Aúpa Celta!

Hoxe publico a miña primeira colaboración deportiva en Praza pública: «Aúpa Celta!» Agardo que sexa entendida como unha achega ao orgullo galego, xa que ese sentimento integrador do celtismo no que milito.

Onte 150: PSOE

Unha das claves da vitoria tan axustada de Rubalcaba atopeina no ton desaxustado empregado por Chacón na defensa da súa candidatura. Non foi o contido nin a construción do discurso –froito dun coidado traballo de laboratorio de mercadotecnia política– onde errou Chacón, senón na súa errada teatralización diante da oligarquía do seu partido, moi pouco predisposta a asumir riscos nestes tempos de aguda reconversión para os seus membros. Pola contra, Rubalcaba asumíu a seguridade que proporciona o seu habelencioso ton parlamentario para defender a súa proposta inequivocamente xacobina, enfatizando que non renunciará ao carácter  «socialista» e «español» do partido. A pesar da escasa diferenza programática de ambas as dúas propostas e do carácter banal do debate, o resultado favorable a Rubalcaba foi moi ben recibido tanto polo Partido Popular e a prensa máis conservadora como polo grupo Prisa. Rajoy, Cebrián, Felipe González…, e tamén os nosos Pachi Vázquez e Abel Caballero, quedaron moi aliviados con esta elección. Agóiranse malos [difíciles] tempos para a esquerda socialdemócrata española.

Onte 149: 10 millóns de exemplares

Anunciamos que, ao remate do pasado ano, Xerais superou os dez millóns de exemplares vendidos ao longo dos seus trinta e dous anos de historia. Efectivamente, 10.103.409 libros en lingua galega que supoñen un éxito dos lectores e lectoras, ademais dun aliciente de esperanza para o futuro do libro na lingua de noso. Nun momento de tránsito e profunda mudanza dos modelos de comunicación cultural, sufrindo os duros efectos da tempestade económica e da anemia das políticas públicas de lectura e fomento do galego, noticia tan boa coma esta sei que estimula o traballo e o compromiso do cadro de profesionais da editorial co proxecto Xerais. A miña gratitude para todas as persoas que a fixeron posible.

Onte 148: A forza do vento

O serán frío de Pontevedra non impedíu que os membros do Ateneo completasen o aforo da Casa das Campás para participar na presentación de Extramunde, a novela de Xabier Queipo premiada co Xerais 2011. Recén chegado dunha xuntanza da Axencia Europea de Pesca, centrada na remontada do rodaballo no Mar Negro, Xavier comezou o seu parlamento agradecendo aos ateneístas, entre os que había un numeroso grupo de escritores, a súa presenza, xa que «actos coma a presentación dunha novela galega son actos de resistencia activa». Antes de confesar que a xénese desta novela estivo nalgúns soños coloridos e brutais que tivo, o compostelán lembrou un proverbio coreano que viña ao caso: «A forza do vento detense diante da paciencia do mar.» Foi unha inxección de esperanza moi oportuna, que apuntamos no caderno como pacientes mariñeiros que somos.

Onte 147: Praza pública

 A primeira xornada de Praza pública foi un éxito rotundo. A audiencia superou as mellores previsións, provocando durante a mañá e o mediodía algún colapso no acceso ao servidor. A calidade do produto, tanto a nivel de deseño gráfico e concepción web, como o proxecto xornalístico, quedou moi por riba das nosas expectativas. Auténtico xornalismo 2.0. Unha inxección de entusiasmo extraordinaria para a nosa lingua. O equipo de profesionais de praza amosa que é posible outra axenda informativa, elaborada en galego e en clave galega; ademais, asume unha proposta comunicacional tan suxestiva como difícil, facer viable e sostible un modelo de semanario con actualización diaria. A pesar de vivir tempos tan ruíns, coa aparición deste facho informativo, enxergamos un horizonte de luz. Beizóns para os promotores e profesionais de Praza pública. Parabéns por tan magnífico traballo para o seu equipo tecnolóxico de A navalla suíza e Dinahosting.

