Onte 161: Díaz Pardo, editor clandestino

Na gravación dunha longa entrevista arredor do Díaz Pardo editor, o profesor Xesús Alonso Montero salientou o seu papel como editor clandestino. Debeuse a Isaac (baixo o alcuño de Santiago Fernández), coa colaboración de Luís Seoane (Maximino Brocos), a edición de Galicia hoy, o famoso libro colectivo de Ruedo Ibérico, editado en París e fabricado en Buenos Aires, que daba resposta ben cumprida á campaña publicitaria dos 25 años de Paz, preparada polo Manuel Fraga. Unha edición que Díaz Pardo repetiu en 2008, cando viviu un dos seus momentos máis difíciles como editor. Unha das proezas da edición antifranquista que ven moi ao fío lembrar o día que Díaz Pardo foi homenaxeado polo Museo do Pobo Galego, a institución da que foi presidente durante unha década, nun acto emocionante no que o salón de actos quedou moi pequeno.

Onte 160: Caballero na división española

Preguntado Abel Caballero sobre o papel do PSOE vigués no próximo congreso do PSdeG-PSOE  do 9 de marzo confesou que el «quere xogar na división española». En menos palabras pode expresarse a visión inequivocamente xacobina de quen cre sentirse politicamente máis importante xogando no terreo do chamado «socialismo español», minusvalorando de forma prepotente a organización galega do seu partido e, polo tanto, a autonomía e autogobenro galego. Esta involución xacobina percíbese tamén na actuación do seu equipo de goberno municipal que abandonou, con algunhas honrosas excepcións, a utilización sequera ritual da lingua galega e o apoio do concello a proxectos culturais en clave galega como o Museo Liste ou o arquivo Pacheco. De continuar por ese camiño errado, Caballero podería chegar a ter problemas moi serios para a súa continuidade na alcaldía.

Onte 159: Sen teito

En Viena, o propietario dun burdel ofrece tres dos seus cuartos gratis aos sen teito xa que para el «neste clima frío ningúen debe permanecer na rúa». Cada mañá, camiño da oficina, atopo na parada do Vitrasa de Urzaiz a un dos sen teito do noso barrio, un vello que vive alí, diante do escaparate dun comercio de toallas e sabas, as vinte e catro horas do día. Sentado sobre dúas bolsas grandes, que lle serven de tallo, abrigado por unha manta, pasa a xornada escoitando un pequeno transistor. Á noitiña, cando regreso, comprobo que continúa alí, atento ás noticias e aos debates radiofónicos. Como podemos permitir que esta persoa poida permanecer na rúa día tras día?

Onte 158: Sintagma de futuro

Tras un fermoso xantar de amizade, seguín por twitter  a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non me sorprendeu a marcha de Beiras e da súa xente do BNG, unha saída case inevitable tras o fracaso na asemblea de Amio do proxecto común do nacionalismo galego que eles defendían. Unha decisión que influirá na que poida adopar +Galiza o vindeiro mes de marzo xa que racha o precario equilibrio saído da XIII Asemblea.  Abrirase, entón, unha etapa moi difícil e incerta para o futuro das diversas opcións nacionalistas que, inevitablemente, participarán na carreira pola reconstrución do espazo galeguista arredor de novos proxectos políticos e/ou electorais e, sen dúbida, pretenderán contar con todas voces, sensibilidades e mans cidadás dispostas a traballar nun proxecto que teña só a Galicia como norte. Cal será o proxecto capaz de aumentar o perímetro do abrazo que galeguistas e nacionalistas ofrecen á sociedade galega? Poderán converxer electoralmente os proxectos que hoxe se afastan? Hoxe non o sabemos. En todo caso, estamos no albor dun proceso que requirirá tempo, xenerosidade, intelixencia e flexbilidade abondas para se converter en alternativa real ao conservadorismo que hoxe nos abafa. No entanto, o futuro noso tamén se dirimía no serán de onte na ateniense praza Syntagma, onde máis de cen mil concidadáns europeos defendían pacificamente a súa dignidade nunha situación límite. A crise do proxecto europeo, unha mostra da complexidade do tempo contemporáneo, require tamén a súa resposta neste sintagma de futuro nacionalismo galego, iniciado nun momento crítico da nosa historia.

Onte 157: Crónicas de Homs

Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos  dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?

