Outro Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao fracaso da instalación da Feira do Libro de Vigo no Calvario:

O traslado da Feira do Libro de Vigo á rúa peonil do Calvario resultou un fracaso. A participación de apenas nove expositoras, das que só seis eran vendedoras, a ausencia das librarías viguesas máis dinámicas e comprometidas co libro galego, a incomodidade da instalación, tanto do estreito corredor para a circulación do público como dunha carpa de actos cativa, así como as molestas interferencias dos cheiros dunha chamada «Fiesta de la alegría», coa que compartiu un espazo público, en boa parte valado por obras, foron circunstancias que provocaron as queixas das lectoras que até alí se desprazaron e moi especialmente de autoras, editoras e dalgúns veteranos libreiros. En definitiva, o novo emprazamento escollido no Calvario pola Federación de Librarías de Galicia e o concello de Vigo non reuniu as condicións e a dignidade necesarias para celebrar a que debería ser a festa dos libros de Vigo, unha das actividades principais da axenda cultural anual da cidade.

Unha deterioración desta feira, creada por libreiros como don Antón Patiño hai case cincuenta anos na Alameda, iniciada hai unha década cando abandonou a súa localización fundacional e comezou un percorrido errático por diversos emprazamentos da rúa Príncipe, fose arredor do Marco ou da Porta do Sol, que nunca resultaron plenamente satisfactorios nin para os organizadores nin para o concello de Vigo. Como tampouco na edición deste ano foi satisfactorio o adianto das datas de celebración abandonando a tradicional primeira decena de xullo. Emporiso, a Feira do Libro de Vigo foi perdendo visibilidade social e relevancia na axenda viguesa, mesmo a pesar dos teimosos esforzos das editoras viguesas por ofrecer un programa atractivo de presentacións e sinaturas, conscientes do éxito que en todas as cidades suscita agora este tipo de encontros presenciais protagonizados polos autores e autoras. Mais como se dun novo prexuízo murguiano se tratase, en cuestión de libros Vigo é un sitio distinto e vai a recú da tendencia doutras cidades galegas que como A Coruña mantén con pulo (non exento de dificultades) a súa feira do libro de agosto, cunha participación de expositores que multiplica por catro á viguesa, ou Compostela ou Pontevedra que crearon cadansúa festa do libro e da lectura de novo cuño. En Vigo nin unha cousa nin a outra.

E o mesmo sucede cando de bibliotecas viguesas falamos, outro sitio distinto para o actual goberno municipal que identifica como bibliotecas públicas o que en realidade son salas de lectura e estudo e acceso gratuíto a internet. Unha estraña doenza viguesa, esta de abrir “bibliotecas” sen libros nin fondos hemerográficos nin servizos de fomento da lectura nin persoal técnico bibliotecario, para unha cidade incapaz no que vai de século de acordar entre as súas administracións a construción de vez dunha biblioteca pública do estado á que ten dereito. Un fracaso entendible polo curtocircuíto existente entre a alcaldía e a presidencia da Xunta de Galicia para abordar esta cuestión, como outras infraestruturas culturais, educativas e deportivas, mais non por iso xustificable nunha cidade que continúa sendo referente no sector da edición de libros en Galicia e no estado, mais que carece dun plan ou programa ou documento estratéxico municipal que oriente as políticas culturais e de lectura na perspectiva das profundas mudanzas de hibridación da sociedade posdixital. Como Vigo continúa sendo sitio distinto no funcionamento do seu carenciado arquivo municipal, o que provoca as queixas de investigadores e amantes da historia e memoria locais.

O inicio dun novo mandato do goberno municipal é unha oportunidade magnífica para que a alcaldía reorientase a súa estratexia bibliotecaria e de fomento do libro e da creación literaria. E por ventura semella que o estado das arcas do Campo de Granada permitirían dotar de fondos bibliográficos e de persoal bibliotecario as futuras bibliotecas municipais de Navia, Teis e Bouzas que probablemente, como xa sucede coa Xosé Neira Vilas, atenderían a máis de 20.000 socios e socias (de todas as idades), cifras superiores ás abonadas ao Celta centenario. Como a situación económica do concello semella propicia para ofrecer un calendario de eventos literarios, entre os que non debería faltar nin celebración dunha feira (festa) do libro nun espazo céntrico e recollido (quizais nos paseos portuarios) nin a creación en outono do festival internacional «Vigo noir» de narrativa criminal. Sen esquecer a recuperación da convocatoria, como xa temos proposto, do Premio Internacional de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que volvería a poñer a Vigo no escaparate literario. Por insistir que non quede, sabemos que outro Vigo do libro, das bibliotecas e da lectura é posible.

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición. «Queremos que o libro galego siga vivindo» foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galega, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Ferñandez Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

Publicado en Nós diario: 28-06-2023

Da Calzada ao Casco Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Da Calzada ao Casco Vello de Vigo (Xerais 2023) de Jorge Lamas:

Coincidindo coa celebración da (estreita) Feira do Libro de Vigo aparece Da Calzada ao Casco Vello de Vigo. Un paseo a pé pola historia e a arquitectura (Xerais 2023), o novo libro do xornalista Jorge Lamas. Tras a publicación de Historias de Vigo (Xerais 2018) e O Vigo que viron os franceses na Reconquista (Instituto de Estudios Vigueses 2021), co pretexto de ofrecer unha guía para coñecer o Vigo histórico que fose máis alá dos límites do «Casco Vello», Lamas ofrece nun cento de páxinas ben documentadas e mellor escritas outra orixinal e moi atractiva historia de Vigo. Un libro concibido para axudar a camiñar e coñecer a cidade propia, e facelo devagariño, coma se por unha xornada fósemos viaxeiros ou turistas dun cruceiro, a actitude curiosa adoptada polo flaneur de Charles Baudelaire, polo home da multitude de Edgar Alan Poe ou polo camiñante urbano de Walter Benjamin,  que fan deste paseo sen rumbo aparente e sen afán mercantil unha nova forma de vida e da cidade que se redescubre como outra comunidade de acollida. Mais tamén é o do historiador Jorge Lamas un texto erudito de referencia onde consultar o dato preciso e a localización exacta, como unha síntese de centos de publicacións anteriores, o que aventuro facilita a súa utilización como recurso didáctico sobre a historia da cidade nas aulas viguesas.

Con ese espírito divulgador e capacidade didáctica, Lamas artella no Vigo histórico, no espazo que vai entre a Calzada, no límite con Teis, e o Casco Vello, tres rutas para percorrer: a primeira polas rúas García Barbón e Policarpo Sanz, que camiña entre camelias e laranxeiras cara a Porta do Sol; a segunda polas rúas Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, camiño entre a Metalúrxica e Carral coa presenza permanente da arqueoloxía nuns terreos pouco alterados ao longo do tempo; e a terceira polo Areal e As Avenidas, camiño do primeiro ensanche extra muros iniciado a finais do século XIX para facilitar o desenvolvemento do emprendemento industrial (metalúrxico e conserveiro) e comercial (marítimo)  da que foi conformándose como cidade portuaria e cosmopolita. Tres camiños nos que ao fío da localización das edificacións pétreas, tanto das conservadas como das desaparecidas, seguindo en boa medida os criterios de clasificación e identificación de Vigo. Arquitectura Urbana (Concello de Vigo, 2000), o monumental catálogo de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias Veiga, investigadores do Instituto de Estudios Vigueses, aos que Lamas dedicada a obra, vanse desenobelando tamén as historias, os acontecementos e os relatos biográficos dunha cidade, por ventura, cada vez menos esquecediza.

Non se lle pasa desapercibida a Lamas que no espazo escollido está presente o celme do Vigo histórico, tanto pola presenza dos primeiros vestixios (hai 120.000 anos) e dun bosque prehistórico de oito mil anos de antigüidade como pola existencia dun porto de época romana, unha gran salina de evaporación solar (conservada e musealizada), dúas ducias de estelas funerarias e unha factoría de salgadura, que funcionou entre os séculos I ao IV e pode considerarse como a primeira fábrica de Vigo. Sen esquecer que no espazo descrito están localizadas as dúas freguesías históricas, a de Santiago de Vigo e a de Santa María de Vigo, berce daquel Vigo fundado polo poeta Martín Códax, do que se conserva a primeira referencia nun documento de 1097 referido a un preito entre os veciños de Vigo e Canadelo, topónimo aínda conservado (como Roupeiro e Miragaia), así como da presenza novidosa dunha mámoa, que abre unha nova interpretación sobre a cultura megalítica viguesa. Como relevante foi a aparición no Areal do ungüentario bizantino, exposto no Museo do Mar, que amosa as relacións comerciais que dende os séculos VI ou VII mantivo Vigo co Oriente Próximo.

