Quesada, mestre da retranca

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Fernando Quesada, mestre do humorismo gráfico galego falecido o pasado sábado.

quesadaCando souben do pasamento de Fernando Quesada lembrei aquela noite feliz da cea da Fundación Magar na que lle tocara no sorteo unha bolsa de produtos conxelados. Fernando, moi contento por tan valioso premio, lamentaba que se lle entregase apenas un vale para ir buscalo á tenda ao longo da semana. “Seguro que isto é unha coña de Magar” dicíanos aos compañeiros de mesa, escarallándose de risa.

Fora aquela unha noite feliz na que celebrabamos, tamén, a publicación de “Chispas de Quesada” (2007), o seu derradeiro libro antolóxico no que escolmou con paciencia entre as súas vinte mil viñetas, pouco máis de duascentas, unha pequena mostra da colaboración diaria que mantiña en Faro de Vigo dende o 3 de xuño de 1961, cando Díaz Jácome, daquela redactor xefe do decano, lle publicou o seu primeiro chiste político, sendo director do periódico Manuel Cerezales. Un libro que editamos en Xerais coa intención de continuar aqueloutros catro de “Chispas da roda”, publicados nos anos setenta con moito éxito na colección “O Moucho” de edicións Castrelos, así como os de Galaxia nos oitenta como “Xente de hoxe”, “Xente para todo” ou “Xente a esgalla”. Porén, despois da presentación das nosas “Chispas” no Corte Inglés, da man do seu amigo Ceferino de Blas, Fernando despediuse das páxinas de Faro no verán de 2011, case coincidindo co pasamento da súa compañeira Ana Legido, mergullándose na soidade dun escuro silencio.

Os que aprendimos a ler no Faro comezabamos o periódico polo chiste de Quesada, que nos achegaba o primeiro sorriso do día, un alustro de ironía en branco e negro, non exento dunha sutil dose de acedume, unha das marcas singulares da ollada retranqueira de Fernando. Aquelas viñetas iluminaron durante cinco décadas aos lectores de Faro polos aconteceres da actualidade política, social e deportiva de Galicia e, sobre todo, da cidade e do Celta de Vigo. Unha auténtica proeza xornalística, unha obra gráfica monumental dun humorista, debuxante e notable pintor figurativo que funcionou como o enganche imprescindible entre a primeira e xenuína tradición do humor gráfico galego desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro e o ponteareán Ignacio Vidales Tomé e as xeracións posteriores de humoristas contemporáneos, tanto a dos anos setenta e oitenta formada por Siro, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Gogue, Bofill e Xosé Lois “O Carrabouxo”, como a máis recente, a do século XXI, a dos Davila, Aguilera, Kiko da Silva, Pinto e Chinto, Santi Gutiérrez e outros moitos. Nomes todos que se espellaron no mestre Quesada e que fixeron de Galicia a auténtica potencia da retranca que é hoxe.

Fernando Quesada foi o terceiro irmán dunha familia de pintores ourensáns. Comezou a publicar os seus primeiros debuxos na revista do Club Deportivo Ourense onde din tamén xogaba ao fútbol de forma xenial. Despois de rematados os seus estudos de Profesorado Mercantil e de ingresar en 1958 no corpo de xestión da Facenda Pública (onde traballou ata a súa xubilación en 1998), chegou a Vigo en 1961, iniciando as súas publicacións en “Faro de Vigo”. Colaboración que ampliaría, dende 1964, nas páxinas da prensa madrileña, primeiro en “Arriba” e, logo a partir de 1969, no vespertino “Pueblo”, onde os seus chistes adquiriron gran popularidade, e noutras moitas revistas como “La Codorniz”.

Quesada contoume como daquela mandaba o seu chiste a Madrid polo tren que saía cada tarde de Urzaiz ás oito e cuarto. Xeralmente non había problema, mais algunha vez, cando non secara o entintado dos seus caricaturizados (Nixon, De Gaulle, Mao Tse Tung ou Golda Meir) ou non lle atopara decontado os tres pés ao gato, o maquinista do expreso debía recollelo en Redondela ou Porriño, estacións ás que Fernando saía disparado no seu seiscentos para entregarlle a viñeta que comezara a preparar nas horas da sesta, despois dun día na oficina. Anécdota que demostra que aquel tren levaba, ademais do mellor peixe fresco Ría, outras delicias non menos exquisitas, os “pasatempos e filosofías, brincadeiras e retrancas” do Quesada.

