Onte 64: educación líquida

Manuel Area, catedrático galego de Didáctica da Universidade de La Laguna, pronunciou unha brillantísima conferencia inaugural do Simposio O Libro e a Lectura. Utilizando como punto de partida o concepto de Bauman de realidade líquida, abordou o tránsito que vivimos no mundo da cultura e da educación, como o paso dos modelos sólidos aos líquidos. Moi interesante foi a súa caracterización da cultura dixital (líquida) como desorganizada, abondosa, replicable, mudable, acelerada, en mudanza permanente. Análise que relacionou coa necesidade de reinventar o concepto de alfabetización para a cidadanía do século XXI a partir do acuñado por Paulo Freire: “alfabetizar é formar persoas competentes para utilizar de forma autónoma, intelixente e democrática os instrumentos da cultura de cada época”. Eis unha achega clarificadora a un concepto novo, a “educación líquida“.

Onte 63: Xabarís

Dous xabarís, unha nai e a súa cría, resultaron atropelados na AG-53, á altura do concello de Dozón, polo coche oficial (do Partido Popular de Galicia) no que viaxaba Alberto Núñez Feijóo acompañado dun condutor, un escolta e unha colaboradora de comunicación. A pesar de que o coche quedou desfeito, non houbo danos persoais de gravidade, e o presidente puido continuar no vehículo dos seus escoltas.  Porén, a clave do sucedido achégaa LVG cando sinala que  foi a pericia do condutor, que decidiu embestir co C-6 aos dous porcos bravos, a que evitou unha traxedia nesta autoestrada de peaxe. Dos considerados danos colaterais nada se fala nas noticias que puidemos ler nin nas declaracións dos accidentados. Unha lección moi clara para non esquecer. Meu pobre Xabarín, colegas!

Onte 62: Berlusconi

Foi a prima de risco quen deitou por fin a Berlusconi. O que non foron capaces os xuíces cos indicios de nepotismo nin coas denuncias de corrupción e prostitución de menores, conseguiuno en dous meses a crise da débeda soberana. O que non puideron as institucións democráticas en anos, impuxérono agora os mercados que celebraron o «compromiso de demisión» do ególatra cunha importante subida. Unha noticia que coincide coa posibilidade da chegada á presidencia grega de Lucas Papademos, que foi vicepresidente do Banco Central Europeo. Non sei que produce máis desacougo, se os comportamentos do presidente corrupto ou as manobras dese «poder invisible» que agora decidiu substituílo. Definitivamente, a saída desta crise dá cada vez máis medo.

Onte 61: Universidades Lectoras

Foi unha fachenda participar no acto inaugural do Tour de Lecturas do Oeste organizado pola Universidade da Coruña. Unhas xornadas que forman parte da cadea promovida pola Rede de Universidades Lectoras, experiencia de fomento da da lectura na que participan trinta e sete universidades de España, Portugal, Italia e México. A reivindicación do valor transversal da lectura dende a universidade é moi importante para incorporar a lectura á axenda pública. As palabras de Narciso de Gabriel, decano da Facultade de Educación, foron moi claras: «Debemos seguir intentando fomentar o gusto pola lectura, á marxe da consideración de carácter utilitario, tanto entre o estudantado como o profesorado» Fomentar a lectura na universidade, un paradoxo necesario.

Onte 60: Na rúa co naval

En Vigo e Ferrol saímos á rúa para defender a identidade industrial de ambas as dúas cidades obreiras. Parabéns ás centrais sindicais pola convocatoria unitaria, un exercicio moi valioso de madurez e responsabilidade. Esta crise financeira do capitalismo especulativo non pode ser a excusa para liquidar a construción naval en Galicia, unha das actividades na que fomos, somos e podemos continuar sendo competitivos e eficientes. A defensa desta identidade industrial e dos seus milleiros de empregos é unha tarefa cidadá, que non atinxe só aos sindicatos. Así o deixaron escrito onte milleiros de pasos unidos nas rúas de Ferrol e Vigo.

Onte 59: Perigo iniminente

Esta interpretación do mestre Fermín Bouza resúltame moi convicente para explicar a confusión politica na que vivimos. Uns niveis insoportables de paro, provocados por unha estrutura produtiva e da propiedade envellecida; unha desafección política, motivada polo noxo que produce a corrupción instalada de forma estrutural nos partidos principais e un avance instrumental moi notable na comunicación cidadá, sobre todo entre a mocidade, que sofre en carne propia as dúas circunstancias anteriores, explican respostas como as do 15-M. Razóns que creo axudan a entender, ademais, o resultado do 20-N, onde a dereita campará as súas anchas, co perigo inminente que iso suporá para o mantemento dos servizos básicos de sanidade, educación e cultura. Como moi ben sinalaba Jaureguizar Rajoy non terá problema ningún para desenganchar os vagóns de cola.

