Galego no Congreso

O compromiso da presidenta do Congreso para utilizar o catalán, o galego e o éuscaro na cámara baixa constitúe unha oportunidade para iniciar en todo o estado o complexo desarme dos prexuízos existentes sobre o uso destas linguas oficiais en cadanseu territorio autonómico. Promovido polos partidos nacionalistas e asumido por PSOE e Sumar na formación da Mesa do Congreso supón por vez primeira dende a aprobación da Constitución o abandono do criterio de territorialidade no emprego institucional das linguas minorizadas, superando despois dunha quincena de lexislaturas o sobado discurso do castelán como lingua común e a súa xerarquía sobre as outras “linguas cooficiais”. Un emprego que agora Francina Armengol debe facilitar de forma efectiva nos debates e trámites parlamentares ofrecendo se fosen precisos os recursos de tradución e interpretación, como tamén deberá suceder nas institucións europeas, ás que se estende o acordo e nas que até agora se veñen utilizando (con éxito) vinte e catro linguas. Esta novidosa medida permitirá que as vinte e tres deputadas e deputados de catro grupos políticos distintos elixidos nas catro provincias nosas, ademais dos galegos electos noutras circunscricións, como os quince senadores e senadoras, no caso de que se estendese á cámara baixa, nas súas intervencións escollan utilizar tamén o galego, un feito esperanzador para o futuro da nosa lingua. Sen esquecer, ademais, a repercusión incuestionable da medida tanto no cumprimento das indicacións do Consello de Europa sobre as linguas propias como na educación lingüística en todo o estado, dende a Comunidade de Madrid e Andalucía até as dúas Castelas, xa que alí se desvelarán e farán presentes outras tres linguas oficiais, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia plurilingüe prevista na Lomloe (2020) e á comprensión da diversidade e riqueza lingüística recoñecida pola Constitución (1978). Unha medida con transcendencia política e educativa merecedora de ser celebrada.

Publicado en Nós Galicia: 30/08/2023

Pioneira

Continuando co seu labor de facer visible o traballo das galegas nas letras, a Plataforma de crítica literaria A Sega homenaxeou a pasada semana a Aurora Marco, autora dunha amplísima obra de investigación que desvelou as historias de vida e deu voz a tantas precursoras e pioneiras que até agora permanecían silenciadas ou esquecidas. Homenaxe merecidísima á incansable catedrática compostelá de Didáctica da lingua e da literatura, xubilada xa como docente, coa que A Sega recoñece «ese traballo inxente de facer cantar as voces das pasadas en sinfonía estrondosa […] da nosa Señora das Letras 2023», unha das persoas imprescindibles da cultura e da historia de Galicia do noso tempo. Alumna de Gonzalo Anaya Santos e Ricardo Carvalho Calero,  compatibilizou o seu labor pioneiro como profesora de lingua e literatura na universidade de Santiago coa investigación centrada na historia das mulleres. Froito desta angueira publicou obras de referencia como Mulleres e educación en Galicia. Vidas de mestras (Ediciós do Castro 2002), Dicionario de Mulleres Galegas (ANT, 2007), Mulleres na Guerrilla Antifranquista (Laiovento, 2011) –na que se baseou o documental Silenciadas, dirixido por Pablo Ces, coproducido por ela e premiado co Mestre Mateo– e Elas (A xanela editorial, 2015), libro monumental no que ofrece biografías de 400 mulleres do país dende o século IV a 1975. Máis recentemente, na súa obra Irmandiñas (Laiovento, 2020), coincidindo co centenario das Irmandades Fala, recuperou o traballo das mulleres vinculadas co movemento irmandiño e a actividade galeguista. Obra esclarecedora sobre as dificultades e condicionantes que afrontaron mulleres como Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Olimpia Valencia, Emilia Docet ou María Luz Morales, mais tamén as integrantes case anónimas dos coros e cadros de declamación ou das diferentes iniciativas nas que estiveron presentes as galeguistas. Parabéns a admirada Aurora Marco por tan importante traballo e A Sega por recoñecelo.

