Ruth Matilda e Treixadura en San Roque

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o centenario da chegada a Vigo da fotógrafa Ruth Matilda Anserson:

O 7 de agosto de 1924 desembarcou no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, acompañada do seu pai, coa intención de realizar unha crónica gráfica de Galicia encargada pola Hispanic Society of America, o museo e a biblioteca onde traballaba como fotógrafa. Daquela primeira estadía de trece meses de duración, que repetiría en 1926 acompañada da fotógrafa Frances Spalding, a estadounidense deixou un arquivo de cinco mil fotografías coas súas correspondentes anotacións manuscritas. Colección iniciada polas fotografías tomadas en Vigo e nos seus arredores durante o mes agosto, visita recollida por Ruth Matilda con asombroso detalle e erudición no seu libro Pontevedra and La Coruña (New York 1939) que comeza recordando a entrada na ría do transatlántico SS Rousillon contemplando o solpor entre as illas Cíes e como tomou dende a ría a primeira vista da cidade, que define como «un outeiro granítico coroado por unha fortaleza angular e pétrea», referíndose así ao castelo do Castro e o seu baluarte. Anotacións polas que sabemos do seu primeiro xantar opíparo no hotel Moderno, onde se hospedaron, como lles impresionaron as visitas aos pazos de Santo Tomé e Castrelos, a presenza nos mercados de mulleres con cousas na cabeza, como souberon da existencia do poeta Martin Codax ou do tranvía que utilizaron decote para chegar aos arredores da cidade.

Interesados polos aspectos etnográficos, Ruth Matilda e o seu pai asistiron a un concerto o 29 de agosto do «Orfeón queixumes dos pinos», coa intención de coñecer a música galega, citando no seu libro a muiñeira e o alalá, amosándose impresionada polo aturuxo («un berro de grande valor para a mocidade galega»). Día no que retratou na Alameda  viguesa a algúns dos compoñentes do orfeón folclórico cos traxes tradicionais, que chegou a fotografar peza por peza. Particular importancia tivo para ela coñecer a romaxe de San Roque, o día despois da festa do santo do can, unha celebración con máis de catro séculos de historia, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila de Vigo. Crónica da romaxe á que lle dedica o capítulo VI do seu libro, no que describe e fotografa ás instalacións do pazo e a capela, daquela aínda propiedade do Conde de Vilar de Fontes, os postos de venda de cabazas e exvotos, de rosquillas e licores. Retrata a un vendedor de andavías, fotografa a instalación dunha randeeira manual e anota o funcionamento do seu carrusel, que empurraban os meniños vestidos para a festa, o que resultaba para ela «unha imaxe preciosa», antecedentes das actuais atraccións de feira.

Daquela reportaxe da romaxe de San Roque, hoxe centenaria, coñecemos tres das fotos de músicos nosos (que entón aínda non vestían o traxe que popularizaron os orfeóns): a primeira dun trío tradicional, formado por gaita, caixa e bombo; a segunda, dun cuarteto, no que ao trío se engade un clarinete; e a terceira un retrato de perfil do gaiteiro. Ruth Matilda aproveita para describir os instrumentos e anotar como pé de foto o seguinte texto: «Banda de música con gaita do país. Mentres a banda tocaba para a súa fotografía, mozos e mozas bailaban pasodobres na outra porta do xardín». Mágoa que a fotografa non recollese o nome deste cuarteto, que testemuña a presenza centenaria na romaxe viguesa da música tradicional. Feito xa documentado durante a segunda república por cuartetos pioneiros como Airiños de Cabral –do que formaba parte Constante Moreda Vázquez, o gaiteiro mártir, executado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936–, formación que renacería en 1939 como Os Morenos de Lavadores, sendo durante décadas fixos no programa de San Roque. Como o serían, máis tarde, a murga Os Terribles de Donas, famosa por interpretar bailables no palco do pino manso.