Coa tímida apertura da censura dos anos setenta, Fernando Quesada foi gañando peza a peza os límites da temática dos seus chistes explorando a cotidianidade da cultura tradicional e empregando, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas viñetas, o que en palabras de Francisco Pablos “permitiulle reinventar un país”. É entón cando aparecen os seus personaxes máis característicos e divertidos: os labregos mestres da retranca, os afiadores que levan media hora pedindo paso, os emigrantes sentados nas súas maletas, os albaneis e os canteiros que manexan petrodólares, os gameleiros que adiantan en cambio de rasante ou os maquinistas que botan terra a un asuntiño… Quesada foi un tipo xenial de aspecto incontrolado, un “coñeiro” que atopaba os furados agochados do cotián, un mestre da retranca que hoxe choramos e nunca esqueceremos.

Onte 1666: «Presas fáciles» de Miguelanxo Prado

presas_facilesCada novo título de Miguelanxo Prado, o máis internacional dos nosos narradores, xunto a Manuel Rivas, é un acontecemento para a edición e creación galega. Asi sucedeu esta semana, coincidindo coa celebración do Saló Internacional del Cómic de Barcelona, con Presas fáciles, a súa contundente resposta á degradación moral e política que vivimos na última década. Ao fío do estremecedor suicidio de dous maiores estafados polas preferentes, cando ían ser desafiuzados, Miguelanxo recupera a súa expresión máis realista, tanto no que atinxe á trama como á representación (detalladísima) dos espazos da Coruña, a súa cidade, para ofrecer un dos seus libros máis memorables, á altura de Ardalén ou Trazo de xiz. A corrupción e a impunidade coa que actuaron as entidades financeiras son denunciadas nesta novela gráfica como formas de violencia avaladas polo estado cando non defende aos máis débiles. Recomendo moi vivamente.

Onte 1665: A Rosalía das Barxas

rosalia_moaña

Abraiante o mural realizado polo alumnado e profesorado do IES As Barxas de Moaña deconstruíndo ao xeito rosaliano o cadro de Delacroix «A liberdade guiando ao pobo». Unha peza de seis metros de longo e case tres metros de alto que volve demostrar a atracción icónica de Rosalía capaz de continuar conectando coa mocidade como ningunha outra figura da nosa cultura. Como se pode comprobar no vídeo que preparou a profesora Luz Beloso, un código QR nun dos laterais do mural permite acceder dende o mobil ao vídeo animado da «Xustiza pola man», un dos poemas emblemáticos de Follas novas preparado o pasado curso polo alumnado do mesmo instituto. Esta Rosalía afouta das Barxas guiando ao pobo galego énchenos os depósitos de entusiasmo e esperanza. Marabilla destoutro traballo do alumnado e profesorado de 4º de ESO e 1º de BAC do Obradoiro de Artes Plásticas deste centro público de Moaña. Beizóns!!!

Onte 1664: «Testemuña» de Manuel María

Manuel_Maria_retrato_Xose_Abad

 

Preparando onte unha intervención sobre Manuel María, que farei a vindeira semana, din con este retrato magnífico do poeta que lle fixera en 1994 Xosé Abad naquela colección titulada «Retrato Autorretrato». Unha proposta experimental na que a persoa fotografada escolleu os elementos da súa preferencia que compoñen a obra final. Manuel María optou por decorar o fondo caligrafando un seu autorretrato que escribira en 1956 e debuxando un «anxo da terra Chá». Un documento artístico hoxe moi esclarecedor que pode constituír un excelente recurso didáctico nesta Semana das Letras.

 

TESTEMUÑA

Estou entre a néboa, eiquí en Galiza.
Non teño dornas para navegar o mar
que peta en min, mouro e terrible.
Profesei de galego dende neno
na miña Terra Chá senlleira e longa.
Por sucos teños as miñas veas
unha soidade ferida por semente
e por terra cativa este meu corpo
feito de arxila fleve e pecadora.
Dos meus escuros beizos estas verbas
que anceian voar coma paxaros
polo ceo pequeno de min mesmo.
Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten de agromar fermosa e branca
para xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sutil e misterioso da saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galiza dende sempre.

