Parteiras

Nas súas memorias de editor, Publisher. Apuntes de una historia editorial (Trama 2024), Richard Charkin, director que foi de Oxford University Press, enumera o bo, o non tan bo e o espantoso da edición internacional actual. Entre os primeiros cita a impresión baixo demanda, que permite facer edicións moi reducidas e evitar os custes de almacenamento, así como o pulo que achega ao mercado a edición independente que florece en todo o mundo. Entre o non tan bo, cita a tendencia do sector ao traballo na casa, acentuada dende a pandemia, e o peso determinante das análises económicas de viabilidade, libro a libro, ferramenta que decide o que se publica e o que queda no caixón. E xa entre o espantoso, o editor que mereceu recibir a Orde do Imperio Británico polos seus servizos á industria editorial, cita o peso cada día menor das bibliotecas públicas, infraestrutura en decadencia, a perda das maneiras da comunicación dixital e «os egos», doenza que padecen hoxe moitos editores, que en prol de consolidar o liderado do seu selo caen en mans do egoísmo e a autocompracencia, esquecendo, salienta Charkin, que no mundo do libro «os únicos que importan son os autores e os lectores», ao que engade como corolario: «debemos lembrar que somos parteiras, non nais». Reflexión dun veterano editor cultural europeo, moi útil tamén na edición galega na que dunha ou doutra forma identificamos todas e cada unha desas tendencias, tanto as que alentan o bo como as que alertan do espantoso. Nunca acreditei nos editores estrela nin na edición nunha mesa de casino, moi ao contrario, defendín decote que o editor debe dar un paso atrás, saír do foco para adoptar unha posición de acompañamento máis discreta e eficaz na mediación entre autorías e lectorado. Como acreditei no papel do editor contemporáneo como primeiro lector e animador da conversa aberta co autor ou autora sobre a fixación do texto e a súa recepción, o que é aínda máis necesario naqueles que editamos en linguas minorizadas e mercados cativos.

Publicado en Nós diario 02/10/2024

Porteiro pioneira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a María Xosé Porteiro con motivo da homenaxe que recibe hoxe no Ateneo Atlántico:

No serán de hoxe a escritora e xornalista María Xosé Porteiro será recoñecida na Escola de Artes e Oficios como socia de honra do Ateneo Atlántico, entidade cultural da que foi fundadora en 2017, tanto pola súa traxectoria profesional, política e literaria como e sobre todo polo seu activismo feminista, cívico e galeguista, desde que chegou a Vigo aos catorce anos procedente da Habana, onde se trasladara con apenas catro. Unha das figuras claves da que me gusta chamar xeración viguesa das «Mil primaveras máis», profesionais pioneiras na utilización do galego nos medios de comunicación naqueles anos de entusiasmo da Reforma Política e do inicio da Autonomía. Unha vida comprometida a de Porteiro coas causas máis xustas, singularmente, as da igualdade e as da lingua nosa, que por ventura volve ser celebrada en Vigo, tras recibir en 2020 o Premio Ernestina Otero outorgado polo Consello Municipal da Muller.

Vinculada cos medios apenas con 19 anos, cando durante cinco fixo en La Voz de Vigo, emisora del Movimiento, o programa cultural «Antes del silencio», incorporouse despois a Radio Popular de Vigo, emisora da COPE, entón un fervedoiro democrático, como a primeira muller da redacción de informativos, onde presentou «Jaque a la actualidad» e dende 1981 a 1984 contou cun espazo propio, o programa «A Bisbarra», dedicado á información comarcal, o primeiro integramente en galego nunha emisora en Galicia.  Xornalismo radiofónico que compartiu co escrito, sendo a primeira muller correspondente de El Pais en Galicia, delegada en Pontevedra da revista Tiempo e colaboradora de La Voz de Galicia, coa sección de opinión «Habitación propia» e coas entrevistas da serie «Corte e confección», pola que pasaron boa parte de escritores e escritoras de entre séculos. Xénero da entrevista na que Porteiro é auténtica mestra na que deixou pezas longas memorables con Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Carlos Casares, indispensables hoxe para entender o devir da literatura galega.

Ademais do xornalismo, que constituíu a súa primeira actividade profesional, María Xosé Porteiro foi dende hai cinco décadas pioneira do teatro, da música e do activismo cultural na cidade nosa. Formou parte do grupo Esperpento de Dorotea Bárcena e Xulio Lago, participou na organización das dúas primeiras edicións, (1972 e 1973) das Xornadas do Teatro Galego en Vigo, celebradas no inesquecible auditorio da Caja de Ahorros da rúa Rosalía de Castro. Promoveu con cantautor Suso Vaamonde a gravación de dous discos pioneiros de Contos galegos para nenos (1979 e 1980). Participou na fundación dos primeiros Premios da Crítica de Galicia (1978), iniciativa anterior á Autonomía, xestada no Círculo Ourensán vigués, na que continúa contaxiando o seu entusiasmo e criterio rigoroso, entre outros activismos pioneiros dos que conserva, como ela confesou, numerosas cicatrices na cabeza de tanto petar con teitos de cristal e muros de pedra.

Foi na súa actividade política, asumida dende o seu compromiso feminista, onde fixo algunhas destas marcas e abriu ao mesmo tempo máis espazos para a esperanza. Tenente de alcaldía do concello de Vigo de 1987 a 1991, creou a primeira concellaría da muller de Galicia, a primeira Casa de Acollida de mulleres maltratadas e o primeiro centro de información municipal para mulleres. Parlamentaria do PS de G-PSOE en dúas lexislaturas, deputada no Congreso (2004-2007), foi delegada da Xunta de Galicia na Arxentina e Uruguai (2007-2009), unha experiencia moi frutífera que lle permitiu coñecer de primeira man o mundo da emigración. Comprometida coas políticas de dereitos civís, cultura e igualdade, na última década, foi escollida como membro do Consello da Cultura Galega, onde coordinou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, e en 2019 designada polo Parlamento de Galicia como adxunta á Valedora do Pobo.

Actividade pública incesante, que non lle impediu desenvolver unha obra literaria en lingua galega na que explorou os xéneros xornalísticos e o ensaio, e con singular acerto un interesante catálogo narrativo. Coautora dunha biografía de referencia de Celso Emilio Ferreiro (Akal 1982) e de numerosos ensaios arredor da comunicación, foi outra vez pioneira coa súa primeira novela, Covardes (Ir Indo 2001), un thriller considerado como o primeiro da chamada «novela negra viguesa», xénero que Porteiro, narradora experta, revisitou en Tabiba (Editorial Elvira 2023). Como particular interese literario ten a súa celebrada novela Sándalo (Galaxia 2019), na que aborda as relacións entre Galicia e Cuba por medio do relato protagonizado por unha familia que como a súa prendeu raíces en ambas dúas terras.

As miñas beizóns e admiración a María Xosé Porteiro pioneira de tanto para todas.

Economía e letras

Lamenta Yolanda Castaño nas páxinas do seu ensaio premiado, Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia 2024), que a supervivencia a través da poesía é case un milagre. Confesa así a autora de Materia (Xerais 2022), libro recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2023, as dificultades que afrontou como poeta en galego que fixo desta condición a súa única profesión. Un debate sobre a profesionalización, aberto dende hai décadas nas nosas letras, que ten que ver máis coa precariedade do seu mercado, á intemperie e con escasa visibilidade e recoñecemento social, que coa vontade das nosas autoras para vivir dos dereitos da venda dos seus libros ou das facturas emitidas pola súa participación en recitais e outros saraos literarios. E se alguén dubida da fraqueza que arrastra o noso mercado, aconsello consulte os informes anuais máis recentes de Comercio Interior do Libro da Federación de Editores. Datos que no caso do libro galego resultan clarificadores de máis: as vendas totais a prezos de capa son de 16,8 millóns de euros, as dos libros de literatura 2,6 millóns de euros, das que case 1,9 corresponden a narrativa e 700.000 euros a poesía, teatro e ensaio; vendas que xeran uns dereitos de autoría de 1,5 millóns. Como cativas son as axudas e compras anuais para bibliotecas públicas da Xunta de Galicia ao sector editorial, arredor de 800.000 euros, que representan apenas o 4,76 % da facturación do sector en 2022. Incrementar a cifra das vendas literarias en galego e destas axudas constitúen requisitos previos para abordar un debate sobre a profesionalización que non estea trucado polo enganoso voluntarismo. Noutros termos: incrementar as vendas e visibilidade nas librarías do libro galego (o equivalente a pasar por billeteira na música ou no cinema) e comprometer as institucións a responsabilizarse de políticas públicas de fomento da lectura en galego e de apoio á creación literaria son condicións que axudarían na angueira das que pretenden facer das nosas letras o seu oficio.

Publicado en Nós diario: 25/09/2024

Lume

Onte pechou Lume despois de 48 anos como referente de libraría cultural independente e galeguista na Coruña. Aberta en decembro de 1975 como libraría e aula de cultura, pouco despois da morte do ditador, por unha sociedade de opositores, Lume marcou a toda unha xeración de lectores e lectoras que teceron unha comunidade de afectos e complicidades animada por Dolores Porto «Lola», primeiro empregada e desde 1988 copropietaria con Luis Martínez. Como editor de Xerais tiven a fortuna de participar alí en ducias de presentacións, nas que sempre era recibido por un escaparate precioso arredor do libro e da autoría protagonista do serán, un xeito creativo de Lola para fender a invisibilidade á que o libro galego estaba (e continúa estando, por desgraza) sometido. Imposible esquecer días felices e memorables entre os libros e a cartelaría dos anos da Reforma Política tan característica de Lume, como as presentacións d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) de Manuel Rivas ou d’ A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017) de Xabier P. Docampo, na que agarimado polas súas amizades, tamén as da tertulia dos sábados de dúas décadas na propia libraría, presentaba orgulloso a súa derradeira novela coa que homenaxeaba a súa xeración. Parafraseando o que Agustín Fernández Paz escribiu para as bibliotecas, cando desaparece unha libraría desaparece unha luz. Librarías como Lume, hábitat natural do libro literario, son tamén espazos públicos para o libro e a lectura, e como tales celmes de convivencia. As librarías como Lume son zonas a defender como espazos de liberdade e fontes inesgotables de coñecemento e horizontes de esperanza. Cando pecha unha libraría pérdese un espazo cidadán, habitado por libros e por almas, tamén un territorio da memoria de cada cidade. Non esquezo a voz de Manuel Rivas quebrada pola emoción lendo en Lume páxinas memorables d’ O último día de Terranova (Xerais 2015) protagonizadas por Fontana o seu libreiro: «En que país estamos? Vostede non pode  pechar unha libraría!»

Publicado en Nós diario: 18/09/2024

Lei de Medios Públicos

Tras trece anos de mandato indefinido do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez izquierdo, incumprindo o previsto na Lei 9/2011 dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galicia, que obriga a súa elección consensuada no Parlamento por unha maioría cualificada (de 3/5), o Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda pretende normalizar a situación substituíndoa pola porta de atrás polo bautizado tan aparatosamente como «Anteproxecto de Lei de Servizos do Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital». Un texto que dinamita os principios de pluralismo, independencia e profesionalidade do texto de 2011, non esquezamos aprobado polo primeiro goberno de Alberto Núñez Feijoo, establecendo agora a elección da dirección xeral por maioría simple, aproveitando a viaxe para eliminar dun trazo o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos vixentes e, se isto xa non abondase, abrindo a posibilidade da emisión de contidos en castelán, unha aspiración dos sectores máis reaccionarios e galegófobos do Partido Popular de Galicia. Un anteproxecto de lei, cuxa fase de suxestións pechou co 31 de agosto, rexeitado de forma contundente tanto polo Colexio de Xornalistas de Galicia e a Mesa do Audiovisual Galego como polo Comité Intercentros da CRTVG e a plataforma @DefendeAGalega, entidades que denuncian que a aprobación unilateral destas medidas promovidas polo executivo de Alfonso Rueda, nunca consultadas cos diversos sectores profesionais e empresas do sectores audiovisual e cultural, suporía un claro retroceso da calidade democrática en Galicia e incrementaría, se non abondase o que ten dende hai case catro lexislaturas, o control informativo do PPG da televisión e radio públicas galegas. Sen menoscabo do grave perigo que para o futuro da lingua galega supón pisar a liña vermella do carácter monolingüe das emisións dos medios públicos, creados expresamente pola Lei 9/1984 coa misión de ocuparse da promoción, difusión e impulso da lingua galega.

Publicado en Nós diario: 4/09/2024

Campo de Granada 25 anos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos vinte e cinco anos dos artigos de Campo de Granada:

Foi Ceferino de Blas, entón director xeral de Faro de Vigo, quen me abriu hai vinte e cinco anos ás páxinas de opinión do decano. Baixo o epígrafe de «Campo de Granada», topónimo do campo da feira ao pé do monte do Castro, onde se construíu na década de 1970 a nova casa do concello de Vigo, o domingo 22 de agosto de 1999 apareceu o artigo inicial, «La Favorita de Príncipe», unha homenaxe ao comercio de toda a vida da máis elegante rúa viguesa, con motivo do pasamento de don Juan García Robelló, copropietario desta mercería familiar durante cinco décadas. Primeiro texto dunha sección, que esta semana chega aos 1.250 publicados, concibida para contribuír a compartir a memoria de Vigo, divulgar a súa historia, defender o seu patrimonio artístico, arquitectónico, paisaxístico e inmaterial, así como atender á axenda política, social e cultural viguesa.

Escritos dende o compromiso coa lingua galega e coa convicción do liderado de Vigo tanto no proxecto do autogoberno galego como entre as cidades da fachada peninsular atlántica, os artigos de Campo de Granada foron conformando engorde unha crónica persoal, polo tanto subxectiva, do Vigo das primeiras décadas do século vinte e ao mesmo tempo ofreceron unha ollada ao seu pasado (sen nostalxia) e, como sinala J.Montoya, procurando identificar nesas pegadas o seu continuo presente. Cun afán explicitamente divulgador, alicerzado, sempre que foi posible, sobre unha sólida base documental, estes artigos expresaron a confianza da cidade nas súas propias posibilidades, así como a conveniencia de recuperar o desenvolvemento estratéxico metropolitano e os acordos entre partidos e institucións, espazo político por desgraza hoxe pouco frecuentado, evitando a comodidade da  hipérbole e do vitimismo como dúas perigosas doenzas para o viguismo galeguista no que acreditamos.

Utilizando con máis frecuencia a paleta da proposición e da felicitación que a da crítica, en Campo de Granada celebramos o rescate dalgunhas pezas do patrimonio vigués: o pazo de xustiza e cárcere transformado en Museo de Arte Contemporánea (Marco, 2002) e o vello matadoiro de Alcabre convertido en Museo do Mar de Galicia (2002). Abeizoamos sen reservas as peonalizacións do Calvario, da Porta do Sol, da rúa Elduayen e do paseo de Afonso, como a recuperación residencial do Casco Vello alto, a instalación de elevadores no marco da estratexia de mobilidade peonil ou a modélica recuperación do espazo intermareal do Vao. Non esquecemos fachendear da anovación das festas de Entroido, coa recuperación da máscara viguesa do «Merdeiro», nin da consolidación da Reconquista como primeira festa popular da cidade. Como foron motivo permanente de parabéns o interese e calidade das publicacións do Instituto de Estudios Vigueses, xa máis de duascentas, un traballo extraordinario para o desenvolvemento do corpus da historia viguesa con criterios historiográficos actuais.

Xaora, como non podía ser doutro xeito, nestes artigos utilizouse a ferramenta da crítica e da denuncia, reclamándose de forma teimosa a recuperación da Panificadora e do Teatro cine Fraga, a creación dun museo da cidade, a construción dunha biblioteca do estado e a creación dunha rede de bibliotecas públicas dotada de recursos e profesionais á altura da que é a capital do libro en Galicia. Denunciouse o peche do Centro Galego de Fotografía e o abandono da Fotobienal. Reiterouse a defensa dos sectores económicos vigueses, dende os portuarios aos da industria da automoción, salientando a posibilidade de artellar arredor deles un novo distrito industrial, para o que sería decisiva a finalización do eixo atlántico ferroviario e da saída sur que facilite a súa unión con Portugal.

Sei que se podería escribir, 25 anos despois, un artigo que chorase aquela rúa do Príncipe de 1999, da que hoxe apenas queda a xoiaría centenaria de Ramón Fernández, unha vez que pecharon a Papelaría Comercial, a farmacia Carrascal, La Ideal, Bolsos Barros, Fotomecánicos, entre outros establecementos. Hoxe Príncipe é unha rúa peonil comercial moi semellante pola composición da súa oferta á doutras cidades peninsulares e europeas, con escasos encantos propios que a distinga. Apenas outro froito da temible turistificación e xentrificación que xa sofre Vigo e padecemos sobre todo a veciñanza do centro, incrementada coa campaña hiperbólica das luces de Nadal.

Chegados a este aniversario de Campo de Granada, agradezo a confianza tan xenerosa das diversas direccións de Faro de Vigo, singularmente a de Juan Carlos Da Silva e a actual de Rogelio Garrido. E sobre todo expreso hoxe a miña gratitude aos lectores e lectoras que durante este cuarto de século atenderon a estes textos e compartiron tantas veces a súa opinión sobre eles nas redes sociais.

Un mar con historia

Con Historia das historias de Galicia (Xerais 2016), un exercicio de historia crítica, consistente en contrastar o pasado e presente, o que foi e o que se nos di que é e será o país noso no futuro inmediato, o catedrático Isidro Dubert abriu como editor un proxecto editorial que pretendía desvelar e reler algúns dos aspectos esquecidos, dubidosos ou inéditos da historia de Galicia: a importancia dos celtas na nosa cultura, a orixe do vello Reino de Galicia, a invención dos Séculos Escuros, o desembarco dos fomentadores cataláns, os fusilamentos dos Mártires de Carral ou o suposto atraso secular de Galicia… Título primeiro ao que, polo momento, con idéntico enfoque e carácter coral, seguiron A morte de Galicia (Xerais 2019), no que se pon en cuestión a suposta apocalipse demográfica galega en relación coa emigración e o envellecemento, e o recente Galicia, un mar con historia (Xerais 2024), no que se pretende amosar o protagonismo e a importancia que o mar tivo no curso da historia de Galicia. Terceira entrega na que fronte a ollada tópica do pasado, que presenta Galicia como un país manifestamente rural, onde a emigración foi apenas unha anomalía histórica inevitable, froito do seu atraso, Dubert e o seu equipo, presenta outra historia de Galicia, máis ampla, máis aberta, máis integradora na que «a terra e o mar se abrazan e non se explican cabalmente a unha sen o outro». Unha historia con fondura na cal o mar, as súas xentes e as actividades que desenvolvían «situaron a Galicia en Europa e no mundo, sen necesidade de depender dos camiños terrestres creados e tutelados pola igrexa ou das olladas submisas deitadas polas nosas elites ao que acontecía na corte de Madrid». Obra importante, inclúe traballos moi novidosos, caso do de Luís Alonso Álvarez sobre «Escravos e negreiros e o nacemento da banca na Galicia marítima» ou o de Luisa M. Muñoz Abeledo sobre «O traballo das mulleres na Galicia litoral contemporánea». Moi recomendable, como os dous libros anteriores.

Publicado en Nós diario: 21/08/2024

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024

A memoria de Magar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a edición dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais, 2002, 2004 e 2007):

Entre os meus orgullos de editor está o da publicación dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais 2002, 2004 e 2007), escolma de máis dun milleiro de instantáneas e retratos de Manuel García Castro «Magar», o primeiro fotógrafo de Faro de Vigo. Un proxecto nacido na exposición que durante o mes de abril de 2002 acollera a Casa das Artes, «40 anos en branco e negro», pola que peregrinaran milleiros de persoas convocadas polas fotos de Magar e fixeran exercicio de memoria diante de douscentos cadros que, en boa medida, recollían a crónica das súas vidas. Con este precedente, acordei con el preparar un libro de sobremesa que recollese unha parte das fotos da mostra e algunhas outras pezas do seu arquivo de milleiros de negativos que fora tirando dende 1962, cando entrara a formar parte como fotógrafo do cadro de persoal do decano. Tirando dese fío e de moitas horas de conversa, durante cinco anos fomos montando foto a foto os tres volumes que conforman a crónica visual máis completa da transformación de Vigo (o noso «Viguiño»), con todas as súas contradicións e conflitos, durante catro décadas, atendendo ao seu desenvolvemento urbanístico, industrial, social, cultural, deportivo e político.