Lembreime das fotos de Ruth Matilda cando na noitiña do 16 de agosto asistín en San Roque ao memorable e emocionante concerto de Treixadura, o quinteto de gaitas ao xeito rías baixas, acordeón e orfeón de dez voces, unha auténtica exaltación dese monumento do patrimonio inmaterial galego que constitúe a nosa música tradicional. Hora e media de canto colectivo e ledicia compartida, na que os Treixadura debullaron as pezas máis populares dun repertorio tecido ao longo de case trinta e cinco anos, un camiño longo compartido co seu público (que ateigou o torreiro de San Roque), onde non faltaron temas inesquecibles como «Muiñeira de Santo Amaro», «Maruxa», «Se chove», «Caraveliños», «Foliada marmuradora» ou o marabilloso «Fisterra», entre outros. Un concerto no que se lembrou a Antón Cabaleiro, tamén unha homenaxe aos músicos populares anónimos, como os fotografados por Ruth Matilda, que hai cen anos ocuparon ese palco de privilexio do viguiño popular: «Por dicir “Viva San Roque” / prenderon ao meu irmán / agora que o soltaron / “Viva San Roque e o can!”»

Vigo, terra galega

Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración en Vigo do Día Nacional de Galicia:

Xa temos lembrado aquí a celebración do Día de Galicia en Vigo, o 25 de xullo de 1930, data na que o concello acordou que por vez primeira se izase a bandeira de Galicia na varanda da casa do concello. Referida nos xornais vigueses como «gran data galega» ou «Día Noso», quedou para a historia que Faro de Vigo abrise cunha espectacular portada ilustrada e nos seus interiores utilizase o galego no 8,30 % dos seus textos, o que entón constituíu un fito xornalístico, mentres o seu competidor, El pueblo gallego, titulaba: «Vigo foi o centro espritoal de Galiza». Unha xornada, na que se interpretou música galega nos bares e cafés, que comezara ao mediodía cun mitin galeguista no teatro García Barbón, continuou cun xantar de fraternidade na Barxa e rematou cunha convocatoria vespertina da Agrupación Artística, presidida por Urbano R. Moledo. Actos nos que se cantou o espírito emprendedor vigués e nos que os oradores en intervencións memorables expresaron o seu convencemento de que Vigo, a cidade galega moderna por excelencia, encabezaría o proxecto político galego. O que o escritor Álvaro das Cosas resumiu de forma profética: «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

Celebración do Día de Galicia en Vigo –efeméride que dende 1979, coa chegada da Autonomía, será chamada Día Nacional de Galicia– recuperada dende 1992 pola alcaldía do socialista Carlos G. Príncipe, que gobernaba en coalición cos grupos municipais do PSG-EG e BNG. Convocatoria dunha ampla recepción cidadá (coa presenza dos grupos municipais e do tecido asociativo e veciñal) no serán do 24 de xullo no xardín inglés de Castrelos na que a alcaldía convidaba a unha figura galeguista a redactar e ler no seu nome un bando sobre o significado da efeméride e a súa relevancia para Vigo. Textos que, se non me engana a memoria, escribiron nas primeiras edicións Francisco Fernández del Riego e Víctor F. Freixanes, encabezando unha relación de nomes dunha iniciativa e dun protocolo, que nas últimas tres décadas organizaron as alcaldías viguesas de todas as cores políticas (socialistas, nacionalistas e populares), transformada así en nova tradición viguesa e nun modelo de achegamento entre os grupos municipais da corporación e a sociedade civil. Xuntoiro cívico vigués que non foi convocado este ano, como sucedeu tamén nos dous últimos, despois de ser adiados a setembro, o que imaxinamos obedece a decisión da alcaldía actual de prescindir da celebración desa «gran data nosa» (dende hai case un século), ese día de festa da cidadanía galega, polo tanto, tamén, da veciñanza viguesa.

Non fai falta ser catedrático de Sociolingüística para entender que a teimosa preferencia da alcaldía viguesa e dos membros do seu goberno de empregar só o castelán como a lingua das súas comparecencias diante dos medios ou de non programar no palco privilexiado de Castrelos a grupos de música actual ou tradicional que utilizan o galego como a súa primeira lingua, obedece ao prexuízo estudado de considerar o emprego da lingua galega como unha marca propia do comportamento dos nacionalistas ou de persoas de escasa formación.  O que sabemos é falso, como deformantes son as lentes que se utilizan á hora de valorar o sentido da celebración do Día Nacional de Galicia, efeméride vinculada desde a súa creación en 1919 pola segunda asemblea das Irmandades da Fala coas reclamacións galeguistas.

Xaora, por atractivo que puidese parecer electoralmente o discurso arredista e vitimista dun Vigo alleo a Galicia, á súa lingua e á súa cultura, sabemos que é incompatible coa identidade forxada pola cidade actual ao longo de dous mil anos. Vigo é terra galega de seu, non pode nunca renunciar a ningunha das hélices do seu ADN que conteñen todas as galicias posibles (industrial, marítima, pesqueira, agrícola…), o que o mestre X.L. Méndez Ferrín denominou «Vigo como cifra da Galicia contemporánea». Vigo non pode renunciar a liderar o proxecto industrial e económico do norte peninsular, o que o filósofo Antón Baamonde chamou «Nova Olanda», ou se queremos recorrer ao pasado, debe asumir o peso que as Terras de Turonio tiveron naquela Vella Gallaecia que ía do Douro á Mariña. Nin Vigo pode renunciar a contar co peso que por poboación e achega lle corresponde no autogoberno galego actual, nin conformarse a perder a lingua do seu primeiro poeta Martín Codax nin o espírito innovador, creativo e crítico dos seus artistas como Enrique X. Macías, Ramiro Fonte, Francisco Mantecón ou Berta Álvarez Cáccamo, entre tantos outros. Ese Vigo, terra galega de seu, líder económico e artístico da vella Gallaecia é o que cómpre volver celebrar colectivamente cada 25 de xullo.

Alameda dos libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia da Alameda a onde esta semana regresa a Feira do Libro:

Entre as efemérides non celebradas desde Vigo esquecedizo está o sequiscentenario do primeiro proxecto da nova Alameda, o pioneiro xardín histórico da cidade. Apenas un bosquexo anónimo debuxado nunha folla da traza para o xardín occidental, datado en 1874, como os planos do enxeñeiro Julio Valdés e do agrimensor Carlos Coloret, reproducidos polo arquitecto José Antonio Martín Curty no seu libro referencial, Historia de la Alameda (1828-1978) (COAG 1994), que presentan as chaves do deseño realizado en 1882 polo arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero: a desaparición da primitiva aliñación de álamos entre a Porta da Gamboa e o Areal, prevista en 1828 e consolidada de forma parcial en 1830; e a separación formal en tres sectores (occidental, central e oriental) equivalentes aproximadamente ás tres mazás do proxecto do ensanche. Nova Alameda que o concello decidiu, en 1876, quedase rexistrada ao seu nome e reservada a uso público, atendendo as reclamacións da veciñanza,  o que que, segundo Xosé Manuel Souto González, provocou un conflito coa «Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo», concesionaria do proxecto de recheo, sobre os límites da concesión, que se resolvería cun acordo en 1879. O que constituirá un acontecemento para a historia de Vigo, cidade que tivo a intelixencia de reservar para uso público de paseo e axardinamento tres mazás do seu ensanche, asemellándose ao que en 1857 fixera Manhattan co seu Central Park.

