Onte 136: Despois de Megaupload

As leccións de Megaupload explicounas mellor ca ninguén Juan Varela. Tras a retirada da SOPA e da PIPA, despois desta intervención do FBI sobre unha empresa que supostamente se lucraba de contidos protexidos con copyright, precísase un discurso con máis matices que o baseado na simplificación de asistirmos a unha guerra entre «usuarios da rede» e a «malvada industria do lecer». Que o peche de Megaupload non nos distraia dos temas de fondo. Como sinala Varela hai que rematar con tanto ruído  e promover un pacto entre autores, industria e consumidores. Iso é posible, sempre que a industria dos contidos culturais se reinvente  e aumente a súa oferta dixital sobre todas as plataformas e aos prezos máis axustados, e sempre que se reforme a lexislación internacional de propiedade intelectual, de xeito que se asegure a xusta retribución dos autores e os dereitos de acceso libre dos usuarios. Sigo crendo que é imprescindible asegurar que os autores poidan vivir do seu traballo e que Internet continúe sendo un espazo neutral e independente dos gobernos onde os usuarios poidan compartir o coñecemento e expresarse con total liberdade. Por díficil que isto semelle, deben existir fórmulas que o fagan posible.

3 comentarios
  1. Mario
    Mario Dice:

    Non é só posíbel, nin sequera tería que ser demasiado complicado. Existen países que están experimentando con outras formas de xestionar o “problema” da copia privada que non pasan polas “solucións” que a política norteamericana impón a todo o planeta. O verdadeiro problema é como todo este tipo de accións están dinamitando ese futuro (e cada vez máis hipotético) pacto entre autores, industria e consumidores. Moitos consumidores non quererán xa pactar coa mesma industria que ameaza a liberdade na rede (SOPA, etc…) e que fecha servizos perfectamente legais en moitos países do mundo. Xa hai chamadas a un “marzo negro” que boicotee todos os produtos culturais lexítimos para que as multinacionais sintan o golpe nas súas arcas. A industria esquece que nesta guerra son os usuarios os que teñen as de gañar e que, ao contrario que hai dúas décadas, agora están organizados.

    Responder
  2. Maeloc
    Maeloc Dice:

    Mais un servidor coida que si é complicado, quizais deberían pagar as empresas de telecomunicación (telefónica, etc.), que lle abren a porta aos “ladróns” e os fabricantes dos aparatos (léase ordenadores ou ordeñadores, eu xa non sei), que lle proporcionan o instrumento aos “delincuentes”.

    Responder
  3. Mario
    Mario Dice:

    Hai países que veñen de recoñecer que a pirataría é irrelevante nun sentido económico (hai estudos que demostran que o impacto da descarga nas vendas de entradas de cine é, de feito, irrelevante nos Estados Unidos). Outras lexislacións experimentan con taxas mensuais de descarga, moi similares á vella taxa audiovisual que se paga nalgúns países nórdicos polo acceso á televisión de toda a vida. A recadación iría directa ao ministerio de Cultura (nos países que o teñan) e axudarían a apoiar e incentivar a creación, algo que, exista ou non unha relación directa coas descargas, sempre é positivo e goza dun certo respaldo social. Mesmo nun sentido máis convencional, poderíase ofrecer unha alternativa de descarga legal e accesíbel, non son poucas as persoas que sosteñen que a xente recorre á pirataría porque non existe unha alternativa legal e que cando existe ten uns prezos moi dificilmente xustificábeis.
    É dicir, as solucións son sinxelas, o realmente complicado é seguir aplicando conceptos decimonónicos ao problema. Os millóns de “perdas”, por exemplo, son boamente ficticios. Ninguén mercaría todo o que descarga, de feito a xente seguiu mercando cultura paralelamente ás descargas. Naturalmente non eran os mesmos elementos, porque a ampliación de criterio que supuña unha maior accesibilidade rompeu moitos nichos comerciais, pero seguiu investindo cartos e só deixaron de facelo cando as sociedades de autores criminalizaron burdamente aos seus compradores e cando a crise económica lles impediu gastar o mesmo volume de cartos. Na miña forma de ver as cousas, todo o demais son perrenchas de empresas que saben que non volveran vender un filme ou un disco a vinte euros e que loitan por manter un modelo de negocio que leva dez anos caducado. O multimillonario dono de Mega, sen ir máis lonxe, preparaba un servizo que permitiría aos artistas vender os seus discos levando un 90% do prezo, o que suporía un verdadeiro golpe de gracia ás discográficas convencionais e para o que xa contaba co apoio de varios artistas reputados. Hai quen xa apunta que foi esa a principal razón de que fose o primeiro en ser atacado.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará