Onte 503: Soberanía

A aprobación por unha maioría clara do Parlament de Catalunya da Declaración de Soberanía supón un fito no proceso histórico de autogoberno de Catalunya. No entanto, hoxe non é doado doado enxergar cales poden ser as consecuencias dun acto político protagonizado polo Parlament (como institución que representa a vontado do pobo catalán) que procurou os seus alicerces e a súa lexitimidade nos dereitos históricos do pobo catalán e na súa vontade democrática de “iniciar o proceso para facer efectivo o exercicio do dereito a decidir o seu futuro político colectivo”. Nin tampouco é doado albiscar qué implicacións pode ter para o futuro de España, do País Vasco ou de Galicia, concibido coma un taboleiro dinámico, polo movemento dunha das súas pezas. Máis alá das reaccións que poida suscitar no Goberno de Rajoy, a declaración terá unha apreciable repercusión internacional, o primeiro efecto que procuraban os seus promotores. Cataluña activou o seu proceso de soberanía.

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 502: Pardo de Cela

O achado do testamento do mariscal Pardo de Cela cuestiona a lenda de quen foi considerado pola historiografía galeguista como o derradeiro noble galego resistente. Segundo o historiador Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, o mariscal nin foi partidario de dona Xoana a Beltranexa nin foi irmandiño nin foi degolado o 17 de decembro de 1483 (senón o 3 de outubro do mesmo ano) e, por riba, deixou un fillo bastardo. Mi madriña! Esváense así entre a brétema da historia algúns dos compoñentes principais do mito forxado arredor do heroe decapitado na praza Maior de Mondoñedo (por mandato do gobernador do Reino nomeado polos Reis Católicos), case un mártir do que sería unha Galicia tardomedieval independentista dirixida pola súa nobleza. Mito acuñado, en boa medida, polos historiadores románticos do século XIX, primeiro por Benito Vicetto (Los hidalgos de Monforte) e logo Manuel Murguía, recollido no século XX por Vicente Risco, Castelao, Leiras Pulpeiro ou por Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte na súa traxedia en verso O Mariscal, e que chega aos nosos díasNo obstante non debemos chamarnos a engano, xa hai tempo, o historiador Carlos Barros puxera en evidencia algunha das falsidades que se teceron sobre a figura do mariscal como dalgúns outros mitos da historiografía galeguista alicerzados no tránsito decisivo entre a Idade Media e a Moderna. Abandonar de vez o enfoque decimonónico (mítico) da historia política de Galicia e ofrecer un relato alternativo baseado en datos e fontes contrastadas é unha condición imprescindible para desenvolver no século XXI o discurso de Galicia como nación europea.

Onte 501: Día George Orwell

Sempre tiven presente que foi George Orwell quen propuxo crear un ministerio da verdade en 1984. No seu ensaio Politics and English Language, no que estudaba as viaxes de Gulliver (1946), afirmaba que «a linguaxe política –que a pesar doutras diferenzas é igual en todos os partidos, desde os conservadores aos anarquistas– está deseñada para facer que as mentiras semellen veraces e respectablemente asasinas». Sentenza que non perdeu, magoadamente, actualidade ningunha e que coincide coa celebración do primeiro Día de George Orwell, creado pola Asociación Premio George Orwell e a editorial Penguin para lembrar cada 21 de xaneiro o pasamento do autor de A revolta dos animais. Unha historia fantástica (edición galega de Positivas, 1992) ou Homenaxe a Cataluña, entre outras obras memorables. Un autor que merece ser recuperado.

Onte 500: Independencia

O barómetro político de inverno de Catalunya amosa que un 60 % dos cataláns enquisados están de acordo en que o Parlament aprobe unha declaración soberanista.  Mais ollo! Un 56,9 % están de acordo en que Catalunya se independizase de España e se convertise nun novo estado dentro da Unión Europea, mentres que un 35 % se declara en desacordo. Diante destes resultados parece cada vez máis claro que o debate político catalán do futuro se centrará non tanto no debate sobre a constitucionalidade da consulta de autodeterminación (como insiste o PP e a prensa madrileña) como en cal é a maioría suficiente para declarar a independencia. Estas porcentaxes amosan que o proceso social está en marcha. A cidadanía catalá empuña as rendas do seu futuro.

Corrupción política, tolerancia cero

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do escándalo de Luis Bárcenas, reflexiono sobre a corrupción politica.

Os 22 millóns de euros que Luis Bárcenas gardaba en contas correntes en Suíza e os sobres extra de canto menos cinco mil euros que entregaba ao remate das reunións do Partido Popular son senllas noticias que producen tanta e tanta indignación cidadá que poderían ser a pinga que, por fin, fixese derramar o vaso da corrupción política e do financiamento ilegal dos partidos políticos en España. Noticias que coinciden, ademais, con novas revelacións do patético caso Urdangarín, que afecta ao entorno da Casa Real, e cos efectos devastadores dunha crise económica e social que emprobrece e debilita a sectores máis humildes da sociedade.