Pouco despois comezaría a plantación do novo arborado, incluída a causarina de 17 metros (hoxe no catálogo de árbores senlleiras de Galicia), á que logo se engadiría a araucaria excelsa, o teito actual do xardín, formando no centro da cidade un catálogo botánico de corenta especies. En 1883 finalizaría a colocación dunha reixa e zócalo de pedra (retirada corenta anos despois), prevista no proxecto de Domingo Sesmero, e o templo da música, onde na noite de San Xoán daquel mesmo ano a Banda de Música Municipal de Vigo deu o seu primeiro concerto de tres horas de duración. Cincuenta anos despois realizouse o recheo do sector central, o que supuxo a destrución dunha parte do arboredo, cando pasou a chamarse en 1935 Praza de Compostela. Como foron mudanzas importantes ás introducidas no axardinamento polo francés Luciano Turc Bert, que tamén interveu no deseño da xardinaría do monte do Castro, formando os parterres actuais e plantando case todos os castaños de indias (1941). Como afectaron ao xardín as medidas de priorizar a trama viaria recollidas no Proxecto de Urbanización da Praza de Compostela e rúas adxacentes do enxeñeiro Rafael Juanes (1941) e as do proxecto adicional de Antonio Cominges (1943), que deseñou os orixinais pavimentos xeométricos que combinaban seixo e lousa, un dos elementos máis característicos da Alameda, hoxe desaparecidos. Como mudanza de relevo supuxo a instalación da fonte luminosa proxectada polo arquitecto Bugallo Orozco (1955), a instancias do alcalde Tomás Pérez Llorente, tras a do conxunto monumental de José Luis Medina.

Alameda que nestes cento cincuenta anos foi escenario de acontecementos históricos, o punto onde finalizaban as comitivas carnavalescas, o espazo onde chantou as súas carpas o circo Feijoo (1935), o escenario onde se celebraban as misas de campaña organizadas por Falanxe no 36 ou a meta das carreiras do pavo cada nadal. Alameda que a pesar de todo isto mantivo o seu carácter de xardín público e espazo interxeracional de lecer e encontro para maiores, mozos e picariños, atmosfera de calma para traballadoras do centro, mais tamén primeira tarxeta de visita para cruceristas e turistas. Mágoa que este noso salón urbano, delimitado pola fermosa arquitectura das súas árbores non sempre fose coidado como precisaba e sufrise degradacións e desleixos antigos e outros por desgraza recentes, como o das barras do Cíes Market de Nadal ou a presenza da dinosebe interrompendo un dos paseos, que os responsables municipais deberían reconsiderar nun espazo para o que, por incomprensible que pareza, aínda non solicitaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

O anuncio da celebración dunha refundada Feira do Libro na Alameda, con máis expositoras e actividades literarias, constitúe unha noticia que merece ser celebrada pola sociedade lectora viguesa como por todo o sector do libro, xa que se recupera o espazo tradicional no que naceu a feira hai cincuenta anos da man do libreiro Lois Patiño Regueira. Unha noticia excelente ademais para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que a esta altura do ano é unha beizón. Acudan a feira do libro, veñan á Alameda dos libros.

 

Crime en Compostela 40

A SELIC, o excelente festival de lectura de Compostela, lembrou cun itinerario e unha mesa redonda os corenta anos da concesión do primeiro Premio Xerais de novela a Crime en Compostela, que o xornalista Carlos G. Reigosa presentara baixo o lema «Lagoa azul e branca». Un manuscrito do que o xurado destacara «o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policial no que o ambiente de Compostela aparece reflectido con bo tino e sen entusiasmos chauvinistas». Unha novela que constituíu un fito na normalización da narrativa galega contemporánea, unha das teimas do editor Luís Mariño, creador do certame, o primeiro convocado por unha editora privada, como a inauguración do xénero criminal na nosa literatura contemporánea, coa creación dos personaxes do detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, protagonistas dunha serie de cinco títulos. Con todo, quizais, o máis relevante de Crime en Compostela é que constituíu o primeiro long seller da edición galega moderna, un éxito comercial que nas dúas primeiras décadas de aparición superou os 30.000 exemplares, manténdose con vendas sostidas no catálogo da editora viguesa durante catro décadas en diversos formatos, ao que non foi alleo que fose considerada tanto como unha das lecturas recomendadas nos institutos e como un dos títulos de iniciación na literatura galega. E insisto que a transcendencia da novela de Reigosa foi o seu carácter de long seller, termo que convén non confundir co de best seller, etiqueta utilizada para produtos de lectura cunhas vendas de canto menos 20.000 exemplares no ano do seu lanzamento (escasos no mercado galego), mais que en todo caso amosa que na actual edición cultural galega é responsabilidade tamén das editoras coidar o catálogo coa atención e agarimo que merecen cada unha das pezas dun albeiro, mantendo tanto o maior número posible de títulos dispoñibles para a venda na rede libreira, como argallando estratexias de promoción para facelos visibles para o lectorado.