Onte 156: Reforma extremadamente agresiva

Non lle faltaba razón ao ministro Guindos cando na xuntanza do Eurogrupo fachendeou da agresividade da reforma laboral que impoñería o seu goberno. Abaratar e facilitar o despido con carácter xeral, limitar a un máximo de dous anos a prórroga dos convenios, modificar a estrutura da negociación colectiva eran vellas aspiracións da CEOE que agora –xustificadas polos efectos debastadores da crise sobre o emprego e polo fracaso da negociación entre as forzas sociais– o Goberno aprobará por decreto. Agora xa pouco importa que durante a campaña electoral Rajoy dixera que non abarataría o despido nin que os efectos desta reforma sobre a reactivación da economía produtiva sexan máis que improbables nin lamentar o xeito vergonzoso no que agora o PP se axeonlla  diante das politicas neoliberais de Merkel e compañía. Magoadamente, o dano xa está feito, produciuse un claro retroceso nos dereitos conquistados polos traballadores. Aí reside o comportamento extremadamente agresivo e provocador do que fachendeaba en Bruxelas o ministro de Leman Brothers.

Onte 155: Con Carlos Callón

Admiro o traballo teimundo e incansable de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, compañeiro de Prolingua e autor moi querido de Xerais, a prol da lingua galega, a súa defensa e o fomento do seu uso en todos os ámbitos da vida social. Indígname que hoxe vaia ser xulgado, tras ser denunciado polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a raíz das súas críticas polo reiterado incumprimento deste xuíz da Lei de Normalización Lingüística, sobre todo no que atinxe ao emprego do topónimo a Coruña. É incrible que un cidadán sexa procesado por defender o cumprimento da lei e por promover a defensa do noso idioma, unha obriga que teñen todos os servidores públicos, tamén este funcionario da administración de xustiza. Amoso toda a miña solidariedade e apoio a Carlos Callón. Animo a asinar o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística «Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!» A defensa do cumprimento da Lei de Normalización Lingüística é hoxe unha causa cívica primeira.

Onte 154: Villares gaba a Isacc

Na primeira das homenaxes a Isaac Díaz Pardo, celebrada na Cidade da Cultura e organizada pola Xunta de Galicia, Ramón Villares realizou unha intervención extraordinaria, probablemente a mellor que lle teño escoitado. O presidente do Consello da Cultura Galga falou con absoluta liberdade, claridade e beleza expresiva para facer un retrato axeitadísimo da figura poliédrica de Isaac ao longo dunha vida que careceu de tempos mortos. Anotei dúas frases memorables sobre Isaac, que poden servirnos de guieiro: «Díaz Pardo combinou a beleza das formas co rigor das condutas». «Tivo unha idea ao longo de toda a vida: construír un futuro para Galicia con memoria e sen divisións sectarias». É difícil poder resumir con menos palabras a vida enteira dun artista patriota. A vindeira homenaxe será o mércores, 15 de febreiro, ás 19:30 horas, organizada polo Museo do Pobo Galego.

Onte 152: Bragado e Carlos Casares

O meu amigo limiao Rafael Laso envioume este mapa da provincia de Buenos Aires. É doado comprobar que na mesma estrada, separadas por uns poucos quilómetros, están as cidades de Bragado e Carlos Casares. Unha proximidade atribuíble, quizais, a esa providencia laica que axuda a explicar estas coincidencias fortuítas. Seguro que Carlos Casares, finado hai agora dez anos, celebraría a representación gráfica da nosa amizade cun sorriso agarimeiro.

Onte 151: Juan Carlos en «Der Spiegel»

Hai tempo que Juan Carlos e os membros da familia real perderon a aura que, dende a Reforma Política, os protexía. Tras o escándalo de Urdangarín, as revelacións que publica o semanario alemán Der Spiegel poñen en cuestión cal foi o papel de El-Rei no golpe do 23-F. A fonte, un informe do daquela embaixador alemán en Madrid, agora desclasificado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, evidencia a ambigüidade de Juan Carlos cos actores do golpe e as profundas diferenzas que mantiña co presidente Adolfo Suárea arredor da chamada «cuestión militar». Como ten sinalado Escolar estas revelacións cadran bastante ben coas preguntas nunca respondidas sobre o que sucedeu cos golpistas, especialmente coas razóns do indulto de Alfonso Armada, en 1988, quen dende entón se dedicou a mimar camelias no seu pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Mágoa que o pobre de Suárez xa non poida achegar a súa versión que moito axudaría a perfilar o que realmente sucedeu no acontecemento máis decisivo para a consolidación do reinado de Juan Carlos.