Onte 119: A suite sinfónica de Siniestro Total

Siniestro Total é a Vigo o que The Beatles a Liverpool. Era, pois, inevitable a nosa presenza no concerto sinfónico co que celebraba o seu trinta aniversario. Durante pouco máis dunha hora asistimos ao diálogo do grupo vigues de rock and roll  coa quincena de compoñentes do Taller Atlántico Contemporáneo, unha experiencia moi audaz na que dende dúas tonalidades, a do rock e a da música contemporánea, se exploraba a creación dun novo espazo sonoro. Sen dúbida, a partitura de Javier López de Guereña, dende a serie dodecafónica, deconstruíu con bastante acerto as melodías dos grandes éxitos de ST, que a orquestra interpretou con convicción e elegante enerxía. Porén, os nosos roqueriños tiveron moitas máis dificultades para enlazar con esta sonoridade deconstruída. Non era doado, en moitos temas semellaba imposible. Ao longo da experiencia lembrei aquelas performances de Sachtmo, hai tamén tres décadas, nas Enrique X. Macías, o grande compositor vigués, esquecido onte nos divertidos parlamentos teóricos de Julián (para min estas intervencións foron o mellor da noite), pretendía un obxectivo semellante de diálogo entre as músicas do noso tempo, a clásica e a popular. Máis alá do resultado artístico desta suite suicida, que deixou bastante frío ao público que case encheu o García Barbón, en grande medida membros da xeración Polycomander, Siniestro Total demostrou que sempre será moito máis ca un grupo de R&R. A interpretación de «Galicia gran carallo de sal», ao remate do concerto, foi memorable. Ese himno, coa que está caíndo, é un berro de pracer.

Onte 118: Goberno bonsai

Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.

Onte 117: Licenza de caza

O Goberno de Feijóo non acouga na súa batalla contra o xabaril. O anteproxecto da nova Lei de caza de Galicia, ademais de permitir as «batidas preventivas» fóra de tempada, baixa aos 14 anos a idade para obter unha licenza de caza. O conselleiro de Medio Rural xustifícao para «asegurar o relevo xeracional» no eido da cultura cinexética. Quedei pampo diante de semellante afirmación. Os rapaces e rapazas de 14 anos, o alumnado de 2º e 3º de ESO, vivan no medio rural ou no urbano, nun momento tan decisivo como fráxil das súas vidas precisan que se lles ofrezan máis libros, máis balóns ou máis espazos de encontro e lecer para socializarse. Ofrecerlles a posibilidade de participar en cacerías, aínda que nunha «batida» non poidan empuñar escopetas deica os 16 anos, non é un exercicio que poidamos denominar como formativo. Algunha guía debería ofrecer o conselleiro de Educación ao seu colega para evitar semellante disparate, que anuncian para escarnio noso os noticiarios radiofónicos estatais. Nesta loita contra o porco bravo, o Goberno de Feijóo perdeu o sentido.

Onte 116: Concerto

Xabier Docampo avisoume hai dous anos. Repetiumo onte: «Vinte tocando como primeiro violín da orquestra Filharmónica de Viena». A verdade é que non vou discutir se imito ao virtuoso, tanto ten, aínda que non vou desaproveitar a posibilidade que isto me permite de soñar, ao comezo de cada ano, que vivo durante unhas horas co corazón dun violinista. Sexa como for, deixo o entusiasmo da marcha Radetzky para o comezar co novo pulo este difícil 2012. As persoas que prefiran gozar do concerto completo, dirixido polo mestre letón Mariss Jansons, poden facelo dende a magnífica web da CRTVE, a compañía pública que quere dinamitar o Goberno de Maríano Rajoy. Bo ano, con moita música e moita lectura!