Publicado en Nós diario: 26/06/2024

Porrúa editor

O editor Paco Porrúa recibirá na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego unha homenaxe cando se fan dez anos do seu pasamento en Barcelona, onde vivía dende 1977. Tributo que faltaba para un xigante da edición literaria do século XX, fundador hai setenta anos de Minotauro, editorial referente da ciencia ficción en castelán, e asesor, despois, director literario da editorial Sudamericana durante case dúas décadas, nas que apostou por obras hoxe esenciais na literatura contemporáena, como Rayuela (1963) de Julio Cortazar ou Cien años de soledad (aparecida o 30 de maio de 1967) de Gabriel García Márquez. Afortunado e intuitivo nas súas escollas e nas obras que traduciu, entre elas Crónicas marcianas (1955) de Ray Bradbury, que asinou como Francisco Abelenda e O Señor dos Aneis (1977) de J.R.R. Tolkien, firmada por Luis Domenech, ensinou que no exercicio do seu oficio, o editor debe ser anónimo e discreto, consciente de que non é outra cousa que o seu catálogo e que cando morra non quedarán máis que os seus libros. Sabía que a primeira función do editor era a de lector, para escoller os mellores textos, logo editalos ben e conversar e acompañar sempre aos autores. Prácticas que lle permitiron legar un catálogo extraordinario, encabezado polos autores citados, aos que engadiu tantos outros nomes, como os de Alejandra Pizarnik, Onetti e Sarduy, entre os sudamericanos, e Italo Calvino, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin ou Angela Carter, entre os traducidos. Nacido en Corcubión (1922), educado na Patagonia, onde emigrou con dous anos, nunca perdeu a súa relación con Galicia, a que regresou durante dous anos da súa adolescencia, o que non lle impedía confesar «ser un galego sen saudade». Retratado o 7 de xaneiro de 1973 na serie «Figuraciós» de La Voz de Galicia, Luís Seoane recoñecía no seu amigo Paco Porrúa «a paixón polos grandes escritores aparentemente sen lectores». Rescatalo do esquecemento e reintegralo á memoria da nosa edición histórica merece todas as beizóns.