É un auténtico escarnio que estoutro importante episodio de corrupción estea protagonizado por que foi un influínte dirixente do mesmo partido que promove as chamadas “políticas de austeridade”, que provocan recortes nos servizos públicos básicos de sanidade, educación e dependencia e que retira a paga de nadal e baixa o salario aos funcionarios. É unha burla á cidadanía saber que algúns membros do PP recibiron cartos en negro de orixe descoñecida, mentres as cifras de desemprego se achegan aos seis millóns de parados e o goberno concede unha vergonzosa amnistía fiscal a algúns defraudadores.

Por moito que a versión oficial do Partido Popular insista estes días en botar balóns fóra e situar a Luís Bárcenas alleo á súa organización –foi despedido en 2010, a raíz de ser imputado no caso Gúrtel–, por moito que intente establecer distancias co seu comportamento e coas súas responsabilidades, é imposible ocultar que quen foi tesoureiro durante case dúas décadas coñece moitos e importantes segredos do partido. Bárcenas non foi un dirixente popular calquera. Entrou a traballar en AP en 1982. Logo foi nomeado xerente do PP por Rosendo Naseiro, daquela administrador do partido, que dimitiría en 1990 por un suposto caso de financiamento ilegal. Despois, accedeu á tesourería, controlando dende o seu despacho da sede de Génova (edificio que sería adquirido en 1996) as contas do partido e de cada unha das súas organizacións territoriais. Tras o estoupido do caso Gúrtel, a estrela do tesoureiro devalou, mais conserva información moi valiosa para o seu partido e mesmo para as batallas internas que se poidan librar no seu seo.

Gúrtel –que xa se levou por diante a Zaplana e ao xuíz Garzón, aínda que por razóns diferentes– non é o único caso importante de corrupción. No verán pasado, o caso Dívar afectou ao presidente do Consello Superior do Poder Xudicial, que dimitiu tras ser acusado de utilizar cartos públicos para ir de vacacións. O caso Pallerols afectou ao financiamento de Unió Democrática de Catalunya, o partido de Duran Lleida. Despois de quince anos de proceso xudicial, por medio dun acordo entre as partes e a Audiencia de Barcelona, Unió conseguiu suspender o xuízo, recoñecendo de forma implícita a súa culpabilidade nun caso de fraude de subvencións, malversación e falsidade documental.

En Galicia o caso Pokemon afecta a un grupo de empresarios, funcionarios e políticos de PP, PSdeG-PSOE e BNG, aínda que de distinta relevancia e en distinto número, involucrados dunha ou doutra maneira nunha trama de corrupción en torno a contratas municipais do grupo empresarial Vendex. O caso Pokemon ten especial incidencia en Santiago de Compostela, onde está imputado o actual alcalde do Partido Popular Ángel Currás, tras a obrigada dimisión de Gerardo Conde Roa a pasada primavera, tras o escándalo de ser imputado por fraude fiscal. Como tamén é alarmante, xa dende hai ben tempo, o exercicio de clientelismo e enchufismo nas contratacións de persoal politicamente afín polas que será chamado a declarar Xosé Luís Baltar, quen foi amo e señor da deputación provincial e do PP de Ourense durante dúas décadas.

Abonda con ler a prensa internacional para comprobar como semellantes entramados de corrupción deterioran a imaxe de España no exterior, tanto pola tolerancia do Goberno de Rajoy como pola febleza exasperante da oposición de Rubalcaba para esixir erradicalos de raíz. Hoxe xa non abonda coa denuncia cidadá indignada por estes escándalos. Cómpre acadar decontado unha tolerancia cero coa corrupción e cos comportamentos socialmente insolidarios (como a fraude fiscal). Urxe actuar. Empezando polo feito de que os primeiros responsables dos partidos expliquen como se financian as súas organizacións, de onde proveñen os seus fondos, cal é o seu patrimonio e con que entidades finaceiras manteñen as súas débedas. Continuando pola aprobación nos parlamentos de novas leis de transparencia e por unha modificación da Lei Orgánica de Partidos, na que se contemple a responsabilidade das direccións nas súas contas e na que se estableza a total transparencia dos seus ingresos.

Onte 499: Fina académica

Aledeime da elección de Fina Casalderrey como membro da Real Academia Galega. Unha magnífica noticia para a institución de Tabernas 11 que reforza o seu plenario cunha recoñecidísima escritora do xénero infantil e xuvenil, ao tempo que recupera o número de académicas de 2010, o que debería supoñer tamén o inicio do seu imprescindible proceso de feminización.

