O libro, para quen o traballa

Aínda que sei que o debate aburre, por reiterado neste espazo, non me resisto a deixar de recomendar a lectura deste artigo do escritor vasco Pedro Ugarte sobre a gratuidade do libro escolar. Obrigado, Txetxu pola magnífica pista.

Como se fai un libro de texto?

Txetxu Barandiarán enlaza moi oportunamente unha reportaxe sobre o proceso de elaboración dun libro de texto. Ben sabemos os editores deste tipo de obras o traballo e o tempo que require este difícil xénero da edición.

Artigos sobre o préstamo e a política do libro

No artigo da semana tentei rcoller algunhas das reflexións que desde hai dúa semana vimos facendo arredor da cuestión da ampliación do préstamo do libros escolares e a educación de calidade. Víctor publica, tamén hoxe, sobre esta mesma cuestión un artigo moi clarificador. Editores e libreiros insistimos en enmarcar a gratuidade dos libros de texto dentro do marco da política xeral do libro galego. Velaí o reto para atopar un punto de encontro entre o sector e o novo goberno galego.

Sobre as modalidades de gratuidade

Para as persoas interesadas en reflexionar sobre as modalidades de gratuidade, aconsello o texto que recupera hoxe oportunamente Txetxu. Paréceme interesante a reflexión que realiza de vencellar a gratuidade co servizo universal (o que suporía sempre asegurar uns mínimos de cobertura), así como a proposta dunha modalidade de gratuidade por medio de cheque libro, na que non se exclúe o aproveitamento dos textos por parte do centro.

Mapas da gratuidade

Case coincidindo coa publicación dun anuncio a toda páxina, onde a Comunidade de Castela-A Mancha daba conta de ser a primeira que completaba a gratuidade dos libros de textos nos niveis obrigatorios, El País publica hoxe unha reportaxe sobre os mapas de gratuidade en España e Europa. O que máis extraña no tratamento da cuestión por parte de medio, teoricamente tan solvente, é que a redacción da noticia se fundamente só nos estudos realizados por Ceapa, sen contrastala con aqueloutros que puidesen proporcionar as asociacións de editores. Imaxino a reacción do presidente do gremio cando leu semellante información no periódico do seu grupo.

Entre a esperanza e o desacougo

Despois de pasar todo o día en Compostela, primeiro reuníndonos coa directiva da Federación de Libreiros (acadamos unha grande sintonía) e logo participando nun encontro con tres responsables do goberno galego, as miñas sensacións son encontradas. Escribo, pois, este texto entre a esperanza e o desacougo.
Ilusionounos a comprensión e coñecemento do estado do sector e dos seus problemas que atopamos en Luís Bará e Ana Rúa comprometéndose a reabrir a Mesa do Libro, un feito que se producirá dentro de dúas semanas. Volver convocar esta Mesa, representativa de todos os axentes da edición e do libro galego (case cincuenta persoas), permitirá poñer en marcha o trámite lexislativo das futuras leis do libro e de bibliotecas (nas que puxemos tantos azos durante a o final da lexislatura anterior) e atopar unha plataforma (a “Comisión do libro como industria”) para estudar medidas para “paliar posibles danos” ocasionados pola ampliación da modalidade de préstamo e, mesmo, para atopar unha alternativa consensuada para vindeiros cursos. Algo moi, moi esperanzador.
Porén, o escaso interese amosado na reunión pola responsable da Consellaría de Educación en entrar a debater esta cuestión de fondo (a da modalidade de gratuidade) enfrontounos de novo a editores e libreiros coa crúa realidade dos problemas dunha dura reconversión do sector.
Saímos de san Caetano convencidos de que no goberno galego existen actualmente dúas sensibilidades ben diferentes sobre os enfoques da política do libro. Agardamos ser recibidos proximamente polo presidente Touriño para presentarlle a nosa visión do estado do sector e amosarlle a nosa disposición de colaboración. Libreiros e editores non imos desistir na defensa do libro, a lectura e a educación de calidade.

Máis sobre o préstamo

Nos últimos días preferín non abondar en noticias e reflexións sobre a implantación da modalidade de préstamo. Mañá, editores e a directiva da Federación de libreiros teremos unha reunión conxunta de traballo e, logo, pola tarde participaremos na primeira reunión do Grupo de Traballo convocado pola Consellaría de Industria. Os editores non temos, ata o momento, noticia da nosa solicitude de entrevista co presidente da Xunta, nin fomos convocados a reunión ningunha cos responsables da Consellaría de Educación. Velaí outras informacións moi recentes que axudan a comprender o estado da cuestión:

Precisando termos

Ian ofrece dous textos moi interesantes sobre o debate que tanto nos ocupou esta semana: igualitarismo e equidade non son termos sinónimos nin intercambiables nas políticas públicas, como non o son, tampouco, gratuidade e préstamo cando abordamos a medida aprobada, ou subvencións e dotación de fondos para bibliotecas públicas cando falamos do libro galego.
No País Vasco xurdiu a polémica, a partir dunhas declaracións do conselleiro de educación. A diferenza que establece Txetxu a nivel educativo entre gasto e inversión é moi pertinente, como tamén o é a diferenciación de Joaquín Arriola entre estado do “benestar” e do “medioestar”.

Mesa Técnica de Gratuidade

A constitución dun Grupo de Traballo que estude as consecuencias da gratuidade no sector editorial recolle a proposta de creación dunha “Mesa Técnica de Gratuidade“, que os editores fixemos chegar á Consellaría de Industria á noite do mércores. A sensibilidade das consellarías de Industria e Cultura abre a porta a un diálogo sereno que debe permitir a confrontación rigoroso de datos e alternativas. Porén, na proposta do Goberno Galego boto en falta a presenza, que os editores solicitamos, de responsables da Consellaría de Educación (a que promove a modalidade imposta e a que ten a responsabilidade de executala nos centros) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (xa que a medida aprobada ten serias repercusións sobre o proceso de galeguización e de emprego do galego como lingua vehicular dos manuais).
Este Grupo de Traballo ou Mesa Técnica, que tanto nos ten a súa denominación, non debe quedarse en estudar os “coidados paliativos” que o sector require coa posta en marcha da medida (sería o mesmo que recoñecer que está ferido de morte), se non en estudar todas as modalidades de gratuidade existentes que permitan a súa xeralización a todos os niveis do ensino obrigatorio durante a lexislatura, a súa coherencia coa implantación progresiva da nova Lei de Calidade de Educación (en trámite parlamentario), a mellora da calidade dos manuais (no contexto das Novas Tecnoloxías da Sociedade do Coñecemento e das estratexias de teleformación), a recuperación do uso do galego nas aulas (unha realidade que semella quere ocultarse), o aumento dos índices de lectura entre os nosos escolares, a implantación de bibliotecas escolares en todos os centros e a supervivencia do tecido natural de comercialización do libro (as librarías d eproximidade).
Estou seguro de que con vontade de diálogo entre a Administración e o sector (os diversos axentes do libro demostramos que a posuímos, velaí a nosa participación na elaboración dos textos das leis do libro e bibliotecas) e cunha ambición compartida de dotar ao sistema educativo galego dunha modalidade de gratuidade, que asegure calidade educativa e compaxine os intereses de todos, poderemos facerlle fronte a retos tan ilusionantes.

Os malos da película

Miguel Anxo Fernán Vello, o noso coraxudo presidente dos editores galegos, explica hoxe nun artigo precioso quén somos os malos da película. Beizóns, Miguel Anxo!!!