Publicado en Nós diario: 08/05/2024

Sant Jordi

Os datos do Sant Jordi continúan sendo espectaculares. Tras o baixón da pandemia, segundo os datos de GfK, a consultora que audita semanalmente a venda de libros en España, a facturación do 17 ao 23 de abril de 2023 foi en Catalunya de 23,7 millóns de euros e 1,45 millóns de exemplares, dun catálogo de 80.600 títulos, dos que case dez millóns de euros (40 %) corresponden a libros en catalán (apenas o 18 % do catálogo), o que expresa unha envexable diversidade lectora e unha posición forte da edición catalá. Vendas realizadas nun 71 % na rede de librarías, para a que esta semana supón un terzo da súa facturación anual (máis aínda para as pequenas), concentrándose nun 44 % nas novidades lanzadas no ano, supoñendo os títulos de ficción o 37 %, non ficción 30 % e infantil e xuvenil o 26 %. Cifras ás que se engade a venda de máis de 5 millóns de rosas, segundo o gremio de floristas, nunha xornada de exaltación da lectura, o amor e a identidade catalá, celebrada dende 1929 (coincidindo coa Exposición Universal de Barcelona) e declarada pola Unesco en 1995 como día mundial do libro e dos dereitos de autor. Transformada hoxe en semana das letras e da lectura, con grande presencia nos centros escolares, veciñais e culturais, o Sant Jordi é unha institución cultural consolidada, á que dende Galicia ollamos con envexa, pola impresionante capacidade mobilizadora interxeracional da fórmula «libro e rosa» (factúrase en catalán nunha semana o que o libro galego en todo un ano)  como pola atención que os medios proporcionan a súa programación. Estratexia de éxito que en Galicia a Federación de Librarías, apoiada polo resto de subsectores do libro e da lectura, podería volver a ensaiar saíndo con entusiasmo a rúa o 17 de maio ou o 23 de febreiro, con fórmulas de sedución propias como a do «libro e flor (de toxo ou caravel…)» ou a miña preferida, «libro e molete de pan» (en colaboración coa Federación de Panadarías de Galicia (FEGAPAN), como xa se fai na Praza dos libros de Carballo.

Publicado en Nós diario: 24/04/2024

«Se queres…»

Pasado o día do Cómic (17 de marzo) e ás portas dos días internacionais da Poesía (21) e do Teatro (27), celebramos hoxe o día da Narración Oral, data mundial nacida en Suecia (1991) coa que, coincidindo co equinoccio de primavera, as narradoras orais festexan contando contos a súa profesión, arte e oficio. Organizada en Galicia polos festivais Atlántica e Sete Falares e polo Colectivo Narración Oral Galega, ao longo desta xornada de festa da oralidade desenvolveranse unha chea de funcións en todo o país en bibliotecas, teatros, colexios, centros culturais, residencias de maiores, hospitais ou cárceres coa intención de poñer de relevo o valor inmortal de contar un conto. Un día no que, como salienta Paula Carballeira, redactora do moi fermoso manifesto «Se queres…», estamos convocados todos a regalar boas historias e contalas de xeito que «pareza murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo e cambialo». Un día para contar a vida coa nosa voz, tamén coa ollada e xestos nosos, mais tamén coa disposición e a empatía de escoitar, abraiarse e sorprenderse cos nobelos dos relatos doutros afáns e pareceres, para celebrar esoutro tesouro da nosa lingua e continuar construíndo memoria e identidade. Lémbrao Michèle Petit no seu ensaio máis recente, Os libros e a beleza (Kalandraka 2024), en excelente tradución de Isabel Soto: «O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo animais poéticos, posto que os seres humanos levamos máis de 40.000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura». Iso celebramos hogano, o prodixio de contarmos e escoitarmos para dominar a estrañeza da vida e da morte, para procurar a verdade que aniña na cerna do relato. Sabíao o noso amigo Xabier DoCampo: «o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia». Velaí o que festexamos, o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, o amor polo desexo de contar historias.

Publicado en Nós diario: 20/03/2024

Villalta

Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».

Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Ceferino na lembranza

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao primeiro cabodano de Ceferino de Blas:

Lembramos con saudade e gratitude a Ceferino de Blas no seu primeiro cabodano. Tras unha traxectoria xornalística na súa Asturias natal, chegou a Vigo o primeiro de outubro de 1986 para facerse cargo durante apenas seis meses da dirección de Faro de Vigo, tras a súa adquisición pola Editorial Prensa Ibérica. Incorporación do asturiano á mancheta do decano que só nun par de días revolucionou a organización das seccións do xornal, dedicando a páxina 2 a Opinión e a partir da terceira plana a sección local de Vigo. Ceferino expresaba así, xa na súa primeira semana en Vigo, dous compromisos que nunca abandonaría: a prioridade da información de proximidade (centrada en Vigo e no sur de Galicia); e a defensa dunha liña editorial enraizada sobre os criterios de obxectividade, independencia e pluralismo. Andaina inicial do Faro de Ceferino que remataría o 30 de outubro anticipando nas súas páxinas a primeira crise política da Autonomía, a dimisión do Goberno Galego promovida polo vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas coa intención de derrubar a Xerardo Fernández Albor como presidente da Xunta. Un gran comezo, unha primicia de Javier Sánchez de Dios, comentarista político e delegado en Pontevedra, que expresaba a vontade do Faro dirixido por de Blas de non renunciar a súa influencia en Galicia.

