Sete por cento
A cota de mercado do libro galego acada un novo teito negativo: «SETE POR CENTO». Iso acredita o Informe de Comercio Interior del Libro 2024 da Federación de Gremios de Editores de España, sector que recupera músculo comercial superando os tres mil millóns de facturación e un crecemento anual do 6,3 %. Máis alá da dificultade de interpretar no informe as cifras do libro en galego e do libro editado en Galicia, que non cadran (para cando un informe monográfico do libro en galego, como o de 2007, contabilizando o editado en Madrid e Barcelona?), o devalo do comercio do libro en galego se acentúa, xa que acada os 13,4 millóns de euros, a metade da facturación das editoras da AGE, 27,5 millóns, que retroceden apenas un 0,4 % con respecto ao ano anterior. Cifras fracas que contrastan co excelente momento do libro en Galicia, un mercado de 194 millóns de euros, o 6,4 % do sector español, moi por riba do que nos corresponde por poboación. Esforzo editorial en galego compartido por 47 editoras (ás que habería que engadir as tres ou catro non asociadas aínda na AGE), o que amosa un sector diversificado, que no seu catálogo vivo depende cada menos das dúas “editoras tractoras”, no que a edición infantil e xuvenil se consolida como primeiro subsector, 31,3 % das novidades e o 39, 1 % da facturación, mentres o literario (“ficción” no informe) mantén a súa tradicional mala saúde de ferro, ofrecendo un terzo das novidades e unhas vendas de apenas o 11,8 %. Cifras que amosan a resiliencia dun sector que procura a súa viabilidade nas edicións electrónicas impresas de baixa tirada e na redución dos seus custes de creación editorial. Con todo o informe achega tamén algunhas cifras esperanzadoras, como as do incremento do emprego, unhas duascentas persoas nos cadros de persoal e outras tantas colaboradoras, tras máis dunha década de perdas continuadas, e as do mantemento do sector da libraría en vendas do 55,4 %, a pesar do incremento de Amazon, o que deixa varias luces acesas para o futuro.
Publicado en Nós diario: 12/11/2025