Con todo, a cerna da obra de Lamas radica na explicación do patrimonio arquitectónico deste espazo monumental, onde está presente a diversidade das mellores pezas pétreas viguesas, tanto as de influencia modernista, rexionalista, ecléctica e racionalista (Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Madariaga, Francisco Castro…) como as máis recentes e de espírito contemporáneo (Xosé Bar Boo ou Desiderio Pernas). Lamas non esquece a arquitectura industrial deste espazo, tamén de emprendemento fabril (A Metalúrxica, A Barxa, A Molinera, Conservas Alonso…), as edificacións culturais ou comunitarias (Casa do Pobo, Teatro García Barbón, Hotel Moderno, Hotel Universal…) como o proceso de constante recheo do bordo marítimo, orixe da Alameda, das Avenidas e das instalacións portuarias e do ferrocarril do Areal. Recomendo vivamente un libro pensado para levar na man e consultar camiñando con espírito de viaxeiro na propia cidade.

Un libro na man

Coincidindo coa publicación do Manifesto da revista Luzes do mes de maio dedicado á precaria situación do libro galego, Manuel Rivas lanzou nas redes unha iniciativa viral baixo a consigna: «A mellor protesta, un libro na man». Dende entón foron numerosas as fotos  de persoas erguendo un libro coa intención de expresar o seu malestar pola ausencia en Galicia de políticas sobre o libro e a lectura e apoiar así a un sector (autorías, editoras, impresoras, librarías, bibliotecas e mediadoras), que foi o gran esquecido do goberno galego durante unha «década escura» para a lingua nosa. Imaxes de libros galegos en alto que expresan, ademais, a biodiversidade dunha oferta editorial, cada vez máis ampla e coidada, como o carácter insurxente do libro como ben cultural e crítico e perturbador da lectura como actividade individual (artística, formativa e informativa) con dimensión cívica e transcendencia política. Iniciativa que reclama a recuperación daquel amplo espazo de acordo (sectorial e político) acadado hai dúas décadas e recollido logo na Lei do libro e a lectura (2006). Consenso que os gobernos de Feijoo e Rueda desandaron, amparados nos recortes esixidos pola crise de débeda e logo polas penalidades da pandemia. E así, reduciron con contundencia (nalgúns casos até nun 80 %) os fondos destinados ás políticas públicas de lectura e de fomento do galego, con especial incidencia para os programas de adquisición de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas e de apoio a edicións de interese cultural e social. Hoxe o libro galego precisa saír do gueto no que pretenderon arrecunchalo, recuperar a presenza e brillo nas librarías, medios e redes, incrementar os índices de vendas e de lectura, proxectar a exportación das súas creacións… En resumo, precisa recuperar o seu carácter estratéxico, como primeira industria cultural en galego. Reclamalo empuñando un libro constitúe unha protesta pacífica até o lirismo. Convido a compartila coa etiqueta #UnLibroNaMan.

Publicado en Nós diario: 21/006/2023

Sector estratéxico

Neste mes celébrase o corenta aniversario da Asociación Galega de Editoras (AGE), primeira asociación profesional do sector do libro. Foron cinco as asinantes da acta fundacional, Galaxia, Xerais, Alvarellos, Xistral e Sotelo Blanco, ás que se sumaron outras catro entidades, Escola Aberta, Fundación Barrié, Imprenta Neira e Libro de Oro (Librouro). Presidida primeiro por Bieito Ledo, xerente de Galaxia, e despois por Luís Mariño, director de Xerais, ao fío das posibilidades que abría o desenvolvemento autonómico e o ensino da lingua galega, a AGE traballou coa dupla intención de crear unha industria editorial e ampliar o público para o libro editado en galego, o que supoñía abandonar o resistencialismo que, coa excepción das edicións Castrelos, caracterizaba daquela ao sector. Obxectivos aos que nunca renunciaron as nosas editoras, capaces de ofrecer hoxe un catálogo de máis de 10.000 títulos dos diversos xéneros e tipoloxías e vender dende entón máis de vinte millóns de exemplares, un esforzo compartido na actualidade por case medio cento de editoras. Cifras que non poden agochar o reducido mercado interior do libro galego, apenas o 11,2 % (incluído o de texto), porcentaxe cativa para un sector declarado «estratéxico para Galicia» na Lei do Libro e a lectura (2006), a que quedou en papel mollado co primeiro dos gobernos de Feijoo. Incumprimento que abriu unha fenda entre as teimudas reclamacións da AGE e as políticas cativas dos gobernos de Feijoo e Rueda, as únicas presidencias da Xunta de Galicia que nunca recibiron ás directivas da asociación de editoras, rompendo así os tradicionais encontros anuais con Fraga e Touriño. «Que queren os editores?» preguntoulle Feijoo ao conselleiro Roberto Varela, cando en 2010 a AGE solicitou ser recibida en San Caetano. Dende entón as directivas das editoras agardaron ser convocadas para reiterar a atención que merece un sector estratéxico para a lingua e cultura nosas como para a conformación da propia identidade do país.

