tamén edificios vigueses, como as  que presiden o edificio Romero de Príncipe e o da Equitativa de Marqués de Valladares ou os inesquecibles relevos da Estación Marítima (1955) e do edificio de Aurora Polar (1955) en Urzaiz.

A obra de Camilo Nogueira, como as dos seus alumnos na Escola de Artes e Oficios, Xoán Piñeiro, Silverio Rivas ou Silvino Silva, o funcionario escultor e canteiro de quen a profesora Mercedes Bangueses acaba de publicar un magnífico libro, «Escultor Silvino Silva. Xamaruas dos Arxinas» (IEV, 2021), con motivo do seu vixésimo cabodano, conformaron espazos urbanos que hoxe son parte da nosa memoria colectiva e da identidade viguesa. Protexelas, catalogalas, difundilas, axeitalas para o seu uso didáctico constitúe unha responsabilidade que os poderes públicos non poden eludir.

Onte 2124: «Cobiza», a novela de ciencia ficción de Reimóndez

Dende a súa primeira novela, O caderno de bitácora (Positivas, 2004), María Reimóndez non volvera utilizar os recursos narrativos ofrecidos polo xénero da ciencia ficción para deitar unha ollada de grande angular sobre o presente. Faino agora na novela Cobiza (Xerais, 2021), Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual de xénero 2020, coa intención de abordar o proceso de construción do sexo e do xénero, as identidades e orientacións sexuais no marco das pandemias provocadas polo colapso ambiental do planeta e o seu quecemento global. Temas abordados nunha complexa e logradísima trama de ciencia ficción feminista e ecoloxista que se desenvolve tras a Gran Desconexión (GD), catástrofe planetaria debida a un fallo técnico provocado pola sobrecarga  eléctrica que as persoas pobres provocaron na rede de conexión dixital disposta para o avance tecnolóxico; en definitiva, bens e servizos da tecnoloxía dixital, da ciencia e da intelixencia concibidos só para aquelas persoas que puidesen pagalos.

Cobiza relata a peripecia da travesía oceánica de Dandara, Tassi e Seh-Dong, seres doutra caste, creados dende a materia vexetal das resinas, concibidos para vivir centos de anos sen dor nin doenzas ningunhas, cuxa existencia ficara oculta para o mundo, como concibira Luz a súa creadora, coa intención de que a humanidade volvese a súa esencia máis  primixenia. Escrita no período de pandemia, aborda algunha das cuestións esenciais do tempo presente como o valor da ciencia e a tecnoloxía, a escravitude sexual, a explotación dos ventres de alugueiro, a natalidade obrigada nos países empobrecidos… Un formidable negocio para unha corporación internacional, a poderosa Life Corps, capaz de proporcionar a solución (a vacina) para cada pandemia, mais que non ten outra orientación que a proporcionada pola cobiza, un monstro de rostro cambiante orientado a obter o máximo beneficio. Unha reflexión que na novela amplíase sobre o carácter da reprodución, a incomunicación e as posibilidades de colaboración, adquirindo unha dimensión moral xa que a cooperación e o coidado son dous requisitos básicos para a vida dos seres humanos.

Cuestión central na trama da novela, como é adoito neste xénero da ficción científica, é a descrición da organización dunha sociedade dividida entre os Recunchos e as Capitais (onde se fala a lingua única e só se preservou a onomástica das linguas propias), na que todo esta baixo o control do Sistema de Vixiancia Mundial (SVM) e onde cada persoa, seres humanos, seres híbridos e seres metálicos (os androides que traballan como «técnicos») están controladas e non poden saír dos límites permitidos para cada unha delas. Como tamén son fulcrais a abordaxe das cuestións ambientais, nun planeta onde os oceános foron ocupados polos plásticos, os animais salvaxes practicamente desapareceron e a alimentación é homoxénea e compacta, presentada por pastillas.

Con todo, a cerna de Cobiza está na esculca de María Reimóndez sobre o propio concepto do humano, sen divisións binarias e clasificacións establecidas pola anatomía. Que valor ten ter pene ou vaxina?  Que significa ser muller? Podemos ser o que desexemos? É posible desenvolver seres completos sen os vicios dos humanos? Onde queda o papel dos afectos?  Que alcance vai ter a Intelixencia Artificial (AI)? Reflexións sobre identidade e orientación sexuais, como sobre o futuro do planeta doente, na que autora despois de douascentas páxinas sen tregua, propón sementar a esperanza dun mundo novo.

Novela de ciencia ficción importantísima para a literatura galega, polo seu diálogo con clásicos contemporáneos, como O conto da criada de Margaret Atwood (2019 Irmás Cartoné), mais tamén decisiva no catálogo cada vez máis diversificado e amplo dunha autora esencial da literatura galega actual. Outra proeza literaria de Reimóndez que aventuro como un dos libros de excelencia deste novo ano. Recomendo non perdelo.

Onte 2123: O peso da lix no sistema editorial galego

Deixo no arquivo do blog a presentación que utilicei onte na intervención telemática nas xornadas organizadas por Gálix en colaboración co Consello da Cultura Galega. A encomenda de estimar o peso da literatura infantil e xuvenil galega no actual sistema editorial galego axudoume a volver sobre estudos anteriores de edición, que comezara nos anos noventa. Xaora, como sabía que este tipo de análises cuantitativas son moi densas, ademais de ofrecer cifras intentei resumir a situación nun cadro de fortalezas e feblezas. Non teño dúbida de que a lix é hoxe o sector primeiro e estratéxico da edición galega, como tamén de que fixar unha marca de calidade podería contribuír a facilitar a exportación de textos, como xa se está facendo co libro ilustrado de excelencia. Expreso a miña gratitude a Gálix polo convite, así como parabenizo un encontro de moito interese pola calidade das intervencións.