Escollemos para prologar o libro, entón non pensabamos que habería outros dous volumes máis, a Fernando Franco, que fixo un texto precioso, como corresponde a quen é o cronista social do Vigo de entre séculos, que salientou a importancia do libro como crónica dos últimos corenta anos e o carácter do seu autor «benhumorado no que por veces lle foxe unha risa burlona e descrida por entre as comisuras da alma». Fernando subliñaba coa sutileza da súa escrita con tinta de ouro o carácter irónico, divertido e emotivo da ollada do fotógrafo de Faro, dacabalo do reporteiro clásico, atrevido e un chisco toleirón, que nunca perdeu a ollada agarimosa para retratar aos humildes e os perdedores coma se de príncipes se tratase. No proceso de edición, que sempre concibín como conversa permanente co autor, comprendín que as fotos de Magar eran arcas de memoria, gardaban unha historia que merecía ser contada. E como tales fotos crónica compartimos un exercicio de memoria, no que Magar lembraba de forma prodixiosa o nome dos centos de persoas fotografadas, como o momento no que disparara ou as condicións en que o fixera. Así fomos escribindo os pés de foto, coma se de chíos de X se tratase, que melloraba por teléfono, cando lembraba algún detalle ou contactara cunha fonte que achegaba ese dato ou nome que faltaba. Conseguimos, así, que cada páxina dos seus libros fose un microrrelato visual de vidas anónimas e de esforzos e tristezas colectivas, capaz de desencadear o que me gusta chamar «efecto Magar», que activa a memoria propia ou familiar deste Viguiño noso.

Nas fotos de Magar identifico a memoria da miña infancia, o das crianzas da xeración de Gorgorito, retratada por Xaime Fandiño en La acera volada (2022), co concurso de castelos de area en Samil, coa circulación metropolitana do tranvía ou  con aquel Balaídos dun Celta de segunda onde no descanso saía a correr Toniño recoñecido polos aplausos da bancada. Nas fotos de Magar están os anos da miña adolescencia, a da mocidade da xeración Polycommander, naufraxio como o do pesqueiro Centoleira, que Magar cubriu como afouto fotoxornalista. Como nas pezas de Magar de finais dos setenta e comezo dos oitenta identifico a ilusión da miña xeración de Siniestro total e Os Resentidos, que co inicio da Autonomía reclamou en Príncipe o dereito de obxección de conciencia, os bonos de Vitrasa e saíu a Urzáiz a defender o sector naval. Nas fotos de Magar está a historia do Celta da Peña Xaburú, das Xuventudes Celestes e Celtarras, do Estudantes, do Vulcano, do Octavio, do Celta feminino, do Celta de atletismo, tamén do Turista, Gran Peña, Peñasco, Coia, Coruxo e outros equipos modestos… Nas fotos de Magar está a cidade puro milagre de Celso Emilio, que se fixo e desfixo urbanisticamente, tamén, a abella da ribeira, que enterrou a ría, secasí o volcán de dinamismos do mestre Ferrín, da clase obreira das factorías de Balaídos e Beiramar, das guindastres portuarias, desa cidade pelexona que nunca se resignou.

Grazas, Magar, por legarnos milleiros de fotografías portadoras da memoria nosa, de lembrar aos humildes que sabemos non pasarán ao libros de historia, que retrataches con respecto e agarimo: Chuchete, Ismael e Toniño, Castro, Tocho, Rafaelito, as carrexonas do Berbés, as leiteiras, pescantinas e afiadores… Coma a doutros contemporáneos seus, como Siorty, Llanos, o seu compañeiro Cameselle ou a da retratista Mary Quintero, alicerces tamén da memoria viguesa, a obra fotográfica de Magar merece ser conservada como patrimonio da cidade e recoñecida polo concello. Grazas, admirado Manolo.