Publicado en Nós diario: 14/06/2023

Quédanos a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Paco Ibáñez con motivo do centenario do poeta Carlos Oroza:

Con motivo da celebración do nacemento do poeta peripatético Carlos Oroza celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un histórico recital do cantautor Paco Ibáñez. Organizado pola viguesa asociación cultural Évame Oroza, no inicio os poetas María Lado e Antonio García Teijeiro recitaron algúns dos versos orocianos máis emblemáticos, aos que seguiron na pantalla mostras do derradeiro traballo musical (inédito) de Luis Eduardo Aute sobre textos do autor de Évame. Introito que deu paso ao concerto no que Ibáñez (89 anos) antologou dezasete cancións do seu amplísimo catálogo, nas que homenaxeou a poesía de clásicos españois como Quevedo, Góngora e Arcipreste de Hita até voces do século XX como Antonio Machado, Rafael Alberti, Federico García Lorca ou José Agustín Goytisolo. Hora e media de poesía e música, seguida con emoción contida e respecto, apenas rota polo humor do divertido cantor e o seu litixio imprevisto cun vaso de auga, por case un milleiro de persoas, na súa maior parte, entradas en anos. Un serán de nostalxia, tamén de memoria e de encontros agarimosos, tamén de despedida e derrotas saudosas, no que o irredutible Ibáñez, acompañado e coidado polo guitarrista catalán Mario Mas, amosou o valor incombustible da palabra como a máis valiosa das resistencias.

Embora foi a homenaxe a diversidade lingüística o que máis emocionou no recital de Paco Ibáñez, dándolle presenza, como sempre adoita, as linguas e literaturas do estado español. Acompañado do acordeonista vasco Josan Goikoetxea interpretou dous temas en éuscaro, o primeiro, «Peio Josepe», no que lembrou a súa nai da que mamou esta lingua, o segundo, o emocionante canto a liberdade «Txoria Txori» do poeta Joxean Artze, ao que puxo música Mikel Laboa, a quen Ibáñez lembrou, como a Imanol e a Xabier Lete formando parte da tríade de cantores euskaldúns. Con todo foron as tres cancións en galego a cerna do recital do Mar de Vigo, coa presenza en escena do poeta Antonio García Teijeiro, que acompañou con enerxía e gratitude o fermoso xesto de Ibáñez de incluílas no repertorio e recoñecer así a poesía galega. Tras a interpretación de «Que ocorre na terra?» e «Pomba», poemas de Teijeiro, que forman parte do libro Un rato díxolle á lúa (Xerais 2013), estreou en Vigo «Chove», canción sobre un fragmento do poema «Inverno» de Celso Emilio Ferreiro, composta por Ibáñez, despois de telo feito con «María Soliña», como homenaxe a Moraima, mais que nunca fora incluído en gravación comercial. A presenza entre o público da filla e do neto do autor de Longa noite de pedra deulle a esta estrea viguesa un carácter elexíaco inesquecible, un momento máxico inesperado.

Esta homenaxe a poesía galega e euscalduna, como a súa teimosa defensa de non utilizar anglicismos na fala cotián, como unha causa que chamou a compartir, como o entusiasmo que continúan concitando temas históricos do período tardofranquista como «Palabras para Julia», «Me lo decía mi abuelito» ou «A galopar», cantados polo público como himnos, fan de Paco Ibáñez un referente cívico entrañable tanto para as xeracións de militantes antifranquistas como tamén para as posteriores do desencanto do período da Reforma Política. Unha voz que despois de máis seis décadas nos escenarios, un mito dende aquela gravación do recital no Olympia de Paris (2 de decembro de 1969), a pesar da inevitable perda de sonoridade, gañou capacidades expresivas novas e nunha quentura que, como sucedeu no serán da pasada sexta feira, chega directa ao corazón do público. Unha voz que, como salientou o nobel José Saramago, é capaz «de abrir camiños de fraternidade auténtica no espírito das persoas que a escoiten». Unha voz que, para Manuel Vázquez Montalbán, o cantor coloca «ao servizo do coñecemento da emancipación individual e social», consciente de que a liberdade, como os dereitos, son unha conquista nunha agra colectiva.