Onte 58: Praza Pública

A presentación do proxecto de Praza Pública supón unha inxección de entusiasmo e de corresponsabilidade que moito debemos agradecer. Marcos Pérez Pena, Manuel M. Barreiro e Filipe Díaz, tres persoas con identidade dixital sólida, promoven un xornal dixital que pretende estar vencellado coa súa comunidade de lectores e lectoras. Na capacidade de crear ese vínculo colaborativo, eses  milleiros de mans que se pretenden enlazar neste anceio compartido, reside a clave dun proxecto baseado, tamén e inequivocamente, no pluralismo, na independencia do traballo dos profesionais e na lealtade coa lingua e cultura galegas. A posibilidade de colaboración outros proxectos xa na rede ou con outros en xestación, como a intención dos promotores (anunciada onte na presentación) de acometer a edición estendida impresa dalgúns dos contidos dixitais, son outros motivos para apoiar decididamente esta xanela para a esperanza. Benvidos á Praza Pública!

Onte 57: Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

O programa electoral educativo do PP anuncia a intención de eliminar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, a materia de sexto de Primaria, segundo e cuarto de ESO que algúns sectores ultraconservadores e católicos levan intentando dinamitar dende hai seis anos. Hostilidade que non foi refrendada polos tribunais (tanto polo Supremo, como por varios Superiores) que avalaron a validez dos contidos desta materia incorporada ao currículum da man da Lei Orgánica da Educación de 2006. Se goberna Rajoy, a EpCDH será substiuída por “outra con contidos baseados na aprendizaxe dos valores constitucionais e o coñecemento das institucións españolas e europeas”. Sen dúbida, unha materia do mesmo ámbito ca Cidadanía, mais cun enfoque curricular diferente. Pagaba a pena tanto rebumbio para isto? Agora só nos queda saber se continuará impartíndose Ciencias do Mundo Contemporáneo en Bacharelato, outra materia (neste caso científica e tecnolóxica) combatida polos conservadores, para rematar o proceso de deconstrución curricular. Semella que iso é o que pretende o Partido Popular. Acabásemos.

Onte 56: «Tinta»

A miña curiosidade leva a interesarme por aqueles libros sobre o mundo libro. Así chegou ás miñas mans Tinta, a novela de Fernando Trías de Bes, que onte rematei durante a ventada viaxe a Madrid. Enguedelleime decontado nunha intriga de libros, ambientada nun entorno da edición clásica (a Maguncia de comezos do século XX), construída sobre a antiga crenza (hoxe, felizmente, superada) que os libros impresos conteñen todas as senrazóns do mundo e da condición humana. A procura da tinta efémera, que a vista borra só con lela; o anceio dun libro virtual, que poida ser lido e non conservado; a busca, en definitiva, do libro único, que forma parte da vida (mesmo do propio corpo) move aos protagonistas desta historia moi fermosa, un libreiro, un autor, un impresor e un corrector de estilo. Lendo Tinta comprobamos canta razón tiña Paul Auster cando advirte que “nunca debe subestimarse o poder dos libros”. Trías de Bes amosa como os libros, grazas ás palabras, son capaces de mudar a orientación das nosas vidas. Eis o extraordinario valor da lectura. Tinta é unha novela moi recomendable para libroferidos.

Actualización (05-11-2011): Coñecín o magnífico booktrailer preparado por Seix Barral.

Onte 55: A cidadanía grega

Como xa adiantei na tertulia da noite do luns, o anuncio de Papandreu de someter a referendo o segundo «rescate» aprobado no cumio europeo da semana pasada actuou como un auténtico tsunami sobre as bolsas e mercados de débeda soberana, que viviron onte un dos peores días da súa historia recente. Papandreu non tivo outro remedio que realizar esta convocatoria, presionado polo rexeitamento moi amplo da cidadanía a aceptar novas medidas de recurte, que padecerían durante toda unha década. Hoxe as consecuencias desta arriscada convocatoria de referendo son impredicibles. Pode supoñer a saída de Grecia do euro pola decisión soberana da súa cidadanía, o que provocaría un auténtica catástrofe para a banca europea, que coa nova moeda grega moi devaluada non recuperaría xa nada da súa débeda. Como podería supoñer un efecto dominó sobre Italia e España, afogados no abismo da súas elevadísimos primas de risco. No entanto, quizais o feito máis significativo da convocatoria de Papandreu é  que até agora ninguén ousara arrepoñerse aos ditados emanados por Merkel e Sarkozy, o FMI ou o BCE. A cidadanía grega, diante do desconcerto dos seus partidos políticos, pode estar dando unha volta de torca á historia. Imaxinamos o que sucedería se esta actitude contaxia a outros países?