Manuel María

1956 (Copia manuscrita de 1994)

Foto de Xosé Abad. (Mil grazas)

Onte 1570: Mary Quintero no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra

10006120713Acompañei onte a Mary Quintero na conferencia que ditou no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra. Unha lección magnífica sobre o retrato de estudio e a súa evolución nas últimas seis décadas, ao fío das mudanzas da tecnoloxía fotográfica, dende o branco e negro e as técnicas de retoque de cor, pasando pola aparición da cor e do proxector de fondos, até as máis recentes da fotografía dixital. Ao longo de máis dunha hora, acompañando a proxección das fotos incluídas no libro que publicamos en Xerais, Mary Quntero demostrou que todas esas mudanzas técnicas supuxeron para ela novas posibilidades creativas e artísticas. Non obstante, fose nos retratos de mulleres da súa primeira exposición no Círculo das Artes de Lugo en 1950 ou nas fotos dixitais máis recentes en exteriores, a fotógrafa viguesa sempre acreditou na importancia da composición e na arquitectura da luz, os dous elementos dunha boa foto. A preocupación pola luz, que é o mesmo que dicir a súa alma de artista, alumeou a vida profesional desta muller pioneira e rebelde. Na quenda de preguntas confesou que tamén fotografara nus femininos, que os  anos oitenta foran os seus preferidos e que na actualidade os seus maiores intereses artísticos eran a pintura grosa e a fotografía de exteriores.

Onte 1541: «Libro do mal amor» do IES Laxeiro

Cando visitei o IES Laxeiro de Lalín, Gracia Santorum agasalloume un exemplar do Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero. Unha auténtico alfaia, tanto pola calidade da edición como pola experiencia didáctica que supón, onde alumnado e profesorado do centro abordaron un labor colaborativo no que reflexionan sobre a violencia e o machismo utilizando os recursos expresivos da poesía e da ilustración. Traballo artístico ao que se sumaron máis de corenta escritores e escritoras que crearon cadanseu haiku denunciando o feminicidio. Máis alá da valiosa achega artística, tanto dos textos como da ilustración, este libro testemuña o interese dun enfoque didáctico transversal e interdisciplinar que aborda co alumnado de secundaria o ADN do machismo, onde xermola o mal amor, eses comportamentos de posesión que constitúen expresión do modelo de amor romántico tan nocivo. Parabéns por tan modélico traballo a Gracia Santorum, promotora da experiencia, como á comunidade educativa, que dirixe Uxío Grande. Orgullo de ensino público galego!

Fotógrafo José Suárez

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre José Suárez do Museo Centro Gaiás.

marineiros_15.javiota
Na fotografía galega hai pezas que se transformaron en iconas Galicia do século XX. Ese foi o caso das fotos da despedida de Manuel Ferrol ou dos adeuses de Alberto Martí, que expresan toda a dor da emigracion, como o retrato da muller e a radio de Virxilio Vieitez, traduce a soidade dos que aquí quedaron. Outrosí sucede coa ollada inmensa do neno que garda nos seus brazos a dorniña “Javiota” de José Suárez, enxergando un horizonte que cremos de esperanza. Cartaces en branco e negro son hoxe arquivos de memoria capaces de explicar o noso devir colectivo quizais mellor ca moitos textos académicos. Fotografías que forman parte do noso patrimonio común, cuxa difusión constitúe unha obriga dos poderes públicos ao tempo que unha posibilidade para reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser como comunidade de seu.

A exposición sobre José Suárez instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura até o 27 de marzo é unha oportunidade para descubrir o conxunto da obra dun fotógrafo coñecido que axiña quedou esquecido. 206 fotografías e 150 obxectos persoais, escollidos por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, conforman unha mostra exhaustiva que percorre todas as series do fotógrafo de Allariz, mesmo as que permanecían inéditas ou nunca expostas, conformando a panorámica duns “ollos vivos que pensan”, título da exposición que corresponde a unha frase de José Bergamín, ao que Suárez retratou no exilio en Buenos Aires. Mais os comisarios, co afán didáctico que caracteriza as súas mostras, quixeron contextualizar o traballo do fotógrafo ourensán nos espazos onde foi mostrado e publicado, dando conta tanto da súa peripecia biográfica como das súas viaxes a Xapón ou Sudáfrica, que influíron na súa obra fotográfica. Contidos presentados en dez audiovisuais que se completan coa posibilidade de consultar nunha taboíña dixital cada un dos libros publicados polo fotógrafo alaricano. Recursos que xunto a un catálogo impreso de magnífica edición cadran unha exposición modélica, tanto polos contidos como pola súa montaxe e diversidade de recursos utilizados.

