588: Outlets do libro galego

Presentamos en Pontevedra o Outlet do Libro Galego que se celebrará do 20 ao 28 de abril nas instalacións do Cafe Moderno de Pontevedra. Organizada pola Asociación Galega de Editores, esta nova de xeira de outlets, iniciada este mes con grande éxito de público en Santiago, pretende visibilizar ao libro galego en toda súa diversidade e achegar unha segunda oportunidade para que o público merque aos mellores prezos títulos de calidade que non tiveron aínda a fortuna que merecían. Unha iniciativa compartida por dezasete editores galegos que conta coa colaboración en man común das librarías Paz e Seijas que asumen a xestión comercial. A apertura do outlet pontevedrés coincide coa da Feira do Libro de Ferrol e coa Festa do Libro que organizan os bibliotecarios e libreiros coruñeses con motivo do día do libro. Son días para que os libros e a lectura ocupen o espazo público.

Onte 587: O «Tastarabás» de Cortizas, a recuperación do noso patrimonio lúdico

Moi emocionante foi a presentación de Tastarabás, a grande enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas celebrada no serán de onte no IES Canido, centro onde traballa e barrio ferrolán onde naceu o autor. A intervención de Paco Veiga, membro da Asociación Galega do Xogo Popular e tradicional, tamén un dos catro prologuistas da obra, que expresou a representación de moi diversos colectivos do movemento asociativo a prol da recuperación do patrimonio lúdico galego, encadrou Tastarabás coma unha obra colectiva que forma parte dunha tradición: “un traballo de todos, iniciado pola Xeración Nós, dende o volume Terra de Melide, continuado nos anos oitenta polo libro de Arturo Romaní e outros compendios de xogos tradicionais e, a partir dos noventa, pola súa posta en valor por asociacións e colectivos diversos de todo o país”.

Para Veiga “Tastarabás era a peza que faltaba na recuperación do noso patrimonio lúdico”. Salientou, despois, que “esta presentación era un fito na historia de Galicia, xa que aquí está un cacho da nosa historia, que parte do máis íntimo”. “Tastarabás é un saco vivo onde teremos a nosa disposición para sempre unha obra universal, xa que en todas partes se xoga a case todo, aínda en cada lugar o xogo se adapta as súas necesidades”. Para Veiga outro dos grandes méritos do autor foi “a súa preocupación por sistematizar os xoguetes, como tamén a de proporcionar á inxente bibliografía e documentos que consultou, como as referencias literarias de cada peza, o que constitúe un paso fundamental na investigación e recuperación do noso patrimonio lúdico”. “Tastarabás é un libro para todos os públicos, para toda a familia, para os nenos e nenas, para os vellos, para todos”, rematou Veiga.

Comezou Cortizas expresando a súa gratitude e emoción por presentar o libro no seu barrio e no seu centro de traballo. Encadrou Tastarabás como unha ferramenta educativa, “neste libro están todas as competencias básicas que se pretenden desenvolver na escola”, e lembrou que o xoguete é unha cultura que forma parte do currículum. Lamentou que na última década se producise o declive da transmisión lúdica na infancia, un proceso acelerado pola televisión e internet, razón pola que reclamou que “o futuro do xogo tradicional e os seus valores se producise na súa recuperación escolar”.

Coincidindo coa presentación, no IES Canido instalouse unha magnífica mostra dalgúns dos xoguetes tradicionais elaborados polo autor no proceso de escrita deste Tastarabás. Outra sorpresa foron as galletas tastarabás (moi larpeiras) que apareceron sobre a mesa á hora dos petiscos. Foi un serán ferrolán que deu moito xogo. Beizóns a Cortizas por semellante proeza froito de dez anos de traballo!

