Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 329: «Arraianos», o filme

A nova da premiere mundial, mañá 4 de agosto, no 65º Festival Internacional de Locarno (un dos catro máis importantes e veteranos do cinema europeo) de Arraianos, a película de Eloy Enciso, merece aínda maior atención e agarimo da que está recibindo. A elección de Arraianos como única película española para participar na carreira polo Leopardo de ouro na sección «Cineastas do presente» constitúe outro éxito de Zeitun Films, que participa na produción xunto a Artika films. Tras o premio obtido en Cannes 2010 por Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, estoutro éxito constitúe un importante aliciente para o arriscado traballo dunha produtora como Zeitun que «aposta por un cinema comprometido co cinema». Baseada nunha peza de Jenaro Marinhas del Valle e localizada nos espazos de fronteira da raia seca, Arraianos preséntase «como unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer». Entre as intencións expresadas por Enciso están as de «abordar a relación entre a realidade e o que está máis alá desta realidade», traballando na fronteira, tamén, dos xéneros «a dualidade entre o real e o onírico». Agardamos co maior interese a estrea en Galicia de Arraianos. Ten toda a aparencia de ser outras das proezas do noso cinema.

Onte 324: A cerimonia de London 2012

Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.

Onte 320: Festigal12

Aledoume comprobar que o Festigal non decae. O número de expositores mantense e o programa de actividades aumenta sobre edicións anteriores. No serán preparatorio a presenza do público foi importante. A pesar da decepcionante desunión nacionalista deste 25 de xullo, o máis importante encontro da cultura nacionalista mantén o seu pulo. Parabéns aos organizadores deste Festigal12 pola proeza.

Onte 308: No Circo de Artesáns da Coruña

Presentamos Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira no Circo de Artesáns da Coruña, unha institución creada en 1847, memoria viva da cidade da Coruña. Xabier Docampo, ao inicio da súa magnífica presentación, sinalou que «hai que defender esta institución con uñas e dentes, xa que foi aquí onde se cantou por vez primeira o himno galego». Antes de iniciar un acto, no que participaron máis dun cento de persoas, o pai de Alfredo Ferreiro lembrou como participara alí en 1965 nun recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro, o que constitúe outra valiosa faísca de memoria desta entidade centenaria que tanto ten contribuído á cultura galega e democrática nos tempos máis difíciles. A pesar das súas excelentes instalacións da rúa San Andrés, o Circo de Artesans da Coruña agoniza polas débedas e o seu futuro é dificil, algo que sabemos sucede tamén con outras entidades recreativas que forman parte do tecido civil das nosas cidades e vilas. Nestes momentos de crise, manter o funcionamento pluralista e a independencia con respecto aos poderes públicos destas entidades socioculturais é un reto no que paga a pena implicarse.

Onte 304: A devolución do Códice Calixtino

A cerimonia que montaron Rajoy e Feijoo para escenificar a devolución do Códice Calixtino á Igrexa lembroume os esperpentos do nacional-catolicismo. Policías uniformados nunha banda, a curia compostelá enfatada noutra e os políticos do goberno en primeira fila participaron nun acto que non tiña outra intención que darlle ao presidente a oportunidade de por fin «anunciar» nas televisións unha boa noticia. Rajoy nin sequera reparou na oportunidade que tiña para reclamarlle á Igrexa rigor na protección do patrimonio ao seu coidado e un compromiso por facilitar o seu acceso a toda a cidadanía, sen esquecer as medidas de seguridade que levan faltando na catedral e a xestión transparente dos recursos que recibe dos seus milleiros de visitantes. Esta escenificación, tan innecesaria coma gratuíta, dunha devolución que todos vimos se produciu o pasado xoves, afasta aínda máis á cidadanía duns políticos de foto, obsesionados por vender como propia, diante dos medios, cada unha das actuacións da administración pública. Mágoa que esa escenificación fose tan torpe, amosando, tanto o presidente coma o arcebispo, un descoñecemento do manexo da peza que tiñan entre mans, que deberían ter acariñado con luvas, como merece un tesouro bibliográfico do século XII. Sobre o que pode haber detrás do roubo do Calixino e sobre o que ven sucedendo na catedral recomendo a anotación de Fran Lorenzo, mellor e máis claro non se pode dicir.

Onte 288: Vidal Bolaño 2013

A elección de Roberto Vidal Bolaño como autor das Letras Galegas 2013 é outro gran acerto da actual xeira da RAG presidida por Ferrín. Con certeza suporá a popularización do escritor dramático en lingua galega máis importante do século XX, un dos creadores do teatro nacional galego, unha figura insubornable na defensa da lingua, da cidadanía e da nación. Unha figura que, ademais, participou na fundación do noso sector audiovisual como actor e de quen o pasado ano foi levado ao cinema o seu texto DoentesA escolla de Roberto para o 17 de maio debera axudar, por fin, á edición da totalidade da súa estensa obra dramática, proxecto xa en marcha por Edicións Positivas, así como ao regreso á escena de todo o país dos seus textos, escritos para ser representados polas súas compañías, dende aquel Grupo Antroido da nosa mocidade universitaria, até o seu Teatro do aquí dos anos noventa, onde se formaron ao seu carón o que son hoxe os seus continuadores. Este ano Vidal Bolaño é unha oportunidade, que non se pode estragar, para achegar novo pulo ao teatro galego actual, que vive unha situación de enorme precariedade, crise tremeda para as compañías e os seus profesionais, semellante á do resto das industrias culturais galegas, debido a ausencia de políticas culturais das administracións públicas. En definitiva, unha elección da RAG, sen menoscabo da importancia doutras candidaturas, que todos debemos abeizoar.

Onte 285: Antón Sobral

Gustoume moito acompañar a Antón Sobral no serán no que recibiu o «Premio de Pontevedreses do ano 2011» no eido da cultura outorgado por Diario de Pontevedra. Antón, felizmente xubilado, tras máis de tres décadas como profesor de arte, é un mestre na difícil arte da vida lenta, do exercicio peripatético que nos fai cidadáns. Sobral é un activista galeguista insubornable, paciente e comprometido con todas as causas da humanidade. Antón é unha persoa positiva, xenerosa, agarimeira, capaz de contaxiar a ilusión necesaria para enfrontarse as maiores dificultades, quizais porque leva o mar nos seus ollos. Viaxeiro curioso, artista multisoporte, pintor vocacional, fotógrafo, poeta, vídeocreador, melómano, rokeriño, lector apaixonado, ningunha actividade creativa resúltalle allea. Se todo isto non abondase, desenvolve dende mozo unha actividade no asociacionismo cultural e cívico intensa, en todos os elos da cadea, dende o da creación, pasando pola promoción, até o da difusión. Un auténtico home cultura, encrucillada de arte e coñecemento. Aconsello moi vivamente visitar a súa exposición, Da Maruxía, aberta no Museo do Mar de Vigo, no que comparte espazo co Detfler Kappeler. As xerfas de intensidade branca das súas mariñas conservan o arrecendo euforizante da maruxía, esa mestura proteica de salitre e pedramol. Beizón, grande Antón!