Onte 118: Goberno bonsai

Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.

1 comentario
  1. xos
    xos Dice:

    O problema é, en gran medida, que a maior parte da sociedade galega acolle todos estes sucesos con indiferencia, pois realmente non sinten a importancia (real ou non) que ten a Xunta á hora de guiar o país. ¿Sabe Galicia o que é o autogoberno, e o que se pode conseguir con el? Penso que non, que a maioría non o sabe. A Xunta percíbese agora mesmo como unha deputación grande, e máis nada. Mesmo en tempos de Fraga iso era imposible, pero agora é o que hai. Se non fora así, Feijóo non duraría nada, mesmo con esta triste oposición política

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *