Aplausos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á cerimonia vespertina do aplauso sanitario

Nas rutinas familiares da corentena o momento máis agardado da xornada é o do aplauso vespertino das oito. Apenas un par de minutos de apoio mutuo nos que a veciñanza se recoñece e saúda en fiestras e balcóns e celebra a fortuna de continuar un día máis sen novidade facendo fronte a unha inesperada circunstancia planetaria que a todas obrigou a modificar de forma radical as súas vidas. Un contacto apenas visual, acompañado nalgúns casos de asubíos, cancións ou percusións improvisadas, que expresa a esperanza de superar xuntas uns días de incerteza e medo nos que se loita contra algo invisible que a calquera pode matar. Aplausos solidarios nacidos para recoñecer a afouteza e a dedicación do labor do persoal sanitario e do resto de traballadores e traballadoras esenciais que coidan da nosa saúde, seguridade e benestar. Aplausos que fenden o silencio das rúas baleiras que constitúen unha inxección de optimismo para todas as persoas que loitan contra a propagación do contaxio, sexa as que o fan nos hospitais, nos centros de saúde, nas ambulancias ou laboratorios como as que tamén contribúen quedando na casa respectando tan incómodo confinamento domiciliario. Aplausos de fraternidade que quedarán na nosa memoria futura como a mellor expresión dunha desventura común vivida nuns días nos que agromaba o entusiasmo da primavera.

Aquela iniciativa puntual dun minuto de aplausos cidadáns, convocada por mensaxería instantánea e redes sociais hai pouco máis de dúas semanas en Madrid e Gasteiz, onde saltaron dous dos brotes iniciais da epidemia na península, co inicio do estado de alarma transformouse en práctica habitual en todas as cidades para recoñecer o traballo impagable do persoal do servizo público de saúde, tamén vítimas do contaxio. Un xusto recoñecemento ao sistema sanitario público nun momento inédito de emerxencia que probablemente chega tarde tras unha década de recortes continuados  e privatizacións que debilitaron e precarizaron a súa estrutura de profesionais, sobre todo na atención primaria, como os medios dispoñibles no seu conxunto. Carencias angustiosas de persoal médico e de enfermaría, mais tamén de medios (equipos de protección individual, probas diagnósticas ou aparellos de UCI…), que nestas circunstancias pavorosas e nunca vividas se están poñendo a proba, ameazando con colapsar o sistema, cando o virus se está, aquí como no resto dos estados da nosa contorna, amosando tan imprevisto como desapiadado.

Aplausos de solidariedade que moito se agradecen tamén nas residencias de maiores, como podemos comprobar cada serán na nosa rúa, outras das institucións golpeadas con máis crueldade por esta crise, tanto polo número elevadísimo de vítimas mortais e casos activos como pola incerteza inevitable que se vive dentro de todas elas. Residencias que forman parte da rede de coidados do sistema público de atención á dependencia que como sucedeu co sanitario foi dende 2012 moi danada tanto pola política de recortes e redución do déficit público como pola febre privatizadora de empresas transnacionais e fondos de capital risco que as consideran unha fonte segura de ingresos. A ausencia dramática en moitos destes centros de persoal cualificado, tanto de atención xerocultora como sanitaria, de equipos de protección individual, os soldos escasos das traballadoras, a rotación constante dos seus cadros de persoal, a externalización de boa parte dos seus servizos ou a falta de controles públicos do seu funcionamento foron denunciados como principais problemas dun sector que vive á intemperie os seus días dramáticos.

Aplausos interxeracionais, nos que participan as crianzas e as persoas maiores, que reclaman o valor precioso do sistema público de coidados dos sectores sanitario, educativo e de atención a maiores e persoas dependentes. Un valor que non se poderá desprezar cando se debatan as medidas para saír desta crise global, que non pode ser considerada como outra catástrofe económica máis a engadir ás provocadas polo capitalismo impaciente deste século XXI ou ás complexas relacións que a humanidade mantén coa saúde do planeta, onde probablemente puidese atoparse a orixe do virus asasino. Como sinalou o veterano pensador francés Alain Touraine, a saída posible pasa por deseñar «unha sociedade de servizos entre humanos», o que empurrará cara arriba ás persoas coidadoras, que sabemos son de forma maioritaria mulleres. Un mundo no que, como sinala o filósofo Daniel Innerarity, teremos que facernos a vivir con moitas cousas que descoñecemos, «onde as decisións son arriscadas e a información incompleta». Cadora, con estes aplausos diarios, como advertiu o escritor Manuel Rivas, tamén contribuímos a «manter a salvo a esperanza, é tan pequeniña!».

 

Quedar na casa

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a pandemia do coronavirus e o confinamento na casa

A corentena permitiume volver sobre as páxinas d’ A peste (1947), a novela de Albert Camus, desta volta na extraordinaria tradución para o galego de Isabel Soto e Xavier Senín, publicada por Hugin e Munin (2018). Confeso que no relato de Camus abraioume a proximidade á situación que estamos vivindo. O retrato do mal e a súa superación, naquela primavera dun Orán colonial onde as ratas mortas inzan paseniño ás rúas mentres se estende a enfermidade, é útil para entender como unha praga semellante afecta tanto ás persoas contaxiadas como aqueloutras indemnes á doenza. A peste arrasa a actividade comercial e social e «suprime o futuro e os desprazamentos» de persoas que, até entón, se tiñan [coma nós] por libres ou non imaxinaban poder ser vítimas do contaxio. Mais tamén unha epidemia na que xurde [coma tamén no caso actual] o mellor da condición humana, unha mensaxe de esperanza que Camus deitaba cando a humanidade acababa de derrotar ao nazismo.

A lectura da versión galega d’ A peste convida a reflexión sobre a utilidade da ficción literaria para achegarse, a pesar de ter transcorridas sete décadas, a unha epidemia como a do coronavirus, onde aquela inquedanza inicial de hai unhas semanas polos seus efectos, á altura deste terzo do confinamento previsto no estado de alarma e diante das estatísticas sanitarias e económicas, converteuse xa en medo e ansiedade sobre o futuro que nos agarda. Emocións retratadas na novela de Camus como un xeito de «exilio na propia casa», onde cada un de nós estamos «reducidos ao noso pasado» e obrigados a «aceptar vivir o día a día, e só fronte ao ceo». Cadora e por ventura, nesa obrigada soidade familiar da nosa reclusión contamos coa comunicación dixital e o acceso aos produtos culturais nas pantallas que nos facilitan mantermos en contacto coas persoas queridas, acceder a información en tempo real ou mesmo, dentro das posibilidades, non desvincularmos totalmente da nosa actividade laboral ou educativa.

O saber experto, unha das claves para enfrontar a pandemia do COVID-19, xunto a posta en valor preferente dos servizos públicos de sanidade, atención á dependencia, educación e seguridade, estableceu que o confinamento e o distanciamento social son medidas imprescindibles e obrigadas para superar esta crise sanitaria. Medidas severas pola restrición da nosa liberdade para movernos onde nos pete e polo seu carácter universal (polo momento aínda incompleto, na medida que o actual estado de alarma non afecta a todas as actividades económicas non esenciais por igual) que poñen a proba tanto a nosa intelixencia colectiva como a capacidade empática de cada cidadán para respectalas coa severidade e continuidade que requiren. Empatía que debemos entender como un exercicio de intelixencia e solidariedade de cada un de nós que asume que toda a cidadanía está ameazada e que todos podemos sumar co noso comportamento responsable e cos coidados que achegamos na tarefa cooperativa de vencer ao coronavirus.

Non somos inxenuos e sabemos que este confinamento obrigado ten tamén un carácter de clase xa que afecta de forma moi desigual a unhas e outras persoas, dependendo da súa idade, das súas características funcionais ou das condicións da súa vivenda. Dentro destes colectivos máis vulnerables están as persoas maiores, que sofren a presión emocional de constituír o primeiro grupo de risco, as que padecen doenzas mentais ou discapacidades funcionais e os menores de 15 anos, un colectivo de 7 millóns de persoas, completamente desaparecido do espazo público, que dende a declaración deste estado de alarma adultocéntrico son responsabilidade privada que corresponde a cada unha das súas familias. Unha situación inédita que está provocando tensións nalgunhas familias, sobre todo nas que contan con vivendas máis reducidas ou precarias, menos recursos dixitais (carecen de ordenador, impresora ou conexión internet) e menor formación dos proxenitores. Unha fenda de desigualdade que apenas pode ser mitigada polo voluntarismo e entusiasmo do profesorado que pretende acompañar ás familias coas súas tarefas e orientacións propostas de forma telemática.

Nestas condicións, enfrontar as vindeiras semanas de reclusión non vai ser doado para ninguén, sexa polo impacto emocional que provoca a información da pandemia como polo ruído engadido polos bulos e fake news que corren polas redes sociais. Con todo, como sucede na novela de Camus, serán días nos que no entorno deste exilio na casa con certeza aparecerán iniciativas para mitigar a doenza da soidade das persoas queridas ou para evitar a pasividade ou a ansiedade das nosas crianzas. Quedar na casa e manter sempre aberto o fío coa comunidade á que pertencemos. Velaí o exercicio de intelixencia colectiva que precisamos.

 

Estado de alarma

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estado de alarma declarado pola pandemia COVID-19:

O pasado xoves un rapaz de segundo de Primaria do cole de Cedeira preguntoume «se iamos morrer todos». Contesteille decontado cun «claro que non, non te preocupes, todo vai ir ben», mais non podo negar que a pregunta no contexto dunha conversa escolar sobre o coronavirus me confundiu e me levou a remoer sobre cal é a percepción e o impacto emocional que esta crise xera nas crianzas. A pregunta provocoume certa ansiedade tinguida de tenrura pola claridade coa que o neno expresaba ese temor ao descoñecido e ao imprevisible, quizais percibido nunha conversa na casa ou no patio, que todos debemos afrontar no actual estado de desconcerto. Na aparición dese medo, esa confusión imprevisible, caótica e ameazadora, esa emoción que aparece cando cremos inevitable que nos pase algo malo, daniño ou doloroso, está a cerna desta crise inédita nas nosas vidas que nos reclúe na casa diante das nosas pantallas onde experimentamos e compartimos o asombro de vivir algo que pensabamos nunca nos podería suceder a nós.

Un asombro que para a nosa incredulidade amosa que estes abraiantes e paradóxicos anos vinte agochan un mundo en imprevisible mudanza inzado dos medos provocados pola emerxencia climática, polos desastres meteorolóxicos de tremendos temporais e longas secas, pola aparición dos novos autoritarismos trumpianos e xenófobos en todo o mundo, polas crises económicas periódicas dun capitalismo financeiro impaciente, polas aplicacións da intelixencia artificial e da robótica, polas crises humanitarias de millóns de persoas migrantes ou por esta inesperada pandemia… Tolos anos vinte que a ficción actual da BBC e HBO intentaron representar en series impactantes e moi recomendables como «Years and Years» (2019), un inquedante prognóstico sobre o noso futuro inmediato, mais que como sinalou o poeta Lois Pérez estes días nun seu chío memorable non poden aínda superar á «realidade no seu achegamento á morte, como límite invariable e absoluto da vida». Tempos nos que a pesar de todo hai espazo para a inocencia, a curiosidade e a construción dun mundo alternativo sempre que abandonemos o noso espazo de comodidade e esteamos dispostos a preguntarnos como podemos contribuír a atopar unha saída para a comunidade humana á que pertencemos.

Estado de alarma que en pleno curso obriga a quedar na casa aos escolares durante canto menos catorce días, o que obriga ás familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar na medida do posible os prexuízos que este peche poida provocar no seu estado emocional e desenvolvemento académico. Todo un reto para cada familia obrigada a procurar da noite para a mañá un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das súas actividades. Unha situación difícil que por ventura está contando co apoio e o compromiso do profesorado que dentro das posibilidades e dos recursos dispoñibles da tecnoloxía educativa dixital de cada centro ofrece actividades académicas e orientacións formativas. Un tempo de reclusión familiar onde ademais da realización destas tarefas escolares as crianzas deben dedicar un tempo específico para a lectura, outro para a tele, outro para o movemento, outro para a comunicación dixital cos seus colegas e familiares, como unha hora para os xogos de mesa de todos os membros da casa, sen esquecer a súa implicación nas tarefas domésticas de limpeza e cociña, o que fomenta a súa responsabilidade e a súa autonomía. Unha reclusión que ademais obriga a toda a familia a compartir a información dispoñible sobre a pandemia e as persoas adultas a non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución.

Esta inesperada parada forzosa na casa é unha oportunidade para que crianzas e persoas maiores asuman que é tamén a súa mellor achega para paralizar a transmisión dun virus tan nocivo. Unha experiencia, non exenta de molestias e horas de aborrecemento, que axuda a comprender que a saúde e a vida das outras persoas depende do que cada un de nós faga, como a nosa do que fagan todas elas. Concibido así o noso illamento, como un exercicio de corresponsabilidade onde cada un co seu comportamento contribúe ao benestar do conxunto, non só aumentan as posibilidades de derrotar ao virus, tamén a de saírmos reforzados como comunidade. Unha superación da pandemia que se producirá, máis tarde ou máis cedo, grazas ao noso servizo de sanidade pública e ao compromiso dos seus profesionais, que debemos preservar e defender como o tesouro precioso de propiedade colectiva que é. Unha saída á que contribúen nestes días difíciles outras heroes anónimas como as caixeiras dos supermercados e o persoal ao servizo das administracións que preservan a nosa seguridade e o funcionamento dos servizos públicos. A todas elas, saúde e aplausos.

Baladas da Galicia feminista

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do 8 de marzo:

Despois de manter unha conversa de máis dunha hora por skype cos membros do club de lectura da Biblioteca Galega de Bos Aires tiña previsto escribir un Campo de Granada sobre a incerteza do prognóstico das eleccións galegas do 5 de abril, que de mobilizarse o electorado progresista podería abrir paso á mudanza política no país. Abofé que esta conversa transoceánica cunha ducia de entusiastas e ben informadas galeguistas austrais sobre a historia recente da narrativa galega e o preocupante futuro da transmisión xeracional da lingua nosa encheume os depósitos de optimismo que por vicisitudes da vida e dalgunhas das súas derrotas se foran agotando nos últimos anos. Un férreo optimismo da vontade, aprendido da actitude resiliente da miña nai para superar adversidades e non perder nunca a liña do noso horizonte de xentes humildes, que vin de forma inesperada reflectido en «Louisiana o Els Camps de Cotó» (2012), unha emotiva carta aos pais enchida de saudades de quen na súa procura atopa a felicidade na escolla dunha forma de vida sinxela e paciente, unha canción memorable de Els Amics De Les Arts convertida en himno por máis dun millón de persoas participantes naquela inesquecible Diada de 2017.

Semellante coincidencia produciuse no serán no que o Celta de Óscar García Junyent resistía no Coliseum de Xetafe coa súa defensa solidaria e afouta, feito que moito celebrei polo que supón de adquisición dunha maior capacidade para competir en igualdade. Xaora, celebrei esta serendipia inesperada que une unha comunidade de galeguistas arxentinas coas seguidoras desta emotiva balada catalá, ambas as dúas orgullosas de non esquecer de onde proceden, que atoparon nesa orixe o seu baluarte para continuar pelexando polo futuro dun «ceo que non se acaba». Axiña lembrei que esta vontade fora recollida por Narf e Uxía nesoutra canción memorable que é «Esta noite», incluída no seu disco Balada da Galicia imaxinaria(2015): «Teño toda a forza pra loitar, teño cada noite pra soñar e cada minuto pra lembrar quen eu son, pra lembrar de onde eu son; esta noite vou voltar ao lugar onde sendo crianza brinquei, onde sendo un rapaz eu soñei na braña grande, na praia das gaivotas, no patio da escola, nas vías da estación…». Versos lúcidos do inesquecible e chorado cantor compostelán (Francisco Xavier Pérez Vázquez) que acreditan a pertenza a unha tribo que cre no futuro, que tras un momento de abatemento recupera folgos xa que coñece de onde ven, sabe onde está e decide cara onde pretende dirixirse.

Baladas de esperanza que trouxo a Vigo, tamén nesta fin de semana do 8 de marzo, Sés para presentar no Teatro AFundación (o vello García Barbón) o seu novo traballo Liberar as arterias(2020). Outro concerto memorable da cantora bergantiñá, infatigable defensora da lingua galega que coa súa enerxía conseguiu mobilizar a ese Vigo feminista e orgulloso da identidade galega cos temas dun disco de músicas que percorren o continente americano de norte a sur e no que teñen grande protagonismo os versos marcantes da poeta e activista de mocidade eterna Luz Fandiño, autora da letra de «Liberar as arterias», a canción que dá titulo o disco: «Son a poeta daqueles que loitan por saír de escravos, son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado [… ], poeta analfabeta, poeta dos que sobreviven do emprestado…». Un traballo no que Sés-Fandiño reclaman liberar as arterias, evitando a trampa de odio e da desesperación, o feito de quedar anuladas, anoxadas, coléricas ou descontroladas, como sempre o sistema patriarcal agarda das mulleres. Para a cantora de tempestades de sal a felicidade, a ledicia e o vitalismo son tamén ingredientes necesarios na loita para que outras cheguen a ser libres.

Futuro en igualdade que para estes incertos anos vinte o serán do domingo 8 de marzo reclamaron polas rúas viguesas mulleres libres de toda idade e condición. Milleiros de voces que cos seus pés lilas e os fíos da sororidade caligrafaron as pegadas dunha mensaxe de igualdade real e transformadora onde non teñen espazo nin machismos cotiáns nin sexismos nin acosos nas aulas nin nas músicas nin discriminacións ningunhas en oficinas, fábricas ou noutros lugares de traballo. Unha marea lila que fixo de Vigo unha cidade de mulleres libres que puxeron o foco no invisible, nesa división sexual do traballo dos coidados a crianzas e persoas maiores achegados case na súa totalidade por mulleres silenciosas, «esas creadores de vida, aleitadoras, brillantes activistas da vida cotiá que resistiron a séculos de forza», que homenaxea a cantora Guadi Galego nas súa canción «Matriarcas» (2014). De novo o futuro do político encarnado nas baladas da Galicia feminista. Beizón para as nosas cantoras.

 

Dona Ernestina, mestra

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a reinvidicar a figura da pedagoga redondelá Ernestina Otero

A mestra e pedagoga Ernestina Otero Sestelo é unha das nosas pioneiras que mellor expresaron o anceio de igualdade e liberdade da causa feminista. Nacida en Redondela en 1890 cursou a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, obtendo aos dezaoito anos o grao de «Mestra superior». Inqueda e afouta, Ernestina vencendo as resistencias daquel tempo que aconsellaba ás mulleres recluírse no eido privado, ao ano seguinte ingresou na recén creada Escuela de Estudios Superiores de Magisterio de Madrid destinada á formación do profesorado das Escolas Normais, o precedente das actuais facultades de Pedagoxía. Unha estancia en Madrid que resultou decisiva xa que lle permitiu coñecer a persoas vinculadas á Institución Libre de Ensinanza, impregnándose das ideas educativas progresistas e coeducadoras, que dende entón desenvolvería na súa práctica profesional.

De regreso a Galicia, casou co boticario Luis Pereira Míguez, incorporándose en 1915 á Escola Normal de Pontevedra como profesora de Pedagoxía. Integrada na vida cultural e social capitalina, Ernestina promove coas súas alumnas iniciativas educativas novidosas como excursións e visitas a museos, instalacións industriais ou lugares históricos. Actividades que despregará con toda a súa intensidade unha vez proclamada a República, cando ocupará a dirección da Normal e presidirá o Consello Provincial de Primeira Ensinanza, órgano de xestión da rede de escolas públicas que recibiu pulo durante aqueles anos de entusiasmo educativo. Ernestina participou na creación de novas escolas e na posta en marcha de cantinas e roupeiros escolares, cos que se pretendía fomentar a escolarización e contribuír a mellora da situación precaria de moitas familias. Mais tamén atendeu á promoción da educación de persoas adultas, ao fomento da reciclaxe do profesorado rural e á cooperación cos concellos na creación de campos agrícolas experimentais.

Comprometida co país, ademais de fomentar o estudo e investigación das características xeográficas, históricas e culturais de Galicia, en febreiro de 1933 asinou o «Manifesto dos intelectuais galegos en favor do Estatuto de Autonomía», nunha relación onde só aparecía dúas mulleres, ela e Mª Cruz Pérez inspectora de Primeiro Ensino. Unha sinatura e un compromiso coa democracia que co levantamento militar pagaría moi caro, tanto ela como a súa familia, xa que foi depurada e suspendida de emprego e soldo en novembro de 1936 (como as súas irmáns Lola e Esperanza, mestras as dúas) e, despois en xuño de 1937, expulsada definitivamente do seu posto case coincidindo co pasamento do seu home, que morrería anémico, tras recibir malleiras e múltiples inxestións de aceite de rícino provocadas polos rebeldes fascistas. Anos difíciles para ela nos que mantivo a súa familia e pagou varias multas con pasantías e converteu a rebotica do seu home en roupeiro solidario desde o que axudar a presos do penal da illa de San Simón e ás súas familias. Revisado o seu expediente en decembro de 1939, Ernestina sufriría o traslado forzoso a Escola Normal de Ourense, onde exerceu unha década até que en 1951, tras ser autorizada a participar no concurso de traslados, recuperou por fin a súa praza na Escola de Maxisterio de Pontevedra. Durante un lustro, representou na Normal da Boa vila os valores da ILE e as experiencias educativas do movemento da Escola Nova da que sempre foi seguidora, formando nelas a varias promocións de mestres e mestras nos que deixou unha forte pegada.

Un daqueles seus alumnos, Herminio Barreiro, anos despois inesquecible profesor de Historia da Educación da facultade de Pedagoxía de Compostela, escribiu que dona Ernestina foi «o símbolo da emancipación feminina e feminista na educación da primeira metade do século XX». A pesar de sufrir o desgaste da persecución política e os achaques dunha feble saúde, até o seu pasamento en 1956 dona Ernestina representou o valor da dignidade daquelas mulleres que permaneceron relegadas e silenciadas na súa defensa a prol da igualdade e dos dereitos das mulleres. Por ventura, só hai uns poucos anos comezaron os recoñecementos e a posta en valor da súa figura. Primeiro en Redondela, o seu berce natal e espazo familiar, despois en Pontevedra, onde exerceu durante trinta anos, que incorporaron o seu nome ao rueiro. Hai pouco na Universidade de Vigo, que lle deu o seu nome a un dos seus edificios. Como recoñecementos honoríficos co nome de Ernestina Otero outorga cada 8 de marzo o Consello Municipal da Muller de Vigo (nesta edición á xornalista María Xosé Porteiro) e a Asemblea Feminista Paxaretas a aquelas persoas e entidades do concello de Redondela que traballan a prol da igualdade real entre homes e mulleres. Grazas, a dona Ernestina, mestra e pioneira.