Xaora, o primeiro que impacta son as series etnográficas dos anos 30, escolmadas no libro “Galicia, Terra, mar e xentes” (Xerais, 1981), onde se recolle parte do traballo fotográfico previo, realizado en Bueu, antes de que filmase a película “Mariñeiros”, que remataría no exilio e nunca sería proxectada en Galicia. “Mariñeiros”, serie publicada en Arxentina en 1937, exposta con éxito en Vigo en 1971, na sala de exposicións da Caixa de Aforros, e escolmada por Xerais en formato almanaque este 2015, por si soa xa merece un lugar relevante na historia da fotografía galega. Un traballo fotográfico no que se aborda en profundidade a vida dos mariñeiros galegos a través de retratos en primeiro plano ou imaxes dos seus obxectos, como redes ou aparellos, mais onde están sempre presentes as persoas ou os espazos onde deixaron a súa pegada. Nesas fotos, como a citada do rapaz da “Javiota” ou a impresionante do Gabián celta, Suárez acuñou o seu estilo de retrato máis característico, onde nunca aparece a ollada frontal, suxerindo con inequívoca tenrura un futuro incerto.

Sorprenden as series de fotografías do exilio (1936-1959), sobre todo as da neve da cordilleira (Suárez foi un gran amante do esquí), as de Tierra de Fuego e as da viaxe a Xapón de 1953, nas que por vez primeira se distanciou das persoas fotografadas. Están presentes, ademais, as fotos que fixo dende o seu retorno do exilio en 1959 até os anos anteriores ao seu suicidio na Guarda o 5 de xaneiro de 1974, días moi difíciles nos que viviu co ánimo vencido. As paisaxes brancas e as persoas vestidas de negro da súa serie da Mancha, de mediados dos sesenta, expresan o seu interese polo Quixote. A serie taurina (1967), un traballo de encargo dunha revista norteamericana, serviulle para explorar as posibilidades expresivas das sombras. Mentres que nas fotos localizadas en Eivissa e Mojácar volveu sobre a súa relación obsesiva entre o ser humano e a paisaxe. Remata a mostra coas fotos tiradas en Galicia nos sesenta, onde recupera o interese pola ollada etnográfica, aínda que non faltan os motivos simbólicos en pezas como a do escaparate de chapeus da rúa do Vilar ou a do crego e as cadeas da praza do Obradoiro.

A mostra de José Suárez emociona até chegar a conmover. Todos e cada un dos seus cartaces posúen alma, todos eses retratos que non miran á cámara deitan melancolía, non exenta dun aceno esperanzado. Suárez soñou que o seu arquivo servise algún día para iniciar unha fototeca galega. Quizais esta excelente mostra, que viaxará a Buenos Aires no outono austral, coincidindo coa Feira do Libro na que Compostela será cidade convidada, contribúa a pór en valor a súa obra. Recoméndoa.

Onte 1533: «A Coruña Anónima»

Caruncho_Bragado_Lopez_14-12-2015

XG00253701Máis dun cento de persoas xuntáronse onte no CGAI para participar na presentación d’ A Coruña Anónima, o calendario para o ano 2016 preparado polo fotógrafo José Caruncho e o xornalista Antonio López Mariño. Un acto interesantísimo no que se ditaron senllas leccións históricas moi divulgativas, Caruncho sobre as orixes da fotografía no século XIX, dende as imaxes de Daguerre de 1837 até as placas secas e os calotipos que se utilizaron nas décadas de 1870 e 1880, e Mariño sobre A Coruña de hai 135 anos, cando se tiraron estas doce fotos que para el constitúen «a primeira reportaxe completa da cidade nos seus diversos ámbitos, a pesar de que a primeira foto coñecida da Coruña é de 1865». Mariño apuntou que a data da colocación da primeira pedra da casa do concello, coincidindo coas festas de María Pita de xullo de 1879, é esencial para datar estas imaxes anónimas, das que polo momento descoñecemos o nome do seu autor. Para Caruncho «este fotógrafo anónimo coruñés traballou á altura dos mellores do seus tempo», «probablemete utilizou a técnica de placas secas e todas as imaxes foron feitas desde un lugar elevado, quizais un carromato». A presentación rematou cun visionado das imaxes comentadas con todo detalle e erudición por Mariño.

Campo do Fragoso CLXX

aspas_riopa«FÚTBOL DELL’ ARTE» COLECTIVO

No serán do sábado gozamos dunhas cantas xogadas do Celta que poden ser clasificadas como propias do “fútbol dell’arte”, unha das variantes deportivas das Belas Artes. Dúas paradas imposibles de Sergio Álvarez, o Gato de Catoira, e un gol fantástico de chapeu de Iago Aspas, o Xenio de Moaña, constituíron accións de grande beleza que, a pesar de durar apenas uns segundos, coma lostregazos dunha treboada nocturna, os espectadores conservaremos nítidas na memoria. Eis outro dos valores do fútbol, constituír unha forma visual da beleza, eis o carácter de cada un dos partidos como confrontación de intelixencias en movemento, onde se formulan, como escribiu André Maurois, problemas matemáticos de gran complexidade que se resolven nun alustro.

Faltariamos a verdade se considerásemos estas tres accións extraordinarias illadas, froito do talento ou da fortuna dos seus autores, xa que o sábado foi todo o equipo de Eduardo Berizzo quen deu unha demostración desmesurada de xenerosidade no esforzo, de compromiso colectivo para facer fronte á inferioridade numérica, de resistencia e do sufrimento compartido até os límites dos límites. Actitudes asumidas por todos os membros dun cadro que funcionou como un verdadeiro equipo que facilitaron a aparición na lameira da lucería nas biqueiras de Aspas ou nas luvas de Sergio. Eis outro dos valores do fútbol, constituír expresión dunha intelixencia colectiva e dun traballo solidario e compartido por un conxunto de once persoas, eis o carácter de cada partido como confrontación destas vontades e intelixencias compartidas sobre o farrapo da lameira durante noventa minutos.

Fronte ao Espanyol o Celta foi moi superior en ambas as dúas modalidades futbolísticas. Durante case toda a primeira parte intercambiou golpes cun conxunto marrulleiro, disposto a defenderse a ferro e fariña até atopar unha fenda illada, oportunidade que apareceu a media hora de xogo e que Sergio resolveu coa súa primeira man extraordinaria. Porén, o Celta nunca perdeu o contacto co balón conducido pola batura diesel de Pablo Hernández, un xogador determinante esta tempada, que medra cada partido, capaz de crear superioridades no medio campo, grazas ao seu poderío físico, que facilita numerosas recuperacións, e a súa capacidade técnica, que lle permite ofrecer magníficas asistencias entre liñas. Dunha desas accións do Tucu naceu o golazo de Aspas, que dende o campo propio soubo conducir entre os defensas e escoller unha vaselina de precisión para deixar conxelado ao meta catalán e asombrada a toda a bancada.

O partido mudou de raíz ao comezo da reanudación, tras a expulsión de Hernández. En inferioridade apareceu un Celta sensacional capaz de conmover á afección coa súa intensidade colectiva. Fabián Orellana botouse, entón, o equipo as súas costas coa intención de intensificar o ataque. Si, o ataque, leron ben. O compromiso do poeta chileno permitiu lanzar a Aspas que debeu resolver o partido nun tremendo longueirazo e a Bongonda que rematou a un dos paos. Oportunidades que repetiría o Xenio de Moaña noutras dúas ocasións, cando o Celta arrasaba con esa afouteza teimuda que Berizzo contaxia dende a banda. Unha marabilla!