A miña presentación pode lerse en pdf aquí e a intervención verse ou escoitarse nesta peza (hora e catorce minutos):

Non pare a festa

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do entroido na covidia:

A Concha Núñez, lectora de Faro de Vigo, que mañá cumpre 100 anos

Cando nos hospitais aínda se sufren as terribles consecuencias duns poucos irresponsables que a custe de ferro e fariña quixeron salvar o seu Nadal, temos xa ás portas os días de Entroido, a festa que dende a noite dos tempos anuncia alboradas de primavera, días de máscaras, disfraces, comitivas e larpeiradas. Un tempo lardeiro de transgresión que nesta ocasión non se poderá celebrar nos espazos públicos, un fito tan inédito como necesario, que quedará na memoria nosa como a daquel inverno no que merdeiros, escabicheiros, maruxos e mascaritas viguesas quedaron confinadas na casa, outra de tantas perdas deste espantoso ano da covidia. Porén, iso non debería supoñer que no ámbito de cada grupo de persoas conviventes e respectando estritamente a etiqueta sanitaria poidamos na mesa da casa homenaxear con algún exceso larpeiro este tempo do entroido que preñado coa chegada das vacinas para as persoas maiores, sanitarias e coidadoras tamén anuncia por ventura un lume novo de esperanza.

A covidia non impide facer estes días na casa cocidos de entroido, aínda que sexa para menos comensais do que é adoito, como aqueles memorables que preparaba a avoa Concha de moza para mesa tan refinada como era a do abade de Reboreda. Cocido no que como ela conta non faltaban nin a carne de tenreira (xarrete ou faldra), o primeiro que ía pota cun pouco de unto, nin as carnes salgadas de porco, fose o lacón, o touciño entrefrebado, a orella e mesmo a pata, entre outras que había que poñer a remollo canto menos o día anterior. Cocidos competentes onde non faltaban nunca os chourizos nin as fabas ou garavanzos, ou algo de todo, nin as verduras, para ela mellor repolo, cortado en cuartos, nin as patacas de última hora, cocido todo a lume manso durante o tempo que precise. Cocido de abades, como aqueloutro memorable que relata Xabier P. DoCampo na súa derradeira novela, A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), servido a ser posible en tres fontes, unha para as carnes, outra para as patacas e repolo e unha terceira para fabas ou garavanzos e chourizos.

Cocidos de casa onde seguindo o que pedía don Álvaro Cunqueiro, outro experto desta culinaria, cómpre reservar unha parte do caldo para preparar unhas filloas que o acompañasen ou para a sobremesa. Filloas, tamén chamadas marruchos no Val Miñor ou freixós nas terras ártabras, que forman parte desa marabilla entroideira galega que son as froitas de tixola, delicias que adaptan as formas de crocantes orellas, quizais as máis emblemáticas do carnaval vigués, mais tamén de follas de limón, que Cunqueiro identificaba como propias de Tui, ou de flores fritidas, as máis devecidas na infancia nosa. Sen esquecer as rosquillas, as chulas e a bica artesá, protagonista das sobremesas de entroido en Ourense, biscoito doce presente en toda a provincia dende Valdeorras até o Ribeiro, que adopta variantes manteigadas como as famosas de Trives ou Castro Caldelas até outra sen manteiga, como a branca de Laza.

Celebración do entroido que neste tempo de covidia haberá que modificar tamén nos colexios, onde as tradicionais comparsas de aula, unha forma de correr o entroido, terán que adiar a súa saída ao ano que ven. O que non debería impedir que ao longo desta semana se respectasen tradicións escolares tan enraizadas como «Os mandados do Meco», adaptados polos claustros ás esixencias da actual etiqueta sanitaria Covid-19, un enxeñoso exercicio de creatividade que moito axuda a reflexionar coas crianzas máis miúdas sobre a experiencia e o sentido desta festa popular de máscaras e figuración. Como tamén é unha oportunidade magnífica para traballar nas aulas sobre a singularidade do calendario do carnaval noso e sobre a extraordinaria variedade das máscaras tradicionais galegas, unhas das máis orixinais do mundo.

Diversidade de máscaras, convocadas polo editor Ramón D. Veiga e polo ilustrador David Sierra en dous libros preciosos, É tempo de Entroido (Xerais 2019) e Non pare a festa (Xerais 2021), senllas alfaias documentais na que recrean unha espectacular iconografía entroideira que vai dende o cigarrón de Verín e o peliqueiro de Laza, pasando polo vellarrón de Riós, as madamas e galáns de Cobres e os boteiros de Viana do Bolo, até os felos de Esgos e Boborás e os vixigueiros de San Mamede. E se o atractivo gráfico dos deseños de Sierra non abondase, cada un dos libros conta cunha canción propia que pon música aos versos enxeñosos e ben fiados cos que Veiga reune a tan estrondoso folión. Dous álbumes que non deben faltar en biblioteca escolar ningunha e poden axudar estes días a alfabetizar neste eido da nosa cultura popular ás xeracións galegas do século XXI. A pesar da covidia, que non pare a festa do entroido, respectando a etiqueta sanitaria.