O emotivo e exitoso concerto de Paco Ibáñez, no que tamén vibrou no introito a voz de Carlos Oroza medrada coma trigo nas fronteiras, amosou que o Vigo literario, ademais de novela, conta con expresión poética. Unha actividade poética de manifestacións diversas, que van dende o fomento do interese pola poesía na infancia e mocidade, encabezada pola teimosía de Antonio García Teijeiro, recoñecida en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, pasando pola conservación da memoria e da obra do poeta Carlos Oroza, encabezada pola asociación Évame e a editorial Elvira de Javier Romero, ou do poeta Celso Emilio Ferreiro pola fundación que leva o seu nome e pola editorial Xerais, até o activismo en outono do Festival Kerouac de Poesía e Performance ou dos recitais e itinerarios poéticos do grupo Rompente e doutros colectivos poéticos vigueses. En Vigo, por ventura, quédanos a palabra.

A Coca e a danza de espadas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á festa da Coca de Redondela:

A José e Manuel Paz Villar

Entre as festas populares da Ría de Vigo destaca pola súa continuidade e capacidade de manter a estirpe da tradición a da Coca de Redondela. Documentada hai máis de catro séculos (1691) e con orixes nos séculos XIII e XIV, cando se instituíu a festa e as procesións do Corpo de Deus, a celebración desta festa relixiosa adquiriu na vila do Alvedosa, segundo o antropólogo Clodio González Pérez no libro, A Coca e o mito do dragón (Ir Indo, 1993), un carácter pagán como representación do combate entre a Coca, saída do mar e ladroa de fermosas mozas, e os valentes mariñeiros, que as rescatarán e darán morte o monstro. Vitoria celebrada cada ano o día do Corpo do Deus coa procesión da Virxe, coñecida en Redondela como a Gabacha, sobre un itinerario, dende 1950, alfombrado de flores, e coa danza das espadas, protagonizada polos vencedores, e o baile das penlas sobre as burras. É o da Coca unha recreación dun mito universal de tradición milenaria, presente en culturas diversas, dende a mesopotámica á celta ou nórdica, da loita entre o ben e o mal, encarnados nun deus u outro personaxe no seu nome e nunha serpe ou nun dragón (a máis grande de todas as serpes), símbolo da vida e ao mesmo tempo da morte.

Mito da Coca protagonizado por un animal mitolóxico con corpo de dragón e cola de serpe, semellante ao doutras cocas desaparecidas, como as de Sabarís ou Pontevedra, cuxo relato foi conservado dende tempos remotos apenas con algunhas poucas variantes. Contan que hai moitos anos, vivía un monstro xigante na Ría de Vigo que tiña aterrorizadas a todas as poboacións. Saído das ondas dun mar moi embravecido, na proximidade da illa de San Simón, o monstro devorou a dúas rapazas, ataque que repetiría, para levar sempre as cativas máis fermosas. Foi entón cando a veciñanza de Redondela, cansa de tanto mal que facía, escolleu os vinte e catro mozos máis afoutos para agardala, atacala e darlle morte coas súas espadas. Tras loita moi dura, lograron vencela e formaron entón, unha grande procesión arredor da besta morta, iniciando ao son das gaitas unha danza que as mozas rescatadas seguiron, erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas e danzando con elas en alto. Noutra versión do mito, documentada no Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1999), a Coca de Redondela sofre unha estraña metamorfose, sendo primeiro unha doncela que chora por uns amores desgraciados, a quen de tanto chorar lle medraron ás, máis tarde unha longa cola e despois unha horrible boca de réptil, até que as súas bágoas formaron o río Alvedosa que rematou por arrastrala ao mar.

Máis recentemente, o escritor Rafael Fernández Lorenzo, recreou o mito da Coca de Redondela na noveliña Cocotibur (Xerais 2021). Respectando o contido do mito da Coca na Ría de Vigo nun tempo histórico impreciso, retrata un monstro, bautizado como Cocotibur, metade quenlla, metade crocodilo, con corazón duro coma unha rocha, que non sabe o que é o medo, mais non é tan feroz como o pintaban. Un relato do marabilloso, iniciado coa misteriosa desaparición de tres rapazas, que semella foran engulidas polo mar, feito que mobiliza á comunidade mariñeira toda a desfacer o meigallo de semellante encantamento. Unha narración engaiolante, onde flúen con naturalidade todos os episodios do mito choqueiro por excelencia, dende as sete espadas forxadas polos setes metais coñecidos, ao ataque a fera ao son dunha gaita e un tambor, cerca do carballo das cen pólas de Reboreda, onde se baña a serea, sen esquecer o territorio máxico da illa de San Simón no illó das salinas da ría nin a orixe do baile de penlas e burras e danza de espadas o día de Corpus. Unha óptima mestura do mito do dragón e de costumes populares que fan desta novela unha excelente actualización do mito para o público máis novo do século XXI.

