Onte 978: Na Romaría das Letras do Barbanza no pazo de Goiáns

Romaria_Letras_Barbanza_17-05-2014

Participamos onte na presentación d’ A voz do vento, a novela de Pemón Bouzas, que se celebrou na Romaría das Letras do Barbanza organizada cada ano no Pazo de Goiáns de Boiro pola asociación cultural Barbantia. Gustei moito do modelo de festa popular desta romaría literaria, na que ao longo do día participan máis de dúas mil persoas, cun protagonismo moi claro para as letras, a música e a exaltación da cultura popular. Gustei do concerto de Najla Shami, unha marabilla a súa incoporación á nosa lingua e cultura. Porén, lamentei o estado de abandono do magnífico pazo de Goiáns, rescatado como espazo público polo goberno municipal anterior de Boiro, mais que agarda unha urxente intervención dos poderes públicos para evitar a súa ruína.

O modelo de Barbantia de romaría das letras, como o Festiletras de Ponteceso, é o que maior futuro ten para refundar o Día das Letras Galegas. O 17 de maio debe ser unha xornada de festa popular dos libros, do teatro, da música e cinema galegos, cun protagonismo inequívoco para a lingua galega e para os seus creadores, na que ningún autor ou autora, editor ou editora, libreiro ou libreira, actor ou actriz, nin persoa relacionada coa música galega ou co noso cinema pode estar desocupada. Para superar a tan criticada ritualización do 17 de maio é imprescindible esta mobilización expansiva do noso asociacionismo e tecido cultural cultural. O traballo xeneroso de onte dos membros da asociación cultural Barbantia no pazo de Goiáns demostra que é perfectamente posible. Beizóns para eles.

Escaparate 15/2014: A Tenda dos Libros (Ponteceso)

A_Tenda_dos-Libros_17-05-2014

Escaparate d’ A Tenda dos Libros de Ponteceso con motivo do Día das Letras Galegas. Foto irada do Facebook d’ A Tenda dos Libros.

Onte 977: «Poemas galegos»

Feijoo_V_TV

O título de dous libros literarios malogrou a que fora unha entrevista tranquila para Alberto Nuñez Feijoo en V Televisión. O seu compromiso epidérmico coa literatura galega púxose en evidencia cando (1:05:30) confundiu o título de Cantares gallegos e comparou as obras de Rosalía co título dunha novela. Nada que poida sorprender de quen tan escasamente se ten ocupado da industria editorial en Galicia e do futuro da literatura galega, fóra da lectura dos seus discursos (xeralmente excelentes) nas datas ritualizadas e da rotina dos actos académicos e institucionais. A pesar da situación dramática do sector do libro, da perda de emprego dun corenta por cento, da mudanza de paradigma ou dos proxectos de dixitalización educativa, en cinco anos o presidente da Xunta non atopou razón para recibir á xunta directiva da Asociación Galega de Editores. Un comportamento ben diferente ao dos presidentes Emilio Pérez Touriño e Manuel Fraga cos que o sector editorial mantivo contacto directo e permanente. Ben sei que hoxe se repetirán as gabanzas rituais (e mesmo os ditirambos) a lingua e literatura galegas. Ben sei, mais non abonda.

Xeracións, esperanza e continuidade

Afondando na cuestión xeracional, publico no suplemento nº 500 do «Faro da Cultura» (excelente traballo o de Xosé Ramón Pena e o seu equipo) un artigo no que cito os nomes dos que entendo as catro xeracións da narrativa galega contemporánea. Pido desculpas por se queda algún nome fóra, algo inevitable nunha relación de máis de cincuenta persoas. A renovación xeracional e a feminización, a partir do inicio do século, no que aparecen case medio centenar de narradoras, é un xa un feito xeracional incuestionable, que debe ir reflectíndose no conxunto do catálogo da narrativa galega. Unha excelente noticia para celebrar as letras galegas.

 

antoniagamallo_1362227675_82 copiaA pesar das dificultades que supón definir unha xeración literaria, utilizando criterios cronolóxicos ou socioliterarios, estou convencido que é unha categoría util para identificar continuidades e descontinuidades. Máis aínda no caso galego, onde o esforzo colectivo por desenvolver un proxecto narrativo normalizado remóntase ao texto alboral de Francisco Álvarez de Nóvoa, Pé das Burgas, publicado en 1896.

No caso da narrativa galega contemporánea, aquela publicada nas tres últimas décadas, semella que son tres ou catro as xeracións que están contribuíndo en man común á consolidación dos xéneros e a creación de públicos, un feito inédito e gozoso que merece ser celebrado.

«Xeración de fin de século»

Coa metade da década dos oitenta, tras a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, a creación dos premios de novela galega (o Blanco Amor e o Xerais) e doutros especializados (Café de Catro a catro, Cidade de Lugo), e das coleccións Narrativa de Xerais, Literaria de Galaxia, Negra de Cumio, Peto de Nigra, Medusa de Sotelo Blanco, Narrativa de Ir Indo, foi emerxendo a vizosa «Xeración de fin de século», a dos narradores (con escasa presenza de mulleres) que comezaron a publicar en galego arredor de 1985. Un grupo ao que pertencen, entre outros, Carlos G. Reigosa, Xosé Ramón Pena, Manuel Rivas, Suso de Toro, Xelís de Toro, Cid Cabido, Alfonso Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Román Raña, Gonzalo Navaza, Fran Alonso, Miguel Sande, Darío Xohán Cabana, Miguel Suárez Abel, Xosé Cermeño, Miguel Anxo Murado, Vítor Vaqueiro, Xavier Queipo, Xurxo Souto, Xosé Miranda, Manuel Lourenzo González, Antón Riveiro Coello, Francisco Fernández Naval, Ramón Caride, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Angueira, Aníbal Malvar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Antón Dobao, Luís Rei Núñez, Antón Lopo, Manuel Darriba, Marilar Aleixandre (a primeira muller gañadora dun premio Xerais de novela), Luís García Mañá, Ramón Loureiro, Xesús Marcos, Xavier Manteiga, Xerardo Quintiá, Manuel Núñez Singala, entre outros.

«Xeración Lamote»

Chamamos «Xeración Lamote» a aquel grupo de narradores e narradoras, vencellados co mundo educativo e cun inequívoco afán galeguizador, que entre séculos forxaron a literatura infantil e xuvenil en galego. Denominación tirada de Ramón Lamote, o inesquecible personaxe de Paco Martín, primeiro dos premios nacionais deste grupo, ao que se adscriben Xabier DoCampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey. Xeración moi vinculada premio Merlín de literatura infantil e xuvenil e coa colección homónima de Xerais e coa Árbore de Galaxia, da que forman parte tamén Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez, Xosé Antón Neira Cruz, Xoán Babarro, Ana María Fernández, Helena Villar Janeiro, Antón Cortizas, Antonio Reigosa, Concha Blanco, Silvestre Gómez Xurxo, entre outros.

«Xeración do novo século»

Á que o crítico Manuel Rodríguez Alonso bautizou nos seus traballos como «Xeración do novo século» é a daquelas persoas que publicaron o seu primeiro libro en galego arredor do inicio do século XXI. Pertencen a ela narradoras como Medos Romero (2000), Beatriz Dacosta (2000), Rosa Vidal (2001), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Carmen Blanco (2004), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Mar Guerra (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011), Cris Pavón (2012) e Mercedes Leobalde (2014), entre outras.

Outrosí sucede con narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Carlos Quiroga (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Kiko Neves (2001), Alberto Fortes (2002), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004), Xavier Franco (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Jacobo Fernández Serrano (2005), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Xaime Toxo (2011), Antonio Piñeiro (2011), Fernando Díaz-Castroverde (2011), Fernando Méndez (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Pemón Bouzas (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013) e Pere Tobaruela (2013), entre outros.

«Xeración da esperanza»

Porén, se ademais do criterio de publicar o primeiro libro tras o inicio da pasada década engadimos o feito de contar con menos de corenta anos, o que supón ter nacido na metade da década dos setenta ou ao longo da dos oitenta e ser alfabetizadas xa en galego na escola primaria, conformamos outra relación de narradoras novas da que forman parte Antía Nara (1974), María Reimóndez (1975), Teresa González Costa (1975), Iolanda Zúñiga (1975), Rosa Aneiros, (1976), Mónica Góñez (1977), María Canosa (1978), Inma López Silva (1978), Enma Pedreira (1978), Patricia Janeiro (1978), Ledicia Costas (1979), María Lado (1979), Eva Moreda (1981), Iria López Teixeiro (1981), Sabela González (1981), Alba Payo (1981), Alva Martínez Teixeiro (192), Patricia Casas (1983), María Lorenzo (1986), Adelaida Vidal (1986), Berta Dávila (1987), Andrea Maceiras (1987), Iria Morgade (1988), Elena Veiga Rilo (1991), entre outras.

Xaora na listaxe de narradores con estes mesmos criterios están Santiago Lopo (1974),  Pedro Feijoo (1975), Alberto Lema (1975), Xabier Cid (1975), Juan Tallón (1975),  Diego Ameixeiras (1976), Antonio Fraga (1976), Alberto Momán (1976), Manuel Gago (1976), Anxo Fariña (1977), Roberto A. Rodriguez (1977), Ignacio Silva (1978), Mario Regueira (1979), Xosé Díaz (1980), Roque Cameselle (1981), David Pobra (1981), Samuel Solleiro (1982), Pablo García Martínez (1985), e Alberto Ramos (1986), entre outros. Unha xeración de idade na que por vez primeira na literatura galega o número de narradoras é superior ao de narradores. En todo caso unha longa nómina de cen persoas, das que corenta e unha son narradoras, o que supón unha profunda renovación da nómina da narrativa galega actual.

Máis alá das diferencias estilísticas e de xénero abordados como das afinidades estéticas entre elas, tanto a «Xeración do novo século» como a «Xeración da esperanza», como o pulo creativo que manteñen os membros da «Xeración de fin de século» e da «Xeración Lamote», aseguran a continuidade e diversidade da narrativa de noso. Unha excelente noticia para celebrar as letras galegas.

«Nimbos de poesía» de Xulio Xiz

Documental ‘Nimbos de poesía’ from Cultura galega – Xunta on Vimeo.

Un retrato entrañable e emocionante de Díaz Castro preparado por Xulio Xiz en 1987. Hoxe paga ben a pena recuperalo.

Escaparate 14/2014: Pedreira (Santiago)

Libraria-Pedreira_15-05-2014

Escaparate da libraría Pedreira de Santiago con motivo do Día das Letras Galegas 2014. Foto tirada do Facebook da libraría o 15 de maio de 2014.

Escaparate 12/2014: O Trasno Viaxeiro (Teo)

 

O_Trasno_Viaxeiro-Letras_Galegas_2014

Escaparate da libraría O Trasno Viaxeiro de Cacheiras, Teo, con motivo do Día das Letras Galegas 2014.

Onte 973: Duelo de Penélopes

diaz_castro_12-05-2014

Felicísimo foi o acto de onte no Club Faro de Vigo no que homenaxeamos a Xosé María Díaz Castro. Todas as intervencións foron moi brillantes e amosaron a relevancia do autor de Nimbos. Armando Requeixo, o biógrafo e estudoso do escritor de Guitiriz, presentouno como figura poliédrica, poeta durante sesenta anos e tradutor destacadísimo. Luís González Tosar, amigo e editor do poeta durante a derradeira década da súa vida, realizou o retrato humano. Contou con moita finura como Xosé María namorou por carta de María Teresa, a súa madriña de guerra, que sería a súa dona. Relatou a súa amizade con Charles Lessner, o afillado de Karl Marx, que sería en Vilagarcía, cando traballaba no colexio León XIII, o seu profesor de inglés e alemán. E lembrou Tosar con saudade e emoción aqueles días felices compartidos, nos que o poeta colaborou coa revista Dorna.

