Onte 116: Concerto

Xabier Docampo avisoume hai dous anos. Repetiumo onte: «Vinte tocando como primeiro violín da orquestra Filharmónica de Viena». A verdade é que non vou discutir se imito ao virtuoso, tanto ten, aínda que non vou desaproveitar a posibilidade que isto me permite de soñar, ao comezo de cada ano, que vivo durante unhas horas co corazón dun violinista. Sexa como for, deixo o entusiasmo da marcha Radetzky para o comezar co novo pulo este difícil 2012. As persoas que prefiran gozar do concerto completo, dirixido polo mestre letón Mariss Jansons, poden facelo dende a magnífica web da CRTVE, a compañía pública que quere dinamitar o Goberno de Maríano Rajoy. Bo ano, con moita música e moita lectura!

2 comentarios
  1. Xabier P. DoCampo
    Xabier P. DoCampo Dice:

    Imos ver. Hai dous anos precipiteime e díxenche que o tal tocaba a viola, cando en realidade é violinista, e non o primeiro violín senón o primeiro violinista á dereita do director. O primeiro violín (concertino) sitúase sempre á esquerda do director. Este home que se fai chamar Tibor Kóvač e vai dicindo que é eslovaco pódese ver moi ben no bonito documental de Werner Boote que puxeron no intermedio do concerto. O septeto que toca chámase The Philharmonics e nel, aí si, é primeiro violín. É un gozo escoitar a estes sete tocando a Fantasía sobre a Frauta Máxica de Sarasate, a Shostakowitsch, a Godowskiy, o Spain de Chick Corea ou o Clair de Lune de Debussy que ti neste vídeo acabas marabillosamnente nese agudísimo cheo de melancolí romántica. E digo ti, porque eu estou seguro que non é que se pareza a ti, senón que es ti nunha nova segunda vida comezada uns dez anos despois da que compartes con nós, os teus amigos. Isto pódese comprobar nalgúns vídeos nos que se ve que leva unha insignia do Celta na lapela da chaqueta.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará