«Flores en la carretera»

Non imos criticar a iniciativa da Consellaría de Traballo e da Confederación de Empresarios de Galicia de que «Flores en la carretera» do grupo ribeirense Jabon Blue sexa a canción coa que pechen bares e discotecas de Galicia. Promover hábitos saudables entre a mocidade, como o da condución responsable, e loitar contra a sinistrabilidade do tráfico merece os esforzos de todos e non se poden regatear medios nesa angueira. Porén, creo desafortunada a mensaxe subliminal que se emite cara aos mozos e mozas utilizando unha canción en castelán, cando sabemos existe unha oferta musical en galego ampla, diversa e de calidade. O curioso do caso é que o líder da banda,  Javi Maneiro, antigo membro de Herdeiros da Crus, di que «cantan en castelán coa intención de vivir da música no panorama nacional». Con este goberno ten que saír sempre malparada a nosa lingua? Esta é outra desas coincidencias fortuítas que expresan o retroceso do noso idioma?

Mar de Vigo

No artigo da semana de Faro de Vigo abordo as razóns do acaído nome que levará o auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar.

«Mar de Vigo» será o nome do Auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar. Un gran acerto do xurado de personalidades viguesas, constituído como efémero “comité de expertos” para tan difícil tarefa como foi a de bautizar unha instalación chamada a ser icona viguesa do século XXI. Unha denominación que non desmerece de maneira ningunha outras posibilidades como as de chamalo «Valentín Paz Andrade» (VPA), a proposta que defendimos neste espazo, ou as dos trobadores «Martín Codax» e «Mendiño», lembrando así os máis universais escritores vigueses e senllas insignias da historia da cidade.

«Mar de Vigo» é, dende o punto de vista literario un acerto rotundo xa que remite directamente aos propios versos de Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo do século XIII, a quen, por certo, o profesor Xesús Alonso Montero acaba de dedicar unha fermosa e moi recomendable biografía, publicada polo Plan de competitividade turística de Vigo. «Ondas do mar de Vigo» é o primeiro verso da primeira cantiga codaxiana; referencia poética que se repite no segundo verso da quinta cantiga, «vinde comigo ao mar de Vigo». Faise xustiza así, despois de anos de certo esquecemento municipal (só hai que comprobar o estado de abandono do parque do Castro na súa lembranza), á figura de quen Álvaro Cunqueiro consideraba o auténtico fundador da nosa cidade. «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Codax que bailaba ‘no sagrado, en Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas…» escribiu Cunqueiro na guía sobre Vigo e a súa ría (Everest, 1971), referíndose á quinta e sexta cantiga do poeta que alicerzou o mar de Vigo con palabras de amor, un feito extraordinario que don Álvaro consideraba en “Cancionero de Vigo”, un artigo publicado en Faro de Vigo (1957), como algo do que poderían fachendear moi poucas cidades na vella de Europa.

Dende que o poeta vigués Teodosio Vesteiro Torres (outra figura que merece ser reivindicada e mellor coñecida) publicase en 1876 no periódico ourensán El Heraldo Gallego a primeira publicación, impresa e autónoma, do heptaedro lírico de Martín Codax, comezaron a aparecer moitas referencias literarias que acrisolan o mar coa cidade de Vigo. Unha escolma destes textos apareceron hai poucos meses na Axenda de Vigo 2011 publicada pola Alcaldía, o que constitúe unha nova mostra do vínculo literario desta cidade co seu mar. “Vigo namorada das naos, doce noiva do vento” (Celso Emilio Ferreiro); “Vigo, a ría antes que nada” (Ángel Vázquez de la Cruz); “Mais ti, cidade, vas cangada como un barco” (Manuel Forcadela); “É o mar o que me envolve esta tarde” (Afonso Pexegueiro); “Cando a luz é unha forza a meternos a Ría polos ollos” (Xabier Paz); “Vigo está tan lonxe que se desorientaron as cartas mariñas” (Manuel Antonio); “Vigo naceu fronte ao mar, un mar recollido e familiar” (Xosé María Álvarez Blázquez); “[Vigo] vixía dos veleiros, val disperso” (Xosé María Álvarez Cáccamo…

No entanto non son razóns só literarias as que avalan esta denominación de «Mar de Vigo» como acaída para o impoñente Auditorio que o concello inaugurará no vindeiro mes de abril. Unha é a propia ubicación privilexiada do edificio ao pé da ría, converténdose en balcón e anfiteatro que permite gozar dun espectáculo visual extraordinario e dos poderes euforizantes da maruxía. Outra é o interese que para a mercadotecnia e proxección internacional da instalación supón levar o nome da súa cidade. Como non son menos relevantes, as pegadas que sobre aquel espazo de beiramar deixaron na memoria de xeracións de vigueses, primeiro os areais de San Sebastián, e máis tarde, a factoría de Casa M.A.R (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por emprendedores nosos como Valentín Paz Andrade e Javier Sensat Curbera.

«Mar de Vigo» é un sintagma de significado equivalente a outros como «cidade de sal» (María Xosé Queizán), «cidade de salitre» (Fran Alonso) ou «abella da ribeira» (Manuel Lueiro Rei) que expresan o carácter marítimo dunha cidade que ten no seu porto e nas actividades estruturadas ao seu arredor, dende a construción naval, pasando polas actividades pesqueiras, ao tráfico de mercadorías, un dos seus principais alicerces económicos. Carácter portuario presente, tamén, nas actividades deportivas e de lecer, na mobilidade metropolitana e, sobre todo, no valor da ría como o principal patrimonio que a humanidade deixou á atención dos vigueses. Dese espírito de sal quedou bautizada unha instalación cívica, cultural, comercial e turística cuxos contidos agardamos contribúan a preservar esta estirpe. Eis outro dos retos dun fermoso auditorio que a todos sen matices debería encher de fachenda.

Campo do Fragoso CII

LÍDER
Agardamos na bancada catro tempadas para que chegase este momento de gloria (que sabemos efémera): o noso Celta é líder na vixésimo quinta xornada. Un éxito, no que moi poucos acreditabamos no pasado mes de setembro. A partir de agora xa ninguén pode dubidar que o seu obxectivo é o ascenso directo. Un liderato, porén, que chegou tras un mal partido diante do Tenerife, quizais no encontro de xogo máis ruín dos nosos en toda a tempada. Quedou claro axiña que coñecer o empate do Raio, a piques de saltar á lameira, non axudou moito a un equipo que saíu co seu once de gala, un cadro que pola súa estabilidade e polos resultados pode estar chamado a ser lembrado durante moito tempo, como aqueloutro da nosa nenez no que formaba o porteiro Ibarreche, unha das persoas ás que se lle dedicou o inicial minuto de silencio. Fronte aos chicharreiros houbo moito máis medo a fracasar na conquista do liderado ca o espectáculo deslumbrante de xornadas anteriores. O devir do partido quedou moi determinado polas dúas oportunidades clamorosas estragadas nos dez primeiros minutos por David Rodríguez, onte moi apático no seu deambular e desacertado no remate. O fracaso da estratexia celeste de liquidar o partido nunha saída fulgurante, levou a que o Tenerife fose chegando amodiño á área de Falcón, até someter a nosa defensa a un agobio suave que nunca chegou a ser perigoso para o marcador. Á altura da media hora de xogo, o Celta naufragaba, incapaz de sacar a pelota ao toque para a súa temible segunda liña; Herrera, entón, retrasou a Trashorras para que o chairego fose quen subise e distribuíse, unha e outra vez, os balóns para Álex e De Lucas. Faltando a habitual intensidade dos nosos no centro do campo, sobrando algunha imprecisión defensiva e, sobre todo, carecendo algúns dos nosos dianteiros dos valores cooperativos, o partido caíu nun lamentable e abafante horizontalismo. A aparente superioridade local agochaba unha preocupante falta de solucións creativas atacantes, máis evidente cando, como sucedeu onte, non estaba enchufada a conexión entre Quique e David. Xa avanzada a segunda parte, a entrada de xogadores de refresco, primeiro de Michu e logo dos eléctricos Aspas e Abalo, axudou a aumentar a voltaxe dun conxunto que semellaba preso, como na pasada xornada en Córdoba, da síndrome paralizante do canguelo que lle impediría auparse ao liderado. Mais esa confianza nas propias posibilidades, unha actitude que nunca se debe perder e que tan ben imprimiu neste equipo Paco Herrera, facilitou nos minutos finais que os celestes non desistisen no seu empeño e que a esperanza vencese ao medo. Insistiron, aínda que o seu xogo non era vistoso, aínda que os xutes de Álex, De Lucas e de Aspas carecían de pementa, mesmo cando os caneos de Abalo non eran capaces de fender a muralla canaria. Nesa teimosía, nesa renuncia a conformarse, fabricouse a vitoria. Cando o partido agonizaba e o empate xa nos parecía a todos inevitable, apareceu o punteirazo dende a frontal de Michu, que superou a Aragoneses, o porteiro porriñés que tan ben defendera a meta tinerfeña. O estourido no banco celeste e na bancada foi impresionante. Todos fomos conscientes que son estas vitorias in extremis, as traballadas a forza de querer, as que poden permitir acadar eses oitenta puntos que nos leven a primeira. Este Celta, mesmo nos días menos afortunados, é capaz do mellor.

