U-las voces?
Despois de dous días moi complicados, retomo esta escrita invadido polo desánimo. Levo toda a miña vida profesional, tanto nos meus anos como profesor de Educación Infantil como nos actuais de editor en lingua galega, defendendo contra vento e marea as difíciles causas da escola pública galega e do libro e da lectura na lingua nosa. Agora, debido a que expresei publicamente a miña disconformidade democrática cunha medida do actual presidente da Xunta son acusado de ser un antipático “reaccionario” ao que “só lle importan os cartos” e as “subvencións”.
U-las voces que reclamaron estes días que se cumpra o compromiso (expresado como un contrato coa cidadanía) de que todos os conselleiros e conselleiras no exercicio do seu cargo usasen o galego? U-las voces que se preguntaron sobre os posibles efectos que a ampliación da modalidade de préstamo pode ter sobre o fráxil tecido do libro galego? U-las voces que se interrogaron sobre as razóns do continuísmo do goberno actual coa política do equipo de Manuel Fraga sobre o réxime de concertos co ensino privado? U-las voces que opinaron sobre os contidos e a estrutura da nova Lei de Calidade da Educación, elaborada polo goberno Zapatero, que xa comezou o seu trámite parlamentario e que obrigará a renovar os manuais escolares, previsiblemente, dentro de dous anos? U-las voces que neste comezo dun novo curso falan dos problemas que acucian aos ensinantes, ou das carencias endémicas de medios que padece a nosa rede pública? U-las voces que reclaman políticas redistributivas de bolsas para os estudantes de familias humildes? U-las voces que denuncian a privatización dos comedores dos centros escolares públicos? U-las voces que reclamaron esta semana o inicio do trámite lexislativo das novas leis do libro e de bibliotecas, consensuadas hai meses por todos os axentes do sector do libro en Galicia?
Inmersos en tan espeso silencio, é posible seguir dando a batalla por unha escola pública de calidade que fale, escriba e lea en galego?