 

Onte 586: “Do estigma á estima”

Enviamos ás librarías Do estigma á estima, un importante ensaio de Valentina Formoso, no que se realizan propostas para un novo discurso lingüístico. Partindo dunha investigación cualitativa sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Educación Secundaria, Formoso ofrece unha reflexión conducente a formular alternativas destinadas a frear o que semella imparable tendencia desgaleguizadora. É unha beizón poder editar obras sobre a lingua que asuman este enfoque proactivo fomentador de representacións positivas para a lingua. Formoso arrisca e propón novas estratexias de planificación lingüística para actuar no ensino, mais tamén para mudar as representacións negativas e reforzar as positivas, xa que para ela a clave do futuro da lingua reside en “atender de xeito urxente ao imaxinario social sobre a lingua galega, en especial ao que posúen os galegofalantes”. O futuro da lingua galega non está fixado, como pretende facernos crer as posicións negacionistas. O futuro do galego depende de nós, das persoas galegofalantes que decidamos conservar a lingua propia e traballemos para mudar as actitudes negativas e prexuízos sobre ela instalados no imaxinario galego. Como salienta a autora nas páxinas finais “no camiño da normalización do galego chegamos a un treito que se presenta duro, mais non debemos parar”.

Onte 585: Tertulia

Cando na tertulia da Radio Galega comentabamos as andanzas perigosas de Manolo Pescanova, soubemos por twitter dos estouridos da maratón de Boston. Cando valorabamos o anuncio de Feijoo da posible entrada de Pemex no capital dos estaleiros vigueses (Barreras), a pantalla do teléfono doíase comunicando a derrota en tempo de desconto dun Celta xa pechacancelas. Case non houbo tempo para comentar a vitoria axustadísima de Maduro nin a ofensiva de Rouco para que Rajoy modifique as leis do aborto e dos matrimonios de persoas do mesmo sexo e mellore o estatuto dos centros educativos católicos. Vaia axenda informativa dun 15/04 que semella lembraremos!

Serra do Galiñeiro

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo as ameazas que sofre a Serra do Galiñeiro, unha das alfaias da natureza na nosa área metropolitana, ameaza pola instalación dun parque eólico e polas catas dunha prospeción mineira coa intención de «determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras».

A coroa vexetal da área metropolitana viguesa, xunto á marabilla da ría, son as dúas principais alfaias da natureza  ao noso coidado. Un patrimonio natural trazado pola cordal da Serra do Galiñeiro que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui. Os outeiros do monte Alba, o miradoiro do Cepudo e o pelouro do monte Galiñeiro (711 metros) constitúen referentes na paisaxe dos vales do Fragoso, A Louriña, o Val Miñor, o Baixo Miño e do propio Morrazo, ademais da orixe de regueiros e regos que manteñen afluentes dos ríos Zamáns, Vilaza, Chenlo, Miñor e Louro. Coa única excepción do Monte Aloia (629 metros) no concello de Tui, declarado parque natural en 1978, o resto da Serra do Galiñeiro, a pesar dos seus valores naturais, culturais, etnográficos, económicos e sociais carece de calquera figura de protección. Unha anomalía incompatible coas directivas europeas de protección dos espazos naturais, como denuncia o movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, formado por catorce colectivos veciñais, deportivos, ecoloxistas e culturais, que reclaman a súa inclusión na rede galega de espazos protexidos.

O patrimonio natural da Serra do Galiñeiro está en perigo, a mercede dos cada día maiores intereses económicos que puxeron os seus ollos na riqueza que atesoura este espazo natural e cultural. A plantación masiva de eucaliptos, piñeiros e acacias reduce a biodiversidade dun espazo onde nas turbeiras e breixeiras húmidas se localizan endemismos florais como carrasco da turbeira e outras plantas en vías de extinción. Como agresivas co hábitat son a proliferación de canteiras, algunhas ilegais, outras abandonadas sen ser restauradas, e os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo, agochados na impunidade do monte. Outrosí sucede coa apertura incontrolada de pistas e a súa ampliación con terra e entullo, e mesmo o seu asfaltado, co seu impacto brutal sobre as drenaxes dos mananciais, presas, levadas e muíños de auga, coa única intención de ser utilizadas por todoterreos, motos de cross e quads, vehículos moi agresivos para un espazo que lle é propio a endemismos como a saramaganta, á ra patilonga e ao cabalo do monte (raza autóctona declarada en perigo de extinción), un dos últimos cabalos salvaxes que quedan en Europa. Ameaza para os cabalos en liberdade, como para as aves que alí nidifican ou utilizan a serra como paso migratorio, que se incrementaría co proxecto intrusivo de instalación dun parque eólico que modificaría de forma irreversible esta paisaxe.

