A Ricardo Fernández Barcia, mestre panadeiro de Casablanca e celtista.
Aventuro que a tempada do Centenario pasará historia do Celta polo extraordinario himno da oliveira dos cen anos de C. Tangana. E iso que na lameira houbo moito que sufrir nas vinte e oito xornadas gobernadas polo conformismo de Rafael Benítez, felizmente tronzadas por as dez últimas de entusiasmo guiadas pola incrible afouteza de Claudio Giráldez. Anverso e reverso da moeda no banco celeste, ao que non foron alleas tampouco dúas ideas contraditorias de dirección deportiva, a do portugués Luis Campos de ollada financeira de grande angular, destituído nos días de Nadal; a do mexicano Marcos Garcés de ollada máis próxima e atenta ao detalle deportivo, o que resultaría esencial para provocar en marzo a desrupción que precisaba o equipo, cesando ao veterano adestrador madrileño e o seu equipo, mesmo a pesar do seu contrato millonario, tras un vergoñento catro a cero no Bernabeu. Como ao longo da tempada do Centenario resultaría decisiva a elección de Marián Mouriño como primeira presidenta do club, abandonando así os vicios da xestión do seu pai e reorientando cuestións esenciais da comunicación do club co seu entorno, tanto cos abonados, peñistas e milleiros de celtistas espallados polo mundo, como abrindo unha nova etapa de colaboración leal co concello de Vigo no momento decisivo de pechar o proxecto da Grada de Gol, derradeira fase do novo coliseo do Fragoso.
A pesar do escaso engado da proposta do fútbol de Benítez, aburrida e acomplexada, propia dun equipo sen apenas historia, para min unha falta de respecto a un equipo no que xogaron Mostovoi e Mazinho, a mocidade volveu a encher Balaídos, que superou decote os máis de vinte mil espectadores. Como ao longo de dezanove xornadas o estadio volveu a encherse de emoción cada inicio de partido, cando o celtismo interpretaba o himno de Tucho, como unha emocionante declaración de amor as cores celestes e unha disposición a padecer as penalidades que inevitablemente esa condición posúe, fosen severidades arbitrais na sala VAR, fosen froitos do descoñecido que levan os balóns a paus e traveseiros ou sinxelamente as provocadas pola incerteza desacougante que supón sempre este deporte de pelota, sobre todo cando os marcadores están moi axustados e os tempos engadidos se fan interminables na bancada.
Coa permanencia resolta compareceu o equipo de Giráldez na súa derradeira data cun Valencia do Pipo Baraja que xa perdera o tren europeo. Unha oportunidade que o adestrador de Cans aproveitou para ofrecer outro once de gala insólito, no que debutaba o central canteirán Yoel Lago, volvían a banda dereita Kevin e Miguel Rodríguez, Iván Villar regresaba baixo os paos e, por fin, Douvikas se convertía en referente de remate. Moitas primicias para a derradeira xornada que lle custou media hora dixerir aos celestes, cando os visitantes xa se puxeran por diante no minuto 4, cando Carlos Domínguez marcou en propia porta, finalizando unha gran xogada de Thierry que superou en velocidade a Kevin, moi nervioso no día da súa (probable) despedida. Primeiro período no que o Valencia foi superior e puido abrir fenda cando insistía polas bandas, mais que como xa recoñecemos no xogo de Giráldez, que nunca perde o seu esquema, grazas ao tempo que marcaron onte Beltrán e Hugo Sotelo, non impediu que o Celta fose contando coas súas ocasións, como o pao de Aspas, rematando como un acróbata un pase do seu socio Mingueza. Mais foi tras o descanso, cando os celestes saíron a pola igualada, que conseguiron axiña grazas a un claro penalti sobre Williot executado pola capitán de Moaña.
E o caso foi que daquela o estadio estaba máis entretido en celebrar a permanencia que en seguir o que sucedía na lameira, onde o xogo de ambos os dous equipos se fixera ruín. Co empate, educados xa en remontadas por Giráldez, o Celta recuperou certa ilusión, axiña rota polo penalti que provocou Beltrán e transformou Alberto Marí, que poñía de novos aos laranxas por diante. Con todo, os celestes tiveron afouteza de recompoñerse axiña grazas a un balón longo de Iván Villar sobre Aspas que con boas pernas serviu ao espazo para que Douvicas rematase as redes e conseguise un digno e xusto empate. Co golazo do internacional grego finalizaba unha tempada de moitos padeceres e longos desacougos apenas compensada nos últimos meses por ledicias tan intensas como efémeras. Remate de tempada do Centenario que deixa a herdanza de C. Tangana como referente e abre unha xanela á esperanza da man do proxecto deportivo de Garcés e Giráldez. Agardemos que acerten ordenando as saídas necesarias ou inevitables (no maldito fútbol moderno) nun cadro (hoxe) de 33 xogadores e fagan algunha fichaxe que mellore o proxecto recuperado de canteira.
Publicado en Faro de Vigo: 27/05/2024