Onte 1212: Vigo no Nodo

Non puiden resistir a tentación de deixar no arquivo do blog esta peza de Vigo no Nodo, un documento de máis dunha hora no que queda retratada a cidade dende 1944 até 1971, case tres décadas de franquismo. Dende as visitas e inauguracións de Franco e dona Carme (da Casa do Mar, da Cruz dos Caídos, da factoría de Citröen…) até a de Eva Perón en 1947. Dende a procesión dos pasos de 1948 percorrendo o paseo de Afonso até as obras de Peinador e as botaduras en Beiramar, propias dunha «potencia metalúrxica».Dende a chegada a bordo do Veracruz dos viaxeiros do Santa María secuestrado por Soto e o comandante Galvão (1961) até as partidas de emigrantes da Estación Marítima. Dende a inauguración da Madroa (1971) até o Festival Musical Pop Bahía de Vigo. Dende a inaguración da primeira feira Internacional da Pesca en Bouzas até a ubicación na ría dunha plataforma petrolífera. Xaora, a alfaia desta peza é a crónica do derbi en Riazor do 13 de abril de 1970, cando o Celta enviou ao Coruña, así o identifica o speaker en tres ocasións, a segunda grazas a un gol de falta do elegante Rivera. Unha marabilla. A nosa gratitude a Beny García polo seu paciente traballo recompilatorio.

Onte 1211: Homes e mulleres de Dionisio Tasende

Chego case cun ano de atraso ao catálogo De homes… e mulleres que recolle as fotografías de Dionisio Tasende que se expuseron no Museo de Belas Artes da Coruña. Membro da xeración de fotógrafos amadores coruñeses dos anos 50, como Schmidt de las Heras e Veiga Roel, Tasende obtivo premios en salóns internacionais, sendo homenaxeado en 1986 pola Fedération Internationatle de l’ Art Photographique. Feirantas, rosqueilleiras, aloitadores, tratantes, muiñeiros, zapateiros, oleiros, panadeiros, palilleiras, labregos, obreiros, boteiros, mariñeiros, redeiras, maquinistas, mergulladores, queixeiras ou monxas protagonizan este libro fermoso, unha auténtica golosina visual, mais tamén un documento moi representativo do que foi aquela Galicia popular, labrega e mariñeira, que comezou a desaparecer nas décadas de 1960 e 1970. Contable de profesión, Tasende concentrou o seu interese sobre as persoas, homes e mulleres, fotografadas case sempre en situacións cotiáns, nas faenas agrícolas, mariñeiras ou artesáns, nas festas ou nas romaxes. Algunhas son fotografías que sería imposible realizar hoxe, xa que esas actividades e oficios xa desapareceron. A de Tasende é outra figura da nosa historia cultural que merece ser recuperada do esquecemento.

A proxección de Parga Pondal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.

isidro_parga_pondalA pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.

Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.

Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.

Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.

Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.

Onte 1210: As bibliotecas, centros comunitarios

de6ddaadb55c556fbd07d5b68111326bEsta anotación do blog Bibliotecas 2029 é moi clarificadora sobre cal será, probablemente, o futuro das bibliotecas, máis vinculado co seu carácter de centros comunitarios facilitadores do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do seu ADN. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información. Para profundizar nesta análise contextualizada en experiencias de éxito dalgunhas grandes bibliotecas urbanas aconsello ir á fonte da anotación, o artigo de Rosie Spinks, «The Future of Libraries Has Littel to Do with Books».

Onte 1209: «O como é o que conta», artigos de Pepe Barro

o_como_e_o_que_conta

Aproveitei as horas de lectura de onte para mergullarme nas páxinas d’ O como é o que conta, unha colectánea de trinta artigos sobre o deseño, a cultura e a imaxe da cultura do noso admirado Pepe Barro. Unha edición moi reducida, apenas cen exemplares, que Pepe preparou o pasado nadal para agarimar as súas amizades, probablemente, coa intención de poñer en valor o deseño gráfico nestes tempos de crise, confusión e tanto tira para diante. Eis a importancia do título, O como é o que conta, que salienta o valor engadido e o carácter de actividade creativa e artística do deseño. Particular interese teñen no libro varias achegas á historia do deseño gráfico do libro galego e a recuperación do texto de «Quid», un artigo precioso no que Xosé Luís Méndez Ferrín defende que «a comunicación visual convertiuse nun factor de primeira importancia na vida moderna».

Pepe Barro pertence ao grupo fundacional do deseño gráfico galego contemporáneo, aquel que chantou as súas raíces sobre a tradición de Castelao e Luís Seoane, logo desenvolvida en Sargadelos por Isaac Díaz Pardo. Barro leva catro décadas ofrecendo os seus servizos, a súa investigación e a súa reflexión á comunicación gráfica galega. Comezou en 1977 preparando o deseño do semanario A Nosa Terra. Consolidou o seu traballo como membros dos ateliers que mantivo primeiro como BC&D (Pepe Barro, Chichi Campos e Xosé Díaz) e despois como Grupo Revisión Deseño (Pepe Barro, Xosé Díaz, Xosé Salgado e Lía Santana), onde desenvolveu moitos dos proxectos gráficos de Xerais ou traballos tan emblemáticos como os das caixas de ovos de Pazo Vilane até a camisola da selección galega de fútbol.

A edición galega actual ten unha débeda de recoñecemento co traballo que Barro e os socios dos seus ateliers fixeron para a modernización do libro galego como produto gráfico. Un labor que compartiron con outros deseñadores gráficos do seu tempo como Francisco Mantecón, Manuel Janeiro, Uqui Permiu, Francisco Vizoso, Fausto Isorna, Miguel Vigo ou Doñate. Grazas a todos eles no libro galego tamén o como é o que conta.

Onte 1208: «Boyhood», indagación sobre o cine e o tempo

Boyhood_filmQuedei hipnotizado con Boyhood, case tres horas de cine inesquecible, capaz de reinventar o que entendemos por esta expresión contemporánea das belas artes. O tempo como tema, a infancia e a adolescencia como argumento, a familia e a educación como marcos e o work in progress como fórmula de escrita dun guión aberto ao diálogo co seu tempo alicerzan este proxecto narrativo tan singular como memorable. Doce anos tardou Richard Linklater en seguir o nobelo de Mason, dende os inicios da escola primaria até abandonar os tempos da incerteza, ao que non foi alleo o compromiso co proxecto do cadro de actores, tanto dos rapaces como dos seus pais, aos que vemos medrar e envellecer na pantalla mentres dan vida a cadanseu personaxe. Unha historia humilde, sinxela, sen mortes nin perdas, sobre a conquista do cotián, na que se desmitifica a infancia como territorio do perdido, esquecido ou soñado.

En Boyhood o tempo non é memoria nin nostalxia nin sequera saudade. O tempo é apenas a materia prima da vida, fugaz, mutante, esvaradía coma area da praia do Vao entre as nosas mans. O tempo é aquí apenas o espazo de construción da identidade, a do relato que nos define. A vida en si mesma é o grande e único acontecemento que merece ser celebrado. A vida concibida como momentos ganduxados no relato autoconstruído por cada persoa, mais tamén como indagación permanente sobre cales son os límites da verdade e da mentira.

Esta indagación aparece na conversa dos pequenos co pai no coche cando repasan os momentos da semana que merecen ser contados. Secasí, regresa no cuarto escuro do instituto, onde Mason e o seu profesor de arte esculcan os límites do futuro. Cadora na despedida do apartamento da nai, a escena máis conmovedora da metraxe, onde ela con apenas corenta anos lamenta a finitude e o propio sentido da súa vida. E na conversa derradeira enxergando o horizonte do canón, onde Linklater deita, por fin, despois de 160 minutos un aceno lixeiramente optimista. Cine que indaga no tempo. Tempo que reinventa o cine.

Como sucede na autoficción literaria contemporánea, Linklater cunha elegancia e sinxeleza extraordinarias cuestiona os límites de ficción e realidade, sendo a súa narración a que dende as marxes, sen intención ningunha de retrato sociolóxico, ofrece sentido ao relato das vidas comúns, sen acontecementos extraordinarios, desta familia de Texas de comezos do século XXI. Boyhood é unha película sobre as vidas de infancia, como o libro de Manuel Rivas; mais tamén sobre o papel da familia e da educación na procura da autonomía, esa conquista da liberdade da que falaba Paulo Freire.

Mención á parte merece a marabillosa banda sonora, que require unha análise devagariño. No entanto, quedo con «Hero», unha balada de Family of the year, utilizado nunha das escenas máis memorables da película. Poucas veces recomendo máis vivamente acudir o cine e deixarse levar (sen prexuízos) por unha candidata (con aparencia indie) aos Óscar 2015.



Onte 1207: A colleita 2014 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2014

Como ven sucedendo dende hai oito anos, os de Fervenzas Literarias son os primeiros premios que recoñecen os mellores libros do ano anterior. Na edición de 2014, cuxos resultados foron chiados ao longo de toda a xornada de onte, foron máis de cincocentas as enquisas recibidas que expresaron as súas preferencias e gustos literarios sobre vinte categorías da nosa produción editorial literaria. Merece o noso maior recoñecemento a gran diversidade da spropostas escollidas nas diversas categorías, proba do excelente momento da nosa creación literaria como do esforozo do sector editorial galego de ocmunicar cos seus públicos.

Polo que a nós atinxe non podemos máis que expresar a nosa satisfacción polo elevado número das publicacións de Xerais presentes nas diversas categorías. Xaora, é inevitable salientar que algunhas delas merecesen a consideración do «mellor do ano», no caso d’ A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz no eido da narrativa, da Historia da Literatura Galega II de Xosé Ramón Pena como libro de ensaio e investigación, e de Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, ilustrado por Víctor Rivas, como mellor libro infantil e mellor portada do libro infantil. Como tamén moito agradecemos o premio para Culturgal como «mellor acontecido no 2014» e a continuidade do interese dos lectores e lectoras por estas Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario.