 

Peonalización sen túnel

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a peonalización da Porta do Sol, Paseo de Afonso e rúa Elduayen para as que entendo é innecesario o túnel previsto

É unha excelente noticia a peonalización da Porta do Sol, á que se debería engadir a do Paseo de Afonso, o noso espazo máis fermoso, o miradoiro de solpores incribles que en palabras de Valentín Paz Andrade abren as rotas do mar de Galicia. Peonalizacións que deberían incluír, ademais, a da rúa Elduayen, coa que se pecharía a ferida aberta no Vigo vello entre o barrio Alto e o barrio do Berbés desde que se trazou en 1879 unha nova rúa, chamada inicialmente Travesía, que unía a recén aberta Porta do Sol co barrio da Falperra e coa estrada de Camposancos. Peonalizacións que suporían un fito na historia da cidade xa que se gañaría para o paseo o espazo existente entre a Farola de Urzaiz e o comezo da rúa Pi e Margall, alongando tamén o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira.

Unha peonalización que se converte nunha oportunidade para abordar cos criterios da Axenda 2030 das Nacións Unidas de desenvolvemento sostible un modelo de mobilidade para Vigo orientado a reducir as emisións de CO2 e o consumo de enerxía, o que obriga a limitar a entrada de vehículos no espazo concibido como «Vigo central». Un plan de mobilidade no horizonte de 2050 para unha cidade metropolitana intercomunicada, inclusiva e accesible para todas as persoas, baseado no funcionamento dunha rede de transporte público funcional, intermodal e non contaminante (coincidindo coa finalización do contrato de Vitrasa) e unha nova planificación urbana, recollida no Plan Xeral de Urbanismo, na actualidade en proceso de elaboración, que contemple a apertura de viais horizontais e verticais, de carrís bici, vieiros peonís escolares… Senllas oportunidades para poñer en marcha en Vigo neste mandato tamén as recomendacións do obxectivo 11 da Axenda 2030 da ONU no que atinxe ao pulo da participación activa da cidadanía na gobernanza e xestión da cidade.

Unha peonalización entre o Paseo de Afonso e a Porta do Sol que apenas precisaría para poñela en marcha dun corte do trafico semellante ao que se ven realizando en Nadal ou Entroido. Peche que, porén, debería estar contemplado no novo modelo de mobilidade e no seu correspondente plan de tráfico da cidade. O que obrigaría a implementalo de forma gradual, afectando primeiro aos vehículos privados, permitindo a circulación aos vehículos públicos e de reparto en función do calendario de posta en marcha do novo modelo de transporte urbano e da finalización das actuacións urbanísticas pendentes na zona (Panificadora, Barrio do Cura…).

Unha peonalización gradual que facilitaría a recuperación progresiva da rúa de Elduayen co seu estilo histórico de finais do dezanove. Mais sería unha medida incompatible coa construción do túnel previsto e a súa insólita sucesión de muros, ramplas de pendente ascendente do 14 % e bocas que pola súas dimensións obrigarían ao estreitamento das beirarrúas con dimensións inferiores ás existentes, o que impediría o paseo dos peóns. Obras cunha profundidade equivalente a dúas plantas dun edificio, o que podería afectar ás estruturas de edificios históricos protexidos. Un túnel que probablemente incrementaría a circulación do número de vehículos polo Vigo central, o consumo enerxético e as emisións, o que é incompatible tanto co fixado na Axenda 2030 para a mobilidade en cidades sostibles como cos eixes de Transición Ecolóxica nos espazos urbanos para evitar gases de efecto invernadoiro e as consecuencias do cambio climático.

Aínda é posible reconsiderar a execución dunha obra que ameaza constituír un erro histórico que condicionaría de forma irreversible o futuro do Vigo central nas vindeiras tres ou catro décadas, como no seu día sucedeu coa instalación no Areal da emerxente industria conserveira, o que pechou para sempre o Vigo pétreo ao mar, ou coa destrución do patrimonio pétreo durante os mandatos de Portanet e Ramilo, ou o que puido suceder co Scaletrick de Lepanto, por ventura reconsiderado in extremis polo alcalde Manuel Soto. Aínda é posible un trasacordo cando tan relevante actuación non aparece contemplada en ningún dos plans xerais nin sequera pode ser considerada unha obra prioritaria, cando existen puntos negros na mobilidade da cidade, que precisarían unha actuación semellante máis urxente, como a conexión entre as avenidas Antonio Palacios e Castrelos, por poñer un caso dun atoamento estrutural.

Hai marxe para reconsiderar a construción do túnel de Elduayen e ao mesmo tempo continuar coa peonalización e co arranxo previsto para a Porta do Sol e agardemos que tamén para o Paseo Afonso así como para dotar á cidade metropolitana dun novo plan de mobilidade. Un proxecto ilusionante para a toda a cidade que polo seu carácter estratéxico debería contar co apoio unánime dos grupos políticos e colectivos veciñais. A alcaldía debería valoralo.

 

Campo do Fragoso CCXXXV

CELTA CON RESULTADO

O Celta de Óscar García Junyent, xogando en inferioridade numérica dende o minuto vinte, obtivo onte en horario inglés un gran resultado, tres puntos de ouro noutra finalísima contra un dos seus rivais directos. Unha vitoria épica e fulcral na loita pola permanencia dun equipo máis competitivo e eficaz, alicerzado sobre un estadio que nunca perdeu a fe e cada xornada mellor armado táctica e emocionalmente polo cadro técnico do adestrador catalán. Velaí os resultados dos seis últimos partidos, nos que de 18 puntos o Celta obtivo a metade, apenas perdeu un encontro, co Valencia nun gran actuación, conseguiu cinco goles e recibiu apenas 3. Unhas cifras alentadoras que con trece datas por diante (39 puntos) devolven a ilusión a un equipo que hai dous meses deambulaba na proximidade do precipio.

