A edición en galego
La Voz de Galicia publica hoxe unha interesante entrevista con Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, sobre o estado da edición en Galicia e sobre as tendencias de futuro.
La Voz de Galicia publica hoxe unha interesante entrevista con Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, sobre o estado da edición en Galicia e sobre as tendencias de futuro.
Estes días sorprendeunos ler que Google pretende crear a súa enciclopedia web (bautizada como “Knol“, contración de “unidade de coñecemento”) coa intención de desbancar á Wikipedia.
O mestre Juan Varela clarifica a estratexia do Google futuro: “Knol, el nuevo proyecto de enciclopedia en internet, es el último paso de Google para dejar de ser el Gran Buscador y convertirse en el gran medio con la receta mágica de esta era: tecnología, publicidad y contenidos.” Recomendo ler completa as dúas anotacións de Juan, son fulcrais para identificar as tendencias polas que pode transitar a web e a edición de contidos nos vindeiros anos. Un tema importante a seguir.
Tanto se ten falado das dimensións do mercado literario galego que propoño reparar nos datos proporcionados polo último estudo do Comercio interior do libro 2006 para desfacer algúns tópicos que andan enredando. Axiña comprobaremos que estamos diante de cifras modestas, aínda que nunca desprezables. Vexamos.Os editores privados publicamos 314 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 19,7% de toda a súa oferta, imprimimos 440.000 exemplares (o 14,5% do total) e facturamos 3,80 milóns de € (o 13,8% do total en galego e apenas 0 2,52 % do mercado en Galicia). O noso catálogo literario vivo en galego acada os 2.704 títulos (o 25,9%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros nos fondos das librarías debería ser estritamente literario.
Dentro da oferta literaria en galego, a narrativa é, sen dúbida, o xénero primeiro. Así, en 2006 publicáronse 197 títulos narrativos (o 12,4% da oferta do libro galego), fabricáronse cerca de 300.000 exemplares (o 10% da produción) e facturáronse 3,35 millóns de €, o 12,2% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego é de 1.523 (fronte a 1.891 do conxunto do sector galego, 1.401 do libro literario, 900 de poesía, máis moi lonxe do 6.696 da edición española, aínda que superior a da narrativa en éuscaro, 1.096).
O mercado da narrativa en galego sendo a dimensión sobranceira do eido literario en galego, con case trescentos mil exemplares vendidos, supón apenas o 2% do mercado do libro en Galicia. Esta é a dimensión real da narrativa en galego que ten que competir co xigante dunha edición en castelán que factura 558 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,5% do mercado do libro en España. A batalla entre David e Goliat.
A editora Silvia Querini abriu esta mañá o IV Simposio “O Libro e a Lectura” no que se reflexiona sobre as relacións entre o libro e o mercado.
A directora literaria de Lumen comezou a súa magnífica e clarificadora conferencia abordando o significado de dúas palabras “malditas” que, xeralmente, no mundo da edición (sobre todo da literaria) son moi mal vistas: “mercado” e “mercadotecnia”. Para Querini detrás do termo “mercado” está a sociedade de lectores e lectoras. Sendo a “mercadotecnia” toda comunicación que aplicamos a un libro ou, por extensión, á obra dun autor para que o noso público (sexan os comerciais da editora, os libreiros ou os lectores) coñezan o que teñen enriba da mesa. A mercadotecnia no mundo editorial require que existe un bo matrimonio entre o contido e a comunicación. “Non é extraño que esta estratexia fracase –e o editor vai sabelo de antemán– cando o contido textual non está á altura da cantidade e tipo de comunicación que estamos aplicando; en definitiva, cando o texto per se non aguanta a comunicación que se propón”.
Querini propuxo, logo, unha provocadora reflexión sobre o éxito do editor no mercado: “Cando temos un contido que nos deixa durmir tranquilos e lle proporcionamos a comunicación axeitada podemos estar satisfeitos”. Despois debullou o significado doutros dous termos que non se deben confundir –”best seller” e “long seller“–, apostando, sen dubidalo, polo segundo, “aqueles libros que grazas a ese matrimonio entre contido e comunicación se manteñen nun réxime de vendas sostido ao longo de moitos anos; eses valores seguros que permiten que os nosos presupostos cadren ao remate de cada ano”. O traballo do editor é crear un catálogo, que serva de caldo de cultivo para cada un dos títulos que editamos, sempre coa intención “de ampliar a mancha dos nosos lectores”.
Silvia continuou a súa intervención propoñéndonos a todos os asistentes “ver a vida con ollos de editor”, tentando identificar as tendencias do gran público que debemos buscar, sabendo que non é o mesmo a literatura que a edición.
Rematou o seu parlamento enumerando algúns dos ítems de maior preocupación do sector internacional nestes momentos:
– “A vida efémera dos libros que editamos no mercado.” “Hoxe un libro pode durar na libraría menos ca unha revista mensual. Ou mesmo pode haber títulos que morren nas mans do propio editor. O libro que cae, que non se ve, é un libro que non existe”. Fronte a esta doenza dos nosos tempos, propuxo que os editores nos acheguemos ao noso público (que debemos saber segmentar), mantendo unha comunicación moi fluída e simpática cos libreiros. “Cada varios meses, collo a miña axenda e fago unha ronda de chamadas aos libreiros para saber qué está pasando na súa libraría. Non coñezo mellor procedemento”.