Con tan interesante anovación do relato mítico, como coa incorporación dende a pasada edición dunha muller á danza das espadas, o que non sucedía dende hai corenta e cinco anos, a festa da Coca e as súas danzas tradicionais gozan de boa saúde. No esencial, esvaído o protagonismo da procesión relixiosa, na que chegaron a participar 26 imaxes, entre elas a do chamado Xigante de Redondela, ao xeito de San Cristobo, a Coca de hoxe é case igual á que describiu en 1867 o xornalista vigués Xoán Neira Cancela, «unha especie de caimán ou crocodilo feito sobre madeira e colocado sobre unhas rodas», ou ás fotografadas na Galicia Moderna, o 15 de xullo de 1897, turrada por dous portantes vestidos con roupas rechamantes, ou por Pacheco nos anos vinte. Persistencia dunha tradición danzante e musical, por ventura conservada, que forma parte dun patrimonio inmaterial que merecería ser declarado como Patrimonio da Humanidade. Un reto para a nova corporación redondelá e para os organizadores da festa da Coca e danza das espadas.

Escolma de fotopoemas

Hai catro décadas a aparición de Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, dentro da colección Ventobranco de Xerais, supuxo unha innovación para a edición galega de poesía, daquela revolucionada polos libros de Rompente. Fose pola temática cinéfila, 38 poemas escritos a partir de filmes clásicos, fose pola reprodución de cadanseu fotograma icónico e a impresión en tinta lila ou fose polo deseño rechamante da cuberta que achegaba á cultura nosa a imaxe inesquecible de Charlot e a vida de can (1918). En 1990, tamén en Xerais, aparece Tigres coma Cabalos, onde 24 poemas de Xela Arias contaban con cadansúa fotografía de Xulio Gil, inaugurando o que entendemos como fotopoemas presentados en formato de libro álbum. Diálogo creativo que ensaiaron Miro Villar e o fotógrafo Manuel Álvarez en Gameleiros, mar de rostros (Xerais 2002), 27 retratos de mariñeiros de baixura da Guarda con cadansúa arte tradicional. Experiencia que o fotógrafo da Guarda residente en Xenebra repetiría, primeiro, con Manuel Rivas en Sementeira. Porträts (2019), 42 retratos e outros tantos haikus e aforismos protagonizados polos membros da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, e despois, coa romanesa Helga Cabiddu en Sexades mar (Chan da Pólvora 2022), no que retrata unha nova liñaxe de traballadores do mar.

Ferramenta creativa que exploran con orixinalidade e potencia Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz en Lugo Philadelphia. Peles roxas no corazón de Babilonia (Xerais 2023), como crónica fotopoética da viaxe norteamericana que compartiron para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Versos lóstrego da memoria, escritos a ritmo de rock and roll, que camiñan da man de fotos de pintadas nas paredes de Lugo ou de imaxes iluminadas polo entusiasmo dunha cuadrilla de mulleres nas rúas de Harlem.

Escolma de fotopoemas que recomendo xa que amosan as posibilidades creativas deste atractivo tipo de edición multimodal, hoxe, por ventura, en pleno esplendor no actual catálogo do libro galego.

Publicado en Nós diario 31/05/2023

Manuel de Castro, Handicap

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a biografía de Manuel de Castro Handicap preparada por Adrián Iglesias:

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección «O noso deporte» da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos «rapaces ben (coñecidos como “sportman”) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva» e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que «o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar». Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en Faro de Vigo entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de Faro de Vigo, como as súas «Notas deportivas», durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como Letras y Deportes (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; Machada (1914), revista humorística; Vida deportiva (1916); Sprint (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con Sport, ligado con El Pueblo Gallego; Horizonte (1932) e Hoja de los lunes (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, Imán (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista Nós, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián. Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio…) e ao tempo plurilingües. Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas. Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras…) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Publicado en Nós diario 24/05/2023