Onte 130: The Corner

Xa teño expresado en varias ocasións a miña admiración polo traballo de David Simon, o xornalista do Baltimore Sun e xenial guionista dalgunhas series de HBO. Esta fin de semana comezamos a ver The Corner, unha miniserie de seis capítulos que constituíu o auténtico limiar de The Wire. Como xa fixera con The Homicide, Simon adapta para televisión un dos libros nos que recolleu anos de documentación xornalística sobre o tráfico de drogas en Baltimore. Polos dous capítulos que temos visto, The Corner é unha durísima exploración da vida dunha familia negra estragada polos rigores da heroína e do seu trapicheo nunha esquina, convertida na súa forma única forma de sobrevivir. Narración de espírito naturalista, ao xeito dun falso documental reconstrúe a crónica da pobreza e da desolación destes seres humanos escravos da adición. A súa fasquía de balada melancólica e os seus impresionantes retratos humanos permitiulle obter un dos premios Emmy de 2000.

Onte 129: O Bacharelato do PP

Coñecín un interesante artigo de Magisterio Español no que se presenta o probable modelo de reforma do Bacharelato do goberno do Partido Popular. Semella que entre os dous modelos a debate (3+3 ou 4+3), Rajoy decantarase polo primeiro, máis económico e auspiciado pola Asociación de Catedráticos de Bacharelato (Ancaba), transformando o actual 4º de ESO no primeiro curso dun Bacharelato de dúas vías. Máis alá da análise demorada que require unha reforma tan importante, que probablemente supoñerá a ampliación do ensino concertado ao Bacharelato, chamáronme a atención tres anuncios. O primeiro: a clara ruptura do modelo de ensino comprensivo até os 16 anos, xa que a partir dos 15 se contemplaría a posibilidade de optar pola FP de grao Medio e no Bacharelato por unha vía xeral e por outra profesional. O segundo: a creación dun novo modelo de Formación Profesional de Grao Medio, tamén de tres anos, ao que se accedería dende o 3º de ESO. O terceiro: a creación dunha proba final ao remate do Bacharelato, que substituiría á Selectividade, coa intención de homologar a todos os centros e todas as Comunidades Autónomas. Semella que, tras a segregación do alumnado entre as vías xeral e profesional, o currículum do Bacharelato será máis homoxéneo e menos diversificado. Outra vez, impóñense os criterios dos sectores educativos máis conservadores: máis centralización e máis segregación.

Onte 127: Tourilandia

Excelente primeiro programa de Tourilandia. Nalgúns momentos rin a cachón, sobre todo no derradeiro treito, durante a entrevista co profesor de fútbol David Vidal na que se matizaron as diferenzas entre os verbos ‘saber’ e ‘entender’, un auténtico combate retranqueiro. Memorable foi, tamén, a versión de “Ai si me opero”, explorando as fronteiras desta TVG sempre tan condescendiente co goberno Feijóo. Xosé A. Touriñán e todo seu equipo artísticos, onde destaca Federico Pérez, prometen moito. Este programa de humor pode contribuír a conectar, sobre todo en Internet, cun público mozo, decote afastado da programación da TVG. Ten unha enorme potencia galeguizadora. Ogallá contemos, por fin, co noso Cráckovia ou ¡Vaya semanita!. Polo que vimos onte, a Touriñán e ao seu equipo sóbralles talento para conseguilo. Recomendo estarmos atentos ao programa do vindeiro xoves. Que non vira o de onte, agardo que poida facelo na TVG á carta ou localizando as mellores pezas que se irán subindo ao youtube. As miñas beizóns. É.