Onte 115: Contraaparede

Despedimos o ano ruín gozando dunhas botellas de Contraaparede 2007, a alfaia da coroa dos nosos amigos da Adega Eidos de Padriñán. Procedente dunha plantación familiar serodia, o eido granítico chamado de «Vento», o segredo deste viño marabilloso é permanecer durante máis de tres anos envellecendo en aceiro inoxidable. Contraaparede é un albariño singular, inédito –non lembra a ningún outro–, tanto polo súa cor dourada como polo seu sabor e aroma de grande intensidade. Un viño elegante, preciso, potente. Unha desas marabillas do país, insuficientemente coñecida (apenas 2.000 botellas). Etiquetado en galego, foi bautizado co nome que en Sanxenxo reciben os mellores viños, os que se colocan contraaparede. Recoméndoo.

Onte 114: Montorazo

Inxenuo que son, imaxinaba que Mariano Rajoy tería mellor preparada a posta en escea do seu primeiro retallazo, ese que a súa vicepresidenta cualificou como «o inicio do inicio». Trabuqueime. Estes recurtes para o primeiro trimestre de 2012, a pesar do seu importe elevado,  foron un trámite que non mereceu que o noso presidente se mollase durante unha hora para xustificalo diante dos xornalistas. Este retallazo quedou, apenas nun simple «montorazo». Foi o ministro de Facenda quen deu a cara, acompañado do seu colega Luis de Guindos como convidado de pedra. Utilizou un argumento de catón: diante dun déficit público do 8%, máis elevado do previsto polo goberno anterior, a subida do IRPF e do IBI é un imprescindible «recargo temporal de solidariedade». Unha subida de impostos que Montoro compensou decontado coa baixada do IVE para a compra de vivenda nova e coa recuperación da dedución para adquisición de vivenda en propiedade. O resto das medidas do Consello de Ministros, os retallazos, non mereceron nin sequera ser xustificados por Montoro nin polos tres membros do gabinete que o acompañaban. Nin o aumento de xornada dos empregados, que continuarán conxelados. Nin a paralización da incorporación de novas persoas ao sistema de apoio á Dependencia. Nin a rebaixa de 200 millóns a CRTVE, á que se pretende dinamitar. Nin a doutros 200 millóns aos servizos de RENFE. Nin mesmo a redución brutal dos fondos destinados ás políticas de I+D+I. Outrosí sucedeu coa cacarexada subida das pensións, a medida estrela do discurso de investidura, reducida apenas a un decepcionante 1%, que co aumento do gravame do IRPF quedará para a maioría dos xubilados practicamente en auga de bacallao. O mesmo sucede coa aprobación do regulamento da Lei Sinde, unha medida que estaba cantada, a pesar dalgúns acenos de sorpresa. Este primeiro montorazo, destinado a tranquilizar aos mercados, amosa que o Goberno optou claramente polo vieiro da devaluación das rendas do traballo, tanto pola vía impositiva como salarial. As rendas do capital, SICAV incluídas, poden estar ben tranquilas. De medidas de reactivación da economía produtiva non houbo referencia ningunha. Neste montorazo os que pagan son as clases traballadoras, medias e populares, o que inevitablemente ampliará a desigualdade e o desemprego. Con todo, tras as eleccións andaluzas, chegará o máis duro. Entón será a subida do IVE e, previsiblemente, a venda das empresas públicas que quedan. Daquela, quizais, Rajoy falará cos xornalistas.

Onte 113: Allariz

Antes da presentación dos libros de Ramón Caride na Fundación Vicente Risco, ruamos un bo pedazo por Allariz. Visitamos as tendas do Oulet, tomamos café na Baiuca escoitando a Franco Battiato, mercamos manteigadas e amendoados e mesmo saudamos a Anxo Quintana cando entraba na d’ O Pepiño. Tras case dúas décadas de traballo teimoso, o proxecto de anovación e conservación do casco urbano de Allariz acada a súa madurez; máis aínda cando novos proxecos, como o Museo do legado do fotógrafo José Suárez, amplían o perímetro desta actuación municipal modélica. Ruando por Allariz é inevitable pensar en que se contásemos cunha ducia de vilas con proxectos en marcha desta fasquía, Galicia enxergaría a saída da crise de xeito ben diferente ao derrotismo ofrecido polo hexemónico partido conformista. Allariz amosa as posibilidades do municipalismo en clave galega como un dos eixos da construción nacional. Non está todo perdido. claro que non.