O patrimonio xeolóxico e cultural da Serra do Galiñeiro tamén está ameazado. A monumentalidade paisaxística das formacións de gneis de riebeckitanos, eses grandes pelouros do cume do Galiñeiro desafíados polos escaladores de todo Galicia, desaparecería de instalarse o aberrante parque eólico. Tamén estarían en perigo cavidades de valores xeolóxicos singulares, mais tamén orixe e morada dun amplo patrimonio de tradición oral, como a Cova da Becha (orixe dun culto relixioso non cristiano, ao que Ferrín dedicou artigos memorables) en Vincios e A Lapa da Moura en Morgadáns, covas estudadas polo Club Espeleolóxico Maúxo. Como quedarían afectadas as pegadas da presenza humana en xacementos de petróglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, en mámoas como as de Chan das Moutas ou na fortaleza altomedieval do Galiñeiro. Un patrimonio arqueolóxico e etnográfico que ben merecía ser protexido sendo declarado Ben de Interese Cultural.

Como nova e grave ameaza supón para o futuro da Serra do Galiñeiro a solicitude da multinacional sudafricana Umbono Capital de realizar catas de prospección mineira nunha zona de monte entre os concellos de Mos e O Porriño coa intención de “determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras”. Un eufemismo que non pode ocultar que procuran alí a existencia de itrio, escandio e outros minerais utilizados para a fabricación das baterías dos móbiles e automóbiles híbridos ou de pantalla de raios X.

Mais e sobre todo, o que está en perigo na Serra do Galiñeiro é un modelo de desenvolvemento sostible, tanto das actividades agrarias (especialmente o pastoreo de gando ceibe, a agricultura ecolóxica e aproveitamento forestal) como das deportivas (escalada, ciclismo de montaña, equitación, carreiras de montaña e orientación), culturais (celebración dos curros de Vincios e Morgadáns) e de turismo e lecer (senderismo, visita aos parques arqueolóxicos, colleita de cogomelos, etc.).

Esta alfaia do noso patrimonio natural e paisaxístico precisa do agarimo e compromiso de todos. Así o exixirán o vindeiro domingo 21 de abril os participantes na IV Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que saírá as 10:30 horas do Parque Forestal de Zamáns.

Onte 584: Pola República

Contando coa colaboración que os membros da Casa Real ofreceron ao longo do último ano, non estrañou a ninguén que a convocatoria viguesa do Día da República obtivese o maior éxito de convocatoira da súa historia. Máis alá desta brincadeira en boca de todos e de aproveitar a fermosa mañá solleira de primavera (unha beizón, tras sete meses de choiva), non hai dúbida que o medio milleiro de persoas que acudimos onte á Porta do Sol demos testemuña da pertinencia da causa republicana como mellor saída para a crise. Aclarouno Celso López Pazos, o presidente da Asemblea Republicana de Vigo: o referendo non constitúe a alternativa que defendemos os republicanos. A ilegalidade do golpe de estado do 18 de xullo, a impunidade do franquismo coas súas vítimas, os casos de corrupción dos membros da Casa Real, o esgotamento do marco constitucional, con especial atención aos dereitos a decidir das nacións históricas, a cesión da soberanía á troica, a imposición de políticas de austericidade que recorta os servizos públicos son razóns abondas para propoñer como saída un proxecto republicán constituínte. O que hai unha década, cando comezaron estas concentracións en Vigo, ao pé da rúa da Segunda República, constituía unha causa de catro tolos, confírmase hoxe coma unha opción que xa non pode ser descartada.