Casalderrey ten méritos de máis para asumir a súa condición académica. Nas dúas últimas décadas, nas que tiven a grande fortuna de colaborar con ela como editor, desenvolveu un catálogo narrativo para lectores de todas as idades nas que aborda temas esenciais da condición humana, nalgúns casos moi pouco frecuentados pola literatura infantil. A morte, a soidade, a emigración, a exclusión, a diferenza, a vellez, a doenza son algunhas das cuestións abordadas por Fina en libros inesquecibles como O estanque dos parrulos pobres (unha das miñas obras preferidas) ou Eu son eu, pequenas alfaias da narrativa galega. Fíxoo, ademais, empregando procedementos narrativos complexos e unha prosa de coidadosa sinxeleza, consciente de que con eles contribuía á formar un criterio literario nos seus lectores e lectoras novas. Mestra comprometida coa galeguización educativa, formidable narradora oral, ocupouse tamén da escrita de textos dramáticos, que nun principio preparou para representar cos seu alumnado de Moraña, e máis recentemente do guión e da dirección cinematográfica. Sen esquecer que durante este período traballou co seu compañeiro Mariano García na investigación da gastronomía popular galega, recollida en volumes como O libro da empanada ou Repostería en Galicia, por citar os máis veces reeditados.

Fina achegará á Academia o seu talento como ficcionista todo terreo e a súa actitude agarimeira e integradora, a súa defensa inquebrantable da lingua e o seu coñecemento profundo da escola galega e da infancia, o seu traballo educativo renovador e o seu talento didáctico capaz de conectar con todo tipo de públicos. Parabéns á Academia por tan oportuna elección. Beizóns a nosa benquerida e admirada Fina.

Onte 498: Galerna

A de onte lembroume a aquelas tardes de galerna da miña infancia. Horas de choiva e ventada tras as que chegabamos a casa pingando coma pitos para logo secar os gorilas enchoupados diante da estufiña de butano. Sei que a memoria é mentireira, xa que cadaquén a constrúe sobre episodios que fan verosímil e coherente o relato continuo da propia vida. Seino. Mais a pesar diso, estas tardes viguesas de choiva violenta son a chave que abre con maior facilidade aqueloutras saudades dos días da miña escola primaria dos anos sesenta. Coma os días secos nos que vai moito frío son os que mellor enganchan coa memoria daqueloutras xornadas universitarias na casa da Pontepedriña, ao pé da estación, onde descubrimos a The Police no dial de Radio 3. A memoria é mentireira. Seino. Mais serve para saber quen somos e de onde vimos. Non che é pouco.

Onte 497: Fervenzas literarias 2012

Por sexto ano consecutivo Fervenzas Literarias fixo públicos os seus premios anuais elixidos por case cincocentas tarxetas de votación. Este premio dos lectores e lectoras de literatura galega na rede consolídase como o primeiro referente de cada xeira anual de recoñecementos a obra editada, ao tempo que pola súa continuidade e diversidade (xa que valora todos os xéneros da edición como actividades arredor da lectura) como un dos máis prestixiosos no noso sistema editorial e de lectura. Agradezo moi sinceramente a todas as persoas que participaron nestas votacións os apoios que proporcionaron aos libros publicados por Xerais, que obtiveron excelentes resultados. Outrosí pola súa xenerosidade, outro ano máis, con estas bretemas escollidas como mellor blog. Uns recoñecementos que constitúen para nós un aliciente xeneroso para proseguir o traballo diario. As miñas beizóns para Fervenzas Literarias e para os seus lectores e lectoras.

Onte 496: -26,37 %

O adianto das cifras de rexistros do ISBN da edición realizada en 2012 polas editoras privadas (sen incluír os de autores-editores) confirma a tendencia da aceleración da diminución do número de títulos e do volume das tiradas. Os editores en España publican menos títulos e menos exemplares de cada un deles. No caso da edición en Galicia, a pesar do aumento da edición dixital, que en 2012 supuxo o 12,7 % da nova oferta editorial (280 títulos), as editoras privadas publicaron 2.190 referencias, unha cifra que nos sitúa moi lonxe dos 3.384 de 2011, a pesar de que nesa cifra estivese incluída a edición pública e a realizada por autores-editores. Outrosí sucede na edición privada en galego que se reduce nun 26,37 %, xa que pasa dos 1.820 títulos de 2011 aos 1.340 de 2012, unha diminución moi significativa (480 referencias menos), xa que en 2011 o número de títulos en galego diminuíu nun 16,30 %. Non é un disparate estimar que nos dous últimos anos a edición privada en galego reducíu nun 40 % o número dos seus títulos. E, se a esas cifras descontásemos o incremento que supuxeron os títulos dixitais, non é difícil estimar que no furacán destes dous anos de crise a edición privada impresa en galego se reducise á metade. Datos para a reflexión do sector e das administracións públicas sobre as políticas actuais de lectura e de promoción da lingua galega.