Pechou as intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín abordando a relación de Díaz Castro con Vigo, «a capital editorial e cultural de Galicia do século XX e do comezo do XXI». Lembrou o papel esencial do poeta berciano Ramón González Alegre, director da revista Alba de Vigo, quen non seu libro Poesía gallega contemporánea, publicado en 1953 por Hugín, deu a primeira noticia do poeta Xosé María Díaz Castro. «Daquela ingnorábase en Vigo que Díaz Castro publicara en 1946 o opúsculo Nascida dun soño na imprenta e librería Celta de Vilagarcía». Continuou Ferrín recordando o decisivo que fora a publicación en 1956 da Escolma da poesía galega. IV Os contemporáneos, preparada por Paco del Riego, onde se recolleron textos de poetas inéditos como Díaz Castro. «Alí aparece o núcleo duro dos poemas diazcastrianos, dende a pérola negra, «Penélope», mais tamen outra «Penélope» a de Álvaro Cunqueiro. Unha sostense a carón da outra, a iso é o que chamamos “duelo de Penélopes”». «Daquela había sede de Díaz Castro. Un clamor para que publicase un libro en galego, cando en Galaxia había repulsión para a publicación de poesía. Así naceu a serie Sanlés, onde non aparece o carimbo de Galaxia, dirixida por Del Riego e Celso Emilio». Citou Ferrín as críticas entusiastas que recibira Nimbos, a pesar que Carballo Calero cualificara a Díaz Castro apenas como «poeta legible». Rematou Ferrín afirmando que «teñen razón aqueles que consideran que o canon da poesía galega do século XX está formando por Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro».

Texto da presentación (pdf).

Onte 669: Proxecto «Nimbos»

A iniciativa de Martín Pawley de promover o proxecto Nimbos de creacións fílmicas arredor do libro de Díaz Castro adianta o que pode ser unha celebración ventureira do vindeiro 17 de maio. Polo que conta Pawley a resposta dos cineastas galegos está sendo moi ampla e xenerosa, aventurando a posibilidade de que algún destes novos nimbos de luz chegue de fóra de Galicia. Poesía e cinema concibidas como expresións artísticas xeradas pola luz dun poeta a reler. Agardaremos polas primeiras pezas que, polo que sabemos, axiña poderemos coñecer.

A luz de Díaz Castro

No artigo da semana en Faro de Vigo fago un primeiro achegamento a Xosé María Díaz Castro, o poeta chairego que será homenaxeado o 17 de maio de 2014.

A elección pola Real Academia Galega de Xosé Manuel Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014 homenaxea a un poeta de formas clásicas de orixe chairega e a un libro, “Nimbos”, considerado como un dos maiores logros da literatura galega do século XX.

Nacido en 1914 na casa de Cidre de Vilariño dos Cregos, unha das aldeas da parroquia dos Vilares de Parga, no concello lucense de Guitiriz, formou parte do que Carballo Calero chamou “Escola de Cantores de Natal” do Seminario de Mondoñedo, onde se forxou como ávido lector e alicerzou a súa cultura humanística. Para Alfonso Blanco Torrado, o seu primeiro biógrafo e valedor á fronte da Asociación Cultural Xermolos, aqueles sete anos mindonienses, nos que amigará con Aquilino Iglesia Alvariño e coñecerá a poesía de Noriega Varela e Crecente Veiga, período formativo no que recibirá tamén o impacto do latinista Francisco Fanego Losada, “axudaron a Díaz Castro a perfilar e madurar a súa vocación de escritor”.