Onte 126: O galeguismo, o nacionalismo político do século XXI

Gustoume a exploración do espazo dos matices que realiza o chamamento de 19 das alcaldías do BNG. Un exercicio de sutileza, afouteza e realismo politico moi de agradecer. Lonxe de calquera dogmatismo e sen renunciar tampouco a conquistar a hexemonía política por medio de desenvolvemento de proxectos de goberno, estas alcaldías do BNG propoñen unha importante redefinición ideolóxica ao identificar o galeguismo como «o nacionalismo político do século XXI». Para elas a incorporación do concepto de ‘cidadanía’ ao discurso nacionalista e a súa identificación co de ‘galeguidade’ permitiría deseñar de vez un proxecto político estratéxico presentado diante da sociedade galega coa intención de «acadar o goberno soberano do noso país e o recoñecemento de Galiza como nación dentro dun estado plurinacional». Fronte a calquera tentación conformista ou rutineira, con esta iniciativa estas alcaldías obrigan á dirección e á militancia do BNG a enfrontar unha conversa sen límites coa sociedade galega actual e as súas profundas mudanzas. Na asemblea nacional deste mes rivalizarán as diversas formas de desenvolvela. Eis un reto decisivo para o futuro do nacionalismo galego nesta segunda década doséculo XXI.

Onte 125: Nacín un luns

Teño escrito nalgunhas ocasións que nacín no Pirulí. O que non sabía, até onte, foi que aquel día despois da santa Lucía, patroa das costureiras, caera en luns. Averigüeino de forma fortuíta, grazas a un correo dun amigo que me recomendaba consultar “o periódico do día que naciches”. Enlaceino e din coa formidable edición dixital de La Vanguardia que, precisamente, aquela xornada non se publicou por ser luns. Foi inevitable repasar as noticias do día seguinte, un martes chuviñento de decembro de 1959, segundo a breve referencia meteorolóxica do tempo en  Galicia. A noticia principal de portada non era nada doutro xoves: “O infante Juan Carlos de Borbón recibiu o seu despacho na Academia General Militar”. Porén, para min debullar nas páxinas interiores foi un exercicio de maior interese. Na carteleira anunciábase a estrea de Los 10 mandamientos como “o maior acontecemento da historia do cine” e nunha das páxinas de deportes atopei a clasificación da 13ª xornada do Grupo Norte da Segunda División na que o Orense figuraba na segunda posición,  o Celta na terceira e o Coruña na quinta. Esta hemeroteca dixitalizada de La Vanguardia é un motor brutal de memoria que pode ofrecernos moitas outras sorpresas. Unha ferramenta moi recomendable.

Onte 124: Letra a letra

Comecei a semana cun agasallo inesperado. O meu mestre Antón Costa dedicoume un exemplar de Letra a letra, unha edición facsímil do libro que os alumnos de Simeón Omella, mestre da escola de Plasencia del Monte, compuxeron no curso 1934-1935 servíndose da imprenta escolar. Antón, prologuista desta obra publicada polo Museo Pedagógico de Aragón en edición moi coidada, foi quen deu conta da súa existencia cando en 2010 publicou dúas das súas páxinas no seu libro D’ Abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975). Composto letra a letra por escolares de nove anos, o libro foi conservado dende a primavera de 1939 na casa de Elise e Celestin Freinet en Saint Paul de Vence para pasar logo, co resto do fondo Freinet, aos Archives Departamentales des Alpes Maritimes de Niza. Estas máis de cen páxinas deste libro de vida inclúen textos libres (contos, experiencias de campo, excursións, correspondencia con outros escolas europeas, debuxos…) daqueles rapaces dunha escola republicana aragonesa que dirixidos polo mestre Orellana utilizaban as técnicas da escola moderna de Freinet. Letra a letra é un libro documento excepcional que amosa a anticipación e actualidade das técnicas da Escola Moderna. Admirable pulsión de vida e de traballo pedagóxico nun libro de fasquía ben xeitosa que sei entusiasmará aos mestres e mestras galegas vencellados ao proxecto da escola popular galega.

Onte 123: Vigo, innovar ou esmorecer?

Entre os textos da edición dominical de Faro de Vigo destacaba este magnífico artigo de Antón Costas, o catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, vicepresidente do Cercle d’ Economía e unha das personalidades máis achegadas a Pascual Maragall, cando foi president da Generalitat. Este egrexio veciño de Matamá propón que se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e o naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación. Resumindo moito un artigo, cuxa lectura reflexiva recomendo, cinco son para Costas as condicións que este tránsito cara a innovación debería respectar en Vigo: 1ª Reter e atraer á xente nova, que son as persoas con maior capacidade innovdora; 2ª Ofrecerlles vivendas asequibles; 3ª Acuñar o «viguismo» como marca; 4ª Promover a cooperación entre os innovadores e 5ª Contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia. Temo que, polo momento, haberá que agardar un tempiño para poñer en práctica tan interesante estratexia, na que se xoga o futuro da cidade. Hoxe o forno non está, aínda, para eses bolos.