Onte 112: SMI

O anuncio da conxelación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) adianta parte da doutrina económica do Goberno Rajoy. Serán os traballadores, coa perda de poder adquisitivo dos seus salarios, os que pagarán unha boa parte da factura do déficit. En definitiva, unha perda de renda, un empobrecemento, un xeito encuberto de devaluar a moeda, diante da imposibilidade de facelo pola vía da autoridade monetaria europea. A pesar de que o SMI español está aínda moi lonxe daqueloutro da maioría dos países da Unión, o seu importe, fixado polo Goberno (641,40€), orienta a negociación salarial privada, determina os niveis de cotización á Seguridade Social, das bolsas dos estudantes ou mesmo o importe das prestacións non contributivas. Achéganse tempos, aínda máis difíciles.

Onte 111: «Cama e conto» con Babaluva

Foi un acerto achegarse ao Auditorio Luís Tobío de Gondomar para asistir á función de «Cama e conto» que ofreceu Teatro Babaluva. Baseada no texto homónimo de Gonzalo Moure, que publicamos na colección Sopa de Libros, esta versión para marionetas de Larraitz Urruzola e Mirari Urruzola explora con grande orixinalidade o mundo dos contos como a chave para acceder ao dos soños. Malva e a súa nai conversan en voz baixa, ao longo de tres cuartos de hora, sobre a súa experiencia como contadoras, mesturando os fíos da vida cotián da infancia cos das historias do leñador e os animais do bosque. Unha marabilla de sutileza para abordar en escena cuestión tan complexa como a de rescatar ese acto íntimo de nai e filla na hora do conto. Outra marabilla é o a construción do espazo escénico e o das propias marionetas, todas elas recicladas de obxectos da casa. A luz, a música e un ritmo moi sereno nas transicións crean no escenario unha atmosfera capaz de contaxiar un silencio cómplice nos espectadores, mesmo nos máis novos. Os meus parabéns para Larraitz, Mirari e Santi Prego, o director do espectáculo, por esta marabilla de humilde teatro de títeres capaz de contaxiar tanto calor.

Babaluva colabora en cada unha das súas funcións co Proxecto Bubisher. Destina o beneficio da venda dos libros de Cama e conto para esta iniciativa destinada a contar cun bibliobús que leve libros ás escolas dos campamentos de refuxiados do Sahara.

Onte 110: Repesca

A convocatoria de axudas para a edición de recursos didácticos en galego, por medio do procedemento dunha tramitación anticipada dos expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras a supresión unlilateral da adxudicación de axudas de 2011 (valoradas en 400.000 euros), os editores de materiais educativos en galego concibimos esta nova convocatoria (cun importe que, respecto á de 2008, supón unha redución do 70%) como unha “repesca” que nos permita aminorar dentro do posible os efectos negativos dun ano perdido. Con todo, non deixa de ser moi inquedante a advertencia, contida no artigo 2 da Orde, de que “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012”. Algo máis desacougante, aínda, cando é de dominio público que dos 16.500 millóns de euros de redución do déficit das Administracións Públicas, anunciados por Rajoy, corresponderán á Galicia arredor de 850 millóns. Sería esperpéntico e delirante, aínda que non descartable, que os editores de libros de texto en galego fósemos, outra volta, da quenda dos primeiros sacrificados das políticas orzamentarias destinadas a acadar “o equilibrio entre ingresos e gastos” (vaia eufemismo!). É triste que un teimoso optimista da vontade, coma sempre fun, se transforme nun escéptico radical disposto a enfrontar a hipótese máis desfavorable.