Ecoedición

A edición en todas as etapas da súa cadea de valor ten a obriga de asumir a transición ecolóxica e a descarbonización como un reto crítico para a súa supervivencia e competitividade. Un proceso, coñecido como «ecoedición» no que a famosa regra dos «tres erres», como propoñen Rivera e Gil (Trama y texturas 57, 2025), debe ser reinterpretada como: Recoñecer que a edición de libros ten impacto en todo o seu ciclo; Repensar a forma de editar para evitalo e Reivindicar o papel da edición como axente medioambiental. O modelo actual de edición e distribución, cun movemento continuo de abastecemento de novidades e devolución constantes, obriga a impresión innecesaria de millóns de exemplares, que nunca se venderán nas librarías, que representaron en 2021 en España máis de 79.253 toneladas de CO2, das que arredor de 5.000 corresponderían a Galicia. Cifras de emisións baixas, se as comparamos coas dunha consulta de Google, 500 gramos por segundo a atmosfera, máis que obrigan a edición a repensarse como «ecoedición sostible» xestionando de forma innovadora os seus procesos: recuperando a impresión local evitando os grandes centros de impresión; utilizando de forma xeral os papeis reciclados e os certificados como FSC, empregando tintas con aceites de orixe vexetal ou de base acuosa ou inxectables que substitúan a tintas e tóneres contaminantes; ponderando as tiradas á previsión das vendas, escollendo entre a impresión offset e a dixital, suprimindo os retractilados para «protexer» o produto e utilizando na distribución caixas de cartón, até chegar a ofrecer un selo de ecoedición garante desta trazabilidade e da pegada ecolóxica por exemplar, como comeza a facerse en Catalunya. Proceso, non o esquezamos, que afecta a edición dixital, que de forma ningunha pode ser considerada hoxe como máis verde e limpa ca impresa. Superado o dilema da edición en papel ou dixital, o reto da ecoedición propón o da edición ou non sostible, ámbito no que queda na edición galega aínda moito por facer.

Publicado en Nós diario: 08/10/2025

533 de Manolo e Aspas

Vigo, Balaídos. Celta vs Atlético de Madrid

Ao remate do empate co Atlético de Madrid, a familia Mouriño expresou o recoñecemento do celtismo ás maiores lendas da súa canteira: Manolo e Iago Aspas, cando o de Moaña remataba o seu encontro 533 como céltico, igualando a cifra acadada polo «gran capitán» celeste da década de 1970. Si, Manuel Rodríguez Alfonso «Manolo», o central que formou parella con Costas, membro da selección subcampioa europea sub-23 de 1969, o xogador que até agora máis veces vestira a camiseta celeste, desde que como promesa se incorporou aos 15 anos ao xuvenil, pasando logo polos cadros de 1ª e 2ª durante dezaseis tempadas consecutivas, dende a do seu debut, a 1966-1967, até derradeira, a 1981-1982, na que colgou as botas e recibiu unha homenaxe en Balaídos nun partido entre o Celta e a selección de Polonia, que preparaba a súa participación no Mundial 82, no que xogaría en Vigo contra Italia.

533 partidos de Manolo, cifra que en apenas dúas semanas superará Iago, o xogador máis importante na historia do Celta centenario. Serendipia que me lembrou a polémica que o central de Cangas mantivo con Cruiff a raíz da tremenda patada no xeonllo dereito que o holandés lle propinou o 27 de xaneiro de 1974. Manolo saíu en padiola do Camp Nou, mentres Johan nin sequera foi amoestado. O galego sería intervido en varias ocasións, o que lle impediu, no seu mellor momento, ser traspasado ao Real Madrid e seleccionado por Kubala. Non esquezo a decisión do gran capitán que, tres anos despois da grave lesión que tronzou a súa carreira, renunciou a capitanía na visita do Celta a Barcelona para evitar darlle a man a Cruiff, capitán culé. Decisión criticada pola prensa deportiva, que obrigou a Manolo a restarlle importancia ao asunto e darlle a man ao holandés no Barça-Celta do 24 de abril de 1977.

Páxina de pura afouteza celtista de Manolo, que na noite do domingo recuperou Iago, a quen tamén lle acae coma anel o sintagma de «gran capitán». Contando apenas con media hora de xogo, Aspas reactivou a un Celta incapaz de dobregar até entón a un Atlético de Madrid en inferioridade, tras a expulsión de Lenglet no minuto 40. Outra intervención estelar de quen entrando en xogo no 60 conseguiu nuns poucos minutos contaxiar aos seus colegas das doses de compromiso, creatividade e confianza precisas para acadar a igualada. E así con semellante reactivación chegou no minuto 68 o gol do astro de Moaña, un remate de afouteza destilada, apenas empurrando un balón rexeitado por Oblak, que in extremis fora rematado por Borja Iglesias, o mellor dos celestes, tras unha magnífica asistencia de Mingueza, que se transforma coma unha bomba de creatividade e sutileza na creación de espazos cando se pode asociar con Iago e co Panda compostelán. Presenza de Aspas no campo que ofrece a creatividade e a experiencia necesarias para competir con garantías e que traspasados Fer López e Gabri Veiga, prescindíndose no seu día de Denís Suárez, non cubre ningún outro xogador. Carencia grave que asusta de cara ao futuro, por moito fútbol que lle quede ao de Moaña na biqueira, á que o propio Claudio Giráldez se referiu con retranca, días antes de pechado o mercado de verán, como «a guinda do pastel». Unha guinda de talento capaz de desenredar unha entupida rede de dúas liñas de defensores dispostas por Simeoni no campo propio para resistir en bloque e no caso dunha recuperación botar a correr e collerlle as costas aos inocentes célticos. Así sucedeu apenas comezado o partido, no minuto 7 coa carreira de Barrios orixe do gol en propia meta de Starfelt. Estratexia visitante antipática e intimidatoria á que o adestrador arxentino engadiu sen escrúpulos a súas simeonadas, onde se abandona calquera versión do manual do «fair play» ou boas maneiras deportivas, para perder tempo, confundir ao rival e anoxar a afección local.

Certo é que Claudio, despois do partido europeo co PAOK, introduciu poucas novidades. Primeira: a de Damián e Beltrán como parella de mediocentros. Mágoa que utilizasen un ritmo gris na posesión, fosen incapaces de dobregar a Koke e Barrios e superar algunha das liñas visitantes, entendo que pola dificultade do segundo capitán celeste de atopar o seu punto físico e anímico óptimo. Segunda: a de Borja e Jutglá como dupla de puntas atacantes, que estiveron mellor na súa batalla a cara de can cos centrais de Simeoni ca na definición entre os tres paos. Mágoa da cabezada de Borja no minuto 3, que vimos dentro, ou dun remate do compostelán dun balón centrado polo dianteiro catalán, comprometido no colectivo, mais ao que só lle falta superar o malfado que lle nega o gol coa camisola celeste.

En todo caso, a pesar deste empate que sabe a pouco e á clasificación próxima ao descenso, o Celta deste mes de outubro comeza a ser recoñecible ao da tempada pasada. O novo parón de seleccións é unha boa oportunidade para coller pulo e afinar pezas. Beizóns a Borja Iglesias convocado por De La Fuente.

Publicado en Faro de Vigo: 08/10/2025

Vigo ateneístico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reconstruír o fío do Vigo ateneístico:

Nas palabras de gratitude que pronunciei no Ateneo Atlántico, lembrei varios fitos destacados do asociacionismo que en Vigo contribuíron a facer da nosa unha cidade moderna e cosmopolita. Percorrido iniciado o 2 de decembro de 1847 cando se constituíu o Circo Recreativo de Vigo, que en 1859 pasará a chamarse Casino de Vigo, o primeiro espazo de encontro das clases altas viguesas, onde se celebraban bailes e festas, ademais de conferencias coa pretensión de satisfacer as súas inquedanzas culturais.

Cidade que, tras o fracaso da revolución galega e levantamento liberal do ano anterior, comezaba a organizar os seus intereses colectivos: Ángel de Lema e Marina abría unha pequena imprenta, a primeira estable dunha poboación de dez mil habitantes, que xa reclamaba a construción dun ferrocarril a Madrid; o mesmo ano no que un grupo de mulleres, dada a carestía da vida, protagonizaron o chamado «motín da fame» na saída de Vigo cara a Redondela, e na que estaban abertas 15 escolas rexidas por 19 mestres e 2 mestras tituladas, en locais alugados e precarios.

Constitución do Circo, logo Casino, que coincide coa aparición de dous xornais claves para o futuro de Vigo, o conservador Faro de Vigo (1853) e o galeguista La Oliva (1856), ademais doutras iniciativas colectivas ben diferentes: dende a primeira mutualidade «La Sociedad de Socorros Mutuos a Todas las clases de la Ciudad de Vigo», coa intención de procurar solucións á problemática social e sanitaria dos seus membros; pasando pola primeira Federación do Comercio de Vigo (1859) até a Sociedade Caritativa, precedente da Confraría do Santísimo Cristo da Vitoria, fundada en 1933.

Asociacionismo burgués creador de novas sociedades como La Tertulia, El Recreo Artístico e El Gimnasio (1878), a primeira sociedade deportiva, que promoveu en 1884 as doazóns para a estatua de Casto Méndez Núñez. Foi La Oliva, creada en 1885 como sociedade coral, a que en 1903 impulsou a creación do Vigo Football Club, coñecido inicialmente como Arte e Sport, unha das sementes que dúas décadas despois agromaron como Celta de Vigo, ademais de encargarse de organizar as comitivas de entroido, que percorrían as rúas dende o Campo de Granada até a Alameda. Como foi La Oliva, presidida polo arquitecto Manuel Gómez Román, quen promoveu a estatua do poeta Manuel Curros Enríquez, inaugurada na Alameda en 1911, como tamén a entidade organizadora das conferencias de Antonio Palacios para presentar o seu proxecto urbanístico, coa pretensión de facer de Vigo a Barcelona atlántica e sede do Pazo Rexional.

Asociacionismo cultural que adquiriu carácter ateneístico, propio da tradición obreira e republicana, o 26 de abril de 1921 cando no edificio Ferro se fundou o Ateneo de Vigo, promovido polo activista cultural Herberto Blanco Rodríguez, profesor e bibliotecario da Escola de Artes e Oficios. Organizado en dez seccións, entre elas Belas Artes, Literatura e Historia ou Estudos Mercantís, promovía a participación das mulleres nas numerosas conferencias e actividades sobre temas políticos, históricos, pedagóxicos e artísticos. Ateneo que anos de apoxeo pretendía que se construíse un edificio que acollese a todas as entidades da sociedade civil que participaban no espectacular espertar vigués. O Ateneo de Vigo funcionou até 1937 cunha notable actividade artística, como a que mantiveron tamén a Sociedad de Amigos da Arte de Vigo (1931-1941), o Centro de Hijos de Vigo (1932), xurdido para fomentar o «Viguismo» ou a recuperada Sociedad Recreo de Vigo, entidades estudadas por José Luis Mateo Álvarez, membro do IEV.

Asociacionismo ateneístico, recuperado no Tardofranquismo pola Sociedade Cultural de Vigo, fundada en 1965 e presidida polo enxeñeiro nacionalista Camilo Nogueira Román, onde naceron centos de iniciativas como o programa radiofónico «Raíz e tempo» ou a Compañía de Teatro Popular Galego. Sen esquecer o asociacionismo veciñal, nacido coa Reforma Política (1976), motor cívico indispensable dende entón, agrupado na Federación Veciñal Eduardo Chao, vivindo hoxe unha difícil e triste travesía.

Precedentes asociativos do actual Ateneo Atlántico de Vigo, fundado en 2017 coa pretensión de crear un espazo cultural plural de análise, debate e investigación, inserido na mellor tradición viguesa de asociacionismo cívico centenario. Con trescentas persoas asociadas e máis dun cento de actividades anuais (entre conferencias, debates, club de lectura, saídas, cinemateneo, premio literario Exeria, manifestos…), a entidade presidida pola pedagoga e escritora feminista María Luisa Abad constituíse en referente principal de pluralismo, independencia e rigor no debate cívico vigués. Beizóns ao Ateneo Atlántico e longa vida ao espírito ateneístico vigués.

Noite redonda

Foi a do xoves unha noite redonda na que Balaídos celebrou que «Galiza volvía a Europa», desde aqueloutra inesquecible de afouteza celtiña do 4 de maio de 2017 co Manchester United, na que sempre lembraremos como o gran Sergio Álvarez sostivo sen pedir papas ao equipo de Eduardo Berizzo dos continuos envites dos diaños vermellos que, finalmente, levarían o encontro grazas a un gol de Rashford, tras un memorable saque de falta dende a frontal. Tras oito anos daquela histórica semifinal de Europa League, na que no encontro de volta en Old Trafford nos faltou apenas unha biqueira de Beauvue para prendernos por fin no corno da lúa, o Celta de Giráldez non decepcionou e ofreceu outra das súas noites máxicas europeas, certo que máis sobria que aqueloutras memorables co Liverpool (3-1) do 98, co Benfica (7-0) e Juventus (4-0) do 99 de Europa League, co Ajax (3-2) e co Arsenal (2-3) da inesquecible despedida da Champions League de 2003-2004, tamén a do noso último descenso a Segunda, o que nunca esquece o celtismo máis memorioso, temeroso dos perigosos entusiasmos europeos cando temos no vestiario fabas contadas.

E se non abondase, tras un pésimo e decepcionante inicio de liga ordinaria, o Celta de Claudio necesitaba o partido co accesible PAOK de Salónica para resucitar e ofrecer unha primeira e contundente vitoria do curso. Competición europea que o celtismo asume como unha posibilidade de gozar de cada un dos oito partidos, sen renunciar a soñar, se veñen ben dadas, cunha participación na final do 20 de maio en Estambul. E a do xoves foi unha desas noites felices de fútbol do aqueladiño Balaídos, que acolleu con respecto á ruidosa afección visitante, que nunca desistiu de apoiar aos seus, tanto cando foron por diante coma cando os celestes lles comeron a figura. Noite na que un celtismo responsable –cada vez máis anovado xeracionalmente, convocado polas voces telúricas das Fillas de Cassandra e de Mondra, o bailador que fusiona a tradición coa ollada deitada no porvir– berrou contra o noxento xenocidio israelita en Palestina e celebrou a vitoria co seu mellor repertorio musical: un miudiño e unha rianxeira (certo que un pouco precipitados), adozados por unha espectacular interpretación coral da Oliveira, que deixou abraiados aos macedonios visitantes coa solemnidade adquirida polo himno de Pucho Tangana.

