Por unha educación inclusiva


Moitas grazas a Guillermo Meijón por tan interesante descuberta. A existencia dunha voz interna como motor da organización do pensamento e da acción desta rapaza sobrecolleume. Una aposta pola educación inclusiva. Merece a pena, a pesar do ton un chisco grandilocuente da narración e dos titulares sensacionalistas da reportaxe televisiva.

Inevitablemente, lembrei a experiencia do Pelouro de educación inclusiva que dende hai case corenta anos leva adiante en Caldelas Tui Teresa Ubeira e Juan Rodríguez de Llauder. Outra educación é posible.

Sería magnífico recuperar para a rede a reportaxe Todos iguales, todos diferentes emitida en 1996 por Canal+ sobre a extraordinaria experiencia pedagóxica do Pelouro.

Día mundial da poesía

No artigo da semana en Faro de Vigo falo sobre o Día mundial da poesía que coincindo coa entrada da primavera celebramos hoxe.

Hoxe é o “Día mundial da poesía”. Proclamada en 1999 pola XXX Conferencia Xeral da UNESCO, esta xornada, que no hemisferio norte coincide co comezo da primavera, constitúe un convite para converter a poesía nun espazo de encontro onde os pobos poidan atoparse por riba de cal sexa a súa lingua e a súa ubicación dentro do planeta. A poesía concibida como un dos alicerces da cultura universal, como unha voz superadora de barreiras e valados, capaz de expresar a esencia da condición humana e os matices máis sutiles das emocións e dos sentimentos dos seres humanos. A poesía convertida, ademais, en ferramenta de reflexión sobre o poder da linguaxe e en vehículo de expresión das capacidades creadoras de cada persoa. A poesía, en definitiva, transformada en código universal, nesa grande invención do mundo que permite o diálogo entre culturas, no territorio común das palabras, da creatividade e da innovación.

A UNESCO chama cada ano aos seus membros para celebrar esta xornada tamén coa intención de soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética, con singular interés polas manifestacións do patrimonio inmaterial de tradición oral e pola visibilidade dos poetas e dos seus textos na sociedade. Un día para promover a lectura, o ensino, a edición, a tradución da poesía entre lectores e lectoras de todas as idades e de todas as linguas. Vinte e catro horas, pois, para que a poesía e os poetas sexan os grandes protagonistas nos medios de comunicación, nos centros educativos e nos espazos públicos. Esta “Primavera dos poetas” convoca a milleiros de persoas dispostas a escoitar aos seus poetas que ocupan prazas, auditorios, bibliotecas e institutos. Consultar o programa de actos e recitais que hoxe se desenvolven en París, Lyon, Tours, algunhas das cidades francesas onde a celebración pula, provoca auténtico asombro. Canto menos por un día, os poetas son atendidos como merecen, como os xenerosos cabezaleiros da república das letras capaces de inchar as palabras, de escrutar os seus límites ou de alongar o alcance da lingua, servizo que a cidadanía sabe agradecer coa súa admiración cara eles.

Mágoa que non sexa, aínda, esta a consideración e o respecto que reciben os poetas galegos. Os nosos teñen cada vez máis dificultades para publicar os seus libros, menos oportunidades para recitar os seus poemas en espazos públicos e nin sequera a honra de ser coroados como hai cen anos lle aconteceu a Curros Enríquez. Dificultades de visibilidade para a poesía, ao que cremos non é allea a súa consideración prexuizosa como o xénero literario da minoría das minorías, a pesar de que nos textos poéticos reside o ADN de calquera outra expresión literaria. Outrosí sucede no propio sistema educativo, onde a pesar do importante esforzo realizado por un profesorado entusiasta en desenvolver un criterio literario entre o alumnado, a poesía tamén precisa de ser desmitificada e reivindicada.

Outra ollada da infancia e da mocidade sobre a poesía é posible. Este é o suxestivo convite que ven realizando o poeta e editor Fran Alonso en libros como Cidades (1997), Poetízate (2006) ou O meu gato é un poeta (2011), unha recente proposta de edición expandida (un libro, un cedé e unha web), na que engaiola a lectores novos e adolescentes retorcendo as palabras de xeito lúdico e divertido. Semellante proposta, dende hai vinte e cinco anos, ven realizando Antonio García Teijeiro, poeta pioneiro que acredita na capacidade contaxiosa do texto poético para ser apropiado polos nenos e nenas, como sabemos sucede en Recendos de aire sonoro (2011), o seu último libro onde esculca os límites entre poesía e música. Propostas de idéntica raíz e interese defenden Carlos Negro, Gloria Sánchez, Elvira Ribeiro, Antón Cortizas, Helena Villar Janeiro e unha longa nómina de poetas teimosos de noso que teñen ofrecidos poemarios que tamén poden ler os nenos.

Esoutra ollada poética desprexuizada non debe deitarse só sobre as crianzas. A poesía, a poesía galega, debe ocupar os espazos públicos que lle corresponden; os nosos poetas, como sucede hoxe en Francia, teñen tamén dereito a súa palestra. A lectura e a literatura deben entrar a formar parte da axenda pública, unha carencia moi grave nunha cidade como Vigo que a pesar de ser a capital editorial do país é incapaz de superar a súa endémica anemia lectora e bibliotecaria. Que a Concellaría de Cultura, fóra das actividades do Verbum, non teña prevista hoxe celebración ningunha para o “Día Mundial da Poesía” é triste, ademais doutra mostra da necesidade de contar cunha política municipal de lectura. Abondaría que os responsables vigueses consultasen a programación da concellaría coruñesa do seu ramo para atopar un modelo de cidade respectuosa cos seus poetas. En poesía e en bibliotecas, A Coruña é un exemplo a seguir.

Imaxes da celebración de «Vento Lois» de Xornal de Galicia.

«Someone like you»


A voz, o texto e o piano, abondan. Magnífica, Adele!
Se che gustou, estoutro tema «Set fire to the rain», non é menos apaixonante, xenial. Ambos os dous incluídos en 21, un disco memorable desta rapaza de Tottenham.

Vento Lois

O domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.

25 anos de Ir Indo

Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.

O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.

A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.

É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.

Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.

Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.

O outro libro dinámico


Unha boliña de papel soña con ser un libro. Esta peza de animación de Pablo Delfini obtivo unha Mención Especial no 15 FLVR, Festival Latinoamericano de vídeo Rosario, Arxentina.

Se che prestou aquí enlazas con máis pezas de Delfini nas que os libros adoitan estar presentes. A música de Jorge Retamoza é excelente.

Grazas Paula.

3000

Esta semana de intenso traballo, na que puxemos cabo a docencia no Máster de Edición,  non dispuxen até agora de acougo para publicar esta anotación, que fai as 3.000 destas brétemas. Cando hai máis de catro anos publicabamos a número 1000, e dous anos despois a 2000, tamén aproveitabamos para reflexionar sobre o fenómeno blog, e máis especificamente sobre o fenómeno dos blogs en galego, aos que vimos achegando a nosa humilde contribución e nos que vimos ensaiando a nosa escrita dixital.

Non hai dúbida que ao longo destas tres mil anotacións, realizadas ao longo de máis de seis anos, as utilidades e o papel dos blogs mudaron moi profundamente. A irrupción das redes sociais modificou o papel dos blogs, que na maior parte dos casos foron abandonados como espazos de debate polas facilidades achegadas polas redes sociais. No entanto, como usuario de Twitter e FB, a miña experiencia é que os blogs continúan sendo esenciais para conformar a identidade dixital na rede das persoas, empresas ou entidades. Hoxe, os blogs son os espazos de lectura máis acougada e reflexiva dos que dispoñemos nesta vertixe da lectura multitarefa cotián. Máis alá da súa esencial utilidade didáctica, como sinala Juan Varela, os blogs quedarán para a xente que quere producir certos contidos, para aqueloutras que prefiran manter o seu arquivo de presenza na rede ou como parte desa edición expandida que estamos comezando a desenvolver.

Porén, estas mudanzas non modifican a razón de ser dos blogs, os que concibimos como identidades individuais de dominio público. No noso caso, a pesar de que reducimos o ritmo habitual de publicación, continuamos modulando a nosa voz nos proxectos de seguir a mudanza do paradigma da comunicación cultural, de acompañar o proceso de edición en galego, de intervir no debate político cidadán ou de compartir os éxitos e fracasos do noso Celta do corazón.

Entrevista en «Qué leer»

O sempre xeneroso Ramon Nicolás fíxome unha entrevista para a revista Qué leer da que é correspondente en Galicia.  Falamos da Asociación Galega de Editores, das perspectivas do sector no entorno da crise actual, dos proxectos futuros de Xerais, de Lois Pereiro e do traballo nestas brétemas. Quedo moi agradecido.