Publicado en Nós diario: 23/08/2023

Llegim!

O Consell de Govern da Generalitat de Catalunya do 14 de xullo aprobou «Llegim!», plan nacional do libro e da lectura, froito dun proceso de diálogo e planificación compartido polas consellerías de Cultura e Educación, no que participaron os membros do Consello nacional de lectura pertencentes a un cento de entidades públicas e sectores culturais e educativos privados. Dotado con 58 millóns de euros, Llegim! asume como obxectivos xerais que en 2030 o 76 % da poboación catalá maior de 14 anos lea un libro cada trimestre, o 65 % lea unha vez por semana e que o 40 % lea en catalán. Un plan artellado arredor de catro eixos de actuación (Fomento do hábito lector, Dereito á lectura e atención á diversidade, Soporte ao ecosistema do libro e Gobernanza) que inclúe tanto o diagnóstico nunha ducia de ámbitos relacionados coa lectura e a industria do libro como 73 actuacións concretas, con cadanseu orzamento, calendario de execución e indicadores de seguimento e avaliación. Dende Galicia máis ca dotación e concreción  orzamentaria asumida, chama a atención do plan de lectura catalán o seu novidoso enfoque transversal e interdepartamental, xustificado por unha actualización da definición de lectura, que non pode quedar hoxe reducida aos  libros e textos escritos e obriga a recoñecer a diversidade de contornas, contidos e formatos do feito lector contemporáneo. Como provoca envexa o procedemento participativo e consensuado co que foi elaborado, que lembra ao utilizado hai vinte anos cando se xestou a modélica Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia que, por certo, a este teor establecía no seu artigo nº 4 a «elaboración, con audiencia aos axentes do libro, ou en colaboración con eles, de plans e programas de actuación anuais ou plurianuais», e na disposición adicional primeira a obriga do goberno de presentar no Parlamento nun prazo de seis meses un plan de fomento da lectura, compromiso, coma tantos outros daquel modélico e pioneiro texto, que quedou en augas de bacallau.

Publicado en Nós diario: 16/08/2023

A outra xente

Suzanne Simard descubriu que as árbores dun bosque comunícanse entre si, sobre todo, entre unha árbore madura e os seus fillos. A ecóloga forestal canadense identificou as «árbores nais», aquelas que actúan como núcleos dunha rede de micorrizas por cuxos micelios vai e ven información (sinais bioquímicas e eléctricas) entre exemplares de diferentes especies. Deste xeito as árbores poden saudarse, avisarse e cooperar entre especies, intercambiando nutrientes e carbono. Coñezo esta para min novidosa teoría das árbores nai (2018) nas páxinas d´A outra xente (Luzes, 2022), o abraiante libro do ornitólogo e comunicador ambiental coruñés Antonio Sandoval Rey. Un deses poucos libros arca, polo tanto marabilloso e perdurable, sobre a vida e os costumes de persoas non humanas que habitan na terra nosa, dende vagalumes e lavercas a toxos e andoriñas, dende baleas e falcóns a gaivotas patiamarelas e polbos, dende bidueiros e cirrios a paporroibos e vacalouras… Páxinas de beleza desbordada, escritas con extraordinario talento narrativo, con descricións moi detalladas, froito de horas pacientes de observación e de lecturas contextualizadas na literatura clásica que permiten perfilar o retrato desoutra xente que fala ao seu xeito e padece os efectos da emerxencia climática. Un libro literario de non ficción, que amosa a necesidade de superar as fronteiras de xénero na actual oferta editorial, xa que sendo un dos mellores títulos publicados en galego o pasado ano, pode ser considerado entre os mellores de narrativa, mais tamén entre os mellores de ensaio ou investigación. Unha obra, ademais, de carácter político, que achega argumentos e, sobre todo, azos para loitar contra esa pantasma que percorre a nosa época: «a pantasma do curto prazo», recuperando, como tamén fai o sabio Sandoval, a primeira liña de The History Manifesto (2014) de Jo Guldi e David Armitage. Recomendo moi vivamente A outra xente, unha ollada fonda, sosegada, fermosa, necesaria contra a des-extinción.

