Onte 171: O discurso de Monteagudo

A pesar de que non puiden viaxar a Compostela, seguín pola rede co maior interese a intervención de entrada na RAG de Henrique Monteagudo. Agradezo a súa afouteza e xenerosidade por enunciar un discurso sobre a lingua galega capaz de aumentar o perímetro do seu abrazo sobre o conxunto da sociedade galega, sen renunciar unha miga a ningunha das nosas aspiracións para ela. Agardando a lectura demorada da peza, tanto polas declaracións anteriores á intervención, como polos avances por twitter, o discurso de Monteagudo axudará ao avance colectivo e compartido dos que defendemos o idioma. É importante salientar que cómpre «deseñar estratexias para saír do abrazo de morte que nos chega do centralismo castelán e da súa dominación excluínte», como é imprescindible asociar o idioma coa innovación social, como é ineludible que en todos os ámbitos da sociedade galega desmontemos as falacias da imposición e da liberdade lingüística que o PP xa fixou como principios académicos. Con todo, semelloume que a cerna da intervención residiu nesta afirmación: «o núcleo do problema sociolingüístico de Galicia é inseparable da crise do autogoberno, que é o que está en cuestión». Monteagudo salienta así a dimensión profundamente política do problema, o que ten moi importantes consecuencias á hora de deseñar os vieiros polos que discorran as políticas normalizadoras. Beizóns para Monteagudo pola súa entrada na RAG e pola calidade da súa oportunísima intervención nun momento crítico para a historia da nosa lingua e para o futuro do autogoberno da nación.

Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.

Onte 169: Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía, o 175 aniversario do nacemento da fundadora da nosa literatura nacional. Unha efeméride que non debe pasar desapercibida en ningún centro educativo nin medio de comunicación. A realización de lecturas e actividades rosalianas en espazos públicos e educativos, ademais da reivindicación do apoio das administracións á investigación e difusión da súa obra centrarán a xornada.  Con todo, a novidosa proposta da AELG –apoiada pola Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, numerosos concellos e centos de asociacións culturais e cívicas– de animar á cidadanía a que nesta data merque un libro en galego e reciba unha flor constitúe outro fermoso aliciente desta coroa cívica e popular. Da man de Rosalía a lingua e a literatura galega chegarán hoxe a todos os recunchos do país de noso. Rosalía sempre viva.

Onte 168: A noite de Vigo en Madrid

Lembrando aquel «Madrid se escribe con V de Vigo» dos tempos de Manuel Soto, a de onte, ademais da do enterro da sardiña, foi «Unha noite de Vigo en Madrid» de Abel Caballero. Non acredito na eficacia deste tipo de iniciativas voluntaristas e custosas como ferramentas de promoción turística, porén quero pensar que a súa presenza nos medios de comunicación vigueses algo nos axudará a conservar a aura de dinamismo cultural en eidos creativos diversos que hai trinta anos acuñou aquel Vigo da movida. Nun momento de catástrofe cultural (tamén no eido musical), este tipo de eventos deben servir de acicate e estímulo, sen compracencia ningunha, para reinventarnos. O Vigo do futuro non pode vivir sempre do mesmo mito.

Onte 167: Blindados con libros

Os estudantes de Valencia continuaron a súa mobilización a prol da Educación Pública de forma pacífica. Lembrarémolos erguendo os seus libros e berrando: «estas son as nosas armas». Blindados cos seus libros poñían en valor eses humildes artefactos de papel impresos como símbolos da liberdade de expresión e da educación de calidade. Nun momento de tránsito profundo no eido da comunicación cultural e educativa, cando se adoita desprezar de forma inxusta ao libro impreso como obxecto, esta foto de EFE debera quedar para a historia contemporánea da nosa edición e da nosa educación. Estes libros son portadores do entusiasmo dunha mocidade que non acepta os ditados do partido conformista. Un feito que me produce unha profunda ledicia e me provoca esperanza.

Onte 166: Calefacción

Comparto o tuiteo de Juan Cruz: «Impresiona que todo comezase porque os rapaces tivesen frío». En efecto, convén lembrar que o conflito do Instituto Luis Vives de Valencia tivo a súa orixe nunha reivindicación da súa comunidade educativa en defensa da educación pública, apenas a solicitude de fondos para a calefacción do centro. A iniciativa dos estudantes de Secundaria e Bacharelato, que acudiron ao instituto con mantas e días despois se mobilizaron na rúa contra os retallazos educativos, convertiuse para a Delegación do Goberno nun grave problema de orde público. A actuación policial de onte, absolutamente desproporcionada, no contexto das medidas de axuste fiscal e de dura reforma laboral, amosa que o Goberno Rajoy está decidido a demostrar a súa autoridade na rúa, promovendo o medo nunha sociedade xa abondo amedrentada. Desque Rajoy goberna sigo con maior interese a prensa internacional xa que axuda a interpretar o que aquí sucede con maior obxectividade. Ben sería que se reflexionase devagariño sobre as consecuencias de semellante estratexia preventiva. Onte acendeuse en Valencia unha faísca que pode provocar un incendio de dimensións considerables nunha sociedade cada vez máis desigual. Os estudantes valencianos anuncian que se manifestarán con libros, o símbolo da educación e a tolerancia que tanto precisamos.

Onte 165: Síntoma

O éxito das manifestacións contra a reforma laboral de Rajoy é un síntoma do que pode acontecer no futuro. As polo menos vinte e cinco mil persoas, moita xente, da convocatoria viguesa, na que non participaron os sindicatos nacionalistas, anuncian que pode estar rematando a hexemonía do partido conformista. No abrente dese novo contexto, a unidade de acción entre todos os sindicatos  e tamén das organizacións políticas de esquerda é imprescindible. Só así será posible intentar evitar o importante retroceso nos dereitos laborais que supón esta reforma.

Onte 164: Entroido

Fin de semana en Vigo de moito Entroido, días de xoldra, cocido, orellas e crítica purificadora. Mágoa que ese espírito entroideiro non lle fixera graza ningunha a Abel Caballero que mandou retirar da cruz do Castro a cartela de «Alcaldía». Intrasixencia semellante que comparte algún conservador vigués que critica ao alcalde por non facelo cos simpatiquísimos mecos que serán queimados na noitiña do martes na Porta do Sol. Deixemos ceibe durante uns días ese espírito retranqueiro, tempo haberá para utilizar outros argumentos.

Onte 163: Celso Emilio Ferreiro

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.

Onte 162: O conde Waldemar

Xa imaxinaba que ía interesar moito a biografía de Manuel Rodríguez Saa, o conde de Waldemar, o mago, prestidixitador, ilusionista e telépata de sona internacional nacido en Portomarín. Xosé Díaz e Belén Fernández descubren no seu libro o sorprendente itinerario vital e profesional deste galego de aldea que durante o primeiro terzo do século XX percorreu o planeta enteiro e chegou a vivir uns anos dourados da súa vida en Filipinas, onde casou cunha millonaria. Falecido, hai case trinta anos, Carlos Coira e o Mago Antón aínda tiveron oportunidade de coñecelo e, dende entón, consideralo como o referente indiscutible da actual xeración de magos galegos. O doutor Saa –tamén chamado «rei dos magos» e «mago dos reis»– é outra desas figuras galegas de lenda, unha desas personalidades míticas por descubrir e reivindicar. Un libro do que me sinto moi orgulloso ter editado e recomendo moi vivamente.