– Loitar contra a idea de “libro=obriga”, substituíndoa pola de “libro=pracer”. “É unha mágoa que a idea da lectura non estea asociada, aínda, coa do pracer. Cantas veces, editores e lectores estamos presos da antilíbido do libro: as lecturas obrigatorias”.
– “Os lectores non son marcianos, son os nosos veciños, os nosos concidadáns.” Razón pola que os editores non podemos darlles nunca gato por lebre; pola contra é a nosa obriga “intentar que comprendan que pasar unha tarde lendo un libro poden ser escandalosamente felices”.
Na quenda de intervencións do público, Querini apostou por traballar a información como o mellor soporte promocional que pode ofrecer un editor; calculou que a taxa de devolucións do seu fondo estaba entre o 25% e o 30% (aínda que os exemplares devoltos perviven logo como “goteo” e permiten que o título non se descatalogue decontado); e defendeu de forma apaixonada o prezo fixo (“se se liberaliza, morrerán ás librarías independentes”).
En definitiva, unha intervención moi clarificadora dunha das máis importantes editoras literarias en lingua castelá.
“De uma forma crua, um editor é um industrial, alguém que adquire uma matéria-prima, uma fonte ou conteúdo, e transforma-a tendo em conta um público consumidor. A sua arte é valorizar a matéria inicial face a um suporte específico e as necessidades/ motivações de um target determinado. Age de acordo com os objectivos determinados pela sua empresa, procurando, numa primeira fase – denominada «editorial» – criar um protótipo, ou seja, uma versão final de um produto para o mercado – antes posteriormente e hoje simultaneamente – que é adaptado a um processo industrial de reprodução e emulado em cópias sucessivas, idênticas, para ser comercializado. Esta é a arte de editar.”
Tirado de Extratexto (Nuno Seabra Lopes). Obrigado.
No artigo da semana volvo sobre as tres cuestións sobre as que traballei no blog durante estes días pasados: os datos do estudo de comercio interior do libro, o Plan de Lectura de Galicia e a posta en marcha do catálogo dixital de dereitos. Ao fío do comentario volvo propoñer a creación da Oficina de promoción internacional da literatura e edición galegas.
Víctor Freixanes adianta hoxe un atinadísimo comentario sobre os datos ofrecidos polo estudo sobre Comercio Interior do libro 2006 referidos á edición galega. Ten razón que hai razóns para o optimismo, sobre todo por ese importante crecemento na facturación (acadamos os 27,5 millóns de ruos no conxunto do sector). Magnífico dato que amosa un crecemento do noso sector (moi superior ao do resto do Estado), porén, que eu matizaría no decrecemento do número de títulos editados (pasamos de 1626 en 2005 a 1592 en 2006, dos 1323 o foron en galego), así como volume de edición por número de exemplares (imprimimos 400.000 exemplares menos en 2006, un 12% menos ca no ano anterior), o que supón, tamén, unha baixada da tirada media até os 1.891 exemplares (2104 en 2005).
Atopo a explicación do crecemento de facturación no importante crecemento das vendas a empresas e institucións (aumentan en catro millóns de euros, o que supón un 22,4% do total), debido, en boa parte ao cambio de sistema de apoio ao libro galego da Consellaría de Cultura por medio dun sistema de compra e non de subvención. Outra boa noticia é que o libro galego continúa alicerzado na libraría (o 57,8% das súas vendas, aínda que porcentualmente baixa sete puntos con respecto ao peso desta canle en 2005, con todo un dato moi superior ao do conxunto do sector español, no que a libraría supón xa só o 33,3% ) e que as vendas nos hipermercados non arrancan en Galicia (supoñen un 3,5%, inferior á de 2005, e moi lonxe do 9,5% que supoñen no conxunto do Estado),
Entre a faramallada de datos estatísticos, hai algúns outros que convén rescatar. Os editores galegos pagaron o pasado 2006 1,9 millóns de euros en concepto de dereitos de autor (400.000 euros máis ca no ano anterior), aínda que só percibimos por explotación de dereitos noutras linguas 170.000 euros (cantidade inferior á de 2005). Con respecto ao emprego, o sector editorial galego privado ocupou en 2006 a 224 persoas, das cales 78 realizaban labores de creación e produción editorial.
Por último, quizais como retrato acaído da edición galega en 2006, non podemos esquecer os seguintes datos referidos á edición por ámbitos temáticos:
Tras estes datos, poderiamos sinalar que no ano 2006 o libro editado en Galicia polos editores privados incrementou a súa dependencia do sistema escolar (o 72,4% das súas vendas, fronte ao 68,7% do ano anterior), ao tempo que conseguiu incrementar lixeiramente o peso do seu mercado literario que, ademais, aumenta moi significativamente o volume da súa produción. A crise semella estar na edición de referencia (quizais pola competencia dos medios electrónicos) que continúa o seu devalo.
Un panorama, pois, coas súas zonas de sombra (semellantes ás dos outros gremios do estado), mais, tamén, con maior pulo do que se adoita expresar. Quedémonos (ás portas de coñecer os datos que proporcione o estudo do ISBN sobre a panorámica da edición en 2006, aínda non apareceu) co debuxo dunha liña esperanzadora.
Recomendo a lectura desta entrevista de Martín Gómez a Guillermo Schavelzon, un dos máis importantes axentes literarios que traballan no noso mercado (representa, entre outros, a Paul Auster, Suso de Toro, Domingo Villar, Simone Ortega ou Alberto Manguel). Recollo algunha das súas afirmacións máis interesantes sobre o papel dos axentes literarios e sobre a internacionalización dos autores:

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