E iso que o de onte non foi un partido doado, sobre todo pola severidade habitual co Celta que amosou José Luis Munuera Montero, que non dubidou sacar cartón vermello a Filip Bradaric por unha entrada perigosa, pasados apenas vinte minutos, nun erro inadmisible do croata, só explicable polo seu descoñecemento da competición. Outra decisión severísima cos celestes deste árbitro, que a pasada semana dende a sala do VAR, porén, contemporizou cos merengues na entrada brutal de Bale sobre Rafinha. Actuación arbitral que onte condicionou o desenvolvemento do partido e virou en ridícula cando quixo compensar ao Celta expulsando a un dos visitantes, Óscar Rodríguez, por unha acción semellante a do expulsado celeste, que a arbitraxe do VAR a 600 quilómetros de Balaídos lle obrigou a emendar. Decisións polémicas que fixeron tolear a bancada, que apupou de seu ao andaluz, mais que se ben condicionaron o xogo non resultaron determinantes para o resultado, grazas á lección de afouteza dos celestes e ao recital táctico de Óscar García dende a banda.

Foi o Leganés dende o inicio un rival incómodo. Adiantando moito a súa liña de presión, Javier Aguirre propuxo un partido físico de contacto e presión intensa, sometido aos avatares de múltiples interrupcións, a maior parte delas teatrais. Outra proposta dese fútbol moderno segmentado e roto, tan antipático como, até agora, rendible para os visitantes en Balaídos. Diante de semellante panorama custoulle ao Celta un cuarto de hora botar un saque de recanto e case unha hora fabricar a primeira xogada marabilla. Unha ocasión nacida no 58’ dun pase ao espazo de Denís Suárez, que regresaba ao once de gala, recollido por Aspas que pasou sobre Rafinha con tan mala fortuna que esvarou cando ía rematar soíño na proximidade da área pequena. Dous minutos despois chegaría a xogada decisiva nacida tamén da participación da estrela de Salceda, que recibiu unha entrada dura de Óscar Rodríguez, á que xa nos referimos. A sanción provocou o lanzamento dunha falta lateral que Olaza tirou con luva de seda e permitiu que Aspas rematase a media altura, entre a incredulidade dos seus defensores. Outra xenialidade do noso Merlín de Moaña, cada vez máis fino no remate (aí van nove caroliños) e tamén máis identificado co caderno competitivo de Óscar García.

Coa táboa de marcas por diante e media hora de xogo, o adestrador de Sabadell comezou o seu recital táctico de serena afouteza ao que xa nos ten afeitos. Comezou por retirar do terreo a Smolov, que amosou detalles técnicos e compromiso, para introducir a Beltrán, o que facilitou a recuperación e a circulación dende a medula. Cadora, continuou a súa valente defensa do resultado, cun cuarto de hora por diante, modificando o debuxo por un 5-3-1, primeiro, dando entrada a Aidoo na defensa, e despois a Mina para substituír en punta a un Aspas desfondado polo seu esforzo de xigante. Certo é que os dez minutos finais foron agónicos, incluídos os cinco de tempo engadido interminable, mais os de Óscar dirixidos por un Rafinha inmenso e protexidos polo muro de Murillo souberon defender a vantaxe fronte a un Leganés con máis corazón ca acerto para inquedar a porta de Rubén.

Foi, abofé, un partido con mellor resultado ca xogo celeste; mais tamén foi un partido decisivo xa que consolida a traxectoria dun Celta que compite cada vez mellor, dun vestiario cada vez máis comprometido e unido por un cadro técnico que comeza a ofrecer resultados. A ilusión regresou ao Campo do Fragoso. A deriva está sinalada na carta celeste, cómpre agora encadear dúas vitorias para ir achegándose a porto seguro.

 

Febreiro marrucheiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao refraneiro de febreiro, mes marrucheiro en tempo de Entroido:

O mes de febreiro, o máis curto do ano, foi manancial inesgotable para o refraneiro e a cultura popular agraria galega. Hai máis de trinta anos que o académico Xesús Ferro Ruibal escolmou no seu Refraneiro Galego Básico (Galaxia 1987) máis de dúas ducias de textos que facían referencia ao carácter cabriteiro (tamén bautizado no refraneiro como verceiro, escarabanadeiro, grileiro, molineiro, mexadeiro, bertoeiro…) dun tempo no que pola Candeloria se casan os paxariños (o noso día do amor) e habitualmente se celebra o Entroido e a súa exaltación transgresora e larpeira: «Febreiriño corto, cos seus días vinte e oito, se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro nin orellas ao pregoeiro». Refrán que alude á dureza meteorolóxica dun mes frío («febreiro sete capas e un sombreiro»), chuvioso («a auga de febreiro fai o palleiro») e de nevaradas («dure a miña veciña o que a neve febreiriña»), considerado o «pior de todos».

Cadora, a sabedoría do refraneiro e do prognóstico meteorolóxico popular admite a figura do trasacordo, razón pola que ten previstos outros refráns para aqueles febreiros máis levadeiros, como o que polo momento vai este ano: «se febreiro non febreirea, marzo marcea»; agoiro que pode resultar máis ou menos preciso se lembramos que «febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro» ou aqueloutros que din «febreiro quente, trae o demo no ventre» ou «un día bo en febreiro é un ladrón no eido». Prognósticos que coas mudanzas do cambio climático probablemente conviría reconsiderar, como aqueloutro que reza «polo San Matías (24 de febreiro) iguala as noites e os días», percepción popular do ciclo solar unha miga imprecisa xa que adianta case un mes a chegada do equinoccio de primavera, que este ano 2020 será o 20 de marzo ás 3:50 horas.

Sexa febreiriño levadeiro e bisesto coma o actual («ano bisesto, ano funesto»?), non hai dúbida do seu carácter de mes larpeiro e lambón por excelencia no calendario de noso, xa que este tempo da cerna do entroido é o preferido para compartir os cocidos, os bolos do pote, as cacholadas, as boteladas, as androlladas e os lacóns con grelos, pratos que preceden á proba de filloas, freixós e outros encaixes de mesa como orellas de frade, chaolas, follas de limón, flores, chulas, sapos da Limia ou bicas e rosquillas coas que se pechan as enchentes destes días. Expresións dunha cultura gastronómica popular que pese a práctica desaparición da cultura agraria tradicional na que naceu (coma a do refraneiro ou a de correr o entroido) renace hoxe na Galicia urbana como recreación cultural culinaria e expresión dun estado de ánimo vitalista e festeiro.