En poucos meses, Ceferino deulle a reviravolta que Faro precisaba nun momento decisivo para o seu futuro, acometendo unha reestruturación do cadro de profesionais, non exenta de tensións laborais, modernizando os criterios informativos do xornal e comezando os procesos de dixitalización tecnolóxica da redacción e rotativa. Anos convulsos e críticos tamén en Vigo, finais da década dos oitenta, os da reconversión, da movida e dos gobernos municipais de Manuel Soto, nos que Ceferino se foi enchoupando do espírito e dinamismo creativo e revolto da nosa abella da ribeira, até identificarse de cheo coa cidade, a implicarse no coñecemento da súa historia e na defensa das súas reivindicacións estratéxicas, sobre todo no referido ás infraestruturas de comunicación, a autovía coa meseta e o tren de alta velocidade, como o recoñecemento da área metropolitana. Sensibilidade que tamén tivo pola conservación do patrimonio arquitectónico en perigo de desaparición, a estación do ferrocarril e o pazo de xustiza da rúa do Príncipe, así como do conxunto do Casco vello. Como foi outro dos logros da súa dirección a creación do Club Faro de Vigo, como foro de opinión e debate, co que o xornal pretendía abrirse e achegar a súa contribución á vida cultural galega. Inaugurado o 6 de maio de 1992, foi dirixido dende o seu inicio e durante máis de dúas décadas pola xornalista Marisa Real, a súa compañeira inseparable coa que compartiu paixón polo xornalismo, o cine e as viaxes…

Dende a  súa xubilación en 2008, namorado da cidade de acollida, Ceferino dedicou os seus azos a pescudar na súa historia a partir da hemeroteca de Faro de Vigo, colección de 170 anos da que foi o seu máis profundo coñecedor. Traballo de erudición viguesa que destilou ao longo de catorce anos nas súas deliciosas columnas dos luns de Faro así como nunha quincena de libros, algúns referenciais como Donde los periódicos son Faros. Historia del Faro de Vigo (2017) ou Vigo, puerta del mundo (2023), o seu libro póstumo, escritos coa precisión do historiador, a vontade de estilo do narrador natural e o espírito divulgador e didáctico do xornalista de estirpe. Bibliografía viguesa á que cómpre engadir outra ducia de importantes artigos publicados en Glaucopis. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, institución na que ingresou como membro numerario en 2013 e na que foi membro moi activo até o seu pasamento. Como tampouco se poden esquecer os seus textos e conferencias como cronista oficial da cidade de Vigo, responsabilidade que asumiu en 2017, tras o seu nomeamento pola alcaldía.

Ademais dos seus logros profesionais como xornalista e do valioso catálogo bibliográfico como historiador, Ceferino deixou un legado que cremos aínda máis valioso, o de ser unha das figuras viguesas máis respectadas e admiradas do seu tempo, fose pola súa elegancia e empatía, pola xenerosidade para felicitar ou pola firmeza e mesura cando cumpría criticar ou reconducir. Razóns que fixeron de Ceferino de Blas un referente cívico e moral da cidade, que pasou a formar parte da historia de Vigo, respectado por todas as forzas políticas e entidades sociais e veciñais. Unha figura transversal que merece ser lembrada por medio da convocatoria anual por parte do concello de Vigo dun premio co seu nome a traballos sobre a historia de Vigo. Sen esquecer que Ceferino debe formar parte canto antes do panteón de vigueses ilustres do cemiterio de Pereiró, comprometido hai meses pola alcaldía.