Publicado en Nós diario: 09/08/2023

Gálix

Tras sete anos a cargo de Xosé Antonio Perozo, o editor de Cuarto de Inverno David Cortizo asumiu a presidencia da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Unha noticia excelente para o sector do libro e da lectura en Galicia xa que supón unha renovación xeracional (necesaria) e azos renovados para as iniciativas desta asociación sen ánimo de lucro, fundada o 14 de xaneiro de 1989 coa intención de «defender e promover a cultura e lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil». Unha causa asumida dende a primeira presidencia do mestre David Otero, como das posteriores de Xabier DoCampo, Pilar Sampedro, Manuel Figueiras, entre outras, comprometidas todas na promoción e visibilidade social do libro e infantil e xuvenil en galego, superando os prexuízos de consideralo unha modalidade editorial menor e a lix como un xénero literario subalterno, ademais de asumir a representación galega na Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) e na Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY), creada en Zurich hai setenta anos coa intención de promover o entendemento internacional a través dos libros para crianzas, que celebrou en Compostela (2010) aquel seu memorable trixésimo segundo congreso, baixo o lema «A forza das minorías». Agradécese o compromiso de continuidade asumido polo equipo de Cortizo, no que se integran autoras, ilustradoras, editoras e mediadoras da lectura, que aventura un relanzamento e unha presentación novidosa para un sector clave para a edición en lingua galega, que supón máis dun terzo da facturación, dos títulos publicados e do catálogo dispoñible nas librarías, como para a formación do lectorado autónomo neofalante e do lectorado literario adolescente, tarefas as que contribúe coas súas actividades formativas e iniciativas de mediación. Gratitudes a Perozo polo xeneroso e resistente desempeño en anos moi difíciles, parabéns e azos a Cortizo e o seu equipo polo camiño de esperanza aberto para a lix nosa.

Publicado en Nós diario: 02-08-2023

Viñetas desde o Atlántico

A dúas semanas da apertura prevista de Viñetas desde o Atlántico nada se sabe dos contidos do programa do festival de cómic da Coruña. Unha situación a todas as luces anómala, denunciada polo editor e autor Kiko da Silva que veu alertando da precariedade na que quedaba a organización do certame dende que no mes de marzo Miguelanxo Prado, fundador e director de todas as edicións, presentara a súa renuncia ao concello da Coruña, administración que se ocupou do seu sostemento económico e infraestrutura, a través da concellaría de Cultura e do equipo de organización de exposicións do Kiosko Alfonso. Nacido coa ambición de achegar a linguaxe da banda deseñada á sociedade galega, máis alá do público afeccionado, ademais de dar visibilidade á creación galega de cómic e ilustración, durante vinte e cinco anos «Viñetas» conseguiu localizar a Galicia no mapa mundial da banda deseñada e colocar a semana coruñesa como referencia ineludible no calendario internacional dos eventos de cómic. Un éxito popular e profesional incuestionable, atribuíble en moi boa medida ao talento e a implicación persoal de Prado, que a pesar do orzamento reducido e conxelado e a asfixiante rixidez administrativa, conseguiu preservar os principios fundacionais acordados en 1998 co concello coruñés de ofrecer un programa para todos os públicos, acoller con agarimo aos artistas convidados e remuneralos de forma digna polos seus servizos e presentar nas mellores condicións os materiais expositivos. Con estes vimbios Prado conseguiu unha cita que xa é patrimonio da Coruña, que como sucedeu noutros eventos culturais de éxito, como Culturgal e O Salón do Libro, ambos os dous en Pontevedra, debe agora enfrontar en condicións incertas unha nova etapa, conservando a ambición inicial e a identidade conformada, mais tamén utilizando un novo modelo de xestión que faga compatibles os patrocinios públicos e a actividade comercial do sector. Velaí o reto moi complexo da nova etapa de Viñetas desde o Atlántico.