Como anunciaba o cartel conmemorativo, unha tradición gráfica recuperada pola UEFA para cada partido da competición, no Campo do Fragoso enfrontouse o fútbol atlántico do Celta, representado pola porta granítica de Silverio Rivas, co mediterráneo do PAOK, representado pola Torre Branca, a icona máis recoñecible de Tesalónica, onde se aloxa o museo desta cidade, a segunda de Grecia, a principal da Macedonia grega, polo tanto balcánica. Enfrontamento que os adestradores deseñaron de forma moi distinta: mentres o visitante Razvan Lucescu pretendeu dormir o xogo, suxeitando ao Celta co balón no medio campo, Claudio buscou a velocidade para adquirir a verticalidade que lle faltou nos partidos de liga, asumindo un compromiso inequívoco co gol que servise de punto de inflexión, tanto na competición europea, tras a moi pobre imaxe ofrecida en Sttutgart, coma na liga, onde (como sucedera hai dous anos con Benítez) coquetea coas posicións de descenso. Pizarra táctica que o visitante controlou na primeira parte, onde se puxo por diante tras un erro de entendemento entre Manu Fernández e Javi Rueda, o coñecido tiro ao pé da defensa celeste. Tanto que non variou o plan de partido de Giráldez, que sacou un once de gala con case todas as súas figuras, dirixidas por Aspas como enganche, que batallou até o derradeiro salaio e marcou o gol do empate, unha cabezada perfecta na área pequena, asistida por Mingueza, que no primeiro engadido modificou o devir do partido e agardamos da tempada.

Na segunda parte, os visitantes pisaron cebolas diante dun xogo recoñecible xerado pola máquina xiraldina dirixida polo metrónomo de Damián, que volveu centradísimo, coa intención de quedar no once, sostida pola enerxía econtinuidade de Ilaix Moriba e Starfelt e modulada pola verticalidade de Javi Rueda e Williot. Así chegaron os goles de Borja Iglesias (seis en seis partidos consecutivos, unha marca que o coloca coma o mellor dos goleadores seleccionables por De la Fuente) e de Williot, o dianteiro celeste que ataca mellor o espazo, que destrozaron a defensa balcánica. Os celestes puideron ampliar o marcador, pero diante do partido do domingo co Atlético, a prudencia do adestrador da Louriña aconsellou conservar no mellor estado posible todas as súas pezas. Coa entrada de Jutglá e Bryan Zaragoza, o partido volveu animarse cunhas cantas xogadas bonitas de case gol, mentres o celtismo, tan realista coma soñador, celebraba esta primeira vitoria e enxergaba o futuro con maior confianza.

Publicado en Faro de Vigo: 04/10/25

Visibilidade

Hai dous meses adiantabamos as cifras máis significativas do informe de hábitos de lectura e compra de libros en Galicia 2024, entre elas o 5,70 % que supoñen as compras habituais de libros en galego e o 3,80 % de persoas que prefiren o galego como lingua de lectura. Situación precaria que corrobora un informe sobre o estado da edición en galego, presentado no Consello da Xunta do pasado 15 de setembro, no que se estima que a facturación do conxunto do sector editorial galego é de 27,72 millóns de euros, da que a metade, 13,86 millóns, corresponde ao libro en galego, o que supón unha diminución do 17 %, con respecto aos 16,80 de 2023 e unha redución do 37 %, se lembramos os 22,00 millóns de 2007, coincidindo co goberno bipartito. O libro galego continúa perdendo cota de mercado e presenza nas librarías, unha pésima noticia, xa que a «visibilidade situada» no punto de venda (o 68,00 % nas librarías) constitúe a primeira estratexia de descubertabilidade das novidades das editoras galegas, á que se suma a segunda, a súa promoción nos medios de comunicación impresos e audiovisuais (xornais, revistas, emisoras e televisión pública), ben baixo a fórmula de propaganda gratuíta ou da publicidade pagada, ao alcance só duns poucos selos, o que podemos chamar a «visibilidade mediada». Hoxe, ademais da situada e da mediada, en claro devalo, cómpre engadir a terceira, a «visibilidade virtual», conformada coa presenza das novidades nas redes sociais de lecer e na conversa das novas mediadoras de lectura, en tendencia ascendente e con clara simpatía por parte dalgunhas creadoras de contido dixital cultural en galego. Superar as cifras cativas de lectura e edición en galego, ademais de requirir dun plan estratéxico de apoio ao sector e do deseño dun plan galego de lectura, obriga as editoras a espelir e abordar estratexias de visibilidade transversais das súas novidades, na libraría, nos medios e nas redes, para que se coñezan, se vexan, se comenten, se recomenden e se compren por impulso.