Febreiro que celebra cada 24 o nacemento de Rosalía de Castro, un aniversario que coincide este ano co luns de entroido, no que a Fundación Rosalía (https://rosalia.gal) promove a recuperación ese día do Caldo de Gloria na carta de máis dun cento de bares e restaurantes de todo o país. Unha iniciativa de recuperación culinaria inspirada no poema «Miña casiña, meu lar» de Follas novas no que a poeta de Padrón explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria dunha muller pobre. Unha recuperación ou re-creación do Caldo de Gloria, o bolo do pote, no que a FR recomenda seguir as instrucións que a autora nosa dá no poema ou consultar a receita enxebre que Picadillo achega en La cocina práctica (1905): «o caldo galego de verdade redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada». Reinvención do caldo galego en data tan sinalada que se pode facer nos propios fogares, como a de-construción da receita do cocido galego en termos de cociña saudable, que tivemos a fortuna de gozar na mesa viguesa da doutora Eva Estévez, unha auténtica marabilla de sabores tradicionais que contribúen á modernización do primeiro dos nosos pratos da cociña de inverno.

Como febreiro é por excelencia o mes das filloas, ou freixós (no norte da provincia de Lugo) ou marruchos (na Ramallosa e noutras parroquias do Val Miñor), a primeira das nosas sobremesas de inverno, unha especialidade que non só está presente na cociña galega, velaí as crêpes bretoas ou os pancaques arxentinos ou uruguaios. Filloas ou marruchos, sometidos tamén a un necesario exercicio de de-construción modernizadora, cuxa presenza na carta de sobremesas era para Álvaro Cunqueiro indispensable para calquera restaurante ou casa que pretendese ser considerada galega. Proba da filloa na que abonda acompañala de azucre ou mel, sabendo que esta froita de tixola ten moi diversas receitas en Galicia enteira. Gocen destes días felices en tempo de entroido corredoiro, unha oportunidade magnífica tamén para febreirear na mesa coas persoas queridas.

Vigo metropolitano primeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito do transporte metropolitano de Vigo

A resolución do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1, que admite a querela interposta polo concello de Redondela en 2018, cando era alcalde Javier Bas (PPdeG), solicitando que fose eliminado o requisito do empadronamento para poder obter a tarxeta de transporte urbano de Vigo, é outro capítulo da batalla política e xudicial entre o PPeG e Abel Caballero arredor da Área Metropolitana de Vigo (AMV). Unha interminable liorta política, que prexudica á veciñanza da rexión urbana de Vigo, máis que para os protagonistas constitúe outra oportunidade para enrocarse nas súas posicións. Unha sentenza que carece de utilidade práctica xa que dende abril de 2018 as persoas residentes noutros concellos, grazas a un auto ditado polo mesmo xulgado, poden solicitar este moedeiro electrónico ao concello de Vigo, sabendo que se lle proporcionará nun formato distinto (unha tarxeta branca) ao do coñecido como PassVigo reservado para as empadronadas nas oficinas do Campo de Granada.

Como tampouco mudou o debate xurídico, xa que para ambas decisións, o xuíz se baseou na Lei 2/2017 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de 8 de febreiro, texto xurídico que Abel Caballero considera foi promulgado polo Goberno de Feijoo coa intención de castigar aos vigueses, xa que só se aplica en Vigo. Unha «lei Feijoo», que se axusta coma unha luva ás posicións do PPdeG desde que a ausencia de acordo sobre o transporte metropolitano abortou a posta en marcha da AMV, prevista na Lei 14/2016, de 27 de xullo. E dende aquela negativa da Xunta de Galicia en 2017 a inscribir á área metropolitana viguesa, este conflito político e xudicial deixou en auga de castañas o funcionamento da institución política máis relevante para o futuro da primeira rexión urbana de Galicia.

Mágoa que neste debate sobre o futuro metropolitano, onde non lle faltaron nunca os argumentos, o alcalde Abel Caballero, obsesionado coa súa estratexia de «Vigo primeiro», non sempre acertase coa mesura e coa altura de miras necesarias na construción do proxecto histórico do Vigo metropolitano. Esa obsesión, á que non foi allea tampouco na defensa dos intereses de Vigo e da súa veciñanza a utilización do seu característico e retador ton ditirámbico, explica erros de pé de banco como pretender converter a PassVigo, apenas un moedeiro electrónico xestionado por unha entidade bancaria, nunha especie de dni vigués polivalente, capaz de ser utilizado no vitrasa, no acceso privilexiado aos concertos de Castrelos ou servise de forma experimental como chave dixital para abrir os colectores marróns, que esixen a utilización de bolsas cen por cen reciclables. Un exceso de entusiasmo que deixa polo camiño algunhas afirmacións pouco afortunadas nunha cidade onde todos dunha ou doutra maneira somos xentes de fóra, nun viguiño que ao longo de máis dun século acolleu cos brazos abertos aos nosos bisavós, avós ou pais sen preguntarlles pola súa condición ou facer diferenza ningunha sobre a súa procedencia.