Publicado en Nós diario: 26/07/2023

Novela de praia

Espallouse por Twitter unha curiosa oferta de libros usados baixo a etiqueta de «novela de praia». A pesar de parecerme un pouco caro o saldo destes libros a granel, tres euros un exemplar, cinco por dous, divertiume que o alfarrabista anónimo crease unha tipoloxía de edición, que permanecía inédita, sen encomendarse ao criterio de academia crítica ningunha ou sequera emulando a promoción do márketing dalgunha editora inconformista coa visibilidade do seu catálogo. Porén, o que máis me gustou do caso é que a recomendación de levar novelas á praia fose utilizada poucos días despois na rede de Musk para animar á lectura (e compra) dunha recente novela galega «ben escrita e con moito humor», coincidencia probablemente só atribuíble as sereas do azar. Emporiso, anunciamos que a «novela de praia» chegou a literatura galega, que non vai ser todo «novela negra», e como outros fenómenos da nosa contorna editorial, por cativo que sexa o seu mercado, terá vontade de continuidade. Con semellante precedente imaxino que as editoras galegas de referencia terán en conta este nicho de mercado na preparación dos seus futuros plans editoriais, como xa teñen asumidos os lanzamentos de nadal ou letras galegas. Fóra da brincadeira desta coincidencia, a serendipia amosa o perigo de utilizar etiquetas para a produción editorial, máis aínda da literaria, que poden chegar a confundir aos públicos lectores. Claro está que non hai razón ningunha para que as novelas lidas na praia sexan apenas produtos de lectura ou libros artisticamente menores. As novelas de praia son as que as lectoras deciden levar ao areal, un espazo lector para calquera tipo de textos e soportes. Recomendo ler na praia, e facelo da forma máis confortable que coñezo, empregando cadeira, parasol e a protección solar necesaria. As editoras galegas continúan ofrecendo unha oferta moi diversa de novidades de novelas ben escritas, con humor, intriga, reflexión, memoria, emoción… para gozar tamén nos nosos areais.

Publicado en Nós diario: 19/07/2023

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Educación Pública

Nova Escola Galega (NEG) celebrou o seu corenta aniversario actualizando o modelo de Educación Pública (EP) que de forma pioneira acuñara en 1989. No marco da consideración da educación como un grande proxecto político e un servizo público fundamental, como da complexidade dos retos que na actualidade provoca a súa mercantilización, a hibridación dos ecosistemas de información e coñecemento e da acelerada crise na cultura e lingua galega, os membros de NEG apostan por unha educación conectada coa vida, cos problemas da contorna e co seu pluralismo de manifestacións, organizando os ensinos desde un enfoque de educación permanente, inclusiva, crítica, intercultural, coeducativa e laica. NEG aposta pola redución do programa de concertos cos centros privados, a xestión pública directa dos servizos de transporte, comedores e coidados, reclamando a concreción galega da política educativa desenvolvendo todas as competencias das que arestora dispón Galicia, como tamén avances progresivos  e efectivos da normalización lingüística, única garantía para unha adecuada estratexia plurilingüe. NEG non esquece que a EP debe continuar sendo a mellor garantía de igualdade de oportunidades e de equidade social, promotora da cohesión social, reclamando atención singular a escolarización no ámbito rural como garantía dun equilibrio territorial e demográfico así como unha esixente xestión democrática dos centros escolares, tamén como unidades de elaboración e axuste curricular. Remata NEG o seu modelo de EP reclamando un novo Estatuto Docente e a incorporación ao sistema educativo de novos perfís profesionais como a das educadoras sociais. E coma fixera en 1989, NEG continúa apelando a contribución decisiva da EP á vertebración democrática dunha sociedade máis xusta e ao logro de mellor Humanidade, contribuíndo a eliminación das guerras, do ecocidio e da discriminación entre os pobos e os seres humanos. A EP como fábrica de luz e produtora de depósitos de esperanza. Non é pouca cousa.

Publicado en Nós diario: 05/07/2023

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición. «Queremos que o libro galego siga vivindo» foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galega, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Ferñandez Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

Publicado en Nós diario: 28-06-2023