Publicado en Nós diario: 01-10-2025

Contubernio Peniche

Dedico o artigo de Faro de Vigo á aparición de Contubernio Picacho (Editorial Elvira 2025) de Xaime Fandiño:

Despois de agardar seis anos a que fosen retirados os parapetos provisionais, abriuse a parte do miradoiro do Paseo de Afonso comprendido entre a Oliveira e a primeira volta da rúa Poboadores, a popular e case centenaria «Beirarrúa voada» de formigón armado, desde a que, por agora, se pode gozar do espectáculo do buligar da actividade portuaria ou enxergar no serán a marabilla da liña do horizonte agochándose nas Cíes. A endémica falta de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Vigo, neste caso o departamento autonómico de Patrimonio Histórico, que debía autorizar unhas obras de reforzamento da estrutura, valoradas apenas en 42.000 euros, prolongou o período de peche dun espazo urbano xa de por si moi degradado polo impacto das obras da urbanización do Barrio do Cura como do triste abandono de catro décadas da Panificadora e das súas edificacións anexas da rúa Falperra. No entanto, desde a peonalización (por ventura xa sen volta posible) da preciosa rúa Elduayen, a Oliveira e o paseo de Afonso convertéronse no salón de privilexio que precisaba o Vigo vello, recuperando aquel carácter de espazo de encontro interxeracional da nosa infancia hai seis décadas, cando funcionaba como referente do paseo o quiosco de Pepiño Barcia.

Espazo urbano vigués que o escritor Xaime Fandiño converteu en psicoxeografía literaria da nosa xeración, a da primeira rapazada nacida xa na abella da ribeira a finais dos cincuenta, retratada con prodixiosa memoria nos artigos publicados en Faro de Vigo, baixo o epígrafe «La acera volada», recollidos en libro esencial de título homónimo por Atendo en 2021, e agora novelada en Contubernio Picacho (Editorial Elvira 2025). Tras El último concierto, cuando la vejez se torna herejía (Editorial Elvira 2024), Fandiño ofrece unha poderosa peza xeradora de memoria para toda canta xente medramos nos portais do barrio do ensanche da estrada de Baiona, un territorio de descuberta formado por catro vértices: o do monte do Castro, a Panificadora e as rúas Cachamuíña e Falperra; o da Oliveira, a Beirarrúa voada e a fonte da Barroca; o de Picacho, as rúas Llorente, Santa Marta e a Fábrica do Gas (e mesmo algún campo do cemiterio abandonado en 1904); e o de Peniche, ao fondo de Pi e Margall, onde se bifurcaba o tranvía cara a Bouzas e a costa de San Gregorio ou cara a Travesas e A Florida, entre a residencia das Anxélicas e a consulta do doutor Adrio. Un barrio reconstruído nas páxinas desta novela coral, polo tanto unha peza de ficción glocal, localizada tamén no Morrazo e mesmo en México, coa que o autor propón reflexionar sobre como o binomio azar / destino pode encargarse de forma caprichosa de escribir a historia.

Compartindo semellante substrato emocional, entusiasmoume este Contubernio Picacho, unha obra de ficción marcada polo peso da memoria antifranquista, matizada cunha ollada inclusiva no futuro e unha profunda convicción na convivencia interxeneracional, intercultural e cooperativa como o mellor modelo de convivencia e de xestión dos coidados. A presencia protagonista da música e dos gozos diversos que a vida en todas as súas etapas nos proporciona, sexa cal sexa a nosa idade, atrapan ao lectorado deste relato de vidas que conflúen nestes ideais alternativos. Como a confianza cega na ciencia e no pensamento racional e a opinión documentada son os criterios cos que se adoptan as decisións políticas na península do Morrazo convertida en territorio libre de idadismo. A transformación da abandonada fábrica de Massó do Salgheirón nunha residencia interxeneracional, «A Balea», constitúe unha proposta revolucionaria, transgresora e anticipatoria de organización dos coidados, que suscita un gozo prolongado de lectura e obriga a repensar os modelos actuais das residencias como meros aparcamentos de maiores.

Xaime Fandiño desenvolve unha trepidante historia transversal de intriga, utilizando personaxes reais e ficticios nunhas localizacións identificables, un motor de ficción ben calibrado no peso exacto dos diálogos, reflexións e acontecementos, destreza que domina con eficacia, como veterano director audiovisual que é. Para ledicia de lectores e lectoras, sexan vellas ou mozas, desde o primeiro capítulo a novela flúe, clara, seguida e ben, como aconsellaba Cunqueiro elaborar a prosa. A presenza de detalles de humor, a precisión no uso da documentación, como a constante aparición de sorpresas e cambios de perspectiva contribúen á construción de cada lectura. Lean, gocen, reflexionen, atrévanse a sorprenderse, a emocionarse con esta peza narrativa de ourivería sofisticada e moderna. Unha novela interxeneracional e multiusos. Máis non se pode pedir. Grazas, Fandiño, por ofrecer esta lectura antiidadista e memoriosa para un tempo de entusiasmo.

 

Escritura

No debate arredor do valor da lectura, non se ten salientado o suficiente a importancia da escritura, outra das competencias de comunicación lingüística que debe posuír a cidadanía. Escribir é un verbo transitivo, que fai referencia a composición de diversos tipos de textos e xéneros, dun poema a unha mensaxe no móbil, dun relato a unha reclamación de consumo ou comentario nunha rede social. Escribir é unha destreza complexa que antes de coller o lapis ou comezar a teclear, obriga a coñecer as convencións discursivas a empregar, buscar e organizar as ideas e a documentación, como atoparlle un ton e a estrutura máis axeitados para a finalidade comunicativa procurada. Daniel Cassany, brillante investigador da cultura escrita, considera que unha persoa sabe escribir, un dos obxectivos principais do ensino, cando é capaz de redactar dúas páxinas explicando a súa opinión sobre un tema actual. E facelo de forma correcta, clara e cohesionada, de xeito que poida entendelo calquera lectora da súa comunidade lingüística e cultural. Á diferenza da lectura, unha actividade solitaria, a escritura é social. Escribimos cun propósito específico (informar, anunciar, opinar, convencer, reclamar, confesar, namorar, divertir…) para que nos lean outras persoas no seo dunha comunidade letrada gobernada por escritos. Xaora, cando escribimos procederemos con discreción e eficacia, asumindo a responsabilidade de facelo coa claridade e a precisión necesarias para que a audiencia lectora nos entenda. O que, sen dúbida, obriga a revisar e a reducir o máis que poidamos os nosos borradores xa que, en moi boa medida, escribir é reescribir, sen renunciar á creatividade lingüística e a procurar a beleza do escrito, necesarias en todo tipo de textos, non só nos literarios. Como se afirmou na controversia recente, certo é que «somos o que lemos», ao que engadiría que tamén o é que «somos o que escribimos», ou mellor aínda, como afirma Cassany, «somos o que pensan os lectores e lectoras do que leron noso».

Publicado en Nós diario: 24/09/2025

A Protestante

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro La Protestante (IEV 2025) de Paco Niebla:

O pleno da corporación do 31 de marzo de 2008, presidida por Abel Caballero, cando no Campo de Granada gobernaban en coalición o PSdeG-PSOE e o BNG, acordou engadir ao nomenclátor das rúas viguesas o nome de seis mulleres represaliadas polo franquismo. Un acordo que, como viña solicitando a Asociación Viguesa pola Recuperación da Memoria Histórica do 36, supoñía a primeira homenaxe institucional para estas viguesas vítimas da violencia franquista, até entón ocultas ou silenciadas nos libros de historia e ausentes nas hemerotecas, esquecidas, pendentes de xustiza e reparación, cuxos relatos vitais comezaban a ser rescatados por investigacións heroicas como as do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, recollidas no seu libro piar Héroes o forajidos. «Fuxidos» y guerrilleiros en la comarca de Vigo (Instituto de Estudos Vigueses, 2005), ao que unha década despois engadiría Días negros. Crónica lutuosa dalgúns dos feitos que encheron de dor e morte o sur da provincia de Pontevedra. (Dende 1936 até 1978), (IEV, 2016),  Máis días negros (IEV, 2017) e O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo (IEV, 2019), ilustrado por Evaristo Pereira,  catro libros extraordinarios, indispensables e referenciais, para a recuperación da memoria republicana na rexión urbana de Vigo.

Aquelas viguesas foron todas mulleres novas e comprometidas coas luces da República. Rosario Hernández Diéguez «A Calesa», vendedora de xornais na porta da sociedade o Ximnasio da rúa do Príncipe, hoxe a Sede do Celta, torturada e asasinada nun cuartel de Falanxe o 3 de setembro de 1936, cando contaba apenas vinte anos. Carmen Miguel Agra, ama de casa, suicidouse aos vinte e catro, cando o 23 de abril de 1937 intentaba fugarse co seu home, Anxo Nogueira Nogueira, e outros republicanos, no bou Eva, un dos episodios máis estarrecedores da historia viguesa. Urania Mella Serrano, profesora de piano, pioneira feminista, condenada a morte coma o seu home, Humberto Solleiro, fusilado o 30 de outubro de 1936, á que lle sería conmutada a pena por 30 anos e liberada en 1945, un mes antes do seu pasamento, consumida por un tumor cerebral, xestado no cárcere de mulleres de Santurrarán. Margarita Bilbatúa Zubeldía, costureira, irmá de Antonio e Demetrio, dirixentes socialistas fusilados o 27 de agosto de 1936, conseguiu fuxir a Francia, antes de refuxiarse en México DF onde viviu até o seu pasamento en 1979. Mercedes Núñez Tegra, posuidora do triángulo vermello no campo de concentración de Ravensbrück, liberada en 1945, días antes de que estivese prevista a súa execución.

Foi a sexta destas referentes de memoria Ángela Iglesias Rebollar, costureira, sindicalista, pioneira feminista, comunista, colaboradora da sección viguesa de Socorro Vermello Internacional, asasinada cando estaba grávida, despois de ser violada no monte da Guía por unha manada de fascistas a noite do domingo 11 de abril de 1937, xunto ao seu home José García Niebla, fogueiro da draga portuaria que construía o peirao de transatlánticos, tras ser detidos a mesma noite por un pelotón de falanxistas e membros da Garda Civil que os acusaron de acoller na casa de Sanjurjo Badía a César Rosas, dirixente de CNT e a Antonio Iglesias, os roxos máis buscados da provincia. Terrible historia a de Ángela, nacida o 28 de marzo de 1911 no barrio A Pasaxe, na parroquia de Camposancos, do concello da Guarda, onde abrazou a fe evanxélica, moi coñecida en Teis, onde se trasladou en 1930 cando casou, como a «Angelita, la protestante», novelada polo seu neto, o xornalista Paco Niebla, tras unha longa investigación, publicada co título La Protestante. Ojos azules, corazón rojo (IEV, 2025).

Niebla reconstrúe a infancia e mocidade de Ángela na Guarda, onde sufriu o pasamento prematuro da súa nai e dunha irmanciña, e os días vigueses de entusiasmo da República, nos que naceron os seus fillos Pepe e Chicho, até os meses de terror faccioso. Velaí onde a historia novelada adquire todo o seu sentido, tras o tráxico e perturbador desenlace dos seus avós, vítimas do terror máis atroz e desapiadado, que afectou ao José Ramón Curbera, o conserveiro que negociou as condicións das súas empregadas con Ángela, que sufriu ao día seguinte un infarto repentino. Desgracia que sufriron tamén os tres fuxidos acubillados na casa de Ángela e José, dos que César e Antonio se suicidaron, para evitar ser detidos, e Ernesto tras ser capturado fusilado no Castro o 1 de xullo de 1937. Historia novelada con firme pulso narrativo, completa por Niebla cun epílogo no que reconstrúe as biografías das vítimas e se dá conta dos pormenores dunha investigación que se alongou máis de dúas décadas. Outra excelente publicación do IEV, que contribúe a desvelar a biografía desta muller xenerosa e comprometida, de ollos azuis e corazón vermello.

Dixitalización

O trasacordo da Consellaría de Educación, contemplando que nas aulas de quinto e sexto de Primaria participantes no programa E-dixgal se poden utilizar libros de texto impresos en tres materias, como xa sucedía en dúas da ESO, reorienta por vez primeira, desde a posta en marcha do programa Abalar 2010, a estratexia de dixitalización da administración educativa galega cara un modelo híbrido de uso de recursos didácticos, onde conviven os impresos e os dixitais. Modelo de “hibridación” defendido polos membros da Asociación Galega de Editoras que publicabamos materiais educativos e que despois de máis dunha década, supón o regreso á casa de partida, a de artellar o proceso de dixitalización nos centros educativos. Cuestión que vai moito máis alá da escolla do soporte dos recursos educativos ou da participación ou abandono de E-dixgal, xa que como sinalan as expertas do Grupo Cavila de Nova Escola Galega (NEG) a dixitalización «obriga a unha profunda mutación do paradigma pedagóxico, das prácticas organizativas e didácticas na aula», que respondan aos requirimentos do Deseño Universal da Aprendizaxe como as necesidades educativas da sociedade dixital actual. Rectificación necesaria do equipo de Román Rodríguez, unha oportunidade para que os centros volvan a esa casa de partida do taboleiro e deseñen dende aí os seus plans de dixitalización, tanto os participantes en E-dixgal, coma os que non, xa que a todos obriga esta hibridación dos recursos educativos, termo que non se debería confundir co dos libros de texto e manuais escolares. O Grupo Cavila de NEG propón que cada centro conte cun plan estratéxico de dixitalización, asumido polo claustro e a comunidade educativa, adaptado ao seu contexto, de xeito que centrado no desenvolvemento da competencia dixital garanta ao alumnado e profesorado a súa accesibilidade, equidade, inclusividade e sostibilidade. Aproveitar este reseteo de E-dixgal para reconsiderar onde vai a dixitalización é unha oportunidade que cada centro non debería perder.

Publicado en Nós diario: 17/09/2025

Océano Sobral

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do pintor Antón Sobral na sede d’ Afundación:

Durante o mes de setembro á sede de Afundación acolle unha mostra retrospectiva, «Océano Sobral», que celebra cincuenta anos de creación artística de Antón Sobral (Marín, 1952). Regreso agardado do noso primeiro pintor do mar, que desde 2012 non expoñía en Vigo, para presentar un percorrido por unha obra iniciada en 1968, que dende entón fixo a súa forma máis xenuína de instalarse no mundo. Artista total, ningunha actividade creativa lle resultou allea e en todas procurou a beleza, para el revolucionaria pola súa capacidade de chegar á verdade. Explorou as posibilidades creativas da pintura, onde é un consumado mestre do debuxo e da cor, mais sen renunciar nunca a utilizar outras artes visuais, como a fotografía e a videocreación; sen menoscabo da escrita de poesía ou do comisariado artístico, sendo corresponsable da recuperación recente da Bienal de Pontevedra, da organización de encontros de arte e natureza ou do espazo de arte de Culturgal, entre outras mostras. Artista empático cos públicos, levou a súa obra por todo o país, en máis de trescentas exposicións, así como polo estranxeiro, en prazas como Munich, Passau, Mayenne, A Habana ou Nova York, o que non lle impediu comprometerse sempre con todas as causas xustas da humanidade.

Pintor vocacional, sabe que a ollada do porvir se enxerga na liña do horizonte, ese espazo impreciso entre as marxes, no que ceos e mares se confunden, apenas matizadas pola presenza ou ausencia das xerfas de intensidade branca. Ollada presente nas cento de mariñas que leva pintado dende hai catro décadas, que conforman  o corpus «Océano Sobral», cerna da mostra viguesa, pezas das que nos confesamos admiradores devotos e seguidores entusiastas das súas variacións de formato e cor, aínda que mantendo sempre tensa a liña do horizonte. Océano que a xornalista Belén López nun extraordinario acróstico, colofón da exposición, atribúe a condición de Sobral como «ladrón de azuis» e «navegante de ceos e océanos». Pezas que funcionan como concentrados de marusía, posuidoras de inequívocos efectos euforizantes provocados pola mestura proteica de salitre e pedramol, que o pintor de Marín no seu estudio matiza pola firmeza poética do trazo e a escolla emotiva da gama de cor. Cadros nos que este pintor namorado do mar aposta unhas veces pola choiva, outras pola brétema, sexa polo mar calmo ou impetuoso, unhas e outras veces procurando a lectura do poema. Mariñas sen apenas referencias xeográficas, coa excepción de dúas das Cíes e algunha da ría de Noia, onde non hai nostalxia nin dramatismo por que as ardentías recenden o sabor salgado das gamas dos azuis. Pintura de tenra fondura, a comuñón do ser humano co mar, o que o crítico Antón Castro atribúe a súa admiración pola luz e os mares románticos de J.M. William Turner, John Constable e Caspar Friedrich.

Xaora o tema esencial da pintura sobraliana é o tempo e a súa medida, ciclos circadianos da natureza interminables que coma instantáneas representa nos seus cadros, onde ceos e mares son sempre novidosos, sexa polo tránsito da luz, o estoupido do trono ou a presenza próxima ou remota da treboada. Temática meteorolóxica, que corresponde aos máis grandes paisaxistas, coma dun Turner atlántico se tratase, que ofrecen as súas mariñas para ser escrutadas por olladas náufragas e percepcións propias. Os óleos de Sobral son portos seguros para ensoñacións activistas de entusiasmo compartido, quizais por levar dende o berce o mar nos seus ollos e polo seu compromiso adulto de vivir en preamar como o vixía dunha corrente oceánica na que se valoran as crebas e non se oculta, como ten salientado o escritor Xaime Toxo, o esforzo de procurar os verdellos da última marea.

Ademais do océano de mariñas e horizontes de formatos diversos, na que se inclúen as máis recentes de exaltación policromática, un par de nús e o espazo «Silencio», que se propón ao visitante olle sentado durante seis minutos, destaca na retrospectiva a presentación do Caderno do mar (Deputación de Pontevedra, 2014), páxinas dun libro de poemas de Xaime Toxo, ilustrados por Antón, que a grande formato funcionan como murais dunha bitácora dun mariñeiro sentimental, escrita pola carga mariñeira de palabras claves como areal, con, esteiro, foz, buguina, brétema, entre outras. Como chama a atención o espazo dedicado a lembrar a súa iniciativa artística en solidariedade cos obreiros de Ascón, na que participaron os máis sonados artistas de entón, como Laxeiro ou Colmeiro, no que amosa o seu carácter de artista activista galeguista insubornable, que nunca desistiu. Benvida a Vigo esta nova mostra tan necesaria e atractiva de Antón Sobral, o noso primeiro pintor de horizontes e esperanzas, mestre da vida lenta, ser humano exemplar, obrigado referente ético da cultura galega actual.