Onte 282: Martín Codax

A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.

Onte 268: Premios da Crítica Galicia

Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación  –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade  para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.

Onte 264: puntoGAL

Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».

Onte 261: En Muxía con López Abente

Viaxei a Muxía con Ramón Nicolás para participarmos na presentación d’ A narrativa mariña de Gonzalo López Abente que preparou Suso Sambade. O acto celebrouse nas instalacións da magnífica Biblioteca Municipal, un edificio cedido por Santiago Rey Fernández Latorre. É modélico o traballo dos membros da Fundación Gonzalo López Abente para poñer en valor e redimensionar a obra do primeiro escritor muxián, sempre fiel ao espírito das Irmandades da Fala. Rivadulla Corcón anunciou na súa intervención os proxectos da Fundación para celebrar en 2013 o 50 aniversario do pasamento do autor de Buserana, entre os que destacan a edición dunha unidade didáctica e a publicación da Poesía Completa por parte de Edicións Espiral Maior. Pola súa banda Sambade salientou a importancia da prosa de López Abente escrita para dignificar a lingua, as xentes e a paisaxe. Excelente serán literario.

Onte 259: Estatísticas culturais

Entre as cousas interesantes a emular do Goberno Vasco está o Observatorio Vasco da Cultura. Creado hai dúas lexislaturas, a súa finalidade é xerar información e coñecemento sobre a realidade cultural. Ademais, presta especial atención á elaboración de índices estatísticos sobre os diversos sectores e sobre aspectos transversais, como os relacionados con hábitos e prácticas culturais ou o gasto público en cultura. En Galicia arrastramos enormes carencias de información sobre o estado real dos diversos sectores da cultura. Coa excepción do esforzo extraordinario realizado por Víctor Freixanes n’ O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais, carecemos de estudos e, sobre todo, de series estatísticas que permitan valorar de forma obxectiva o estado e as tendencias da industria editorial ou dos sectores musicais, teatrais ou audiovisual. Ben sería que aquí tomásemos nota da interesante experiencia vasca.

Onte 251: Cultura ou barbarie!

Abeizoo «Bares e letras», a iniciativa promovida por Xabier DoCampo e outros artistas para festexar na cidade da Coruña o Día das Letras Galegas sen institucións de por medio. A partir das oito do serán máis de cincuenta «actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral» percorrerán 44 bares e restaurantes da cidade onde lerán, contarán, cantarán ou dramatizarán textos en galego coa intención de denunciar así a falta de programación municipal para este 17 de maio. Para rachar con este tempo de conformismo  é imprescindible a iniciativa cidadá, o exercicio da corresponsabilidade daquelas persoas todas que se negan a asumir como inevitable o durísimo retroceso nas políticas públicas de sanidade, educación, lingua e cultura. Á altura do 50 aniversario da efémeride creada por del Riego como «Día do libro e da lingua galegas», este 17 de maio, no que celebramos o carácter emprendedor e comprometido de Valentín Paz Andrade, reclama en todo o país d enoso un novo pulo por parte da cidadanía galega, organizada tanto en asociacións serodias ou grupos de afinidade como en colectivos efémeros concibidos para crear espazos compartidos de esperanza. Adiante, cultura ou barbarie!

Onte 249: Obra social das caixas

O rebumbio da reforma financeira e a incerteza política sobre o horizonte de NGB non pode agochar a preocupación sobre o que está sucedendo na obra social e cultural das antigas caixas, agora denominada Fundación Novacaixagalicia. A pesar de contar con moitos menos recursos protexer o seu patrimonio artístico (do que descoñecemos aínda a súa valoración), xestionar con criterio social o seu patrimoio inmobiliario, manter o carácter público das súas instalacións e programación cultural (centros culturais, bibliotecas e salas de exposicións) e manter os servizos sociais (maiores e dependentes, sobre todo) son retos ineludibles. Con todo, renovar os cargos da Fundación Novacaixagalicia, nos que incriblemente se manteñen os vellos xestores, e aprobar a prometida Lei de Fundacións Especiais son requisitos ineludibles para iniciar este novo camiño.