A exitosa estratexia electoral do «Vigo primeiro» do alcalde Caballero prendeu en terreo moi fértil abonado polo desamparo da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoo, que someteu a Vigo e a súa rexión a un durísimo illamento institucional e orzamentario, do que o problema do transporte é apenas a punta do iceberg. Mais indo ao caso que nos ocupa, nas bonificacións do transporte urbano é inadmisible facer distincións entre as persoas usuarias empadronadas en Vigo, Redondela, Cangas, Mos, Nigrán, por citar algúns dos concellos da AMV, cando todas acceden en vitrasa ao Cunqueiro ou a Povisa, ou cando acuden a traballar a calquera dos polígonos industriais radicados neles. Empregando o transporte colectivo todas contribúen a facer unha cidade sostible e saudable, sexa no anel central ou nas contornas periurbana ou metropolitana. Velaí a cerna para establecer un sistema de mobilidade metropolitana intermodal, capaz de reducir de forma efectiva a utilización do vehículo privado, onde na mesma rede se articulan o uso do autobús, o transporte de ría, o tren de proximidade, o carril bici e a mobilidade a pé, tanto horizontal como vertical. Un modelo de mobilidade que pola súa dimensión e importancia require o acordo e o compromiso económico entre a Xunta de Galicia e todos os concellos da AMV.

Esta sentenza sobre a PassVigo reabre o esquecido debate do transporte metropolitano e obriga aos actores políticos, Xunta e concellos da AMV, a acadar (si ou si) un acordo que poña fin a este envurullo interminable. As 600.000 persoas que vivimos e nos movemos na rexión urbana de Vigo non podemos continuar sendo discriminadas. É unha oportunidade de ouro para recuperar o espírito acolledor dunha cidade que se foi construíndo con estrépito deitada diante da ría de Vigo.

 

Campo do Fragoso CCXXXIV

CELTA CON AMBICIÓN

Comezou o Celta a súa primeira finalísima fronte ao Sevilla de Lopetegui como pechacancelas da categoría e rematouna fóra dos postos de descenso. Unha gran vitoria na casa que moito se fixo de rogar dende aquela do pasado 6 de outubro fronte ao Athletic, o que provocou no serán de onte un estoupido inesperado de ledicia e entusiasmo nas bancadas do vello Balaídos. Un partido gañado con autoridade fronte a un rival duro de roer (quinto da clasificación) grazas aos dous golazos de moi fermosa execución de Iago Aspas e Pione Sisto. Tres puntiños de ouro que devolven a esperanza ao cadro de Óscar García Junyent ao que a pesar do seu bo xogo a fortuna lle fora allea as pasadas semanas fronte ao Eibar e o Valencia.

Sorprendeu o adestrador celeste coa ambición do seu once de gala, incluíndo xa a Smolov, coreado pola bancada no día do seu trinta aniversario como a nova esperanza branca. Como ambiciosa foi a primeira grande xogada de ataque celeste aos cinco minutos de inicio na que Iago Aspas, despois de canear na área ao central Diego Carlos, xutou lixeiramente desviado. Ambición celeste, que se repetiría dez minutos despois, na biqueira do mago de Moaña tras un triángulo trazado na área visitante con Rafinha, onte tamén o cerebro creativo do Celta, e dous minutos máis tarde nun xute envelenado de Brais, que regresaba ao once ocupándose da banda esquerda. Mágoa que cando o equipo liderado sempre por Rafinha volvera carburar en ataque, no 22’ un erro inocente de Olaza ao intentar controlar un balón co peito foi aproveitado polo pillo En-Nesyri que a todo filispín encarou a Rubén para superalo cun globo ben feitiño. Unha desgraza na táboa de marcas que non facía xustiza ao que até entón acontecerá na lameira do Fragoso.

Un gol que conxelou ao estadio durante varios minutos, mais que o cadro de Óscar soubo encaixar, xa que decontado volveu sobre a meta de Vaclik, quen non 34’ chapou un pexegazo de Smolov, que acreditou así unha boa pegada. Xaora, sería Rafinha quen no 38’ tivo a oportunidade máis clara cando xutou alto un servizo excelente que lle filtrou á área Brais, tras unha recuperación e un gran cambio de xogo de Iago Aspas, sempre moi activo na súa mobilidade nas bandas. Con todo, o Sevilla noutro erro defensivo celeste, neste caso de Murillo, tivo no 40´o segundo na biqueira de Ocampos, que por ventura non conseguiu superar a Rubén nun man a man de infarto.

Óscar introduciu mudanzas xa ao comezo da segunda sesión dando entrada a Pione Sisto procurando maior verticalidade no xogo. E abofé que o internacional dinamarqués non defraudou e dende a banda esquerda petou no 59’ e no 68’ sobre o gardarredes visitante. Óscar García non se conformaba e no 69’ fixo debutar ao croata Bradaric, substituíndo ao voluntarioso Fran Beltrán, o que lle permitiu adiantar a posición de Okay, quen dende ese momento empurrou ao equipo ao ataque. Grazas a ese movemento táctico en vinte minutos de tolería, abrindo o campo de banda a banda, o Celta conseguiu os dous tantos da remontada. O primeiro, no 77,’ naceu dun pase diagonal extraordinario de Rafinha e dun remate de alta escola de Iago Aspas que despois de deitar ao porteiro conseguiu xutar na área pequena ao pau corto, practicamente sen ángulo ningún. Un tanto que facía xustiza a un gran partido do noso goleiro internacional, a quen tantas outras veces nesta liga a fortuna lle fora adversa.

O gol da vitoria chegou tamén pola ambición dun equipo que non se conformou co empate. Óscar sacou no 88’ a Santi Mina, que substituíu a Smolov aínda facendo a pretempada. E grazas a que o equipo non perdeu nunca a fe, no 90’ marcou Pione cun xutazo milimétrico ao pao longo aproveitando unha asistencia marabillosa de Okay que roubou, conduciu en velocidade e pasou con cano incluído sobre o extremo dinamarqués. Un golazo de moitos quilates tanto pola súa perfecta e fermosa execución como polo moito que supón para a recuperación anímica e a autoestima do cadro de xogadores de Óscar.

Tras esta importante vitoria o Celta ten a metade do traballo feito. Fáltanlle outros vinte e puntos a obter en apenas 15 xornadas. Se acredita a ambición atacante e a seriedade defensiva, a pesar dun par de erros, amosada onte fronte a un rival potente e moi competitivo, pode conseguilo. Upa Celta!