Onte 122: A Caixa á La Caixa

No día que lembrabamos a Castelao, tras a tregua do Nadal, volvemos á crúa realidade dun país que vive unha situación de auténtica emerxencia. Leo no blog de Félix Soria un ruxerruxe sobre o interese de CaixaBank, o Banco creado por La Caixa, por adquirir Novagalicia Banco (NGB). Cando o proceso de capitalización de Castellanos é apenas unha quimera ou unha entelequia publicitaria de Feijóo, a adquisición do que foi a caixa galega por outro banco é un feito inevitable, máis aínda tras o anuncio de Rajoy dunha segunda onda de fusións bancarias previstas para o primeiro semestre de 2012. No marco político actual, fracasado o proxecto de fusión da caixa galega, absorbido o Pastor polo Popular, quizais non sexa a peor das opcións económicas e culturais para Galicia que un 40% do seu mercado financeiro sexa adquirido polos cataláns de La Caixa.

Onte 121: A despedida de Isaac

Estivemos nas exequias de Isaac, que se desenvolveron cun protocolo estritamente civil como correspondía ás conviccións laicas do finado, a pesar de que botei en falta nalgún dos momentos a presenza da bandeira republicana, unha das insignias da súa vida. Entre os varios centos de persoas que asistimos ao enterro foi moi gabado que os responsables do concello de Santiago, ademais de montar unha garda de honra no velorio, escollesen para Isaac un espazo de terra a carón do seu compañeiro Antón Fraguas, do poeta Aurelio Aguirre e do escritor Ramón María del Valle Inclán. Á entrada de Boisaca quedará para sempre un recanto da nosa memoria nacional, merecente de ser visitado por xeracións. Dous grandes amigos de vida foron os que alí, en nome do pobo galego, expresaron a derradeira laudatio. Entre outras moitas virtudes, Xosé Neira Vilas gabou «o escepticismo esperanzado de Isaac», unha actitude que axuda a enxergar o futuro. Pola súa banda o profesor Xesús Alonso Montero lembrou que «marcha o patrón de Galicia», un auténtico xigante que sempre reinvestíu as plusvalías de Sargadelos noutras empresas culturais ao servizo de Galicia. Ese espírito filantrópico, ese liderado construído sobre o traballo arreo, esa vontade de resistencia até o derradeiro salaio son outras das herdanzas que nos deixa Isaac, con que nos solidarizamos.

Onte 120: Isaac

Isaac foi unha das persoas marabillosas que tiven a fortuna de coñecer grazas ao meu oficio de editor. Unha beizón. Admíroo como o noso Leonardo do século XX, como o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas de onte e de hoxe. A acollida que nos proporcionou, durante as dúas edicións nas que celebramos os Premios Xerais no IGI de Santiago e na factoría do Castro en Sada, forma parte dos meus afectos. Dende entón, o privilexio de compartir a súa mesa ou apenas un cafeciño no IGI era o mellor agasallo que eu podía recibir. Como editor foi moi afouto e xeneroso. Arriscou a publicar libros que ningún outro editor galego asumimos. Coa colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» abriu o proceso de recuperación da memoria republicana de Galicia; proxecto que ampliou a todo o Estado coa «Biblioteca del exilio». No entanto, por riba de calquera outra das súas facetas, este xigante ensinounos a cultura do abrazo. Os membros da Asociación Galega de Editores, da que é presidente de honra, nunca saberemos como agradecerlle a súa acollida nas instalacións do IGI en San Marcos, tras deixarnos o concello de Vigo portas a fóra. Durante mías de tres anos, as instalacións do IGI, o seu fogar, foi tamén o noso. Beizóns, Isaac. Querémoste.

A miña gratitude a Antón Pulido por enviarme este magnífico retrato de 1998.