Sempre Celso

Tal día como hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Sumámonoso con esta lembranza a esta celebración que abre, tamén, o Ano Ferreiro. Hoxe por hoxe, a súa figura sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.

Este documento sonoro, publicado pola Mediateca do Consello da Cultura Galega, recupera unha hora e cuarta das conversas que Ferreiro mantivo con María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo. Emociona escoitar a voz grave do noso poeta rebelde relatando devagariño a súa vida, confensando as súas conviccións e compromisos políticos, reflexionando sobre a súa obra e a tradición da poesía galega na que se inscribe.

Onte 118: Goberno bonsai

Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.

Onte 102: Vitaminas para o galego

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio volver contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, sobre todo en contextos urbanos. Galicia precisa información de proximidade en galego. Ese é o obxectivo da campaña Vitaminas para o galego promovida por dez medios de comunicación en lingua galega, a maior parte deles dixitais, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Quepasanacosta, Val Miñor Info, Certo, OSil.info e Crónica 3. Vitaminas para o galego pretende visibilizar estes medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal, ademais de procurar vías de financiamento para a súa viabilidade e para o traballo digno dos seus profesionais. Unha iniciativa que merece ser apoiada.

Onte 99: Acción Urbano

Esta iniciativa para homenaxear ao pintor Urbano Lugrís, promovida ao tempo en Vigo e na Coruña, é unha desas inxeccións de esperanza que tanto precisamos para combater o conformismo e a inercia na cultura de noso. Gosto moito do proxecto polo seu carácter transversal, pola súa intención explícita de romper con xéneros e fronteiras localistas de tres pesetas. Nos seus cadros Lugrís demostrou que Vigo e A Coruña (Xouba City  e Percalinópolys, na terminoloxía lugrisiana) son a mesma cidade, vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo euforizante do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. As miñas beizóns ao colectivo A Nave das Ideas por propoñernos esta navegación compartida polo Océano Lugrís. O sábado estaremos ás 11 da mañá no Marco para camiñar con eles na procura do horizonte atlántico.

Mención á parte merece á iniciativa de crear un Día das Artes Galegas, moi a ter en conta.

Onte 88: As conversas de Culturgal

O soño de Culturgal é un proxecto consolidado. Na derradeira xornada o público familiar volveu encher as instalacións do Pazo da Cultura pontevedrés confirmando a tendencia exitosa de xornadas anteriores. Especialmente seguidas polo público foron as conversas de Salón, un modelo atractivo e alternativo ás presentacións convencionais de libros e discos. A este interese non foi alleo a intervención do equipo de xornalistas culturais que conversaron cos autores e autoras. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Belén López e Teresa Cuíñas amosaron o alto nivel do xornalismo cultural que se está facendo no país. Hoxe merecen o noso maior recoñecemento.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

Onte 69: NGB e a obra social

A noticia non está no titular, aparece agochadiña no antederradeiro parágrafo: “Novacaixagalicia compra accións de Nova Galicia Banco cos fondos destinados para a Obra Social”. Deste xeito cumpriríase o desexo de Feijóo de aumentar a raquítica participación de NCG no novo banco, mais a custa de detraer unha cantidade, non precisada na información, deses 96 millóns de euros anuais reservados por NCG para o funcionamento entre 2012-2014 da súa obra social e cultural. En definitiva, o que popularmente se coñece por espir un santo para vestir outro. Semella que en compensación (eis o derradeiro parágrafo), NGB -por certo, un nome comercial moi parecido ao de ING- comprométese a mercarlle á NCG a súa importante colección de pintura galega (5.500 pezas, algunhas moi valiosas, como o famoso bebedor do ourensán Antonio de  Puga), unha solución de última hora para que a caixa vaia tirando como ben poida da súa obra social. Unha medida dubidosa que suscita moitos interrogantes. Coñécese a valoración desta compra e os seus criterios de taxación? Esta asegurado que os cadros non van saír do país?  Non debería intervir coa maior urxencia a Consellaría de Cultura para fiscalizar a operación, ao tratarse de pezas do patrimonio galego? Non é descartable que esteamos diante doutra posible desfeita. Isto da caixa semella que non ten bo arranxo, vaia por deus!

Man de Camelle

Agradecémoslle a Orestes Pérez que compartise este interesantísimo documento sobre Man de Camelle, coincidindo case co aniversario do seu pasamento. Boa parte destas imaxes foron gravadas en 1986. A partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle.