Descontos nos libros de textos

Txetxu proporciona algunhas claves do funcionamento da política de descontos nos libros de texto que nestes días acometen algunhas grandes superficies. Carrefour asegura contar xa con 200.000 reservas (un millón e medio de libros, o 7% de todo o mercado español) que serán vendidos cun 25% de desconto, o que suporía (aseguran eles) un aforro de seis millóns de euros para os seus clientes.
Estes descontos, autorizados polos gobernos do PP e non modificados polo actual de Zapatero, non poden superar nunca o 25% do prezo sen ive, porcentaxe que coincide co desconto que lles realizamos os editores. U-lo beneficio para estas grandes superficies? Como poden rendabilizar os custos da xestión das reservas? Cales son as razóns de semellante política “social” destas grandes superficies? Que repercusións terá esta política para o sector libreiro tradicional (o de proximidade)? Son compatibles co espírito da política do prezo fixo? Como encaixarán coa futura lei do libro, prometida hai un ano pola ministra Carmen Calvo, e coa política de gratuidade que se anuncia?
En como se despeguen todas estas incógnitas e na dotación de lectura pública que se realice está boa parte da viabilidade do noso sector. A verdade é que as perspectivas, con tantas idas e voltas, con tantos pasos adiante e atrás dos responsables do ministerio, non parecen moi alentadoras.