Onte 486: Isaac

É inevitable asociar a ledicia e ilusión infantil do día de reis con Isaac Díaz Pardo xa que hai un ano que o acompañamos na súa derradeira viaxe. Pareceume unha excelente idea que no acto do seu cabodano se utilizase para lembralo un verso do seu amigo Lorenzo Varela «Unha cesta de pombas e mazás». Isaac foi o noso Leonardo do século XX, o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas. Isaac foi editor afouto e xeneroso, comprometido coma ningún outro na recuperación da memoria republicana de Galicia. Precisamos da vixencia de modelos de dignidade moral e de resistencia cívica como o acuñado por Isaac ao longo da súa vida. Isaac inesquecible, imprescindible. Con todos os abrazos.

Campo de Fragoso CXXXI

MAGOS CELESTES

Na matinal de reis, os magos celestes agasallaron á bancada cunha contundente e merecidísima vitoria fronte ao Valladolid, un equipo sempre moi incómodo para os nosos, un rival directo co que temos librado mil e unha batallas decisivas. Durante a semana xa advertira Herrera da importancia de sacar adiante este encontro con Pucela e evitar o perigo de ocupar as posicións de descenso, moito máis aínda cando empezan a bulir algúns dos competidores da nosa liga pola salvación coma o Deportivo ou o Español. Razón pola que o noso adestrador sacou de cara un equipo moi atacante: en liña avanzada, tres dianteiros (Aspas, Park e Bermejo); detrás deles lanzando o xogo a Álex López e Krohn Dehli, deixando a Oubiña toda a responsabilidade no medio centro, como facía antes da lesión, sostendo, a estrutura, marcando os tempos de xogo e realizando as coberturas defensivas.

Dende o asubío inicial, o Celta foi a polo partido, non manexou ningunha outra hipótese nin reservou na manga carta táctica ningunha. Aos dous minutos, o xutazo de Krohn Dehli dende a frontal saíu un chisco desviado. Foi o primeiro aviso das intencións galegas. No minuto seis, tras unha xeitosa combinación da dianteira, Álex estragou un servizo magnífico de Aspas. Dous minutos despois Iago abriría o marcador, tras unha recuperación de Krohn Dehli na frontal da área galega e un pase longo de precisión excepcional do danés que permitíu ao noso Messi superar en velocidade ao seu marcador, conducir durante uns metros e case na área pequena superar a saída de Dani. Un golazo vibrante, tras un pase maxistral. Porén, o agarimoso agasallo celeste en día de reis chegaría tamén dous minutos despois, cando Javi Varas marrou un despexe diante do perigoso Javi Guerra, obrigando ao gardarredes sevillano a cometer un penalti que sería transformado por Bueno. Un partido que comezara de marabilla semellaba complicarse por unha fatalidade só atribuíble a un exceso de confianza. A pesar deste detalle, o Celta non perdeu en momento ningún a fé nas súas posibilidades e buscou no fútbol directo de contragolpe a fórmula para volver marcar. Park e Bermejo tiveron a súa oportunidade no minuto vinte e cinco. Pouco despois chegaría a mellor xogada do partido. Foi unha grande apertura de xogo atacante dende a dereita do campo propio, coa participación de Bermejo e Álex López que cun pase longo mudou de banda sobre Roberto Lago que dende a esquerda centrou en carreira sobre Aspas que cando ía rematar de cabeza á altura do poste dereito foi derrubado por un defensa. Un penalti de libro que o de Moaña nunha mañá afortunadísima e plena de confianza transformaría nas dúas ocasións que o lanzou.

Desta volta, a segunda parte tamén foi propicia para os de Herrera. A clave estivo, sen dúbida, aos cinco minutos, no golazo de Álex López, na súa estrea como goleiro en primeira división. Un cacheirón dende a frontal a unha distancia de vinte metros da portería. Un fabuloso xutazo que confirma a Álex como un dos nosos chegadores de segunda liña. Co marcador xa mais despexado, o Celta continuou enunciando o verbo combinar como o seu preferido até o derradeiro cuarto de hora no que como é adoito esta tempada encolleuse protexendo a Varas. Durante este período sempre tan delicado para os de Herrera, os pucelanos buscaron a súa oportunidade, mais a defensa céltica funcionou con disciplina e rigor e Varas (recuperado do seu esvarón) parounas todas. O partido estaba máis ca ben gañado. O Celta inicia o ano con confianza e enxerga o segundo treito da tempada con esperanza. Gran xornada dos magos celestes onde brillaron Álex, Aspas, Oubiña, Bermejo, Krohn Dehli, Cabral e compañía, todos nun excelente nivel.

Onte 485: Entrevista no «Culturas»

Gustoume moito como titulou Ramón Nicolás a entrevista que me fixo para o número 500 do «Culturas», o suplemento de La Voz de Galicia. «O conformismo é incompatible co oficio de editor» entendo que unha frase acaída para resumir a actitude proactiva coa que os editores galegos debemos afrontar a crise e o proceso de mudanza profunda que vive o noso sector. Non hai dúbida que o vieiro posible para sairmos da crise actual está na mudanzas das políticas estratéxicas sobre a lingua e a lectura, como tamen por unha aposta pola dixitalización e a innovación. As miñas beizóns a La Voz de Galicia por estes dez anos do seu suplemento cultural e a nosa gratitude pola oportunidade de expresar as opinións do sector editorial nas suas páxinas.

O texto da entrevista completa (incluída unha pregunta e unha resposta que quedou fóra por cuestión de espazo) pode lerse no blog de Ramón Nicolás.

Onte 484: Aterraxe

A nosa longa viaxe de regreso dende Toronto alongouse catro horas debido á supresión do voo de Iberia a Vigo. Sen comunicación previa ningunha nin posibilidade de alternativa, quedamos varados na T-4 durante sete horas. A única explicación que recibimos foi que a «supresión» se debía «a posta en vigor dos novos horarios durante estes días». Efectivamente, comprobando na web de Iberia, soubemos que a compañía adquirida por British ofrecerá a partir deste mes  catro conexións diarias de Vigo con Madrid, dúas á mañá, unha ao mediodía e outra á noite. Unha oferta de voos que supón un retroceso a conectividade dispoñible hai quince anos. Cando chegamos a Peinador, derreados tras 25 horas de viaxe, percorremos os corredores da terminal ampliada, xusto diante do enorme aparcamento. Teñen sentido estas (custosas) obras de ampliación dun aeroporto que conta cada vez con menos voos, menos pasaxeiros e peores combinacións? Aterraxe na realidade nosa.

Onte 483: Baltar

Nunca me chistou Xosé Luís Baltar. Nunca me pareceu un ghicho do que un se podía fíar, nin sequera cando deu mostras do seu galeguismo e da lealtade coa lingua e cultura de noso. Só falei con el unha vez na miña vida. Foi en 2000, a raíz da edición do libro de homenaxe a Manuel Luís Acuña cando procurei o apoio da deputación de Ourense. Solicitei unha entrevista co presidente e adiantei nunha proposta o noso proxecto. Fíxome agardar ben de tempo, creo que preto de dúas horas nunha sala, despachoume en dous minutos dicindome: «Ti es o editor? Vouche comprar os libros, mais non vas facer negocio a miña conta». Aquilo non me fixo graza ningunha. Non. Dende entón comprendín que esas formas autoritarias de exercicio do seu cacicato eran a cerna da súa política e do seu caprichoso exercicio de coleccionista. A forma é o fondo. Como as súas dúas décadas de presidencia imperial da deputación foron un escándalo para a democracia. Unha situación da que son os primeiros responsables os dirixentes do PP (Fraga, Aznar, Rajoy e Feijoo) que a consentiron e da que sacaron proveito. Porén, o vello Baltar equivocouse cando artellou a súa megalómana herdanza, enfrontándose a Feijoo e á dirección de Génova. Conseguíu a cadeira para o fillo, mais quedou ferido politicamente para sempre. Só era cuestión de tempo. Máis tarde ou máis cedo caería de seu. Neste difícil transo pouco lle vai axudar o seu galeguismo e ourensanía que ambos os dous defenden como sinais identitarios do seu «caciquismo do bo». Quen no PPdeG vaise mollar a defendelo?