Onte 146: Educación para a Cidadanía blues

Decepcionoume a comparecencia parlamentaria na que o ministro de Educación anunciou as novidades que introducirá na lexislatura. Os contidos foron previsibles, apenas a confirmación da vontade do Partido Popular de cumprir os seus compromisos electorais e satisfacer as demandas da Igrexa e dos sectores máis conservadores: estensión do ensino concertado, adianto da segregación do alumnado na secundaria, elección da lingua de escolarización por parte das familias en comunidades con lingua propia, supresión da Educación para a Cidadanía, utilización do inglés como lingua vehicular dende a Primaria, estatuto de «autoridade pública» para o profesorado… O decepcionante foi a fraqueza argumental e o escaso dominio técnico da axenda educativa dun ministro que sabemos conta con moita labia cando aborda outras cuestións políticas. Denominar «linguas vernáculas» ao galego, catalán ou éuscaro constitúe xa unha anomalía, mesmo para os sectores fóbicos coas linguas propias. Argumentar que a desaparición da Educación para a Cidadanía se debe á intención do Goberno de evitar o seu «carácter controvertido e para non caer adoutrinamento», cando a materia foi avalada por varias sentenzas do Constitucional, non abonda para xustificar a súa substitución por unha Educación Cívica e Constitucional da que pouco  se di sobre o seu enfoque e contidos. Expresar tan pancho todo un ministro do ramo que o primeiro ciclo da Infantil, de 0-3 anos, «non é educación senón conciliación», un disparate sen paliativos, agoira que van correr moi malos tempos para o futuro da nosa educación pública. Con todo, o máis preocupante semella será a nova reforma da Secundaria que pretende liquidar o modelo de educación comprensiva, en funcionamento dende hai vinte anos, unha vella teima conservadora que pretende segregar ao alumnado o antes posible segundo a inclinación ou capacidade persoal. Ignacio Wert, quizais pensando que estaba na tertulia de Francino na SER, xustificouna citando a Estapé cunha frase de Schumpeter, chamada a pasar á historia da educación española: «O importante é ter unha boa nai e un bo Bacharelato». Sobran máis palabras, eis a fórmula educativa de éxito paera Wert: nobreza de berce e bo colexio de pago.

Onte 145: Coa pomba dona Paz na Pastora

Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»

Onte 144: BNG

Seguín con enorme interese por Twitter a derradeira e decisiva xornada da asemblea do BNG. Non hai dúbida que o traballo disciplinado e eficaz da UPG permitiu que, outra vez máis, o partido de Francisco Rodríguez continuase acaparando o liderado do BNG, tanto nas responsabilidades do voceiro como nas da candidatura á presidencia da Xunta. Unha hexemonía indiscutible que, previsiblemente, tras a fase comarcal, se consolidará na composición definitiva do consello nacional. A principal novidade será que por vez primeira un membro da UPG, Francisco Jorquera, asumirá o risco de ser o candidato á presidencia do goberno autonómico. Polos diversos comentarios que puiden ler, temo que esta hexemonía non axude a aumentar o perímetro do entusiasmo que o BNG suscita nos sectores progresistas da sociedade galega. Magoadamente, semella que esta asemblea, con votacións aparentemente axustadas e unha organización dividida en dúas metades, non abondará para relanzar o proxecto nacionalista como eixo dunha alternativa verosímil de goberno capaz de facerlle fronte en Galicia ao abafante poder do Partido Popular. Con todo, haberá que agardar unhas cantas semanas para valorar as súas consecuencias para o futuro do nacionalismo galego.

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

Onte 142: Serán en Rianxo

Da man de Barbantia presentamos en Rianxo o Poñente de Pere Tobaruela. Foi bonito escoitar alí a Pere falar na lingua de Castelao –un exercicio de galeguidade co que o escritor catalán salientou o carácter do galego como lingua universal– para facer súa a doutrina de  Josep Plá: «Quero explicar ao mundo o que sucede na miña terra». Tobaruela ben sabía que Rianxo non é un sitio calquera, é unha das  vilas literarias galegas por excelencia, como Mondoñedo, Celanova, Padrón ou Noia. É un auténtico prodixio que en menos de cen metros atopemos as casas natais de tres dos nosos máis grandes escritores: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, o noso grande poeta do mar; mais se esquecer nin a Paio Gómez Chariño «O señor de Rianxo» nin a Faustino Rey Romero. Unha centramina que debería ser recoñecida como «espazo da memoria galega» e constituír un lugar de peregrinaxe obrigada. Adolfo Muíños, o agarimeiro alcalde de Rianxo, teima en converter esta vila arousá nunha referencia cultural en Galicia. Eis o programa arredor do aniversario de Castelao, que se desenvolve esta fin de semana. Eis a inauguración, tras o remate da presentación de Poñente e o pequeno concerto do formidable Antón Alcalde, da exposición de esculturas de Nuco Losada arredor de Castelao. A pesar do frío severo, foi un magnífico serán.