Magar, o fotógrafo de Vigo

Morreu Manuel García Castro, o noso benquerido e admirado «Magar», fotógrafo e reporteiro de Faro de Vigo, autor durante catro décadas de milleiros de instantáneas e retratos en branco e negro, imprescindibles para conservar a memoria e comprender a historia viguesa da segunda parte do século XX. Fillo de ferroviario, naceu en Ciudad Rodrigo (Salamanca), máis alicerzou en Vigo sendo apenas un picariño, aprendendo as artes do seu oficio nos estudios fotográficos Tomás onde, confesou, fixo de todo, dende varrer e abrir a porta a ocuparse das tarefas máis delicadas do retoque dos retratos de estudio. Voluntario no Exército do Aire, ingresou na Escola de Fotografía e Cartografía de Cuatro Vientos (Xetafe). Unha atmosfera formativa, técnica e creativa, nas que compartiu as formas artesanais e as clásicas, que lle serviron en 1962 para incorporarse como reporteiro gráfico pioneiro na redacción de Faro de Vigo, dirixido entón por Manuel González Cerezales, converténdose até a súa xubilación en 2000, primeiro, no fotógrafo todoterreo que a incipiente fotografía de prensa precisaba e, máis tarde, no xefe do departamento gráfico do xornal.

Formando parte da redacción do Faro de Vigo de Álvaro Cunqueiro, máis tarde de Santaella, Landeira e Armesto, «Magar», conectou coa esencia popular da cidade nosa, que comezaba o seu proceso de crecemento industrial, sendo o primeiro cronista visual co que contou o decano. Un fotógrafo capaz de inmortalizar tanto os últimos habitantes das Cíes botando a partida como aos mozos excursionistas que alugaban un barco de pesca para pasar o domingo nas illas. Fotos crónica das que se sentía orgulloso e sabía acompañar co nome e vidas dos seus protagonistas, algo incrible, transcorridas décadas. Era o caso do cartaz protagonizado por Cesáreo «Chuchete» e Ismael conducindo un xato de Teis até o Matadoiro, á que Magar acompañaba retranqueiro coa voz do protagonista: «Chuchete dicíalle ao animal: “Anda, cholita, que te llevo a veranear a Alcabre”». Memoria e humor que Magar nunca perdeu no seu exercicio profesional, como tampouco o seu entusiasmo e axilidade para moverse por Vigo e chegar canto antes onde o seu olfacto aconsellaba, consciente de que o seu oficio obrigaba a disparar con eficacia e emoción. Actitude afouta que o levou a realizar reportaxes fotográficas memorables como a do incendio nas Cíes do Polycommander na mañá do 5 de maio de 1970, que fixo dende unha pequena embarcación de oito metros, que por certo concertara con Freire, o seu colega de El pueblo gallego. Sen esquecer, como lle gustaba lembrar, a primeira viaxe en globo desde as Cíes a Vigo, que rematou infelizmente no medio da ría. Así era Magar, un tipo xeneroso e sensible, talentoso e comprometido co seu traballo.

Foi Magar un amante e defensor de Vigo, que deixa un arquivo de milleiros de negativos, escolmados na exposición 40 años en Blanco y Negro (Casa das Artes 2002) e en tres libros de sobremesa (inclúen máis dun milleiros de fotos), Vigo por Magar I,II e III (Xerais, 2002, 2004 e 2007), un legado extraordinario á cidade que percorreu e fotografou de forma incansable, identificando as súas xentes e as mudanzas no seu territorio. Declarado Vigués distinguido en 1996, en recoñecemento a súa traxectoria profesional para a cidade de Vigo, recibiu outros recoñecementos, entre os que valoraba con grande agarimo a Insignia de Ouro do Real Club Celta, o equipo do corazón que seguiu de forma incansable, o Premio de Xornalismo Gráfico de Galicia (1986) e o Premio Nacional Fotopress 87. Tras a xubilación, en 2002, creou a Fundación Magar co obxectivo principal de apoiar a investigación para unha terapia que cure a acondroplasia, tarefa que xunto a da edición dos seus libros e ordenación do seu arquivo ocupou os mellores anos xubilares. Lembraremos a Magar polo orgullo co que levou a cámara para fotografar o seu Viguiño do corazón, o dos afectos e angueiras compartidas. Todos os nosos abrazos e condolencias son para a súa compañeira Cándida, para os seus fillos Manolo e Jorge, para a súa filla política María Dolores e para as súas netas Paula e Natalia.

Publicado en Faro de Vigo: 02/08/2024