Onte 482: Niagara

Os nosos agarimeiros e xenerosos anfitrións canadenses, a familia Morgenstern, prepararon unha excursión a Niagara para visitar as famosas cataratas. Non nego que funcionou como un aliciente sentimental desta visita o mito acuñado pola película inesquecible que hai sesenta anos fixo estrela a Marilyn Monroe. Non houbo queixa. O par de horas que pasamos en Niagara pagaron moito a pena, a pesar da primeira labazada visual que recibimos dos neons tan chamarrangueiros, que coroan os rañaceos dos hoteis e moteis, dunha e outra banda do río (e da fronteira), din que «cheos de parellas en lúa de mel». Diante das cataratas enfrontámonos ao brutal dramatismo da natureza incrementado onte por unha paisaxe xeada, case cristalina, froito da severidade dun termómetro que baixou moitos graos baixo cero. Sensación estraña, onde os límites tan imprecisos entre a euforia e a melancolía difumináronse aínda máis coa caída súbita do día, cando as cataratas iluminadas transformáronse diante nosa en violentas fervenzas de augaluz. Antes, tiveramos a fortuna de camiñar pola avenida de Niagara-on-the-Lake, unha vila norteamericana desas que aparecen nas películas, e visitar unha das moitas adegas da beira do río Niagara, onde se produce o viño do xeo, unha rara variedade vinícola norteamericana para nós descoñecida. Este «icewine» de Niagara prodúcese con uvas recollidas tras a primeira conxelación (polo tanto de vendima serodia), o que explica o sabor moi doce deste branco. Foi unha excursión inesquecible a Niagara coa que pechamos esta viaxe canadense entre a neve.

Onte 481: ROM

Dedicamos unhas cantas horas á vista do ROM (Royal Ontario Museum), un antigo museo de historia natural reconvertido en museo das culturas para o goce dun público familiar e escolar. Na primeira ollada, semella un museo moi ecléctico, cunha moi potente e atractiva colección de dinosauros (quizais das mellores do mundo), mais na que tamén teñen certo interese as salas dedicadas ás civilizacións antigas, sobre todo no que atinxe ás artes decorativas e o vestiario. Mais o ROM semella tamén un museo dinámico, en clara transformación da súa identidade de vello museo de bioloxía e xeoloxía cara un modelo que poña en valor a diversidade das culturas. Eis todo unha nova planta dedicada a expoñer obxectos que representan as tradicións artísticas e culturais de pobos autóctonos de varias partes do globo, con particular atención á cultura dos primeiros pobos norteamericanos. Idéntico obxectivo proxectan exposicións non permanentes (magníficas) sobre o Carnaval («a emancipación da celebración») ou a desacougante mostra fotográfica sobre o xenocidio dos khmeres vermellos en Camboia. Con todo, máis alá do indubidable valor das coleccións, no ROM destaca o seu interese por conquistar ao público familiar, sobre todo aos picariños, e o forte peso do voluntariado na xestión destas actividades. Mención á parte merece a impactante arquitectura capaz de harmonizar un edificio de clásica liña vitoriana cunha peza de cubismo poliédrico. A pesar dos esforzos de modernización e de aproveitamento didáctico, o futuro deste tipo de museos de orixe decimonónica, coma o ROM torontino  (ou no caso galego como o Museo do Pobo Galego ou o Luis Iglesias de Historia Natural da USC) é incerto, a menos que sexan capaces de transformar a visita nunha experiencia auténtica de coñecemento que se prolonga nos soportes dixitais. Museos en tránsito.

Onte 480: The Distillery

Aproveitamos as derradeiras horas de luz do ano para visitar The Distillery district, unha intervención urbanística sobre o que foi a destilería de Gooderham and Worts, unha típica peza da arquitectura industrial vitoriana. Adoptando un modelo moi conservacionista na fasquia das edificacións, The Distillery é unha peza do que entendemos por «factoría cultural». Un teatro, media ducia de galerías de arte, centos de estudios para creadores (pintores, escultores, deseñadores, actores e outros artistas), unha decena de tendas de artesanía e deseño, numerosas oficinas de asociacións e entidades profesionais relacionadas coa cultura, espazos para a realizacións de eventos, cafés e restaurantes con encanto, e até unha fabrica de cervexa orgánica ocupan o espazo desta tan pouco pretenciosa «cidade da cultura» torontina. Ademais, os seus espazos exteriores acollen o mercado de nadal e moitos eventos culturais e cívicos de mediano formato. The Distillery pareceume un modelo interesante de recuperación dunha peza de arqueoloxía industrial que fai compatible o desenvolvemento da actividade cultural e a edificabilidade en altura nun espazo histórico protexido. Mentres tomabamos un chocolate moi quentiño comentabamos a posibilidade de que a recuperación da Panificadora adoptase un modelo semellante de factoría cultural, sen esquecer o disparate do Gaiás, un modelo antagónico, que continúa e continuará hipotecando o futuro da industria cultural en Galicia. The Distillery é unha visita obrigada.