Será naquel Mondoñedo da Segunda República, impregnado polos aromas das conversas da barbaría do Pallarego, onde o poeta dos Vilares comezou a recoller os seus primeiros versos nuns “cadernos de poesía” titulados “Follas verdes” (cantares e romances, 1934) e “Follas ao vento” (1932-35), que quedarían “perdidos”, en realidade nunca editados, aínda que “sempre activos e vivos no seu arquivo nostálxico”. Senllos “libros perdidos” aos que acudiría decote “para resgatar da memoria algún poema na busca da luz e da aurora”, como salientou o seu biógrafo.

Cando estoupou o levantamento militar de 1936, como membro da quinta do 35 foi destinado ao Corpo de Sanidade Militar da Coruña. Durante apenas unha semana serviu como practicante na fronte de Asturias, para ser trasladado despois á clínica militar do Hospital de Pontevedra. Rematada a Guerra, abandonou de forma definitiva o seminario mindoniense. Chamado por Iglesia Alvariño, en 1940 trasládase a Vilagarcía de Arousa, onde durante sete anos exercerá como profesor no colexio León XIII, ensinando latín e inglés e continuando a aprendizaxe doutros idiomas, unha das súas maiores paixóns, que o levará a dominar unha decena de linguas.

Tras abandonar Arousa, procurará en Madrid un novo futuro. Durante tres anos traballará en centros privados como profesor de linguas, incorporándose como tradutor do Ministerio da Gobernación. En 1952 ingresou no Instituto de Cultura Hispánica, onde se encargaría durante catorce anos dos servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas. Traducirá profesionalmente tamén para o Instituto do Frío do CSIC e para diferentes editoriais privadas textos de poetas como Yeats e Rilke. Durante a súa estancia en Madrid nunca perdeu o contacto coa súa terra nin coa escrita en galego. Colaborou coa viguesa revista “Alba” e mantivo en “La hoja del lunes” da Coruña a sección “Anecdotario humorístico”, protagonizado por un paisano bautizado como “Antón do Foxo”, asinando co alcume de “Castelo”.

O fito fulcral da súa traxectoria literaria será a publicación en 1961 por parte da editorial Galaxia de “Nimbos”, onde recolleu trinta e dous poemas escritos ao longo de varias épocas, mais todos eles, en palabras de Otero Pedrayo, “reflexos da unidade dun vivire”. Pezas que o poeta de Guitiriz definía como “fragmentos de min mesmo perdidos”, “Díaz Castro perdido no traxeito dun recordo moi longo”. “O poema é só un nimbo de lus” lemos no primeiro verso da segunda composición deste libro de poemas extraordinario, no que autor concibe a poesía “como unha actividade puramente artística, que constitúe a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos e as súas relacións”. Fuxindo do descritivismo paisaxístico e de calquera xeito de costumismo, sen perder unha miga da fala popular chairega e brañega, Díaz Castro condensa en palabras de xigante e metáforas de luz e sombra a súa ollada sobre a vida e a morte, sobre o amor e a emigración, sobre a xustiza e a beleza, sobre o paso do tempo e a súa patria galega. Poemas inesquecibles como “Monumento á ausencia”, “Terra achaiada”, “A cerna” ou “Penélope”, onde quizais atopamos a definición poética máis emocionante, tamén a máis dolorosa e actual, das que se teñen feito sobre o país noso: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se espreguiza. / Aran os bois e chove”.

Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta esencial e austero, un clásico humilde, que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados en galego: “A luz do mundo é a que arde nunha bágoa”, “Cruel, cruel, cruel, realidade!”, “O verdadeiro amor enferra en neve”… Como tempo haberá ao longo dos meses vindeiros para afondar na traxectoria humana e literaria de quen na súa lápida no cemiterio de Guitiriz reza: “A beleza feriume para sempre”.