Unha excelente colleita a destas Fervenzas Literarias de 2014. Os nosos parabéns aos seus organizadores e a todos os autores, tradutores, ilustradores, editores recoñecidos.

Onte 1206: Os 150 anos de Alicia

alice_In_wonderland

220px-AlicesAdventuresInWonderlandTitlePageEsta fermosa iniciativa de Royal Mail lembroume que este ano celebramos o sequiscentenario da publicación no mes de xullo de 1865 polo editor Macmillan de Alicia no pais das marabillas, a obra de Charles Lutwidge Dogson, máis coñecido polo seu heterónimo literario de Lewis Carroll, ilustrada por John Tenniel. 150 anos depois, Alicia revivirá nos selos creados polo ilustrador Graham Baker-Smith que escolleu dez das escenas que considerou máis emblemáticas da novela. Un aniversario que será celebrado en Nova York o vindeiro verán cunha grande exposición, un coloquio, actividades literarias e a edición de tres volumes nos que se reunirán 170 edicións da obra realizadas en máis dun centenar de linguas e dialectos, ilustradas boa parte delas. A participación galega corresponderá á tradución de Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro, publicada por Xerais en 1984, que mereceu o Premio Nacional de Tradución de literatura infantil, e pola máis recente edición ilustrada por Federico Fernández, que en 2002 abriu a serie Xabaril de ouro.

XG00048501O texto de Carroll non perdeu actualidade nin interese, como boa parte dos chamados «clásicos da literatura infantil e xuvenil», a pesar de que en Galicia está escasamente representado nas recomendacións actuais dos mediadores. Agardo que este aniversario axude a recuperar do esquecemento unha obra que en lingua inglesa foi capaz de furar até as conciencias de toda unha colectividade, xa que nas súas páxinas pode atoparse boa parte das interpretacións da condición máis primixenia do seres humanos. Mergullarse nas súas páxinas facilita a conexión entre a razón e o corazón, o vivido e o imaxinado. «Alicia estaba xa tan afeita a que non lle pasaran máis que cousas extraordinarias, que a vida normal xa lle parecía aburrida e sen celme.» Volveremos sobre este cento cincuenta aniversario de Alicia.

Onte 1205: Volven os premios

O calendario do novo ano vai enchéndose amodiño de compromisos. Ademais de ir concretando os actos do primeiro lanzamento de novidades, nos últimos días coñecín o que serán algunhas das datas dos premios literarios 2015. O venres 13 de marzo celebrarase en Pontevedra «A Noite da Edición», na que os membros da Asociación Galega de Editores daremos a coñecer os nosos premios aos mellores libros editados en 2014. O sábado 28 de marzo serán os Irmandade do Libro da Federación de Libreiros. Tamén antes do 31 de marzo, farase público o ditame da XVIIª edición do Premio de Narrativa Ánxel Fole do concello de Lugo. O sábado 6 de xuño, os Premios Xerais, dos que onte publicamos as bases das súas tres modalidades, Merlín de literatura infantil, Jules Verne de literatura xuvenil e Xerais de de novela. E mesmo xa coñecemos que o xantar dos Premios da Crítica Galicia celebrarase desta volta o 7 de novembro e o Culturgal do 4 ao 6 de decembro. Agardemos que sexa un ano de colleita cultural excelente.

Onte 1204: Monumento a Martín Codax

Vindel1-205x300vindel2-198x300Recibín onte na caixa de correo a comunicación do grupo Pertenza de Vigo, constituído o pasado ano para a defensa da identidade galega, informándome da súa proposta de erguer en Vigo un monumento ao poeta Martín Codax con motivo do centenario da descuberta do «Pergamiño Vindel» e da publicación das seis cantigas do cantor do mar de Vigo.

Un proxecto que recupera aqueloutro, que xa fixera hai catro décadas o editor e cronista da cidade de Vigo Xosé María Álvarez Blázquez, de quen o 5 de febreiro celebraremos o centenario do seu nacemento, de gravar en pedra os textos universais de Martín Codax coa intención de sensibilizar a cidadanía viguesa sobre unha das proezas que a humanidade realizou na nosa lingua. Mágoa que ata o momento, e pasado xa o ano do centenario do Vindel, ningunha das nosas administracións nin das institucións culturais públicas, nin da Xunta nin da deputación de Pontevedra nin do concello de Vigo, máis alá dalgunha fotografía de circunstancias acometese un proxecto conmemorativo coma o proposto por Pertenza.

Xaora, entendo que ademais do monumento a Martín Codax sería acaído solicitar á Pierpont Morgan Library de Nova York, onde se garda nunha cámara acoirazada dos seus sotos o «Pergamiño Vindel», a súa cesión para expoñelo de forma itinerante por Galicia, comezando pola cidade de Vigo. Como non sería disparate ningún estudar as posibilidades da súa adquisición para que peza tan fulcral da literatura galega pasase a formar parte do patrimonio galego. Apoiamos ao grupo Pertenza no seu proxecto no que deberían participar todos os poderes públicos que operan en Vigo.