Inevitablemente, o Celta pagou esforzo tan xeneroso e sufriu o seu durante os derradeiros vinte minutos. Xaora, os ventos lle foron propicios grazas ao traballo inmenso de Cabral e Mallo no eixo da defensa e a outra xenialidade de Sergio no minuto 83, unha man na mesma escuadra que enviou fóra unha cabezada catalá desde a área pequena. Quizais unha das mellores paradas da súa vida, que resolve de raíz calquera debate sobre a súa continuidade na portaría celeste. Foi o do sábado un partido memorable onde o Celta conxugou á perfección á disciplina táctica co talento individual, auténtico “fútbol dell’arte” colectivo. Un Celta que emociona

Presume de Culturgal

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Culturgal 2015 que abre as portas o vindeiro venres.

culturgal_2015_01-12-2015

Esta fin de semana celebrarase Culturgal 2015. Do venres 4 ao domingo 6 de decembro xuntaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de medio milleiro de creadores e creadoras para desenvolver cento cincuenta actividades e tres grandes exposicións; mentres que oitenta entidades expositoras, entre empresas privadas e institucións e entidades públicas, presentarán nun cento de stands as súas novidades e servizos recentes a 15.000 persoas, no que xa é o maior evento anual da cultura galega. Entusiamo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que tras a súa continuidade en Pontevedra, sempre na primeira fin de semana do mes de decembro, conseguiu devagariño crear unha nova tradición no calendario cultural galego e funcionar coma un escaparate das novidades dos sectores da nosa cultura (libro, disco, cine, teatro, cultura dixital e artesanía), mais tamén como un punto de encontro e interacción transversal dos seus profesionais e dos seus públicos.

Organizada pola asociación Culturgal, integrada por cinco asociacións empresariais dos sectores das industrias culturais, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Músicais (AGEM), Escena Galega (teatro), EGANET (empresas galegas dedicadas a internet e novas tecnoloxías) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contando co patrocinio principal de tres entidades públicas (Xunta de Galicia, a través de AGADIC; Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra), que achegan o sesenta por cento do seu orzamento, tras oito edicións, Culturgal madureceu consolidando un modelo de xestión baseado nos principios de corresponsabilidade, profesionalización, calidade, transparencia e participación. A intensa colaboración intersectorial das asociacións, o apoio das administracións públicas, gobernadas por diversas cores políticas, o esforzo hercúleo, o rigor e a austeridade da xestión do evento artellado por un pequeno equipo de profesionais, dirixido nas tres últimas edicións por Xosé Aldea, son outras claves do éxito dunha feira cultural que quixo reinventarse en cada edición coa intención de sorprender aos seus públicos e ofrecerlles melloras na súa experiencia persoal.

No entorno da crise interminable que afectou de forma brutal a todos os sectores da industria cultural, tanto pola diminución do consumo privado, polas mudanzas e incertezas provocadas pola hibridación dixital como pola inevitable rebaixa das achegas dos poderes públicos, Culturgal apostou pola estratexia do estorniño, esa solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade de Culturgal, que ademais de contar coas colaboracións intersectorial e interinstitucional, procurou a dos propios públicos, a primeira razón de ser desta feira, establecendo de forma pioneira en Galicia unha entrada de pagamento para este tipo de eventos culturais (2 euros por día, 3 euros para todo o evento, 1 euro por día para os nenos e nenas entre 3 e 12 anos e 2 euros para todo o evento). E abofé que na pasada edición as respostas dos públicos, tanto o familiar como os especializados e profesionais, non puido ser máis xenerosa e comprensiva, converténdose nun importante motor para acadar a sostibilidade económica deste modelo.

Outras mostras do espírito anovador de Culturgal foron nas últimas edicións a inclusión no programa de actividades infantís dun apartado específico dedicado a bebés e nesta dun espazo específico dedicado ao xogo dos máis novos; o establecemento de liñas transversais da programación, o pasado ano a cultura gastronómica, nesta a posta en valor da cultura da palabra; a ampliación dos espazos formativos e de encontro intersectorial, que este ano suporá un encontro de profesionais da escena e outro de editoras e produtoras cinematográficas; a creación do Premio do Público Culturgal, outorgado por votación popular en internet por milleiros de persoas, que nesta edición 2015 correspondeu a Curtocircuito Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela; e a incorporación das artes plásticas por medio dunha gran exposición patrocinada pola Deputación de Pontevedra, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, baixo a denominación de “Somos espazo”, ocuparase das simbioses creativas entre arte e arquitectura.

Se non abondase, nesta edición a feira presentará un novo deseño espacial co que se pretende facilitar a circulación e satisfacción do público e unha mellor visibilidade para todos os expositores. Eis o lema desta edición “Presume de Culturgal”. Cando apenas quedan un par de días para abrir as súas portas convido a compartir o entusiasmo destoutro Culturgal en man común.