Onte 583: Co arquivo de Guillermo Cameselle

Tiven a fortuna de dedicar moitas horas do sábado ao estudo do arquivo do fotógrafo Guillermo Cameselle, xa que é a nosa intención publicar a comezos do vindeiro outono, coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, un primeiro libro antolóxico da súa obra. Coa axuda imprescindible dos seus fillos (Guillermo, Rosa e Fernando) intentamos escolmar unha mostra representativa das máis de 30.000 fotografías do seu arquivo, que percorren a historia da area metropolitana de Vigo durante un cuarto de século, de 1980 a 2005. Cameselle foi fotoxornalista de Faro de Vigo durante este período, o que lle permitiu construír día a día unha crónica impresionante dun período decisivo no que a cidade revolcada sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente o seu perfil urbano. Cameselle foi moito máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, esforzándose en ofrecer nas páxinas do Faro un traballo de composición limpo e rotundo en cada peza, no que deitaba unha ollada profundamente conmovedora, non exenta de humor e ironía. Aventuro que o libro vai ser outra arca para a memoria nosa. Para abrir boca, ofrezo unha pequena escolma de pezas que é probable aparezan no libro.

Onte 582: «Unha vez», poema de Celso Emilio musicado por Enrique X. Macías

Recibín na caixa de correos un envío de Luís Ferreiro que me deixou abraiado: a composición «Poema de Requiem» que Enrique X. Macías realizou, entre o nadal de 1977 e o mes de xaneiro de 1978, sobre o poema «Unha vez» de Celso Emilio Ferreiro. Polo que puiden comprobar na primeira ollada, Macías envioulle a partitura a Celso, con quen mantiña relación de «admiración e amizade», e dende entón quedou nos arquivos do poeta. A peza para voz de soprano, banda magnética, dous magnetofóns, dous percusionistas e piano nunca se chegou a interpretar e (até o que eu sei) nunca foi incluída no catálogo do músico autodidacta vigués, moi atento sempre a mantelo vivo e actualizado. Emocionoume ver nas páxinas da partitura a caligrafía característica de Enrique, un dos creadores máis decisivos da miña xeración. Agradezo moito a Luís Ferreiro semellante galano que nos permite lembrar con saudades a un amigo inesquecible.

Aquí pode baixarse en pdf a partitura da man do seu compositor.

Onte 581: Sobre o 17 de maio

Convidado pola Liga Estudantil Galega de Filoloxía da USC participei, xunto a María do Cebreiro e O Leo, nun debate sobre o futuro do Día das Letras Galegas. Coincidimos todos os tres na necesidade de darlle un novo pulo á efeméride. Propúxose abrila a outras expresión artísticas –citáronse candidaturas como as do cineasta e escritor Chano Piñeiro– e a outras expresións culturais galegas, con atención especial á economía e á ciencia –citáronse persoas a recoñecer como Manuel Colmeiro Penido ou Isidro Parga Pondal–. Propúxose a posibilidade de despersoalizar a efeméride, abríndoa a creacións culturais como «O banquete de Conxo» ou ao recoñecemento conxunto de xeracións ou movementos. Propúxose recuperar o carácter de festa cívica laica e día do libro galego, que tivo antes da súa institucionalización coma festivo (que eu creo na actual coxuntura debería ser conservada). Sinalouse o papel do asociacionismo cultural, da iniciativa das empresas e dos centros educativos como principais alicerces organizativos da xornada («semana» ou «mes das letras»). A emulación de iniciativas como as comitivas cívicas, «Bares e letras» ou da «Rede de música ao vivo», o vencellamento coa celebración do Día Mundial da Sociedade da Información (#díadeinternet), que tamén se conmemoran o 17 de maio, deberían terse tamén en conta. Foi unha mesa inusualmente rica en propostas e análises, ademais dun chamamento á corresponsabilidade civil. Grazas aos membros da Liga de Filoloxía por tan interesante convocatoria.

Onte 580: Lembrando a Gianni Rodari

Agustín Fernández Paz lembrounos onte en dúas anotacións no seu blog o aniversario do pasamento de Gianni Rodari, un dos autores que máis influíu na nosa formación como educadores. Eu tamén fun dos mestres que descubriu nos anos oitenta as pegadas de Rodari nas páxinas de Cuadernos de Pedagogía e dos que leu abraiado a Gramática da fantasía na edición de Reforma de la Escuela, un deses libros marcantes na nosa formación literaria e pedagóxica. Grazas a Agustín por facernos volver reparar en Rodari, un autor que non perdeu vixencia ningunha.