10 consellos para deseñar unha cuberta

Non me resisto a deixar de enlazar os 10 consellos de Jane Friedman para deseñar boas cubertas de libros, recollidos por Arantxa Mellado nunha anotación en Ediciona. Sei que este decálogo (moi discutible como son todo este tipo de listas) pode darnos moito xogo para o debate nunha das sesións do máster de edición que nos ocupa as tardes destas semanas:

  1. Para o título emprega corpos grandes e tipografías de lectura doada.
  2. Comproba como queda en miniatura, xa que así se verás nas webs.
  3. Non utilices nunca tipografías como Comic sans ou Papyrus.
  4. Utiliza como máximo dúas fontes.
  5. Non empregues as túas ilustracións.
  6. É recomendable empregar fotografías de arquivos de calidade.
  7. Non insertes unha imaxe dentro dunha caixa (como fai Salamandra, Anagrama, Tusquets ou Xerais).
  8. Evita os degradados.
  9. Evita as combinacións de cores rechamantes.
  10. Deixa o deseño das cubertas en mans dos deseñadores profesionais.

A volta co papel do editor

Na primeira sesión de docencia da materia «Edición e actividade editorial» do Máster de Edicion abordamos o que entendemos como a poética do editor, a sombra prudente do autor, comprometida cos seus lectores. Co traballo arredor do artigo de Andrea Palet, «Brevísimo manual para jóvenes editores», pretendemos reflexionar sobre cal é a responsabilidade para o editor no actual entorno de tránsito e mudanza do paradigma da comunicación cultural. Nunha recente entrevista, a xove editora chilena sinala coa súa habitual agudeza didáctica que «todo nun editor é práctica, vida e lectura». Un posicionamento que enlaza coa tradición máis  clásica do noso oficio, acuñado por editores de lenda como Jaime Salinas, falecido non hai moito. Máis alá da mudanza do soporte ou das presións dificilmente soportables do mercado, o principal labor do editor é hermenéutica, comunicadora. A edición concibida, agora,  como conversa multicanle establecida por persoas apaixonadamente curiosas e creativas.

Sabes que é un libro?


Procurando recursos actualizados para utilizar na docencia da materia «Edición e actividade editorial» do Máster universitario en edición da USC e UDV que comezamos mañá atopei está peza didáctica sobre a definición do libro. Utilizarémola xunto a estoutra convertida xa en clásico.

Hai algunhas outras pezas audiovisuais moi sinxelas que pretenden responder á preguntas básicas como «Que é un libro?», «Como se fai un libro?» ou «En que consiste o oficio de editor?»:
«Como se fai un libro?» (referido á fabricación)
Facendo libros en 1947.
«Día Internacional da Bibliodiversidade».

A mata

a mata from SonCine on Vimeo.

Son fan do proxecto «SonCine» promovido polo IES do Porto do Son. Esta peza, «A mata», preparada polo alumnado de 3º de ESO cunha cámara fotográfica LUMIX é magnífica. Forma parte do proxecto «O meu Son», como «A praia do Dique» e «Noal». Traballos escolares que nos deixan pampos. Extraordinarios. Sobran as palabras. Recoméndoas. Beizóns ao equipo todo de SonCine.

O mapa da Galicia futura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da polémica das áreas metropolitanas, propoño unha reflexión sobre a desaparición das deputacións e reestruturación do mapa territorial e institucional de Galicia.

A proximidade da convocatoria electoral municipal e as dificultades para poñer en marcha o proxecto de áreas metropolitanas ou rexións urbanas de Galicia reabriron o debate sobre cal debe ser o futuro das deputacións provinciais. Sobre o enfoque de cuestión tan polémica veñen manténdose dúas doutrinas, á que non son alleas os intereses e a forma de entender o exercicio do poder dos tres partidos políticos con representación nestas entidades locais. Unha defende a supresión das deputacións, distribuíndo as súas competencias entre a Xunta de Galicia e o que serían as áreas metropolitanas e entidades comarcais de nova creación. Outra propón a súa reconversión en entidades de coordinación e asesoramento dos concellos rurais, sobre todo, no que atinxe á xestión de tributos e determinados servizos e investimentos.

A primeira impulsouna de vello o BNG, que presentou hai días no Congreso dos Deputados unha iniciativa que solicita a modificación da Lei reguladora de bases de réxime local para que no futuro sexan as autonomías “as que artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional, o que posibilitaría maiores niveis de eficacia na acción administrativa e tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos, especialmente escasos na actual situación de crise económica”. A segunda defendérona o PPdeG e o PSdeG-PSOE, partidos que se responsabilizan á par da presidencia das catro deputacións galegas. A esta posición adscríbese tanto a proposta de Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, que esta semana propoñía “reinventar as deputacións para evitar as duplicidades de gastos”, como as reiteradas declaracións do socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, que considera estas institucións provinciais como “imprescindibles mentres se manteña a actual configuración municipal”.

O debate sobre o sentido das deputacións provinciais naceu da ambigüidade do artigo 141 da Constitución de 1978, que no seu apartado 2 lles encomenda “o goberno e administración das provincias”, mais que non establece cales son as súas funcións nin tampouco o seu carácter de administracións locais exclusivas, xa que deixa aberta a posibilidade de creación doutras agrupacións de concellos, como poden ser as mancomunidades municipais, comarcas ou áreas metropolitanas. Ao longo destas tres décadas constitucionais, na que se desenvolveron tamén os poderes autonómicos, foron frecuentes as críticas ao papel das deputacións, conformadas entre os concelleiros elixidos nos partidos xudiciais (unhas entidades que non teñen recoñecemento político ningún), por consideralas como poderes paralelos aos dos gobernos autonómicos, incompatibles cun sistema institucional baseado na descentralización e no reparto competencial; xustificadas, tamén, polo custo elevado da súa xestión –lembremos que no caso das deputacións galegas, cun orzamento anual que supera os 600 millóns de euros, apenas o 55% está destinado a investimentos e transferencias, mentres que o resto vai destinado a gastos de persoal e de funcionamento da institución– ou pola utilización clientelar e partidista dos seus fondos por parte da súa presidencia, unha práctica escandalosa e discriminatoria que se converteu en tan habitual que semella xa non merece sequera ser mencionada.

Nun marco como o actual de crise económica global e redución dos gastos superfluos das administracións públicas, nun momento político no que existe un amplo consenso para acometer a urxentísima posta en marcha das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, sería a oportunidade acaída tamén para revisar o conxunto da estrutura municipal e territorial de Galicia. Aí é onde, a pesar da inevitable loita localista que provocaría, se debera encadrar o deseño do mapa das imprescindibles fusións municipais e o recoñecemento institucional e político das comarcas e áreas metropolitanas. Nese novo mapa institucional da Galicia do século XXI, alicerzado sobre unha administración máis próxima, eficaz e económica ca actual, as deputacións terían moi escasa razón de ser, xa que as súas funcións serían asumidas, unhas pola Xunta e outras polas novas entidades comarcais e metropolitanas. A desaparición das deputacións en Galicia supoñería, ademais, a supresión dos cargos dos actuais 108 deputados provinciais, e un aforro anual nada desprezable, estimado en 15 millóns de euros, ao que habería que engadir o traspaso dos seus funcionarios que reforzarían os cadros da administración autonómica ou a dos entes metropolitanos e comarcais.

Unha mostra de responsabilidade e compromiso co país sería que na próxima campaña electoral municipal cada un dos partidos presentase a súa proposta sobre este novo mapa institucional vertebrador da Galicia futura.