Onte 243: Reixa, ghicho distinto

Coñecín a Antón Reixa no mes de agosto de 1975. Ambos os dous eramos alumnos nos cursos de galego do ILG que naquelas calorosas tardes impartía Carme Panero nas instalacións do actual Instituto Politécnico de Vigo. Pareceume xa daquela un ghicho distinto, non só pola súa importante estatura e voz poderosa, nin sequera polas súas extraordinarias ocorrencias retranqueiras, mais e sobre todo pola seguridade afectiva que achegaba ao grupo no que participaba. Reixa acreditaba daquela xa as cualidades dun liderado natural de home tranquilo, que abofé continúa conservando. Artista inquedo, dende Rompente Grupo de Comunicación Poética, alí onde traballou, desenvolveu unha traxectoria de creador comprometido, explorou as marxes e arriscou no emprego das novas linguaxes, sobre todo no audiovisual, onde foi en Galicia un pioneiro. Resentidos, Nación ReixaSitio distinto, Mareas vivasO lapis do carpinteiro, ou a recente antolóxica de trinta anos de traballos videográficos do CGAC son excelentes mostras do traballo dese espírito de emprendedor creativo do vigués. A súa elección como presidente da SGAE é un motivo de fachenda para todos os membros das industrias culturais galegas. Desexámoslle éxito e acougo nun desempeño que sabemos será moi difícil neste tempo de tránsitos para as industrias culturais.

Onte 222: Ofensa á Academia Galega

A Academia Galega será vítima dunha tesourada brutal da asignación que recibe do Ministerio de Cultura para o seu funcionamento. Retallazo dun 62% que deixa a achega do Goberno en 380.000 euros, recurte máis lamentable se o comparamos co 22% que sofren a Academia Vasca e o Institut d’ Estudis Cataláns, entidades homólogas que reciben unha cantidade que case dobra á da nosa. Semella que para o Goberno do galego Rajoy existen academias e linguas de primeira e outra de segunda. A RAG e a lingua galega sofren así unha ofensa brutal, unha agravio inxustificable, apenas un capítulo máis dun desamparo do Goberno que se remonta moitos anos atrás. É lamentable ter que lembrar o obvio: é unha obriga incuestionable dos poderes públicos –sexa o Goberno, a Xunta de Galicia ou as administracións locais– garantir o traballo digno da Academia Galega, a nosa primeira institución cultural, a lumieira centenaria dos tesouros da nosa cultura, a autoridade, dinamizadora e motor da nosa lingua. O presidente Méndez Ferrín e todos os membros da institución da rúa Tabernas deben contar co apoio unánime e vibrante de toda a sociedade galega para reparar esta ofensa, tamén ao noso idioma e a nosa cultura, que hoxe tanto nos indigna.

Onte 212: ENFO, concerto memorable

O longo concerto do serán foi memorable, inesquecible. A TradAlp piamontesa, a Sibelius Folk Big Band finesa e a nosa Sondeseu ofreceron no escenario do Auditorio de Beiramar un espectáculo extraordinario, que nos fixo vibrar, aplaudir, cantar e emocionar. Promovido de forma exemplar polo profesorado da E-Trad, a fundación Sondeseu e polo concello de Vigo (hoxe enunciamos un «bravo» polo apoio de Abel Caballero, en tempos de crise, onde ninguén achega un can á cultura), o encontro de ENFO, do que formaba parte o concerto, demostra que é posible outra Europa, a que utiliza a caligrafía universal da cultura, neste caso a da música en forma de polca e mazurca. Un cento de músicos xeniais, vencellados pola música tradicional, amosaron a viabilidade deste proxecto de encontro de orquestras folk que convertíu a Vigo durante unha semana na capital da música europea tradicional. Unha condición ben merecida grazas ao traballo incrible, paciente e rigoroso, que dende hai décadas se ven desenvolvendo na e-Trad, unha tarefa histórica para a cultura galega, aínda non recoñecida, como tantas outras que se veñen facendo da mesma forma na abella da ribeira. Escoitar onte as pezas arranxadas por Xaquín Xesteira Losada, membro de Treixadura, ese inigualable gaiteiro ao xeito Rías Baixas, interpretadas ao xeito sinfónico por Sondeseu, fíxome bagoar de emoción. Fun consciente que tiña o privilexio de asistir a unha proeza da música de noso. Quen pode ter valor para coutar o futuro dunha cultura que ofrece proxectos da calidade de Sondeseu, a primeira orquestra folk do mundo? Non esquecerei o serán de onte.